Poemas

Pilar Suárez

n3pilarsuarezpoemas.html

Rabuño a piedade destes días,
a súa enérxica vulnerabilidade, co esmalte cascado.

Ten que haber unha voz desprazando magnitudes
na pescuda dos tímpanos,
                                un cheiro azul afoga os globos oculares








ANORGASMIA


¿Quen, sen querer, se suicidou aquí onde teño a impresión de volver cada vez que pecho os ollos?
(abril de 2000)


NON LEMBRO EN MOITOS ANOS DÍAS ELÉCTRICOS COMA ESTES. Mastigo na epiderme da luz refutando faros que se desmaquillan, e médrame a fame por baixo das unllas.

Qué tardes escuálidas traizoando as horas, furando no osíxeno coma a fame nos dedos. Síntoa nas mans.

Xamais desta maneira alimentei abortos, con case vinte e seis anos. Sufro unha crise que abre teimuda as pernas para o espello asmático. Este estrangulamento de talos de flores. Esta constancia azul.

Que —verifico a latencia de outras cidades lexionarias de perfil en min—, cando a glote acata esta lei de músculos espidos na sima dos transformadores, taladrando obstinados na epiderme da luz, hai certas estacións onde anular un billete perpetuo. FARO. Non me digas ti que dá medo. Eu xogo á ruleta rusa das plantas de follas efémeras, á abordaxe verde das pingas quentes, e xa non angustio as táboas daquel pazo que clausurou todas as linguas. Zume de laranxa que eu non dei bebido.

Xa non hei baixar da nora, e conservo a mazá de caramelo. Descubrín un reloxo ou paxaro alucinado onde unha fibra fríxida esgotaba todas as saídas, todas as portas, e un pórtico respira de plástico, unha cociña de xoguete transpira na procura da fonte da bondade humana; hai un pez soluble espreitando lisérxico nos Condados do Abatemento; hai non este rancor novo e canso. Que eu non tiña aqueles zapatos gastados, QUE EU NON TIÑA...

Era matarse. Era morrer, esnaquizar cun dente frío o riso do odioso peter pan. Ti traías aquel medo en pixama; e eu metía na cama un sexo durmido. Derrubábanse pontes de madeira, Ponte animal. A desfacer a esquina dun beizo pintado, a lolita perversa, a desfacer as coletas, e era matarse. Era morrer acelerando unha fellatio no asento de atrás. EU NON TIÑA aquela fibra, ti traías o cadáver de Els Bri á hora do xantar. E eu puña na grella aquel sexo soñante, e aínda lambías no prato.

Que hai non este rancor novo e canso. A meniña xeada do espello, e leme na noite tan alta. Que en moitos anos non lembro esta constancia azul.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega