Barcos De Tempo

Toni García Arias

n3tonigarciabarcosdetempo.html
Pasan os días coma barcos de tempo. Deixan no seu devalar lento
o ronsel mortal de horas que se alongan.
O que habita baixo a pel do mar
cabe nun home:
tesouros,
naufraxios.
No meu interior de redes gardo restos
desas pequenas cousas.
Ás veces, ó contacto co vento,
a memoria azul
convértese en escuma,
e acoden á illa que eu son
vellas feridas que o mar
non soubo afogar na marea.
Travesas de auga: o mar. Sempre distancia.
Vanse os días coma barcos de tempo,
levan nas súas bodegas - mira o seu devalar lento-
os nosos corpos.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega