A miña nai

Emma Lago

n3emmalagoamiñanai.html
Eu tiña unha doce nai,
do seu tenro ventre nacín eu,
no seu regazo refuxiabame do frío
e na súa mirada buscaba a calor.

Os teus brazos amados rodeábanme
e o mundo se apagaba, eramos ti e máis eu,
o teu sorriso iluminaba o meu pequeno corazón
e os teus bicos, as túas caricias enchíanme de ilusión.

O arrecendo do seu cabelo na almofada,
a súa aperta na procura de consolo,
tantas madrugadas xuntas roubadas
dos días da infancia tan lonxana.

Pasou o tempo, os anos voaron
a miña nenez esvaeceuse, a nena fíxose muller
e a nai avoa, e en branco tornou o antes negro
e a carga da vida pouco a pouco a enfermou.

Leváronse os seus recordos,
enfermaron a súa razón,
pouco a pouco a perdía, perdíase e me perdía eu,
pouco a pouco como unha rosa, murchou.

Como unha rosa, caíron os seus pétalos,
o seu sorriso, a súa voz, non eran máis que un recordo.
Loitei, chorei, berrei contra o vento
¡Por qué ela! ¿Por qué eu non?.

Pero foi inútil, pouco a pouco
a candea da súa vida extinguiuse
e unha triste noite, unha fría noite de agosto,
o meu anxo bo me deixou.

Que soa estou dende entón,
como boto en falta o teu amor,
que baleiro deixaches en min,
que tristeza, que frío e que dor.

Xa no mundo non hai ningúen
a quen naiciña chamar poda eu,
e o doroso recordo da súa ausencia
enfermou de morte o meu corazón.

Ti que tanto me quixeches,
ti que tanto me deches,
agora que te foches, dime,
quen son eu agora, agora quen son eu sen ti.

Unha orfa sen sombra, unha pantasma,
unha tola, a lembranza do que fun,
un anxo caído, sen alas, esquecido
un corazón roto, perdido.

Querida miña naiciña,
perdoa a túa filla que tanto quixeches,
polas palabras que enmudeceron nos meus beizos
e as que deles brotaron e te fixeron dano.

Agora, descansas, durmes docemente ó carón da túa nai,
xa ninguén provocará as túas bágoas, ninguén te ferirá
non haberá máis dor, só calma, silencio e sosego terás,
durme miña doce, miña amada, durme e descansa en paz.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega