¡Moviuse!
- ¡Moviuse! -dixo emocionada- ¿viches Lúa? moviuse.
Lúa mirábaa inqueda mentres o tractor araba a eira. Todos os seus aforros
estragados por aquel monstro que facía demasiado ruído e cheiraba mal. Ela
ladroulle, ensinoulle os dentes e todo; pero o único que conseguiu foi que
a mamá a obrigase a quedar sentada no patín atada cunha corda á man da
pequena.
Lúa quería moito á pequena, xogaba con ela, non se asustaba cando lle
poñía as patas enriba e sempre lle daba cousas ricas de comer; pero tiñan
que entendelo, eran os seus aforros, cada anaco de carne magra, cada onza
de chocolate, e sobre todo os chimos. ¡Co que lle gustaban a ela os chimos!
Agora, vendo o traballo de toda unha vida estragado, pensaba en canto
mellor lle fora comer todos aqueles manxares cando a pequena llos dou ¿por
que tiña aquela teima de gardalos para un momento mellor?
- Non hai momento mellor que o presente -decidiu mentres analizaba con
atención o sacho do tractor- non hai que perder a calma -pensaba ao tempo
que se movía dun lado a outro coa marxe que lle daba o cordel- igual non o
perdín todo, igual só cambiou de sitio.
Deitouse, suspirou:
- Co ben organizado que o tiña -pensou Lúa- a carne tíñaa debaixo do
limoeiro, porque as galiñas non ían por alí desde que ao quiquiriquí lle
caiu un limón en toda a cabeza, hi,hi,hi -ría para si- o chocolate tíñao
ao carón da corte das vacas, porque aínda que a elas ben que lles gusta,
que o sei eu, con eses pes grandes que teñen non o dan pillado, hi,hi,hi
-ría Lúa- e os chimos tíñaos xusto diante da caseta, por se me daba o
antollo de noite.
- Mira Lúa, volviuse mover -dixo mirándoa- ¿que non se moviu? si ha, mira,
si que se moviu.
Lúa non lle encontraba o chiste a aquel espeto alto con tres paus no bico,
pero a pequena estaba tan ilusionada e poñíalle aqueles olliños soñadores
que de cando vía un avión que... miráronse e suspiraron.
|