A vinganza de Helena

Helena

En tanto a lenta escuridade sobrevoaba o leito de pétalos e ondas

     En tanto a lenta escuridade sobrevoaba o leito de pétalos e ondas, Helena conversaba coa propia desolación no cuarto ateigado de penumbras e burlóns espectros.Sentía abrirse a porta despaciosamente e, pouco despois, unha man esgrevia descobríalle a pel sen mácula, apartando os lenzois que protexían o seu corpo engruñado. Os dedos de rudo tacto percorrían cada un dos poros que Helena protexera durante os anos de triste adolescencia. Unha voz rouca murmuráballe ao ouvido: «quérote» e ela estremecíase nun longo arrepío , cos ollos pechados por non ver a aldraxe da que estaba sendo obxecto. Aquel home debruzábase sobre ela en toda a súa longura embadurnándoa de apestoso suor. Exhalaba un fétido alento cando amoumaba incertos sons, en tanto cos beizos lle aloumiñaba a epiderme. Alí deixaba, entre laídos, unha cicatriz de saliva que Helena sentía ferver no máis fondo da súa firme anatomía. El exploraba os recunchos máis íntimos do pasivo organismo mentres repetía gravemente «quérote». Ela pensaba «dásme noxo». El apartaba as coxas con torpeza buscando un cheiro que lle indicase o camiño. Ela tentaba retirar a vista daqueles ávidos ollos anegados de furia e de sangue, ollos negros, vivos, diminutos, de rata de sumidoiro. El desexaba os terrenos macios da súa carne e coa lingua espesa bebía a púdica frescura que Helena zumegaba.
     Sentíase unha muller fráxil, vulnerable, á que só lle restaba agardar que a profanación se consumise. Sabía que debía gardar silencio mentres era mancillada.Quedáballe a ineficaz réplica do pensamento rexeitando tal deshonra.«Dásme noxo, ódiote con toda a alma», pensaba Helena, mentres el lle prendía os quebradizos pulsos e os arrastraba cara ás beiras dos lenzois. Alleo á repulsa que suscitaba, o home, nun movemento brusco, comezaba a entrar nela depositando a moleza do piloso bandullo sobre o terso ventre de inerte candidez. Un vacilante pene, mol aínda, inhábil, introducía a súa flacidez no fondo da vaxina. Era un sexo atrofiado polo alcol, semiimpotente, esmirrado, buscando o egocéntrico pracer en laídos e espasmos sen cadencia.
Concentraba toda a forza no desvanecido verme que se arrastraba polo árido, ermo deserto de Helena. Ela permanecía inmóbil mentres a náusea se lle concentraba na gorxa creando un vómito profundo que a mortificaba. Tiña que engolir o noxo todo e seguir aturando os embates do monstro que ía e viña unha e outra vez, eternamente ía e viña, cos laídos retumbándolle no cerne do cerebro, ía e viña, e o renxer do catre cravándoselle nas tempas, unha e outra vez, unha e outra vez. Ata que á fin, o home, exhausto, rescataba o membro da reseca vaxina e, nun berro de fruición sen lindes, salferíalle o pube con dúas pingas de acuoso esperma que inundaban de oprobio a súa honra de muller. Helena sentía aquelas dúas gotas preto do embigo coma estigmas que lle abrasaban a pel, coma marcas da victoria do monstro que, axeonllado sobre ela, sorría satisfeito polo trunfo.
      Cedo chegaba o repouso do guerreiro e Helena sentía entón os ronquidos da besta coa que compartía leito . Xa non restaban bágoas no seu interior para aflixirse,pois a náusea estoupáralle dentro do peito facendo xermolar unha violenta furia que tanto tempo gardara latente. E esa ira que lle arrebataba a vontade dirixíaa agora Helena cara ao durminte inimigo. Collendo a súa parte da almofada dobrábaa encol da faciana del, apertando con toda a forza reprimida. Defendíase do patalexar co que tentaba zafarse do aplastamento, dos brazos que procuraban quitarse de enriba a enorme presión sobre o nariz e a boca. Mais, en van eran os desesperados propósitos por liberarse, pois, de vagar, o home ía desfalecendo ata quedar inanimado coma un boneco de peluche. Xurdía entón a bágoa enorme esvarando pola meixela de Helena, que, nun postremo arrepentimento, aloumiñaba a violácea e álxida face do seu pai, mentres murmuraba as mesmas verbas que el lle susurraba cada noite, «quérote».


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega