Aqueloutra vertixe imaxinaria

Pilar Suárez

n2pilarsuarezagueloutravertixeimaxinaria.html

"Aqueloutra vertixe imaxinaria
A fiestra
Rompe a fiestra do corazón en violencias tan frustradas"


-Gracias, David.-


     O pulo da creación precisa de tan desasistidas insistencias da derrota no corpo cotián; hai un momento aínda estabas orfebrándote en nebulosas semilúcidas, de pequeno universo entreverado.
    
     Desisto. Cómo restrego a vida nunha pila de desconcerto, engraxando manchas, e auga que corre enfiada; as marcas fixaranse para sempre. Que frías as desconsoladamente amoratadas mans, esta derrota.
    
     Había un caderno para unha Els Bri fantástica que che botaba as contas espaciando a decadencia lustrosa de vermellos pasados. O baleiro desas notas arrequentou para sempre. Esta derrota. Perdino alombando un autobús que me levou para sempre. Son para sempre os segundos inapreciados, e máis esta fiestra de dor. E máis esta tarde de dor estupefacta.
    
     Aquela lucidez, qué verde con desnutrida violencia insospeitada che espeto que alcanzarías en min se entraras.
    
     Aquela lucidez, rotundamente me resisto á neglixencia mínima de que non me desborden o corazón no momento necesario. Por iso a distancia ficará para sempre, coma os segundos desaloxados da carne.
    
     Repetidamente dispoño na carne o corazón e esixo, a quilómetros de disidencia, esixo... ; como Escarlata renego e aínda reclamo unha prórroga do corazón.
    
     Arremeter contra a virxindade histérica do papel, superala é desconcerta-lo tempo e conquistar, inexorabelmente, o dereito a non perder o teu instante, un instante de Faro e luz; aqueloutro instante; aqueloutro instante de inminencia rota. De inminencias rotas.
    
     Oh, deus qué era... Que procuraba esta tarde dual intervalos acunados de caixa de música.
    
     De calquera xeito, agora: cánta dinamita encerro para inxectar amor, e hai cousas castradas como inminencias rotas.
    
     A burbulla intensa do que con certeza sospeitas que virá. Deixo a fe tirada contra as paredes, e quedan estes coiros hiperenchoupados cos que só sei andar por casa. Que eu nunca puiden ser Els Bri. Desastre de inxeridas metrallas.
    
     Que eu nunca souben ser Els Bri. Gardar miserias de abrigo que castran.
    
     Pero esta noite comparto e reparto un pranto luxosamente deseñado para unha ladaíña TOTAL. Quedades por testemuñas de que nunca máis volverei ficar calada.
    
     Imaxina qué brancas devorarán as miñas mans os teus aloumiños primeiros tralo derrubamento en Berlín.
    
     Semellaba que deixarías a neveira destripada e aberta de fastío interminábel.
    
     Cántas caixas de música teño que mercar.
    
     Veña nós de fibras álxidas atoando a soberanía de prender palabras como zapatos vellos a palabras como traxes de festa. Dislocar o mundo nunha ladaíña TOTAL.
    
     Imaxina a serea catártica que quere emerxer da fe remendada.
    
     Titánicas empresas que confirman a carencia de estar viva. Que conforman a crenza de estar viva. Como a tarde dual.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega