Albor

Alberto Fernández Mariño

n2albertofdezmarinhoalbor.html



10 DE XANEIRO

Xurdo dende a miña verba asolagada,
entre alcohol e malos versos,
verba xorda,
espello dunha ánima,
moribunda,
(a miña)
Que,
cando con outra ánima,
(a túa)
renacen dentre un fugaz bico,
pasa a vida.

Bico nado do mesmo abismo da humildade
e da desidia.
Do tempo,
da noite escura,
do berce,
da terra.
Terra onde se atoparán,
os nosos beizos,
nos nosos peitos,
as caricias do lume,
da luz.

Luz dun Sol,
decadente,
agardando o ocaso
do seu día...










DESCULPA SE MOLESTO

Caen as estrelas,
pingas douradas de luz,
na miña escura cama
e onde caen
                                 [os soños foxen...

Foxen,
foxen rápidos cos meus medos
cando estou xunto a ti.
                                 [E navegan....

Navegan entre os teus ondulados cabelos.
Cabelos que semellan regueiro de rebuldeiros vagalumes
nunha máxica noite de San Xoán.
Onde,
entre as lumieiras,
os trasgos e bruxas danzan en macabros bailes,
para convocar o Señor das Tebras.

                                 [E aí,

nese incesante baile de oscuridade e morte,
onde vexo a miña deformada face
dentro do fulgor dos teus ollos,
sinto esvaecerse as derradeiras faíscas do amor que nos queda.










SUSPIROS

Non escoitas dende esa alta lúa de maio,
o meu choro,
silencioso,
en cada gota de auga,
en cada bico do vento,
da noite,
en cada verba dos meus secos beizos,
                                                       [agardando...

agardando,
coma un neno,
o albor da mañá ?

Mañá leda e fresca da primavera que me envolve,
esa primavera que chega esmorecida
hoxe,
                                                       [na noite...

Nesta noite que me afoga nos teus brazos,
na túa húmida lingua que percorre cada poro do meu cerebro,
cerebro onde abrollarán os teus recordos
en cada un...

                            ...dos teus delicados e apagados suspiros...

                                                                           [suspiros entre a brétema da noite]










ESTA NOITE

Escoita cando falo,
dende as miñas musitadas verbas.

Cando digo que es miña,
e cando penso
e cando sinto o meu estandarte ergueito ruxir.

¡Esta noite!

Esta noite,
entre as túas pernas,
sentirás o furor do meu exército.
Avanzando,
no teu corpo,
destrozando,
as defensas do teu humilde e triste corazón,
dez xinetes,
empapados en suor pola batalla,
percorrerán sen descanso a túa cálida pel,
tentando,
a duras penas,
chegar a esas ansiadas montañas.

¡Sen piedade!

Esta noite,
sen piedade,
eliminarei cada un dos teus soños,
cada unha das túas miradas,
cada un dos teus medos.

Esta noite,
na batalla,
pereceremos os dous:
ti,
eu.

Esta noite,
na batalla,
baixo as miradas das estrelas,
o ceo tinguirase de sangue
e,
os nosos berros,
fundiranse nunca única e derradeira loita.

Esta noite,
a virxinidade e a pureza perecerán...














SOÑOS

Non comprendo a inquietude
provocada polo percorrer lento deste heráclito río,
que é o tempo.

Entre o meu corazón feito po
que o vento ergue ata os meus ollos
e,
na cegueira da que son preso,
véxote.

Véxote, como difusa, a través do vaso
que en cristais se desfai entre as miñas mans,
como o teu corpo cada noite
nos brazos dalgún malparido poeta,
vate de soños inacabados
que no camiño se perden esquecidos
nalgún charco das túas bágoas,
onde me admiro e me revolco,
como un can que laia nas noites,
entre os escuros bosques fantasmais,
onde pequenos regueiros
de augas puras e inmaculadas,
percorren incesantes as birtas,
ata o interior dunha rocha
inmensa,
inmutable.



E de alí vexo xurdir divisións espectrais de esqueletes
e adiviño,
entre o feble halo da pálida lúa de decembro,
escrito nos seus escudos de lume:
a palabra Recordo. Resón lonxano de tempos pasados
a palabra Ilusión. Habitación esquecida no fondo da memoria.
a palabra Soño. Camiño que se perde na inmensidade da realidade.
a palabra Destino. Porto final cara onde navega esta pequena dorna a piques de afundir.

                                                    a palabra Morte...

                                                                             silencio dentro desta gran eternidade.










SeR á ?

Non sei por que minto en cada verso,
por que digo que te quero,
por que digo que te boto en falta.

Será este pequeno bahur,
cheo de amontoados recordos cubertos de po,
que non distingue o pasado do presente ?

O presente: "amo",
do pretérito perfecto: "amei" ?

                                   [ Será ?

Será que o que foron eidos de amor,
agora son áridos paraxes de crueis intencións ?

                                   [ Será ?

Será que a que onte foi unha egua salvaxe,
sexa hoxe unha puta domesticada ?

                                   [ Será ?

Será o vento que ouvea polos sumidoiros do meu corazón
o que emana, coas súas fétidas cordas vocais, historias do pasado ?










Que máis dá a noite escura que ilumina



Que máis dá a noite escura que ilumina,
se cando chego ao fondo do vaso,
rocío cada verso

                                        [ca luz dos teus fulminantes ollos.]



Tampouco importa tanto a solitaria lúa,
Xitana de pálida pel,
que cada noite observa

                                        [os nosos mortais xogos de miradas.]

Si.
Tal vez
importa o compás dos nosos rebuldeiros corazóns
co seu monótono tic-tac recoñecible
que a duras penas percibe

                                        [o pasar do tempo que nos queda.]

E morreán todas as noites,
en cada suspiro da miña ialma,
que pensa nos teus beizos,


                                        [ nos beizos doutro.]

Mentras,
nesta fatídica noite,
racharei os cristais do teu balcón
e tinguirei a lúa ca respiración dos días,
co pasar lento do tempo
de calquera esquecido bar.

Prima,
volta xunto a mín.
E no albor desta mañá que ilumina a cidade,
gritarei ao vento,
desgarrándome en cada verso,
afogando ca sangue que tingue a miña gorxa,
a pel que mañá outro tocará por min.










IN MEMORIAM

Desta esencia ca que fun creado,
a penas quedan partes do meu corpo,
libres de feridas,
de batallas areladas,
entre corpos de difuntas creenzas,
anquilosadas baixo capas de mentiras.


Mentiras que abrollarán nos eidos da esperanza,
e de onde xurdan as súas fermosas flores,
xurdirán os pilares da vida,
da tua vida,
esa vida da que o final,
a penas quedarán pequenas faíscas do recordo no teu epitafio,
na tua conciencia.










Pinga da Memoria


Afumei o corazón en cada calada,
soñando contigo no fondo do bar,
pensándote en cada verso da miña libreta,
onde sucias palabras emergen,
cando penso no que deixei escapar.




                                                                 ... E agora lamento, non ter falado a tempo...










Albor

Comer a noite cos ollos,
nas túas meniñas,
o palpitante alento da miña vida.


                                                        Sen sabelo,


                                                                        prendado durmo,


                                                                                             no fondo dos meus días.




Como Sol que espera o albor

dos meus soños.











POST DATA

Non escribirei grandes versos,
que impresionen a un rebaño de fieis analfabetos.

Tampouco exaltarei loitas confusas,
cheas de sangue e morte.

Non quero que me agasallen con mentiras,
críticos movidos polo diñeiro.

                                       ( A miña poesía non se vende )

Tan so quero plasmar o meu ánima,
En versos de puro amor propio.
Morrer en cada coma, en cada punto.


Que a miña voz se escoite
Neste gran abismo da eternidade.











Xestas Pardas

Esta noite te escoitei.
Si.
Escoiteite máis aló do bruar do vento,
onde a mar estala contra as espidas rochas.
Rochas?
Ou debo chamalo amores?
Si.
Amores.
Amores eivados polo alcohol,
lenes de caricias de noites esquecidas no caixón da memoria.
Esa mesma memoria que cosín a puntadas no albor chumbizo,
quente pola calor dun sol que apenas resplandece
e moldea a cor dos eidos.
Eidos que amosarán os froitos dos nosos corpos enrevesados,
xestas pardas como o día que nos chama.

A puntadas,
cos dentes,
cosín a noite que escura estaba
e entre estrelas, colguei os teus cabelos.
E entre zanefas, os meus soños inalcanzados.










NON ME PIDAS!!!

Non me pidas que te mire,
se cada vez que o fago,
                                             [penso en bicarte]

Non me pidas que te escoite,
se cada vez que o fago,
                                             [soño contigo]

Non me pidas que te abrace,
se cada vez que o fago,
                                             [morro tranquilo]

Non me pidas que te escriba,
se cada vez que o fago,
                                             [saeme isto ]










BILLETE DE AMOR PURO

Non apuro a razón,
se no seu camiñar,
tropeza cos fíos da vida.

Pois apenas comeza o tren da nosa existencia,
a marcha cara os confins da noite escura,
cando doume conta da falta do billete.

E non por falta de querer,
máis ben por falta de saber,
que a vida é a que me crea,
e a creación é a que me mata.










ÁNXELES CAÍDOS
(En memoria das víctimas no atentado de Madrid do 11 de Marzo de 2004)



Escoitade o canto profundo das entrañas da terra,
alí onde espirais de sangue e morte mesturan apagadas cores,
de verde e lúa metalizada transparente,
entre charcos de vidas roubadas.

Puñaladas o ceo son os milleiros de ollos,
que esta noite afogan un firmamento baleiro de estrelas,
de soños, de suspiros apagados,
que mañá chorarán polos inocentes ánxeles caídos.

Pero hoxe,
xa encerramos a dor baixo os barrotes do corazón,
e gritamos,
como o fixemos no ano 36:


NON PASARÁN!!!

ESPAÑA SERÁ O CADALEITO DO TERRORISMO



logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega