Escribo en galego

Graciela Buendía

n4gracielabuendiaescriboengalego.html
Para Concha, a única princesa ante a que me sinto súbdita, a dona do sorriso máis tenro que coñezo, esbozado sempre en galego e invitado asiduo ó noso reino cómplice que foron estes dous últimos anos inolvidables. Para ti, sempre.


                                                                      A túa discípula.


                                                   Preto dos homes bos que sofren longo
                                                   unha historia contada noutra lingua...
                                                   Celso Emilio Ferreiro.





Escribo en galego cando a miña poesía está mollada
cando xorde do espírito,
escribo en galego cando as miñas verbas
chegan dende o único recanto de cordura que hai dentro da alma.


Escribo en galego para que a miña gorxa de xeo
fique cálida para sempre.
Escribo en galego para poder camiñar coa cabeza alta,
para que a miña poesía sexa miña,
para que nós, sexamos sempre nós.


Escribo en galego porque mo piden as flores,
porque me comprometín con tódolos crepúsculos e con tódalas auroras.
Escribo en galego porque outros escribiron antes,
porque outros o farán despois
escribo en galego porque é o único que teño,
porque non preciso que ninguén me empreste a fala.


Escribo en galego todo aquelo que se di moi baixiño,
escribo en galego palabras berradas, ameazadoras,
escribo en galego números e cifras,
en galego poesía,
en galego a lista da compra.


E cando as nubes invasoras rodean o meu corpo,
escribo en galego.
Cando as olladas perforan a miña fala,
escribo en galego,
falo en galego,
berro en galego,
e fago da miña voz unha arma,
son as palabras,
e a cultura,
e a tradición,
e a historia
as balas do revolver.


Escribo en galego para o mundo,
en galego para o ceo.
Escribo en galego como quero,
cando quero e a quen quero,
escribo en galego para soñar, para pensar
para que as palabras brillen,
e para que a miña voz poida vivir dentro de min.


Escribo en galego porque Galicia é cultura,
porque Galicia é tradición,
porque Galicia é historia,
porque Galicia é lingua.
Escribo en galego porque Galicia son eu,
porque quero ser Galicia,
aínda que Galicia, ás veces,
non escriba en galego.


E para que a miña poesía sexa miña,
sempre...
E para que nós, sexamos sempre nós,
outra vez...
escribo en galego.


                                                Graciela Buendía


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega