A verdade de Gabriel

Natalia

n3nataliaaverdadedegabriel.html
     Unha mañá ben cediño Gabriel saíu da casa como acostumaba facer todos os días mais esta vez ía decidido a contarlle toda a verdade á súa compañeira de escritorio. Levaba así moito tempo mais nunca atopara o momento adecuado para confesarlle o que os seus ollos viran aquela fría noite de novembro nun escenario que mais ben parecía o fondo dunha película.
     Gabriel ía paseando co seu canciño polo fondeadoiro cando de súpeto albiscou entre a escuridade unha parella que compartía algo máis que palabras sobre un banco. Gabriel intentou pasar desapercibido mais foille imposíbel, o can non as tiña todas consigo e comezou a ladrar como se alguén lle sacase todo o seu xenio fóra. O home levantouse como un raio do banco e achegouse até onde estaba Gabriel para asegurarse de quen era a persoa que andaba a esas horas da noite camiñando por esa zona do porto. Non era consciente do que os seus ollos estaban a ver e con cara de moi poucos amigos dirixiuse a Gabriel nun ton que soaba a ameaza.
     - O que aquí aconteceu esta noite ninguén máis que ti e eu o debe saber, de acordo?
     - Ti saberás o que fas..., foron as palabras de Gabriel ao mesmo tempo que iniciaba o camiño cara ao seu destino.
     Gabriel era consciente de que o que estaba facendo non beneficiaba a ninguén e menos a Carlota. Calando o que só el e aquel home sabían o único que facía era aumentar a dor que podería sentir Carlota cando escoitase da boca do seu amigo e compañeiro de traballo aquela historia que tanto tempo levaba metida na súa cabeza e non era quen de contarlla. Intentárao por varias veces, mais a ilusión e a felicidade que transmitía o rostro de Carlota acababan por rachar a súa intención de abrirlle os ollos e que de unha vez por todas se decatase da clase de home que tiña ao seu carón e por quen un día deixara a súa casa e a súa familia para compartilo todo con el, no que segundo ela denominaba ?o seu niño de amor?. Ela tiña posto nesa relación toda a súa ilusión e Gabriel sabía que sufriría en canto coñecese a verdade, mais canto máis tempo pasase sería peor.
     Ese día non o pensou dúas veces, en canto chegou á oficina o primeiro que fixo, case sen lle dar tempo a ela a darlle os bos días, foi apartala para un rinconciño e contarlle de unha vez por todas aquelo que levaba tanto tempo calando e que xa lle debería ter contado moito antes. Ese home polo que ela sentía unha grande paixón e polo que deixara todo na súa vida non merecía que unha muller como Carlota, chea de ilusión e de felicidade, fixera todo o que tiña feito por el. Desde ese mesmo día Gabriel e Carlota compartiron algo máis que escritorio. Tras longas horas de conversas e intercambios de opinións esa bonita amizade que mantiñan desde había uns cantos anos converteuse nunha bonita historia de amor na que o máis importante de todo era que Carlota conseguira recuperar a súa ilusión e a súa felicidade gracias á compañía de Gabriel.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega