Móbiles, laretas e colchóns de lá

Raquel Couto

n3raquelcoutoleireecompanhia.html





Personaxes

 

SARA: Muller ancián; leva saia negra, camisa negra con lunares brancos e chaqueta de la negra. Os zapatos son tipo zapatilla e as medias gordas.

FINA: Muller de mediana idade; leva mandilón a cadros, por debaixo leva un serxei de la remangado e un mandil de plástico porriba do mandilón. Calza pantuflas con calcetíns.

MARÍA: Muller nova, vestida á moda, moi elegante e cun bolso moi chic. Moi estirada ela.

ROBERTA: Muller nova, leva vaqueiros, camiseta e serxei, algo macarra.

CARLOS: Home de mediana idade, con traxe e engominado, tipo Mario Conde.

ALICIA: Muller nova, enfermeira de uniforme.

PACO: Home novo, metrosexual.

DORINDA: Muller ancián, vestida de negro, pantuflas e medias gordas. Leva un pano negro na cabeza.

PERSOA DO PÚBLICO CON MANDO A DISTANCIA: Un/ha actor/actriz sentad@ entre o público cun mando a distancia.

TELONEIR@ DA PARTE DEREITA: Un/ha actor/actriz que se encarga de abrir e pecha-la cortina do lado dereito e levar a parte da dereita dos carteis.

TELONEIR@ DA PARTE ESQUERDA: Un/ha actor/actriz que se encarga de abrir e pecha-la cortina do lado esquerdo e levar a da esquerda dos carteis.

 





Acto I

 

Aparecen @s teloneir@s cun cartel que anuncia o título da obra en dous anacos. Danlle a volta e está escrito ACTO I. Collen cadanseu extremo da cortina e abren o telón.
Vese a sala de espera da consulta dun médico. De fronte ó público están as cadeiras ocupados polos pacientes: Sara, Fina, Carlos, Roberta, María e Paco. No lateral está a mesa onde está a enfermeira, Alicia.
Sara está falando polo móbil. Fala bastante alto e o resto estaa mirando con atención.

SARA: Muller claro... E logo non... Catro pasos ó norte desde o carballo da eira.

Os que están na sala poñen a orella para escoitar.

SARA: Catro, tres non, catro. Mira, póñome co lombo no castaño e vexo o poste da luz da general; daquela boto a andar... si, catro pasos.

Sara deixa de falar e bota unha mirada á xente que ten ó redor. A xente que está na sala fai por disimular. Sara sigue falando polo teléfono.

SARA: Dime, si, si... xa che digo que si... ¿No banco? Non, que os do banco son uns ladróns.

Carlos míraa mal.

SARA: Moito conto para que lle leves os cartos e despois quédanche con todo... mira o que lle pasou a... si, si, non, non, para o momento non, claro, para o momento téñoo no colchón, e logo... e ben planchados que saen.

Sara sorrí con malicia e di rindo:

SARA: nin Facenda.

Sara ergue a vista e volve botar unha visual ó resto de xente, que volven a disimular. Despois sigue falando e todos volven a poñer a orella.

SARA: ¿Escóitasme? si, no médico, teño para toda a mañá, aínda non chegou, si, viven coma diós. ¿Do outro? Un disjusto muller, un disjusto... si, o porco, case o mato...

Sara explícase movendo moito as mans.

SARA: Colléraos no cabanote, que mos deixou alí...

Sara fai un aceno ca cabeza para dar a entender de que persoa está falando coma se a persoa ó teléfono a vise.

SARA: E levaba o paquete para a casa... xa mos traen en boliñas recubertas de latex, pola policía xa sabes, para que non os pillen que eses si que andan finos. E debía ter un furado porque me caeron cinco ou seis, aló vai a ganancia do paquete; o cabrón do porco cheirounos e cando me decatei xa os estaba enviando, nin que tivera entendemento o animal... si muller, deille herba, cenorias e quivis; a ver se cando volva xa... éche cousa de esperar, tarde ou cedo terá que botalo.

Sara volve a ergue-la vista e o resto disimula.




@s teloneir@s van pechando as cortinas e quedan no centro cun cartel que pon:

FIN DO PRIMEIRO ACTO

 





Acto II

 

Aparecen @s teloneir@s cun cartel anunciando o segundo acto. Abren o telón.
É de noite estamos na eira de Sara, vese un carballo á dereita, no outro lado un balado de madeira con un porco dentro. Ó pe do carballo están: Fina, Roberta, María, Alicia, Paco e Carlos.

CARLOS: ¿Daquela imos a medias, non?

FINA: De "a medias" nada. A min non me interesa o da fariña.

MARÍA: A min tampouco, desas cousas ilegais non quero saber nada.

PACO: Se non vos importa quedo eu co do porco, pódolle dar saída, teño contactos.

ALICIA: ¿E non será moito para ti so?

CARLOS: Iso digo eu. Haberá que ver canto é o total e despois...

FINA: Despois ti quedas co catro por cen de comisión

Todos riron.

ROBERTA: Está ben. Non é momento de relear. Se hai pasta dabondo que este quede ca fariña, ¿parécevos?

Todos din que si.

ROBERTA: Imos segui-lo plan. Vos cavades aquí mentres eu vou abrindo a fiestra. Cando o teña avísovos. Daquela María ven comigo e entramos na casa. Cando esteamos dentro dádesnos cinco minutos para atopa-lo dormitorio da vella e agocharnos.

Todos están seguindo a explicación con moita atención.

ROBERTA: Despois Paco e máis Alicia ides polo porco, Fina ti tamén lles podes axudar.

FINA: Poderei, vinte anos de carniceira serviran para algo digo eu.

ROBERTA: Cando matedes o porco, comezará a berrar, a vella erguerase, daquela María e máis eu aproveitamos para desface-lo colchón, colle-la pasta e marchar.

ALICIA: Pero en canto saia e nos pille xa non podemos seguir co do porco...

ROBERTA: Non hai problema, eu atrancarei a porta por fóra para que non poida saír.

MARÍA: Daquela volverá a entrar na habitación e pillaranos a nós.

ROBERTA:¡Por diós! pois atrancámola por dentro para que non poida entrar. Non é tan difícil.

PACO: Veña, mans á obra.

Roberta vai andando cara o outro extremo do escenario e desaparece. Carlos colle a pala e comeza a cavar. Ós dous segundos cansa e dálle a pala a María que pon cara de noxo e pásalla a Paco, que lla da a Fina, que lla pasa a Alicia, que fai un xesto como que "nin de coña" e vólvella dar a Carlos. Carlos con resignación sigue cavando. Ó pouco saca a chaqueta, remanga a camisa e limpa o suor da fronte.

CARLOS: Para que despois

Alguén no público érguese cun mando a distancia na man e preme un botón apuntando ó escenario. No escenario quedan conxelados. A persoa do público sae da sala dicindo que o sinte, que é unha urxencia facendo referencia a certa necesidade fisiolóxica.

Segundos despois entra máis tranquila, senta no seu sitio e apuntando de novo co mando ó escenario volve premer un botón. A obra continúa.

CARLOS: digan que os banqueiros non ganámo-lo pan co noso suor.

Pasados un segundos miran o buraco e fan acenos de desgusto, non atopan nada. Carlos sigue cavando.

Fina e Paco van para o lado do escenario onde está o curral e María, que vai canda eles, desaparece do escenario. Fina e Paco abáixanse cara o curral e escóitase a un porquiño berrando.



@s teloneir@s van pechando as cortinas e quedan no centro cun cartel que pon:

FIN DO SEGUNDO ACTO

 




Acto III

 

Entra @ teloneir@ da parte esquerda co cartel anunciando o terceiro acto e abre so telón da súa parte. Vese a María e a Roberta entre anacos de algodón revolvendo todo e lanzándoos ó aire enerxicamente. No chan hai anacos de tea que son da cuberta do colchón.
Ó lonxe escóitase a un porquiño que para de seguido. E máis preto escoitase berrar a Sara.

SARA: ¡Ai meu Pachín! ¡que che pasa meu Pachín! Ai meu pequeniño, ai...

María e Roberta seguen revolvendo un anaco ata que senten andar na porta da habitación e marchan polo que sería a fiestra. Desaparecen de escena.

Entran @s teloneir@s, o da parte esquerda vai pechando a súa parte e atópanse no centro do escenario. @s teloneir@ da parte dereita faille un xesto altivo e marchan, @ da parte dereita vai abrindo a cortina da súa parte. Vese a Sara, sorrinte, toda tranquila sentada nunha cadeira e facendo ganchillo.

SARA: O que unha ten que facer para que lle axuden a plantar unha pereira, lle fagan a matanza do porco e lle aireen o colchón de la...



Entra @ teloneir@ da parte dereita pechando a cortina e ensina o cartel que di:

FIN DO TERCEIRO ACTO

 

Entran @s teloneir@s. @ teloneir@ da parte esquerda leva un cartel que di: CONTIDOS EXTRA. @ teloneir@ da parte dereita leva un que di: FIN. Pelexan por poñerse un diante do outro. A persoa do público que ten o mando a distancia érguese e preme o botón cando está diante o cartel que pon: CONTIDOS EXTRA. @ teloneir@ da parte esquerda queda paralizad@ cun sorriso de orella a orella. @ teloneir@ da parte dereita marcha triste e ca cabeza baixa.

 




Contidos extras

 

Despois duns segundos @ teloneir@ da parte esquerda dalle a volta ó cartel e vese un letreiro que pon:


CONVERSA CON DORINDA

@ teloneir@ da parte esquerda chama pol@ da parte dereita. Abren o telón e vese a Dorinda e máis a Sara sentadas en cadansúa cadeira mirando cara o público. Dorinda está calcetando e Sara facendo ganchillo.

SARA: Refresca...

DORINDA: Refresca... e mira que se lle nota ós días, no vran as once e aínda é día, pero agora as sete xa se hai que recoller.

SARA: ¿E de vran que tivemos? ¿dous días en Agosto? Que feo é o inverno. Eu cos cadrís como os teño non che podo facer nada, o cocho está para a matanza e non me chegan os cartos para o Xavín.

DORINDA: Ai o Xavín se non cobra antes non traballa, el mira polo seu, que unha vez matado o porco e sacados os fígados a ver a quen lle cobra. ¿Pero que tes reuma logo?

SARA: Éche todo, os anos, a reuma... por riba esquecín mandarlle carda-la la do colchón a miña filla cando veu nas vacacións e estache ben duro.

DORINDA: Ai, éche o que teñen os colchóns de la. Pero tanto che doen os cadrís logo

SARA: Bo, onte púxenme a cavar na eira, aí diante do carballo, quería plantar unha pereira que merquei na feira e doume un tirón nas costas que non me dou endereitado. Mañá vou ó médico a que me dea unha pomada.

Dorinda baixa a voz e faille acenos a Sara para que se achegue.

DORINDA: Mira Sara, vouche dicir como tes que facer, verás...



Entran @s teloneir@s e pechan o telón. Ensinan un cartel que pon:

FIN


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega