Poema en prosa, ou No que son os labios

Dolores Haze

n2doloreshazepoemaenprosa.html

SI, se abríras a noite noite –porque digo noite no día, ou preto de algo de luz, porque digo luz
–; se ademais viñeras esta noite a me desterrar para sempre os ollos desta alma asoballada docemente; se tivese unha maneira de te buscar como encontrada harmonía de labios no que son os labios UNIDAD EN ELLA arredor dos labios en que me supoño toda para durmir esquecida; dígoche que bato nas paredes da existencia como REALIDAD unha aurora de pedra invisíbel e remuíño fondo Cores desde os ollos que son como labios;
     Dígoche
                    Latexo latexo e asubío de indefensa
     pequeniña;
que quixera que todo empezara a estar rematado
     Que sentir sentir
–que vén sendo bater latexando latexando, e ¡abrirse!– como eses berros que ás veces cualificamos de calados.

     Pero non estou, por máis que te busco coa encomenda de deixar unha flor unha flor de Redes Como Labios unha flor de paz tan clara, e quero dicir unha flor lenta e para sempre unha medusa de luz, sempre luz e sempre, meu asubío que quere e quere vir salouco, abrázame porque... Non, abrázame que
comezaba a morrer sen saber que ti me vas dicir palabras –como labios– de sosego, como labios de sossego. Que
acabarei sabéndote limpo.

     Agora rebentar en tiros de tenrura; en fin, era a tenrura, para verme o rostro aloumiñado ainda que fora só unha vez, un tiro un estoupido para lle ver a cara á tenrura.
     E a man fría nas témporas para acadar na bágoa o último estalido, de vida.

     Pero ven, vou esta noite, definitivamente, caer escachando a redención; has de saber que nunca un amor me deu un amor lento. Por eso estiven disposta a terte que esperar hoxe outra vez, e outra, das mans á LUZ das témporas como imaxinamos a neve, como se despraza a neve, como chorar.
Branca desvanecida, e esvarando mesta, e que se desfai, mesta e auga pola pel, mesta e desaparecendo-se... Mais agora comprendín que a procura devece tan en “dirección fixa a alma”, perdéndotenos coma se foras ingrávido, e como esta neve; como esta neve, e fóra,
                                                                                                  moi afora
                                                                                                  navegando en principio
                                                                                                  VÍA LÁCTEA, meu amor.

     Era caer para cravarse a redención Estas espiñas... Abondo. Para rematar. E coidei paz, paz de risos fragrantes e un diamante de memoria, comezar a vivir en vida, soa no tesouro da beleza intaita... Pero se cadra este berce que che estaban a orfebrar estas mans non te garda para sempre; se cadra había de ceder outra vez ao sangue, o sangue arrebatando o corpo en esixencia extrema sobre a razón, ¿a razón?: a dozura atroz sobre a inmensa dozura.

     Todo ocorreu porque unha vez crin que podía recoller a vida, e camiñar arredor da vida; comprender.

     Mentres tanto, moverse deste sangue. Por un bico como chorar nos labios deixei, gabado, o bico mártir, se cadra na túa fronte; ceibándose os posesivos suicidas contra o infinito de asumir unha historia imposíbel, tanto como que á vez, vencidos, fomos cara á noite no día;

se quedara o tempo, castrado, nun sorriso como chorar..., pero empecei a empezar a rendición, redención, espiñas.
     E aquí estou (tan imposíbel como se me fixo imposíbel).
     Saltan
               feridas
de luz,
                                                                            e estou no cerne da deriva
inacabada


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega