Vals en París, tango en Nova York

Claudia Castro

n2claudiacastrovalsenparis.html
Esmagada pola túa omnisciencia
pilotei versos para o último Concorde.
Quixen escribir
a derradeira canción de amor.
Os teus ollos escuros e finitos
fixeron caso omiso do Gran Apagón.

Perdinme, amor,
entre o desexo de ti,
as ganas de min
e un catálogo de espellos.
Perdinme, enredada en morte.
Enredábanse en morte
o tiproxenetaafrodisíaco
o euhieráticoprostituído
o amor centrífugo e polisón.

Supliquei, amor,
que me amaras.
Rezaba
para que me amaras en arameo,
pero que me amaras.
Tiña un diccionario de chaves e imperdibles
pero en Babel falabamos linguas diferentes.
E dende que a xenética fai que os mortos falen,
Deus non quere saber nada.

Quixen, amor,
que me quixeras.
Quixen o teu corpo, aleatorio,
sempre tocando fondo.
Quixen o teu avance, inexorable,
cara á morte,
sempre facéndome chorar.
Quixen crer que, xuntos,
volveriamos ver o mar.

E o mar virou negro.
Deuche de comer,
mordícheslle a man.
Eu virei punto.
Ti, coma.
O FINAL
ninguén o chamou.

Agora padezo
das liñas paralelas.
Da imposibilidade do reencontro.
Quedei
co frío de ti.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega