A cita

BARathrum

n2barathrumacita.html

Quixera algunhas veces
parecerme a esa rapaza
a quen cada tarde espío
no café de costume,
esa alegre adolescente
que solitaria espera
nunha mesa afastada
a chegada do amigo.
Eu envidio a súa ilusión,
a inquedanza evidenciada
no nervioso xesto
de xoguetear coa copa.
Cada pouco tempo
mira o seu reloxo
e se inclina cara á fiestra
por ver se o mozo chega.
Eu sei que está pensando
en contarlle mil historias,
proporlle amenos planes,
declararlle o amor que sinte.

Coa mirada extraviada
na parede máis contigua,
ela soña con paseos
pola beira de algún río;
imaxina os seus abrazos
enmarcados no solpor,
as caricias, mesmo os bicos,
cun sorriso refulxente.
Eu prefiro recordala
deste xeito e marchar
xusto antes de que advirta
que o rapaz....nunca chegará.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega