Sub (Capítulo XIII)

Raquel Couto Antelo

n2raquelcoutoantelosub013.html

Capítulo 13

     Cando me erguín estaba aínda máis cansado que ó deitarme, cheguei cedo Santi aínda non estaba, así que aproveitei para revisar de novo todo-los papeis a ver se desa vez sacaba algo en limpo. Para min non tiña moito sentido, faltábanme datos, ou non daba atopado a conexión das cousas.
    
— Vaia cara — Santi — ¿seica non durmiches ben? ¿remorsos?
    
— Non me marees — eu
    
— Estamos de malas ¿non foi ben a cea? — Santi
    
— Foi de maravilla — eu
    
— Pero a ver ho, ¿que che pasa? — Santi
    
— Esto non hai quen o entenda, non dou sacado nada en limpo ¿tes algunha idea de por onde temos que ir? — eu
    
— Se che digo que si, míntoche — Santi, serio — non che dixo nada novo onte
    
— ¿Berta? non, polo menos que o pillase non, porque como ás veces fala en clave — eu
    
— As tías son así — Santi
    
— Xa; pero esta é máis así có resto, ¿sabes por que deixou ó mozo? — eu
    
— ¿Por que deixou ó mozo? ¿e que relación ten eso có caso? — Santi
    
— Ningunha supoño, ¿por que? — eu
    
— Porque se supón que do que tiñas que falar con ela era dos detalles do seu traballo na oficina, deso se trataba, crear un clima agradable para que falase tranquilamente a ver se nos decía algo novo, non para que ti calculase-la mellor maneira de entrarlle — carallo que estaba ben serio
    
— Joder tío, non podes pretender crear un clima de confianza limitándolle os temas de conversa, eu máis ou menos fun preguntando; pero ela falou do que lle pareceu, e ademáis nin que lle deran corda, vaia que se falou — eu
    
— Pero do traballo nada — Santi
    
— Do traballo tamén; pero como queres que nos conte algo que nos sirva, se soubese no seu momento que tiña que prestarlle atención a certos detalles faríao; pero agora non vai lembrar nada novo a non ser que sexa algo moi chocante — eu
    
— Xa — descreído — ¿e por que deixou ó mozo, daquela? — ese era o meu Santi
    
— Porque disque non a vía cando a miraba — eu
    
— ¿Que dis que? — Santi escarallándose — ¿e non sería cego?
    
— ¡Que cabrón!, eso foi o que lle dixen eu — eu
    
— Bos días — Oso — que cedo chegaches hoxe
    
— Bo para unha vez que veño a tempo dadesme todos a vara, é a última vez que me vedes antes da hora — eu
    
— Tranquilo, home — Oso — era por decir algo ¿chegou Andrea?
    
— Está fóra — Santi — a ver se entra, precisamos urxentemente unha mente femenina para que nos aclare unha dúbida transcendental que temos
    
— ¿E vós tedes deso? — Andrea — bos días
    
— A ver Andrea — eu — a ti, o teu home cando te mira, ¿vete?
    
— Se non quedou cego de súpeto, si — Andrea
    
— ¿Ves? — eu — outra, todos decímo-lo mesmo
    
— E que a cousa tampouco é así — Santi
    
— ¿Como que non? — eu
    
— Non llo podes preguntar fóra de contexto, se non sabe de que vai claro que di eso — Santi
    
— O que ti digas — eu
    
— ¿E ídesme decir de que vai esto?— Andrea
    
— Tonterías das súas — Oso — o de madrugar aínda lles perxudica máis
    
— E que lle dixo — Santi facendo acenos para explicar que fóra Berta — que deixou ó seu mozo porque non a vía cando a miraba
    
— Normal, eu tamén o faría — Oso
    
— E eu — Andrea
    
— ¡Estades de coña! — eu — ¡vaciládesme!
    
— Debe ser unha clave ou algo así — Santi — un chiste para xente lista
    
— Si, eso debe ser — eu — ou que nos queren facer tontos
    
— ¿Así que vós non o entendedes? — Andrea — que non o entenda Cris paréceme ata certo punto normal; pero ti Santi, que se supón que estás namorado da túa muller
    
— ¿Que terá que ve-lo touciño ca velocidade? — Santi
    
— A ver listos explicádenos ós tontiños de que vai esto — eu — porque creo que vós tampouco tedes nin idea
    
— Páreceme incríble que nunca o notásedes — Andrea
    
— Eso tamén mo dixo ela — eu — pero é que eu debo ser moi lento
    
— Será máis ben que non miras moito para os ollos — Santi
    
— Ti tamén podes falar — eu
    
— O que quere decir é que o seu mozo tiña unha idea dela distinta a como ela era realmente, que non a aceptaba como era, ou que non se molestara en coñecela ou que a miraba coma quen mira unha árbore — Andrea — tampouco é tan difícil de entender, normalmente os tíos facédelo sempre
    
— E as mulleres tamén — Oso
    
— Hai de todo — Andrea
    
— Así que era eso — Santi caendo da burra
    
Eu non entendía moi ben de que me falaban, cando miras a alguén miralo e punto, non sei a que viña tanta historia.
    
— Mira que cara se lle quedou — Santi — ¿seica a ti tamén te deixaron por eso?
    
— ¿A min? — eu — esquences con quen falas Santi, esquences con quen falas, a min nunca me deixan
    
— Escapan directamente — Andrea — ¿non?
    
— Bueno haberá que ir traballar — eu — ti e máis Oso volvede ás escoitas e Santi máis eu imos facer unhas chamadas
    
— Ás súas ordes — Andrea
    
— Vémonos — Oso
    
Santi e máis eu púxemonos a chamar ós axentes que levaran o caso para ver se sacábamos máis información, foi unha medida desesperada porque tíñamos instruccións moi claras de non facelo. De pouco nos serviu, ninguén lembraba nada, a maioria cambiaran de departamento e algúns de destino, os de aquí estaban todos fóra. A min cheirábame cada vez peor, que podía ser tan grave para que lles afectase así. Mete-lo zoco é algo que pode pasar, somos humanos. Os de fóra tampouco nos ían axudar moito de todo-los xeitos, o groso do asunto cocérase aquí; así que seguimo-la traxectoria profesional dos axentes en cuestión. Ningún deles fora trasladado ó sitio de orixe, porque se te trasladan á túa casa é algo normal, ó fin eu estou aquí, tardei pero funme achegando. Tamén podía ser que ás respectivas parellas lles aparecese un choio mellor neses sitios ou que fosen de alí. Pensamólo moito antes de remexer, xa estabamos ca auga ó pescozo; íanse desquitar con nós polo que fixeran estes. Polo menos sabíamos que non actuaran mal, quero decir que non había ningunha falta nos seus expedientes, ó mellor a eles tampouco lles puxeran as cousas fáciles e porriba non fora Berta facerlles unha visita.
    
— ¿Que che parece se lle deixamos eses papeis — eu, sinalando á información sobre as actividades da empresa — a Berta a ver se ela saca algo?
    
— Non sei se deberíamos — Santi — pero se ninguén se entera igual non é de axuda, báixallos e dalle os bos días, que o estás desexando — chiscándome un ollo — ó que se chega cós anos ¡das pena tío!
    
Santi é un esaxerado, tampouco me ía a vida en vela; pero había que vixia-la esta có delgada que estaba igual se coaba entre os barrotes.... calquera cousa.
    
— Bos días — di ela toda eufórica, non sei se fumaría algo, tanta alegría por verme mosqueábame
    
— Ola — eu serio, como debe ser — aquí che traio esto para que te entreteñas un anaco
    
— Ben, podía se-lo Vogue; pero seguro que é igual de interesante — o Vogue, aínda non sei se saberás de que cor é, non a imaxino mirando trapos nin de coña... ¿non?¿e como a coñeceches?
    
— Míraos con atención, con moita atención, e ten coidado con eles que son informes oficiais — eu todo profesional — ¿escoitaches?
    
— Si, á primeira — dixo cravándome a mirada, calquera día mátame, para min que o de que tiña poderes era en serio, párame o corazón — gracias, tratareinos coma se fosen fotos de Chris Noth, non te preocupes
    
— Non, mellor procura non sobalos coma se fosen fotos do tipo ese — é que sempre me ten que saca-lo nervio
    
Có ben que me recibira, vaia sorriso tiña a tía, por un momento sentinme o home máis importante da Terra e vou eu e sáltolle ca miña mala hostia. Pero é que non se decata de que eu son de verdade e o outro só é unha foto. Incríble, estaba celoso dun actor que nin pinchaba ni cortaba na nosa vida, era eso só unha foto e a min sacábame de quicio. Sigo dando gracias a Deus pola chamada de Xosé sobre o irmán, se non aínda me había reventa-lo nervio, que cho digo eu.
    
— ¿Que? — Santi — ¿que tal durmiu a princesiña? ¿durmiu ben?
    
— Se non durmiu ben que se joda — eu
    
— Mira — Santi con sorna — mellor non volvas madrugar
    
— É que non durmin ben — eu
    
— Xa; pero eu non che teño culpa, e ela tampouco — Santi defendéndoa, estanos alienando a todos — bueno ela igual si — xa me parecía raro — ¿que?¿non che dou un biquiño de bos días, meu rei?
    
— ¡Non! pero díxome bos días cun sorriso de película — eu seguíndolle o conto
    
— Si, por eso ves tan contento — Santi, con retranca — por certo, mentres baixaches conseguín falar con Márquez
    
— ¿O de Granada? — eu
    
— Dixo que por teléfono nada — Santi
    
— ¡Ai que coño! — eu
    
— Non, tranquilo, que para chegar a eso tiven que rogar moito, así que polo menos aínda temos algunha esperanza — Santi
    
— Si, porque os outros non dan nin chío — eu
    
— Eso tamén fai desconfiar, ¿non cres que se este fala e os outros non, será por algo? — Santi
    
— Santi, creo que estamos toleando, estámoslle dando voltas de máis a algo que seguramente será moi sinxelo — eu
    
— ¿A Granada non poderemos ir, non? — Santi
    
— Hoxe polo menos non; pero sempre convén ter algo ó que recurrir — eu
    
— ¡Que merda! — Santi
    
— Seguro que tes razón, se ese está disposto a falar hai de ser porque non ten moito que contar, que se non había calar coma os demáis, que nos queda por mirar — eu
    
— Os partes de traballo — Santi
    
— ¡Que coñazo! dame a metade, anda — eu
    
Mirar papeis parecíame inútil, estiven por chamar a Sonia para que se recrease; pero non me pareceu moi axeitado, ela estaba ó seu e ademais que ela os revisase a min non me ía aclara-las ideas. Un día na vida de fulanito ¡que interesante¡. Vexamos, como diría Berta "non é o Vogue pero seguro que é igual de interesante" a min persoalmente o Vogue non me motiva; pero decir que aquelo podía ser igual de interesante que o Playboy era esaxerar un pouco bastante, aínda que habíame quentar dabondo tamén. Un aburrimento, sempre se pon a metade do que se fai, non é precisamente o que máis nos entusiasme despois de traballar un día enteiro poñernos con estas caralladas, que ata hoxe non sabía para que servían. Á metade da miña metade saín fumar e toma-lo aire, un pouco contradictorio xa o sei. Antes de volver entrar fun ver a Berta, por se aínda había posibilidades de nos levar ben. Estaba toda entretida, lendo; pois si que debía ser interesante, igual estaba en clave e a min escapábaseme, quedei observándoa uns minutos, razoaba ela soa, ía para diante, volvía a mira-las follas, desesperábase. Estábame erguendo para marchar moi sixilosamente, cando a escoito berrar. Estaba toda colorada, sinal de que lle estivera dando bastante ó coco. Fíxome gracia, tiña pinta de xenio tolo, quería algo para escribir, non me gustou nada a petición, como lle dese por facer anotacións nos informes caíame o pelo; pero claro precisaría facer esquemas e cadros sinópticos deses que fan os estudiados para resolve-los problemas. Baixeillos, non fose estraga-la deducción do século por un anaco de papel e un bolígrafo. Pero deixeille ben claro que non escribise nada nos informes.
    
Cando subín, Santi estábame agardando, con bastante mala cara, pensaba que era por verme tan colgado; pero había novidades.
    
— Imos ó despacho do xefe — Santi — temos visita
    
— ¿Outro que se entrega? — eu
    
— Moi gracioso, igual debín decir que temos problemas — Santi
    
— Vaia novidade ¿que pasa? — eu
    
— ¿Non che vai gustar? — Santi
    
— ¿O que? — eu
    
— Hai alguén que a quere ver, e non é da familia — Santi
    
— ¿Será algunha amiga? — eu
    
— Disque é un tío, e ven con reforzos — Santi
    
— ¿O tal Domínguez? — eu
    
— Eu que sei — Santi, perdendo a paciencia — veña, imos ver
    
Cando chegamos ó despacho só estaba o xefe, debía ter a don importante agardando nalgures.
    
— Bueno — o xefe, triunfal — esto ponse cada vez máis interesante, e o que temos no sótano según vós é unha inocente criatura
    
— ¿Que pasa? — eu, que xa tiña un bo día
    
— Que me jode que me veñan ameazando, que vós non me decides nada e que xa me estou fartando — o xefe
    
— Non che decimos nada porque non hai nada que decir — eu
    
— Mira, o tío que está aí fora púxose moi rufo, e ven — o xefe
    
— Si, moi ben respaldado — eu
    
— Exacto — o xefe — e quere ver á rapaza
    
— Pero non pode — eu
    
— Pois vaina ver — o xefe — non quero que me quenten máis, veu soltando un rollo de non sei que dereitos e o máis importante, parece que sabe algo
    
— Se sabe algo que nolo conte, non llo ten que contar a Berta, ten que contarno-lo a nós — Santi
    
— Quero decir que sabe algo de vós e das vosas actividades — o xefe
    
— Non pode ser — eu
    
— Pois parece que a rapaza non era tan de fiar como ti pensabas — o xefe
    
— ¿Quen é? — eu, reventando
    
— ¿Queres saber quen é? pois moi ben, vas sabelo, e de paso vas ir pensando nalgunha boa que me contente antes de que remate o día porque non me quero deitar cabreado — o xefe — Santi vai buscala rapaza e lévaa á sala
    
O xefe chamou polo interfono ó home misterioso, eu esperaba a un vello salido e atópome cun guaperas de California. Mátoa. El non falaba, o que falaba era o avogado que traía, igual non sabía, con ser guapo xa lle chegaba. Moito apertón de mans, moita educación e moito mamoneo. O avogado repetiu o rollo que lle soltara ó xefe, vamos que a tiñan que ver por que si, e xa estaba. Non decían nin por que, nin para que, nin como souberan que ela estaba alí. Estábame desfacendo por dentro, en realidade estes burócratas tráenma floxa; pero se ela non fora legal conmigo afundíame de todo. Non podía ser. Tiña que haber unha explicación
    
— Campos acompañe ós señores á sala — o xefe que se poñía en plan fino cando había visita
    
— Si, como non — eu tamén — veñan por aquí
    
Ó pecha-la porta do despacho do xefe puiden ve-la ameaza de morte na súa cara, nin me inmutei; se me traizoara todo remataba, que me importaban os berros do meu xefe. De camiño á sala o avogado seguía falando, dalle que dalle, sería tan bo porque ganaría por pesado. O outro era o príncipe encantador, sorrinte , amable; seguro que non saltaba á primeira coma min. Odieino a morte desde o primeiro momento. O avogado falando do dereito á intimidade e eu matando ó imbécil aquel. Estaba desexando ve-la cara de Berta, sabería nun momento se me mentira ou non, ¿quen sería aquel tipo?. Ela viña toda contenta, Santi estaba moi serio, pensaría o mesmo ca min.
    
Non, non me enganara, quedou paralizada en canto o viu, miroume, mirou a Santi. Noteille algo raro, non só incomprensión senón que me miraba con odio, coma se lle tendese unha trampa. Estaba nerviosa. Notábaselle que, estaba desorientada por completo. Aquelo tranquilizoume, ela non parecía estalo pasando moi ben, que se joda, un rubio dos cojones preguntando por ela, tanta insistencia en vela, esta tortúrame sen piedade. "Princesa", revolvéuseme o estómago. Non lle quitei ollo ó reloxo, o avogado tampouco, parecía que me estaba controlando para que nos lle sisase nin un segundo, nun momento en que me apoiei na parede el debiu pensar que estaba escoitando porque me agarrou do brazo e tirou por min. De verdade que non pretendía escoitar. Por fin rematara o tempo. Cando entrei aínda foi peor, estaban collidos da man, que noxo, el todo encantador. E claro un bico de despedida. Bueno, teño que decir na miña defensa que non serei tan guapo, nin rubio e terei pinta de chulo de discoteca e todo; pero polo menos cando as bico déixoas máis contentas. Non pareceu gustarlle a maniobra do mexericas aquel, non lle gustaba. ¡Si!, Cris es un campión. El marchou todo cheo levando o avogadiño do demo con el e eu quedei alí pensando que non había máis home ca min. Ela saiu correndo, pasou por diante a toda velocidade, tratei de parala pero escorrejóuseme, que diría Santi; ela polos corredores e eu detrás, ¿a onde ía?¿pero esta de que vai?. Metiuse nos baños, eu detrás. Estaba debaixo da fiestra, parecía que lle faltaba o aire ¿mira que se lle tiña que face-la respiración artificial?. Decidín que xa que me deran outra oportunidade sería bo, así que saquei todo o meu encanto e decidín non deixar que se me escapase pasara o que pasara. Parecía máis tranquila, sería unha desas ataques de ansiedade ou que sei eu. Miroume coma se fose un auténtico cabrón. ¿A min? ¿Ela?. Debe ser certo eso de que cando afrontas unha situación cun sorriso todo vai mellor. Ó escoitarlle que non tiña nin idea de que facía o tipo alí, que non estaban liados, esto é realmente importante, pouco menos que me derreto de gusto. Despois entrou Sonia, a señorita oportuna, e rompeu a maxia. Subimos de novo para a sala e alí estaba Santi.
    
— Pero muller, o do efecto sorpresa está ben; pero as fugas hai que prepara-las un pouco — Santi
    
— Só precisaba aire — Berta
    
— Boa escusa — Santi — ¿onde a pillaches? — mirándome
    
— Nos servicios — dixen, mágoa de cámara, vaia cara que se lle puxo, eu todo natural "nos servicios"
    
Puxémo-lo ó corrente da conversa con Simón, Santi non me quitaba ollo, debíase notar que estaba coma unhas pascuas. O super guapo un merda, e eu o príncipe valente, igual tampouco era así. Agora estaba o tal Fran, reventábame ese tío, non sei, por aquelo de que pensaba que andaba detrás dela, do xeito en que me mirou coma despreciándome; e ela veña a subilo ás nubes, eso aínda me poñía peor. E despois o do xefe, o cabrón do avogado do Simón andivera metendo o nariz, presionando, presionando.
    
— Ese tío non é o avogado de Berta — eu — así que non ten nada que ver neste caso, quería vela e viuna, punto ¿por que lle dás tantas voltas?
    
— Non me gusta que me veñan joder — o xefe
    
— ¿Pero que che dixo, que tan mal che pareceu? — eu
    
— Non me dixo nada, non é só por ese par, esto estase complicando cada vez máis; algo tan simple coma unha confesión e vós andádeslle dando voltas, estades alongando esto e gustaríame saber por que — o xefe, medrando — non quixera pensar que este intento teu — mirándome — por atopar outro que cargue có morto ten que ver con certos comentarios que circulan sobre os teus novos gustos en mulleres. Non vou pensar nin sequera nesa posibilidade porque se comprobo que é certo estás acabado ¿escóitasme? — e para Santi — e a ti tamén, porque para eso ides de dous en dous, para que algún controle a situación cando se desmanda, e máis ben da a impresión de que te sentas a contempla-lo espectáculo
    
Seguiu así durante un bo anaco. Que se o chamaran de arriba, debía ter conversas con Deus porque máis pisos alí non había, que non nos daba máis tempo. Que se non era home nin nada, que perdera a cabeza, que non tiña cerebro. Fíxome sentir coma se fose merda, coma se Berta me estivese manexando ó seu antollo, sabía que non. Mellor dito esperaba que non. O de Simón non facía máis que darme voltas na cabeza, ou nos enfrontábamos cun espía de alto nivel ou Fran lle contara algo, de todo-los xeitos ¿como sabería que estaba na cadea?. Pero aínda que me custe admitilo había algo no que o xefe tiña razón, estáballe dando largas a todo ca esperanza de que obrase o milagre, e igual Berta só era parte dunha maniobra de despiste. Na oficina estábase argallando algo, o que fose e había que descubrilo dunha vez. Tiña que averiguar dunha vez por todas se me enganaba ou non. O desgusto sería grande; pero vivir enganado tampouco era solución.
    
Cando o xefe rematou volvemos á sala sen falar; eu tiña o nervio cambiado, agora Berta parecíame unha bruxa maquinadora e a súa mirada inocente volveu á súa perversión orixinal. Actuei impulsivamente, sen consultar nin pensar, saíume, escoitei nalgures que se as cousas estaban estancadas o mellor era provocar unha crise, e eso foi o que fixen. Mandala para casa, era o mellor, coma nun documental, seguila e estudia-lo seu comportamento en liberdade. Por moi lista que fose nalgún momento habíase delatar, alguén cometería un erro, e alí habíamos estar nós para rematar con todo. No fondo esperaba non enganarme. Santi, Santi é un santo. Ela tan natural, ó seu, despois, cando a estábamos sacando, cando comprobou que falaba en serio, desorientouse, a inseguridade víaselle nos ollos, diría que incluso parecía preocupada ¿por min?, tampouco había que ser tan optimista. Xa me volviu conquistar, o cabrón do xefe tiña razón, gustábame, facía o que facía porque me gustaba. Non quería crer que ela estivese involucrada e aquel "xa che vale", suplicando que non lle cravase máis puñais, fixo que deixase de pensar e mandou o corazón. Cando me decatei a miña man estaba no seu brazo, que fráxil me pareciu, os seus ollos tristes perdidos no infinito. Agarreille a cara cas mans, disposto a enfrentarme ca verdade, cando erguiu a vista souben que non mentía, era a mirada máis sincera que vira na miña vida, doce e verdadeira. Os meus beizos rozaron os seus, sentín un pinchazo, seguía latexando con forza e biqueina. Ó borde do colapso, pareceu calmarse ó sentila súa man, acariñandome o pescozo, a súa voz nun eco, e o seu corpo tan preto do meu. O resto foi puro vicio, hai que decilo.
    
— Es patético — Santi adiviñando o que buscaba — da gusto ver que é certo eso de que a todo porco lle chega o seu San Martiño
    
— Si, fáltache decir que nunca mellor dito o de porco — eu
    
— É certo, esquencíaseme — Santi — ¿que buscas? — con malicia
    
— Son as notas de Berta — eu
    
— ¡Non jodas! eso xa o supoñía, ¿hai algo interesante? — Santi, con segundas
    
— Se entendera o que din saberíao, míraas ti mentres recollo esto — eu
    
— ¿Seica quería redecorar esto? — Santi
    
— Suponse que están ordenadas — eu
    
— ¡Ah!, pois como o criterio sexa o mesmo que o das notas de pouco nos vai servir ¿isto de aquí é un c o un t? — Santi
    
— ¡Que máis da! imos seguir con eso dos apelidos a ver a onde chegamos, poñemos a alguén detrás de Domínguez, de Sofía de Ánxela, de Fran — eu
    
— Acabas antes se dis de cada un dos empregados — Santi
    
— Pode ser que algún sexa insignificante, e para que imos perde-lo tempo — eu
    
— Non creo que ninguén sexa insignificante, así que mellor imos a por todas — Santi — por certo, o xefe está arriba, agardando a que lle expliquemo-la estratexia esta de solta-los culpables sen consultar con ninguén — mirando ós papeis — aquí pon Campos
    
— Non me vaciles — eu, serio — non me vaciles
    
— Que si, tío — Santi, non parecía de coña, xa me estaba emocionando — mira
    
— Vai rascala — eu, mentres remataba de recoller todo
    
— ¿Pois xa me dirás que pon daquela? — Santi, serio
    
Tanto insistiu que pensei que era certo e fun mirar.
    
— Non, non é Campos, debinme enganar — Santi — pon parvo
    
— Pérdete — eu, decepcionado
    
— É a segunda vez que mo dis hoxe, e non fai falta, porque perdido xa estou, gracias a ti — Santi — así que aínda que me desquite un pouco non pasa nada
    
— Vai sair ben — eu, pensando en alto
    
— ¿O que vai sair ben? se polo menos me dixera-las cousas non andaría por aí a velas vir. Có xefe falas ti, e asumes ti a responsabilidade, se non falo para unha cousa tampouco para outra — Santi
    
— Síntoo, sinto non cho consultar, ocorréuseme no momento e pareceume ben — eu
    
— Pois creme se che digo que a min non se me ocorrería na vida semellante cousa, e tamén me podes crer se che digo que non hai ninguén no mundo ó que se lle ocorra algo parecido — Santi
    
— Home, é que son único — sorrindo
    
— Si, un tonto único — Santi — ou o único tonto, como prefiras
    
— Quéroa — escapóuseme
    
— O que me faltaba, non me deas eses disgustos — Santi, finxindo sorpresa — ¿ti?¿namorado?veña, anda, veña; imos ve-lo xefe que a ese si que o queres, e el a ti non digamos — rindo — el si que che vai poñe-las mans no pescozo con moito cariño — pasándome o brazo polo ombreiro
    
O xefe metiuse no despacho cando nos viu asomar, púxose en posición de ataque agardando a que as presas entrasen na xaula.
    
— Supéraste — o xefe — sube-lo listón do ridículo a niveis imposibles
    
— Non sei a que ven esto — eu
    
— Xefe — di Santi cortándonos — o que fixemos foi seguir ca mesma estratexia do micro, daquela funcionou
    
— ¿Sacáchedes algo das escoitas? — o xefe esperanzado
    
— Aínda non — eu — é moi cedo
    
— Daquela a que ven decir que saiu ben — o xefe
    
— A que — Santi — temos un xogador máis no campo, move-la rapaza por aí fixo que alguén se destapase, ponos nerviosos, ¿non si Campos? — a min si, que che vou decir
    
— ¿E? — o xefe
    
— E digo eu que algo pasará se xa non está aquí, fóra a xente fala con máis liberdade, sen precaucións — Santi
    
— Que eu saiba non hai ninguén vixiándoa — o xefe
    
— Pinchámoslle o teléfono — eu
    
— ¿Que? — Santi, que non puido disimular
    
— ¿Non lembras? cando a orde do micro pedín otra para o teléfono dela, por eso fun á súa casa
    
— Ai, si, xa me lembro — Santi, delatándose por completo
    
— ¿É certo? — o xefe, que non tragaba
    
— Si — eu
    
— ¿E quen está con eso? — o xefe
    
— Ninguén, non me pareceu necesario empregalo ata hoxe, non vin a necesidade de involucra-la familia — eu
    
— Pois igual así saberíamos se a chamou Simón ou non — Santi, seguíndome a corrente
    
— Xa ¿cres que non o sei? — eu, afectado — por eso pensei en deixa-la ir, e ver que pasa
    
— Se é así — o xefe, que xa entraba polo aro — poñédeo a andar canto antes, e tédea ben vixiada. Se tedes que ir pola súa casa mellor que vaias ti — mirándome — xa foches antes e non convén que haxa demasiado movemento — estou namorado do meu xefe
    
, aquelo ía collendo mellor cor. O obstáculo número un, salvado.
    
— ¿Quéresme explicar como imos facer para pincharlle o teléfono? mellor dito, ¿como imos pedir agora a orde, se se supón que xa a pediches onte?, o xefe non mira moito o que firma pero vaise escamar — Santi
    
— Non fai falta — eu
    
— ¿Que? ¿que é o que non fai falta? — Santi
    
— Non mentía — eu
    
— ¿Pinchácheslle o teléfono? ¿e por que?, non me digas que o tiñas todo previsto, porque non cho creo — Santi
    
— Pensei que igual nos era útil — eu
    
— ¿E por que non o puxeches en marcha? — Santi
    
— Porque — eu
    
— ¿E por que non nos dixeches nada? ¿que pretendías?¿para que carallo o querías? — Santi
    
— Cousas miñas — eu
    
— Estás mal; pero que moi mal — Santi
    
— Pensei que era unha zorra e que igual nola xogaba; pero despois sentín remorsos, esquencino e non o activei — eu
    
— Menos mal que tes eses lapsus de confianza — Santi
    
— Si, menos mal — eu
    
Saín ó corredor mentres ela estaba no baño, algo poderíamos sacar da casa, non lles dixen nada ós demáis porque non me apetecía que me vacilasen, ía ser algo privado, tiña pensado controlalo eu, só eu. A idea excitábame; pero cando a vin tan derrotada pensei que espiala non era tan boa idea, sentinme mal, coma se a traizoase e esquencinme do tema. Veume á mente de súpeto, mentres me berraba o xefe, e non fun quen de calar, máis me valera. Non había que facer, despois de todo ese era o meu traballo e escoita-la súa voz tampouco ía estar mal.
    
Non escoitei nada, a factura de teléfono non debía ser moi grande; se o fixera na miña casa, precisaríamos a todo o departamento para dar feito, entre o que fala miña nai e o que falan as súas amigas... pediron unha pizza, o irmán quedou ca moza e nada máis. Eu deixei alí a Ramón, que seguise el un pouco, a ansia por escoita-la súa voz estábame matando; así que decidín sair antes da hora e toma-lo fresco. Santi deixoume ir sen moita historia, díxome que se había algo xa me chamaba. Agora era eu o que tiña a derrota escrita na cara. Debía ser máis fácil, ó fin tíñamos campo libre, ela estaba por aí solta e eu tamén. Santi non me contara en que quedara con Berta, para contarnos como lle ía e se averiguara algo, tampouco me importaba. Collín o coche e fun para casa. A medio camiño soa o teléfono, collino sen mirar pensando que sería Santi
    
— ¿Que pasa tío? — Xosé
    
— ¡Home! — eu
    
— Pareces sorprendido ¿agardabas a outra persoa? — Xosé
    
— Si, estou esperando que me chamen do traballo — eu
    
— Pensei que hoxe librabas, debín confundi-lo turno — Xosé
    
— Non, non, é que hai moito traballo — eu
    
— Tómao con calma, pareces agobiado — Xosé — só te chamaba para que baixaras tomar algo, veña home, anímate
    
— ¿Onde estás? — eu
    
— Na Cervexería — Xosé
    
— Espera que xa vou — eu — virame ben distraerme — eu
    
Cando cheguei Xosé estaba falando cunha tía, quedei na barra mentres non vía en que plan estaban. Non me gustaba moito aquel sitio, sempre estaba a tope de xente, xente coñecida; en realidade, eso nunca me molestara ata daquela, veume saudar Isa, a que me faltaba. A tipa esta andaba xogando a facerse a interesante, pensei que lle gustaba e un día entreille, e vai ela e fixo que non sabía de que ía o rollo; tomeino coma unha desas malas interpretacións que fago eu de certos comportamentos feminos e non lle dei máis importancia, non sendo que andiven con ollo. Despois comprobei que só viña falar conmigo cando a andaba rondando algún peixe interesante, non me molestara nunca, ás veces teño que admitir que me aproveitaba bastante da situación; os dous sacábamos algo. Pero torce-la cara e dar con ela non me fixo ningunha gracia. Có seu sorriso estudiado, toda-las súas poses de modelo e esa simpatía desbordante revolviume o estómago. Non escoitei nin palabra do que me dixo, estaba perdido na frase aquela de Berta e de súpeto souben o que quería decir, Andrea tiña razón, a todos nos pasara algunha vez. Eu nunca me decatara; pero había moita diferencia entre as miradas. Berta si que me vía cando me miraba, era eu. Na mirada de Isa non había nada, só insunacións valeiras, poses vanas, fachada. Mirei a Xosé e seguía ó seu, despedinme del cun aceno e marchei deixando a Isa cá palabra na boca. Decidín volver ó traballo.
    
— ¿Pero non marchabas? — Santi
    
— ¿Haberalle que poñer vixiancia, non? — eu
    
— Se queremos que ninguén se decate non, pensaba que ese era o plan. ¿Que pasa, a desconfianza medrou? — Santi
    
— Non — eu
    
— Daquela — Santi con intención — ¿xa a botas de menos?
    
— Vai á merda — eu
    
— Podes ir pola súa casa a ver que tal lle vai — Santi
    
— Xa ¿e eso non sería sospeitoso? — eu
    
— Os veciños pensan que é-lo mozo, aproveita — Santi
    
— Non xogues non xogues — eu
    
— Dígoo en serio — Santi
    
— Rapaces — Ramón — chamou Simón
    
— ¿Simón? — eu
    
— Si ¿non era o tipo ese do avogado? — Ramón
    
— Si — eu — ¿que dixo?
    
— Dixo que quería falar con ela — eu
    
— ¿E ela? — Santi
    
— Díxolle que falase o que quixera; el díxolle que mellor quedaban para xantar mañán, que ían ir a non sei que restaurante que lles gustara moito — eu
— ¿E nada máis? — Santi — ¿non dixeron hora nin sitio?
    
— Si, quedaron; pero non vou lembrar todo de memoria, téñoo anotado, ademáis témo-la gravación por se o queredes escoitar — Ramón
    
— Si eu vou escoita-lo todo con máis detalle — Santi — e ti — mírandome — mellor será que pases pola súa casa
    
— Si, xa vou — eu
    
— Campos — Vázquez — tes unha chamada, case lle digo que non estás, menos mal que me dou por mirar ¿ti non marcharas?
    
— ¿Quén é? — eu
    
— Non lle preguntei, non son a túa secretaria — Vázquez — está alí — sinalando ó teléfono
    
— ¿Si? — eu con pouco ánimo
    
— Ola — ¡Berta!! — Simón acaba de chamar
    
— ¿Que quería?— eu, disimulando, cabrón
    
— Falar — ela
    
— ¿Falar de que? — eu, serio
    
— Non sei, non mo quixo decir por teléfono — ela — terá medo de que estea pinchado — ¿non o saberá?
    
— Ves moitas películas, Berta — eu, disimulando o que podía, debíaseme notar ó lonxe que mentía — ¿e daquela que?
    
— O do pinchazo era broma — ela — quedamos mañán para comer no restaurante onde fixémo-la cea da miña despedida
    
— Ben, moi ben — eu
    
— Bueno, só era eso — tremáballe a voz e a mín o corazón — chao
    
¡Joder! se non cerrellara no teléfono agora sabería o mesmo, porque a tipa é legal, eso que quede claro, e podería falar, decirlle, dá igual vou ir á súa casa.
    
— Veña — eu, seguía có disimule; pero por distintos motivos — vémonos
    
— ¿Non sería? — Santi — si que era, e tanto que era, cando queiras podes deixar de babear e poñe-los pés no chan
    
— Vou á súa casa — eu, acelarado
    
— ¿Para que?— Santi, fastidiando — xa chamou ela para informar, non vexo a necesidade — será cabronazo
    
— Pero eu si que a vexo — eu — así que vou ir
    
— ¡Era broma, home! xa escoitarei a chamada a ver que voz lle puxeches... a de guapo, a de chulo, a de amoroso... morro de ganas, vaite que contigo diante non nos fai tanto xeito rir — Santai
    
— Pois disfrutádeo, que eu farei outro tanto — eu
    
— O micro debéche-lo poñer no seu cuarto — Santi
    
— ¡Non te pases! — eu
    
— Mellor non te pases ti — Santi — e xa sabes a que me refiro
    
— Que si home, que si — eu — pesado, xa me chegou o sermón de antes
    
— Eso espero — Santi desconfiando — bo sinal
    
— Si — eu
    
— É legal, bo sinal — Santi ó lonxe


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega