Sub (Capítulo XI)

Raquel Couto Antelo

n2raquelcoutoantelosub011.html

Capítulo 11

     Ó día seguinte non subín á sala, viñeron Sonia e máis outra para acompañarme ó baño e devolvéronme á xaula. Máis tarde baixou Campos có montón de papeis cós que andaban sempre, doumos sen abri-la porta e díxome que os estudiase con moita atención. Sen máis marchou. Quedei desconcertada a verdade, non lle debía gustar aquel sitio, era a primeira vez que baixaba, eu seguía sen ter compañía. Entre os papeis estaban as trancripcións do disquete verde e algunha das nosas conversas resumidas, anotacións de Campos. Despois había tamén un montón de información sobre o caso antigo. Estudieina con moito coidado, a curiosidade fixo que non quitase ollo dos papeis ata que rematei. Tiñan un mundo de información, nomes de directivos da central. Algún deles aínda traballaba, ou mellor dito con algún deles falara eu nalgún momento, os económicos. Tiñan unha foto de Domínguez, da época, non somos nada, envelleceu en pouco tempo, novo era igual de feo. A don Tomás mencionábano de pasada; pero tamén tiñan unha fichiña súa. Había unha lista de todo o persoal da empresa a nivel nacional, que pasada, era un montón de xente. Xa daquela as investigacións se centraran en Domínguez, e seguía sen entendelo. Precisaba algo có que escribir e onde facelo, por alí non pasaba ninguén e eu facendo as contas de memoria. Pensei en que sería boa idea agrupar ó persoal por departamentos, os directivos estaban todos marcados, os económicos coñecíaos, polo menos a unha parte deles e o resto ía supoñer que eran creativos. Pensaba que así podía orientarme mellor; pero tratar de facelo de memoria era imposible así que me limitei a ler unha e outra vez os nomes. A cada nome ía revisando se tiñan algo de información. Deso si que non había moito. Centráronse nos directivos e poco máis. Debéronse pasa-la pelota uns a outros ata que chegaron a Domínguez, o último mono, o eslavón perdido, que non podía descargar en ninguén e apandou có que lle botaron, sen embargo debía ter máis recursos dos que eu lle calculo e ó final librouse. Pareceume ver a alguén no pasillo e púxenme a berrar.
    
— ¡EEEEEEiiiiiiiiiiii!— eu — ¡sexas quen sexas ven aquí, preciso axuda! — dramatizando
    
— ¿Que pasa? — Campos, rindo — ¿precisas maquillaxe? ¿ou é hai algo máis importante para unha muller?
    
— Home — eu — non exactamente; pero o que si preciso é algo para pintar
    
— ¿Seica sentiche-la chamada da arte? — Campos
    
— Quero un boli e unha libreta para — eu
    
— Para as memorias — Campos, que simpático estaba
    
— Quería tomar unhas notas —eu
    
— Non podes escribir neses papeis — el
    
— Xa, por eso che pido que me traias unha libreta, para non ter que escribir "neses papeis" — eu
    
— ¿Tanto o precisas? — Campos
    
— Morrer, non vou morrer; pero axudaríame bastante — eu
    
— Ben, traíocho agora; pero nin se che ocorra, ¿escoitas?, nin se che ocorra escribir neses informes, matereite cas miñas propias mans, ¿estamos? — Campos
    
— Xúrocho por snoopi — eu
    
— Sendo así.... — Campos, serio
    
En poucos minutos tróuxome un boli, verde, e uns folios. Supoño que sería para asegurarse de que non escribía nada ou que o notarían se o facía. Nos papeis había anotacións en azul e vermello, o verde destacaría bastante. Tampouco se me pasara pola cabeza fedellar naquela información, xa case tiña superado o vicio da manipulación. Quedou alí un pouco, observando, e despois marchou sen decir nada. Fixen aquelo da organización por departamentos, era un aburrimento e non saquei moito en limpo. En realidade nin sequera sabía se os agrupaba ben, tamén habería secretarias ou secretarios, xente no económico que non coñecía e non estaba segura de que todo-los directivos estivesen marcados, de feito don Tomás non o estaba. Vaia merda, ó final ía ter razón Campos. Ou non, escribindo os nomes de novo, cousas que pasan, dei con nomes coñecidos, mellor dito con apelidos coñecidos. Coincidían os de Sofía, Ánxela e Tino. Tampouco era un descubrimento, se te apelidas Rodríguez López ou Martínez González, coma quen di, tes un cento de irmáns. Sofía era a máis probable porque tiña apelidos de categoría, deses que levan un "de" polo medio; ademáis eso explicaría o ben informada que estaba. Repasando decidín que habería que descartar a Tino, o seu querido irmán era de Teruel e se era difícil que coincidisen aquí, alí ca de xente que debe haber non che digo nada. Daquela, supoñendo que Sofía, dispoñendo de información de primeira man do que realmente pasara naquel tempo, chega a axencia e consigue o emprego, utiliza a Domínguez para completa-la información ou para acceder a onde ela non chega, busca un cómplice e retoman algún vello proxecto. Non se podía decir que fora unha deducción brillante, máis ben era bastante simple, de máis para o meu gusto.
    
— ¡Berta! — Santi
    
— ¡Que susto! — eu
    
— Bos días, perdoa non pensei que viñera tan a modo — Santi
    
— Estaba na berza, ¿xa é hora de comer? — eu
    
— Non, aínda non — Santi, mentres abría — tes visita
    
— ¿Visita? non sabía que podía ter, ¿meus pais? ¿meu irmán? — eu
    
— Non sei, non vin quen era; pero disque insistiu moito e como nos tes de boas... — Santi
    
— Pois gracias — eu
    
— Espera a ver quen é, igual non che gusta — Santi
    
— ¿Por? — eu
    
— Por decir algo — el — de verdade que non sei quen é
    
Subía as escaleiras toda emocionada, igual era David que me viña toma-lo pelo, estaría ben. Santi abriume a porta da sala e deixoume entrar primeiro, dentro estaba Campos.
    
— Ola Berta — ¿Simón?
    
— Ola — dixen estrañada mirando a Campos
    
— ¿Que tal estás princesa? — di Simón achegándose e dándome unha aperta — ¿estás ben? ¿que fixeches tunanta?
    
Non o podía crer.
    
Estou ben, moi ben, ¿e ti que fas aquí? — eu
    
— Tiña que falar contigo — Simón, Campos non nos quitaba ollo
    
— Bueno déixoos sós uns minutos — Campos — despois terá que marchar — a Simón
    
— ¿Pero?— dixen sen entender
    
Campos pechou a porta e nós sentamos.
    
— Berta, conta ¿que pasou? en canto mo dixo Fran vin correndo ¿se te podo axudar en algo? — Simón
    
— Non en nada — ¿Fran? — estou moi ben, de veras
    
— Pero muller, ¿que fixeches para rematar aquí? — Simón
    
— Nada, rasqueille o coche a un tío con pouco sentido do humor — eu
    
— ¡Como es!, ¿sabes? alegroume verte onte na oficina — disimulaches de carallo, tío — o de Ánxela non foi como esperaba, non resultou tan idílico como vós pensábades. Ela non ... non había maxia — ¿con Sofía si? — non é coma contigo — ¿como? — ti si que es especial — ¿que????? — sempre o souben; pero doume medo decircho e que me rexeitases — menos mal que estaba sentada — agora, non sei, unha situación extrema sempre che fai ser máis sincero contigo mesmo. Estiven toda a noite dando voltas na cama e hoxe xa non puiden máis
    
— Déixasme de pedra — rosa porriño, xúrocho — non sei que decir, sempre pensara... non sei
    
— Eu tamén me sinto raro — colléndome a man — non tes que decir nada, eu tiña que desafogar, se non morría
    
— Xa — a min matoume
    
— ¿Pódoche axudar en algo? — Simón
    
— Non, volvóche decir que estou ben — eu
    
— Tesme moi preocupado — Simón — ¿pódese saber que fixeches? — matei a un imbécil entrometido
    
¿Por que de súpeto me parecía o ser máis odioso da Terra?, ca súa cariña de anxo, os seus rizos dourados e eses ollos maravillosos. ¿Que eu que?, ¡anda! Hai que fastidiarse aquí sen ve-la luz do día e aguantar estas mamonadas. Imos ver, se Campos me corta o alento cando me di que non lle escriba nos informes, como lle vou crer que este está namorado de min se me mira coma se tivese a tiña, cando me colleu a man faltoulle pouco para ir correndo lavala súa. Home, non só hai que deci-las cousas, para que chas crean hai que sentilas. Eu seguinlle o rollo, este non marchaba sen que me enterase do que viñera buscar, ¿Fran?, aposto a cabeza que non sabía nada, se non xa o tiña alí meténdose comigo por non lle decir nada do disco. O mal presentimento que tivera sobre el de súpeto esvaeceu, ser cotilla tampouco é tan grave.
    
— Xa cho dixen, aquel tío pasou o semáforo có peatón en verde e cabreeime, o que pasa é que o coche é moi caro, e non me da a gana de pagarlle o taller, ¡que se joda! — eu
    
— ¿E por eso te teñen aquí? — Simón sobándome a man e achegándose máis — non me mintas — paternalista
    
— Non minto — eu
    
— Vamos, que se che nota á legua — Simón — ademáis Fran — e volta con Fran — contoume o que pasa
    
— Bueno, ¿pois daquela que máis queres que che diga eu? — eu
    
— Coñezo un avogado — Simón
    
— Avogados tamén os coñezo eu — eu
    
— Pero el poderíate axudar moito — Simón
    
— ¿Perry Mason? — eu
    
— Falo en serio, ti só tes que contarme todo o que fixeches e xa está — Simón
    
— Non hai máis que o que che contou Fran — eu
    
— Pois non é moito, que roubaches uns disquetes da contabilidade e outro de non sei que — Simón
    
— ¿Que? — paralizada — eu non roubei nada, ¿oiches?, debécheslle entender mal
    
— Non, eso foi o que me dixo — Simón, tranquilo
    
— Pois daquela tomouche o pelo, porque eso non é certo — eu
    
— Berta — Simón paternalista — veña — apertándome a man — só me tes que decir onde os gardaches e
    
— ¿Onde gardei o que? — que mosqueo — vólvoche decir que non teño nada
    
— ¿Entregáchesllos? — Simón
    
— Simón, ¿para que van querer estes uns disquetes de contabilidade? ¿e para que ían querer que llos dese?, só raiei un coche ¿píllalo? — púxenme seria
    
— O que ti digas — Simón, comprensivo — pero lembra que estou da túa parte
    
Non me gustaba como me falaba, nin como me miraba; paracía un deses seductores de mulleres maduras. Eu era máis nova ca el, que quede claro. Entrou Campos, vaia cara traía, o que me faltaba, que este tamén se me revolucionase.
    
— Rematou o tempo — Campos
    
— Ben — di erguéndose sen soltarme a man — téñome que ir cariño — esto hai uns meses faríame dar saltos
    
Tira de min, eu érgome e abrázame moi apaixoadamente, Campos dou un golpe na porta; sentíame como se lle estivese poñendo os cornos, e eso que non me tragaba. E para remata-la xogada dame un bico moi preto da boca, fixo como se mo fose dar na meixela e desviouse, pilloume desprevida. Cando saia mátoo. Sentíame mal. El seguía alí de pé mirando como marchaba Simón, coma se fose o seu peor enemigo e eu a súa cómplice. Comezou a faltarme o aire, a ansiedade supoño, non podía respirar e quixen sair de alí. Campos puxo o brazo na porta para cortarme o paso, pasei por debaixo e comecei a correr cara onde puiden, baixei as escaleiras e metinme nos baños. Alí había desas ventanas pequeniñas, apoieime na parede debaixo delas e comecei a vivir de novo.
    
— Por moi delgada que sexas non vas poder fuxir por aí — Campos
    
— Desculpa ¿este non é o de mulleres? — eu
    
— É que estou explorando o meu lado femenino — con voz afeminada
    
— Pois escolleches moi mal momento — eu
    
— Imos repasar algunhas cousas, porque creo que se che esquenceron — Campos outra vez serio — estás detida, non podes ir e vir a onde queiras, nin cando queiras, nin con quen queiras
    
— ¿Que facía ese aquí? — eu
    
— Ti saberás, é amigo teu, cariño — Campos de mala uva
    
— Eu non lle dixen que estaba aquí — eu
    
— Pois eu tampouco, e entrou preguntando por ti, sabe de que vai esto e ademáis acompañábao un avogado moi, moi influínte — Campos
    
— ¿Para sacarme? — eu — non creo, eso nin o mencionou
    
— Para verte, debe estar namorado de verdade o colega — eu
    
— É Simón — Campos
    
— ¿O da axencia? — Campos reviviu
    
— O mesmo — eu
    
— ¿Seguro que non lle contaches nada a ninguén? — Campos
    
— A ninguén — eu
    
— Puido chamar á túa casa e que llo contasen — Campos
    
— Si, e tamén nos puido seguir despois de estar na oficina; pero non creo — eu
    
— Fas ben, porque non nos seguiu ninguén — Campos para — ¿que quería?
    
— Nin que non escoitaras a conversa — eu
    
— Asegúroche que non, tíñanme vixiado — Campos — o avogado é un elemento de coidado
    
— Quería saber que fixera — eu
    
Conteille a conversa alí mesmo, nos servicios
    
— ¿Fran? ¿saberao? — Campos
    
— Non, aposto algo, estaría aquí sacando fotos para a posteridade ... eu que sei, igual te coñece de algo; pero estráñame que non dixese nada, que non se metese conmigo có dos cacheos — eu
    
— Eu non te cacheei — Campos
    
— É igual, non me refería a eso — eu
    
— ¿Vaia temos reunión de amiguiñas? — Sonia — ¿non hai outro sitio para falar?
    
— Desculpa — Campos — xa marchamos, ela metiuse aquí e seguina, síntoo
    
— Nin un sitio no que non se metan — Sonia falando conmigo — é que non se pode estar tranquila miña filla, meten o nariz en todo
    
— Verdade que si — eu solidaria, facéndonos as ofendidas
    
Campos colleume do brazo e subimos para a sala.
    
— Puido ser que o tal Fran te coñecese — Santi — que soubese que es poli
    
— ¿Díxoche algo ó respecto? — Campos
    
— A min, non — eu
    
— Pero ti dixéchesme que se che quedou mirando — Santi a Campos
    
— Si — Campos
    
— Tíñate diante, claro que te miraba — eu — ¡joder! eso non é un pecado. ¿Tamén te miro eu e que?
    
— Pero que o mires ti non lle molesta, muller — Santi
    
— Dígoche — Campos serio — que me revisou de arriba a baixo
    
— Curiosidade, falara con el había uns días e non lle comentara nada de ningún amigo novo, somos, coñéceme desde hai tempo e coñece ós meus amigos, pensaría que eras un ligue de fin de semana e chamaríalle a atención — eu
    
— Ti tamén desconfiaches del — Campos — ¿por que o defendes agora?
    
— Porque o mal rollo viña de Simón — eu
    
— ¿E descubriche-lo hoxe? — Campos
    
— Mira, que alguén veña a un sitio onde se supón que non estou, que me veña contando que son o amor da súa vida cunha voz máis falsa ca un billete de tres mil, e insistindo en que lle diga onde teño uns disquetes que desapareceron da oficina e — eu
    
— E que só Fran e máis ti sabíades que desapareceran — Campos
    
— E a persoa que o roubou — Santi
    
— Recapitulemos, temos un xefe liado cunha empregada, un empregado que lle tira os trastos a empregada e que dispón de información que só debería ter outro empregado, que obviamente se foi da lingua e te deixou ó descuberto — Campos
    
— En realidade é ela a que lle tira os trastos a Simón; pero creo que lle sigue o xogo por que lle interesa por algunha razón que descoñezo, dubido moito que Fran lle contase nada, teríalle que decir que só collín o disquete verde non os outros, sabía que desapareceran antes, supoñíamos que fora Sofía e non llo vai decir ó seu amigo da alma. Ademais está o de cómo soubo que eu estaba aquí — eu
    
— Todo eso está moi ben; pero o do disquete verde é certo e só o sabíades Fran e máis ti — Campos, sentenciando
    
— Eu — sen saber que decir porque tiña razón; pero non o quería crer — eu que sei, igual nos escoitou, igual andaba asexando detrás da porta
    
— Vamos que lle colleches unha pia... — Santi
    
— É que o tiñas que ver, "quérote"; pero que pensaba, que estaba aquí esperando a que chegase el para rescatarme
    
— ¿Gustábache? — Campos
    
— ¿Cando? — eu
    
— ¿Se che gustou algunha vez, se tiveches algo con el, xa sabes? — Campos
    
— Non, era un compañeiro máis — eu
    
— Xa — Santi
    
— Vale, está como un tren; pero muñecos hai moitos polo mundo adiante — eu
    
— ¿Si? — Campos
    
— Ademáis está o dos outros empregados — eu
    
— ¡Ah! — Campos — ti saberás de que fala — a Santi — ¿ou tampouco che cadra?
    
— Nin zorra — Santi
    
— Nas notas — eu — vin cousas que coinciden, nos listados que tedes daqueles tempos aparecen apelidos que aínda hai hoxe
    
— O de Domínguez, non me digas máis — Campos
    
Mireino mal, moi mal.
    
— Coinciden os de Sofía e os de Ánxela — eu
    
— Pode ser eso, unha coincidencia — Santi
    
— Ou non — Campos — ¿son apelidos comúns?
    
— Normales, pero tampouco hai tanta xente coma para que sexan outros — eu
    
— ¿Nunca che falaron de que tiveran familiares alí, nunca oiches nada? — Campos
    
— En realidade non, ninguén fixo comentarios nunca sobre esa época, coma quen di éramos todos novos — eu — Fran decía que os que había antes marcharan ou largáranos e que eles comezaran cando a empresa estaba practicamente a cero
    
— ¿Que pasa — Campos rindo — ti só podes oidar a unha persoa á vez?
    
— ¿ Eh??? — este toleou
    
— Agora volves falar de Fran con cariño — Campos
    
— ¿Moléstache? — eu
    
— ¡Nooon — Campos — desoriéntame!
    
— Parece mentira que vaia decir esto — Santi — querédesvos concentrar no que estamos e deixarvos de caralladiñas; deixa os numeriños de celos para cando a pilles nos baños outra vez — di rematándoa porque non era capaz
    
— Xa falerei contigo moi seriamente despois — Campos a Santi
    
— Moi ben forasteiro — Santi — a ver muller, sigue có que estabas
    
— Non xa non se me ocorre nada máis — eu — perdín o fío
    
— Póñote eu ó corrente — Campos, servicial — oidabas a Fran; pero como agora odias a Simón, volvéslle tomar cariño a Fran, a Domínguez sigues sen respectalo e cres que Sofía, a lurpia, e Ánxela, a muller perfecta, tiñan contactos ca axencia nos tempos turbulentos
    
— Mándame o xefe, para ver se comiu — o que estaba sempre con Andrea sinalándome
    
— Non, non comiu — Campos — ¿só querías eso?
    
— Creo que mentres ela come quere falar con vós — o compañeiro de Andrea
    
— E non había querer — Santi — có entretidos que somos ¿verdade Berta?
    
— Ímoste deixar comer tranquila — Campos — despois xa che daremos máis guerra
    
— Esto non é unha ameaza, muñeca — Santi — é unha promesa — cada tolo
    
Efectivamente comín tranquila, naquela sala non se escoitaba nin un ruido
    
— Espero sinceramente que vise-la luz neste tempo — di Campos entrando de súpeto — estou ata os mesmísimos de aguantar a esa banda de soplapollas
    
Eu calada, facendo a dixestión.
    
— Tío, tranquilízate — Santi entrando detrás del — xa sabes como son, sempre fan o mesmo
    
— Eso, sempre fan o mesmo — Campos — ¿e que queren que fagamos nos?, ¿pegámoslle un tiro?, decimos que toda a culpa é dela e tan a gusto coma os cabróns que a joderon da outra vez
    
— O de pegarche un tiro é un falar — Santi mirándome
    
— Menos mal — eu
    
— ¿Que? ¿lembraches algo máis? — Campos, borde
    
— Tendo en conta que todo o que podía consultar está aló en baixo, incluida-las miñas notas... — eu
    
— Nada — Campos a punto de soltar unha impertinencia
    
— Pensei que xa era moita coincidencia que Simón andivese rondando xusto ás dúas persoas que tiñan apelidos coincidentes có persoal antigo, e máis aínda tendo en conta que a seguinte na lista fun eu, a posuidora dos famosos disquetes — por ver se o amañaba
    
— Pero, a ver se me aclaro — Campos — ¿os apelidos de Simón coinciden?
    
— Non — eu
    
— ¿E el entrou ou non entrou, mes arriba mes abaixo, ó mesmo tempo que o resto? — Campos
    
— Si — eu
    
— ¿Daquela de onde sacou a información privilexiada? — Campos cravándome a mirada — ¿quéresmo explicar?
    
— Eu que sei — eu
    
— Ti que sabes, non — Campos cabreado non sei porque — ¡ti que sabes non! ¡eso si que non!
    
— Veña — Santi — suponse que somos nos os que o temos que averiguar
    
— Xa — Campos — e o pescozo dela o que periga
    
— Home — Santi — o noso non é que ande en moi boa posición
    
— Pero non imos ir ó cárcere ¿non si?— Campos — así que ¡espabila!
    
— Perdoa — eu — e que se me esquenceu a bola de cristal, non sabía que a ía precisar
    
— ¡Joder! — Campos — esta sigue de cachondeo — pegándo a cara na miña — pois se che esquenceu vai por ela, porque acabamos de chupar unha bronca de carallo pola túa culpa así que — fixo unha pausa, mirou a Santi — así que — dixo cunha voz moi, pero que moi malvada — vas ir falar con Simón, vaslle face-las beiras, e unha mamada se fai falta; pero valo averiguar, ¿está claro?
    
— O da mamada — eu que canto máis serio estaba el máis gracia me facía — ¿é obrigatorio?— e miroume un pouco obsceno — dígoo porque igual o mato de gusto
    
— Como non avisas, tía — Santi rindo — podías esperar a que o agarrase, que valor lle botas téndoo tan preto
    
— Non a vou matar — Campos — non ves que a precisamos viva — de novo mirándome — tes algo abaixo
    
— Os papeis — eu
    
— Eso non é teu — Campos, interompéndome
    
— Pois daquela nada — eu, seria
    
— Ben — Campos — daquela vas para casa
    
— ¿Toleas? — Santi — ¿estás mal ou que? ¿como que marcha?
    
— Si, marcha — Campos — é o único xeito de averiguar algo, a nós non nos van contar nada, que necesidade teñen de facer nada se ela vai pringar por eles
    
— Home — eu — non é que non me guste o papel de mártir; pero creo que o busquei eu soiña
    
— Berta — Campos — do conto só sabes a metade, así que cala e fai o che decimos
    
— Vaia — Santi — seica falei sen decatarme, ti queres que me dea algo; e se lle dá por marchar e deixarnos colgados
    
— Veña — eu sen saber que decir
    
Campos e Santi foron para unha esquina e discutían, despois saíron. Ó pouco entrou Campos e díxome que me erguera, que marchaba.
    
— ¿E que digo na casa? — eu
    
— O que queiras — Campos, evasivo
    
— Algo terei que decir, e a Simón nin che conto, seguro que se entera antes de que eu chegue á casa
    
— Pois dilles que me fixeches unha mamada desas que fas ti e que quedei tan contento que te deixei marchar — Campos, sen mirarme, falando automáticamente
    
— Xa che vale — eu
    
Colleume polo brazo, púxome contra a parede e agarroume a cara cas dúas mans facendo que o mirase; el mirábame, ¡joder! como aquela vez, achegouse
    
— Esto — Campos — por se te fugas ás Bahamas
    
E bicoume, bicoume, e así foi como me robou o corazón, latía, latía e debéuseme escapar, tíñao el, puiden sentir como me deixaba sen el. As súas mans agarándome docemente, os seus labios nos meus e eu sen alento. Quen sabe o tempo que pasou, eu quixera que nunca rematara. Aquelo non se parecía á felicidade, era a felicidade.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega