Memorias dun ionqui

Aultre Narai

n3aultrenaraimemorias.html
O reloxo de area que me trouxeron os Reis Magos
o muíño de bágoas salgadas
o cempés que trepaba polas mans do David

corazón, para que te quero se non me volves invisible cando quero?

outono nos ollos
o arco e a frecha cos que me cazaron
o lapis co que pedín perdón
o cume que ninguén pode alcanzar
o horizonte de antonte abrazado ó meu iris
o cabalo de circuítos informáticos co que atravesamos a chuvia de estrelas
a máquina do tempo que me trouxo a Sócrates
os brazos que me salvaron do furacán
os beizos de non sei quen que non me bicaron
a miña ilusión que xogou á lotería
(tocoulle)
a carreira que nunca comecei e acabei
o Juan Ramón que me escribe poemas
as dúas caras que todos descoñecen
guerras e atentados que son iguais
nove de noventa e tres
noventa e nove
dezanove
a porta que non fai falta que pechedes
o silencio das cousas que xa non hai que explicar
o mundo visto cos ollos de Deus
milagres que ninguén cre
a síndrome de abstinencia
pés espidos correndo polas catedrais
os navegantes que xa foron náufragos
norte e oeste que son un
(noroeste)
ceos azuis de tódalas cores
pianistas das palabras mortos en tempos de guerra

que é a Beleza?

o día que te encontres a ti mesma
será o máis feliz ou o máis triste
na parede dos aseos dun bar de mala morte
himnos urbanos tocados pola plebe das cidades
ouveos de lobos de mar
puños de astronautas que perderon amigos
alguén que se cola nos meus soños
noites de insomnio sen parar de soñar

qué sentes cando te namoras? pregunteilles

brillábanlles os ollos
e as ganas
as ganas de vivir en cada latexo
como a sede que non deixa camiñar polo deserto
perdida no Paraíso
atopada no Corazón

VIDA!!

nestes tempos que corren


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega