O Prestixio

Benito Seoane Ulloa

n4benitoseoaneulloaoprestixio.html
     Onde o percebe. A onde ía a coller uns quilos para facer os cartos que hai anos tivo que ir a facer a Suíza. Dende alí, dende a Virxe da Barca, ollaba o mar bravío, ese mar que peta con forza contra a Costa da Morte. O mar frío e envernizo que tanta vida, e tanta morte trouxo para o seu pobo. Hoxe, a Lucas, petáballe o vento na cara, vento forte de mar que outras veces traía barcos con peixe ata o peirao, e deixaba que os percebeiros apañasen quilos do mellor dos materiais na beira do mar, para que despois os preparasen en Casa Maruja para os turistas. Naquel día, o vento trouxo unha manta de negro petróleo, que flotando no mar de Muxía traía morte e tinguía de negro praias e rochas, e tamén petroleaba os duros corazóns dos homes do mar, eses tan acostumados ós puñetazos crueis da vida. Tamén o corazón de Lucas choraba, silandeiramente vertía bágoas preto do mar de Muxía, que coma as do Mariscal callaban no bico das carrasqueiras. Quizais si Lucas chorase cos ollos, non lle saísen máis que cristais de sal mariña, porque el era parte daquel mar, e estaba feito do mesmo material. Mar que hoxe non recoñecía porque un barco maldito, cun maldito ventre ferido verteu quilómetros de veleno nun agonizante paseo macabro, o camiño dun monstro xigante co que morre un mar, unha terra, e unha forma de vida. Lucas buscará a maleta de cando volveu de Suíza, enriba do armario, e volverá a cruzar os Pirineos, dentro duns anos contará máis historias dos Cantóns suízos, coa súa gracia pero con fonda tristura. Só volverá cando aquí se peche esta ferida nos corazóns dos galegos, que será cando se peche tamén a ferida do noso mar. Parece que se repiten as historias, unha parecida a esta escribina hai dez anos na Coruña, preto daquel outro monstro: O Mar Exeo. Nunca máis, Deus o queira, e os homes tamén.



logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega