Os Nosos Portos

Toni García Arias

n3tonigarciaosnososportos.html
Cada un de nós
leva dentro un barco
que soña travesías e praias,
e un porto cercano
onde pasa-la noite.
Hai latitudes que recollen a nosa infancia
e curan a nosa pel de salitre
con devoción de nai,
hai outras latitudes que agardan a nosa visita
con pel descoñecida.
Hai travesías que nos levan ó futuro
que se amosa infindo ante os nosos ollos
e hai outras que, sen pedir permiso, nos retornan.
Hai portos que nos amosan a cidade que fomos
e nos reciben con verbas que dimos por perdidas
e un sorriso,
e hai portos que nos agardan cheos de balbordos,
con rúas vellas e barullo de festa,
e unha habitación fría e senlleira
que acollerá sen preguntas
o noso cansar.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega