O soño do emigrante

Andrés Cachamuíña

n3andrescachamuiñaosoñodoemigrante.html

Agora que a agonía do solpor
faise inminente, e o sangue desta terra
repousa no derradeiro fío de luz,
poderei reconstruír outra paisaxe
encol do albo fondo de pel erma,
voltar cara ao abeiro desa tribo
que un día tristemente abandonei.


Procurarei todo o contorno da sombra 
móbil que proxecta na lembranza
a forma inalterable da matria nosa,
esquecida ás veces nalgún resquicio
atemporal, vencida pola nostalxia
que, acobillada baixo o cómaro grisento,
esculca algún indicio de febleza
tras do rostro fendido polas bágoas. 


Unha fervenza esgrevia de sentimentos
arrastra á invocación da chuvia pétrea, 
o húmido recendo nos carreiros volta agora,
asolagando a percepción incerta
cunha lentura que se expande
deica á raíz profunda dos sentidos.


Alén de esta extensión árida e sombría,
no crepúsculo, confórmase un sonido,
a voz da nai, o chío dunha gaita
achégase inminente nun fulgor
tantas veces degorado, hoxe imprevisto.
Tráennos un anaco daquela terra,
un beixo do seu ar, un aloumiño. 


Que fermosa era a aldea que deixei,
levando só comigo, encol do ombreiro,
un fardelo de arume e esperanzas.
Doente e amoucado, depositei pegadas
cinguidas por ristras de silencios
que só no último adeus foron salaio,
promesa rabuñenta dun regreso.


Quero apalpar agora o cerne
de cada laño aínda aberto,
libertar a alma de tan cruel desterro,
izar pontes de cinsa prateada
sobre este inhóspito deserto de auga
para cruzar a brétema que boga,
sentir de novo o relente do fogar,
volver por fin á nosa casa, agora
que a agonía do solpor faise inminente.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega