Amelia de luz

Simón Daire

n3simondaireameliadeluz.html
Transito no seo dun río circular
onde desembocan as túas olladas,
entre vagas de latexos e escuma.
Aquí aprendo a respirar o lento destino.
Marcan as miñas branquias o frenético ritmo
dunha paixón incerta que me leva cara a ti,
rostro reflectido en cada pinga de esta paisaxe
noutro tempo habitado por fendas e silencio.
Unha pedra que atrae as concéntricas ondas de luz
amosa na distancia o estrépito do teu sorriso,
un intre preciso no que a verba estoura
e as miñas escamas son conscientes da súa miseria.
Desexo recuperar a memoria do vento
e aspirar baixo as nubes ese po grixento,
saloucando entre os brazos que o limiar desprega,
a modo de almofadas encol da terra.
A pel do mar vólvese xa esgrevia, murcha,
mais a túa fronte escintila un fulgor de apoteose
que prolonga o meu afán deica a estrela
onde habitarei, pois desborda luminiscencia.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega