Vacacións furtivas

Natalia

n4nataliavacacionsfurtivas.html
     
     Esa noite apenas pegara ollo en toda a noite, un río de pensamentos percorría a súa imaxinación de arriba a abaixo, era consciente do que ía facer ao día seguinte mais aínda así estaba tranquila. Levaba moito tempo planeando as súas vacacións e xa era hora de poder desfrutar duns días de praia lonxe de todo aquilo que lle lembraba constantemente a súa familia. Aquilo que a mantiña esperta non era precisamente o que acontecería se por casualidade alguén a descubría en plena acción senón mais ben era como o ía facer e cando, porque ese era o maior inconveniente co que se atopaba. Até ben entrada a mañá non podía acceder á vivenda que escollera días atrás para levar a cabo o seu plan. 
     Os pais de Bruno saían de casa ben cediño cara aos seus respectivos traballos e el aproveitaba as súas últimas horas de sono despois dun día repleto de aventuras e trasnadas cos seus amigos. Esta vez podería durmir un pouquiño mais, aínda se respiraba no aire o ambiente de festa que a aldea vivira no día anterior. De súpeto un ruído estraño fixo que despegase a cabeza da almofada e pegase un brinco, saltando da cama ao chan en menos do que canta un galo. Mirou o reloxo e viu que as agullas marcaban as 10:50 a.m. Aínda faltaban dez minutos para que o espertador soase, entón... ¿qué foi o que o espertou? Deu unha volta pola casa e mirou pola xanela para ver se o ruído viña de fóra. E efectivamente, alí abaixo estaba Adrián no seu patinete agardando a que o seu amigo baixase para percorrer as rúas da aldea a fume de carozo. Non lle deu tempo nen a pensalo e en menos de nada xa andaban os dous á competencia pola rúa a ver quen era o que facía o camiño en menos tempo. 
     Ese foi o momento que aproveitou Merche para entrar na casa e levar con ela todo aquilo que puidese ou que lle dese tempo porque non pasaran nen cinco minutos cando Bruno se decatou de que deixara esquecido o casco no seu cuarto. Aínda que só fose por non escoitar outra vez os sermóns da súa nai dentro da súa cabeza bulíu escaleiras arriba cara ao seu cuarto cando de súpeto viu sombra de unha persoa tras a cortina do baño. 

     — Mamá! Papá! Xa estades na casa?, dixo Bruno con cara de medo e mirando pola rendixa da porta do baño.
     — Merda!, susurrou Merche polo baixiño, este cativo vaime escarallar o plan e as miñas vacacións.

     Non o pensou dúas veces e ante a dúbida Bruno optou por dirixirse escaleiras abaixo e fuxir o máis lonxe posíbel da casa. Sabía que os seus pais nunca chegaban antes da hora a non ser que fose unha causa xustificada ou que tivesen avisado, nen sequera o facían para sorprendelo nas súas falcatruadas. Ese foi o momento tamén que aproveitou Merche para fuxir da casa deixando o corredor todo ciscado coas cousas que tiña metido no saco, mais con tan mala sorte que tiña o can agardando á porta da casa...


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega