Último canto

Brais González

n4braisgonzalezultimocanto.html

... a Darío Xohán Cabana e a Cesar Vallejo




Melancolía, son cinguidas as empuñaduras
da espada capitalista
por limpar o seu gume labrado de sangue
no noso peito baleiro de vida, e insignias.

O morrer, mariñeiros de Cangas e Vigo,
peneirando o sangue dos labirintos aos que
non demos saída, é de mártires,
o antepenúltimo antano futuro da bandeira aos pobres.

Cans de xeo,
ambos vomitamos co mesmo tempo inmóbil
as mesmas zagas pra grises poetas
republicanos.

Melancolía, o puño desfeito en
oitocentas balas afrouxa os derruídos penedos
pra debruzarse en amarrar todo o cauce
dos heroicais ríos.

En ningures, o vento nos dirá
co seu idioma de follas novas
onde agardan os nosos mortos
asediados de petróleo.

Roxas rosas,
tálanse os vosos corpos miúdos
ao igual que nos rifles espirais as nosas palabras;
vosos pétalos acabados en disparos!

Melancolía, a batalla, o río,
todo se acaba ao ancho dos cómaros
para formaren na lama
os finais adeuses.

A pluma, a nosa outra arme
case tan mortal coma aquil silenzo
que fluiu das máis
túas últimas palabras.

Tuareg, baixo o dioivo dos cantos
aniquilados á cega noiturnidade,
ás oito, deserto,
petrificado derradeiro fronte de resistencia.

Melancolía á morte dos cans de xeo,
melancolía no ningures das roxas rosas,
melancolía de batallas, ríos, plumas, armes, tuaregs,
todo a se antepoñer na lembranza.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega