Sub (Capítulo IX)

Raquel Couto Antelo

n2raquelcoutoantelosub009.html

Capítulo 9

     En realidade perdera a noción de todo, desde que entrara alí todo tiña atmósfera de soño, actuaba por instinto máis que por consciencia. Resultábame unha situación confusa, a cousa era máis grave do que eu supoñía, ou polo menos eso suxería o nerviosismo da última hora. Aínda non dou quitado da cabeza o xeito de mirarme daqueles tipos, sentenciándome. Non sei quen serían; pero tiñan un aire con Domínguez que non mos facía moi simpáticos. Despois papá e mamá, foi duro, menos mal que o tomaron ben. Creo que foi o que máis me custou de todo, aínda pensando ir ó cárcere o que me preocupaba era facerlles dano. Dano en realidade non, porque tampouco se pode decir que fixese algo terriblemente espantoso, nin matei, nin roubei, nin o que para meu pai sería peor, sair espida no.... estou desvariando. Tiña o corazón na gorxa e case se me escapa cando entrou mamá, cas bágoas nos ollos.
    
— Berta, ¿que pasa? ¿que fas aquí? — como agardando a que dixese que matara a alguén
    
— ¿Non farías nada malo? — meu pai, na súa liña — ¿que pasou?
    
— Fixen algo — eu
    
— ¡O desfalco! — di papá interrompéndome, ó Santi escapáronselle as mans ó móvil — tanto decías que non fixeras nada para que te botaran
    
— ¡Papá! ¿que dis? ¿como ía facer un desfalco, toleas ou que? — dixen eu sorprendida do fácil que lle resultaba a meu pai cargarme un morto enriba
    
— Non lle fagas caso, ven desde a casa botando contas de onde meteche-los cartos e se os podemos empregar para facer unha casiña — mamá
    
— ¡Mamá! ¿ti tamén? — eu
    
— Non muller, xa sabemos que non foi eso; pero algo tiveches que facer — mamá
    
— Pinchácheslle as rodas ó mercedes de Domínguez e el cabreouse, claro — papá
    
— Home, eso non se me ocorrera; pero se se lle ocorreu a alguén non teñas medo que aquí o axente xa toma nota de que puiden ser eu — dixen a ver se se decataban de que había xente escoitando e se cortaban un pouco
    
— Cóntanos logo, ¿que foi? — di miña nai, cas bágoas asomando de novo
    
— Non te poñas así mamá, non é nada — eu
    
— Nada, o que se di nada non debe ser, disque tes que quedar aquí — papá
    
— Xa, porque confesei — eu
    
— ¿Pero pódese saber dunha vez que confesaches??? — mamá
    
— Lembrades o que se decía hai un tempo de que alguén manipulaba á xente ca tele e toda aquela historia — eu
    
— Si o dos partidos de fútbol do canal, ben que o lembro, vaia chorradas din — papá
    
— Pois fun eu — eu
    
— ¿Queee? — a meu pai mateino — claro non podía ser outra, non te aguantabas, como a ti non che gusta o fútbol andas jodendo ós demáis
    
— ¡Para xa! — mamá — ¿así que foi eso? ¿e nada máis?
    
— ¿E que máis querías que fixese? ¿que lle metese á xente na cabeza que en lugar de homes tiñan que xoga-las as mulleres? — papá
    
— ¡Hostia! eso non se me ocorrera — eu
    
— Ti dalle ideas, xa está trastornada a pobre. Non me estraña, a culpa é túa, se non quixeses ver sempre o partido — mamá
    
— ¡Hai que joderse! — di mirando para Santi — ti ves como son as mulleres, se a rapaza fixese algo bo había ser cousa dela
    
— ¡Pois si! — dixémo-las dúas á vez, e Santi riu
    
— ¿E vaise ó cárcere por eso ? — mamá
    
— ¡Mamá! — eu
    
— Pois non vexo que teña de malo — mamá
    
— ¡Mamá!!! — eu
    
— ¿Que? ti foches quen o fixo, supoño que a ti tampouco che parecería tan malo se non, non o farías digo eu — papá
    
— Claro que sabía que era algo malo — eu
    
— ¿E fixéchelo igual? — papá
    
— Tamén sabes ti que está mal non axudar a mamá cas cousas da casa máis non lle axudas — eu
    
— A cousa éche bastante distinta — papá
    
— Será para ti, porque o que é para min, a nena — nin quixen mirar para Santi, a nena, case trinta anos, a nena; bueno non me queixo que cando lle chama "o pequeno" a meu irmán que mide case dous metros, aínda é peor — ten moita razón no que fixo, tanto fútbol, tantos partidos. Eu nunca te vira tan contento des que pasou aquelo. Daba gusto ver á xente tan contenta, ¿non me diga que non?— mirando a Santi, que xa era da familia
    
Non sabía se estaban tan histéricos que non asumían o que pasaba ou se o estaban tomando ben, en calquera caso a visita acabou converténdose nunha loita de sexos e miña nai na miña mellor aliada. Meu pai non pareceu darlle máis importancia que a unha trasnada da "nena". Como era serio tratei de deixarlle-las cousas ben claras
    
— Mirade, aínda non sei que vai pasar; pero entre as moitas opcións está a de ir á cadea — dixen moi seria — se hai xuizo vou precisar un avogado, así que a ver se podedes ir buscando algún que serva para algo. Se non, como estou no paro igual podo coller un de oficio
    
— ¡Muller! — meu pai espléndido — xa buscaremos un
    
— De momento non fai falta — eu
    
— ¿Como que non?— miña nai — ¿e eso de non falo sen a presencia do meu avogado? — a miña nai pasáballe algo, debía estar vendo unha película antes de vir
    
— ¡Bo!. De momento o que teño que decir xa o sei, a verdade e nada máis. E o que quero tamén o teño bastante claro — eu
    
— ¿E que é? se nolo queres decir, claro — meu pai todo ofendido
    
— Non ir á cadea — eu
    
— E non, querer tamén eu quero un barco — meu pai— ¿e cres que por pedilo cho van dar? terás que darlles algo— outro que estaba vendo unha película
— Bueno, xa veremos. Vós non vos preocupedes ¿vale? — eu
    
— Cando se entere o teu tío Antonio do que fixeches daslle un desgusto — miña nai
    
— ¡Que dis, muller!, o seu tío é coma ela, hai de vir cunha pancarta para que a liberen, e David con outra. Non se ca familia que temos aínda non sei como non levamos máis desgustos — papá
    
— Tranquilo, verás como todo se soluciona — mamá — ti tamén... mira como está teu pai
    
— Xa o vexo, mamá, e tamén te vexo a ti, por eso vos digo que non vos preocupedes — eu
    
— E en lugar de decirnos eso, por que non tiveche-las mans quietiñas así estábamos todos máis tranquilos — papá
    
— Pois, porque non me dou a gana — eu
    
— Esta miña filla, era pouco matala — papá
    
— Teu irmán está fora — mamá — non o deixaron pasar
    
— Dalle un bico da miña parte — eu
    
— Si, outro elemento, a ver se lle dá por aprender desta e fai obrigatorio o baloncesto — papá
    
— ¡Papá, xa vale! Era un pequeno experimento pero fóiseme a man. Nin vai volver pasar, nin Marcos vai facer tal. Tranquilízate — eu
    
— Habías estar moi tranquila ti se fose eu o que estivese na cadea — papá
    
— Home, non adiante-la cousa que a rapaza aínda ten posibilidades — polo menos non dixo "a nena" — mamá
    
— Papá, se ti estiveses aquí por face-lo mesmo ca min estaría moi orgullosa de ti — eu
    
— Menos coñas, menos coñas, que non é o momento — di meu pai ríndo e dándome unha aperta
    
Miña nai tamén se uniu. Pasou a media hora e eles marcharon, a min levoume para abaixo, quedei alí soa.
    
— Tes sorte — Santi — non hai moita movida hoxe
    
— Si, había ser interesante — dixen toda animada, a visita da familia en contra do que pensaba levantárame a moral, no fondo creo que pensaba que non virían
    
— Se ti o dis — dixo facendo un aceno de despedida — ¿queres algo de comer? — dixo mentres pechaba
    
— Non, non, gracias — eu
    
Aquel sitio era noxento, ulía a humidade; pero cando me vin soa pareceume un palacio, tanta paz e tranquilidade. Non podía máis que sentirme orgullosa por que fixera o que debía, o que ou cría que debía. Supoño que fixen ben en non falar antes con ninguén, habería quen me intentase persuadir; ademáis canta menos xente se enterase mellor. Podía imaxina-la cara de Fran decíndome "así que no disquete non había nada, espabilada". Non tiña moi claro que postura adoptar para esixi-la miña liberdade, unha ameaza cunha nova emisión desprestixiando ó governo ou incitando á poboación a teñirse de rubio platino, daba igual, algo se me ocorrería pola mañán. Repasando o que fora aquel día sentín moita felicidade, orgullo e non sei que, parecía que estaba viva e que a xente me vía, que sabía que exisitía. Doume por pensar que o fixera por chama-la atención, consoloume que, de non ser polo capullazo aquel que falou de máis, eu non estaría alí. E tirada no banco comecei a pensar nel. No tremendamente sexi que estaba cando se puxo ó meu lado na cabina e falamos "extraoficialmente" debía recoñecer que non estaba mal, nada mal. Deixara de lado a voz de "hei nena" e pareceume encantador, jodiuna un pouco ó final, cando volvemos á sala; un alivio en certa maneira, porque non me gustaría remata-los interrogatorios enriba da mesa, acusada tamén de tocamentos diversos á autoridade. A meu pai dáballe. No choque inicial pareceume un imbécil. Ía por aí cos seus aires de, non sei, de chulo decindo "¡dame un bico, guapa!", resultábame incríble que houbese mulleres alí que o aturasen, seguro andaba detrás de todas, tíñame pinta deso. Aínda que conmigo nin o intentara, máis ó meu favor, gústabanlle mulleres mulleres e non coma min. ¿Ou si? a verdade é que me desconcertaba, ás veces tan riquiño e de súpeto convertíase nun ogro. Tardou en pasarme o cabreo da faltada aquela de "a ti gústanche novos", non sei a que viña eso; pero a el que lle importará o que me guste, non quero nin pensar que viñese a denunciar unha violación, a ver se agora só se vai poder salir con el, se aínda mo pedira. E o que me mosqueou foi o que me preguntou o outro do estado civil, cotillas, porque supoño que ese non sería un dato crucial, de cómo argallei a historia esta nin falamos, eso si faltoulles pouco para preguntarme con quen me deitara o día antes. Cheguei a pensar que non me tomaban en serio, case me ofendiu que non me esposasen e me mandasen para a cadea directamente. E que nin unha simple mención a "¿que te induciu a facelo?", "¿que pretendías conseguir?", nada de nada. Nome, enderezo e estado civil, nin que viñera renova-lo dni.
    
Comezou a gustarme cando o vin repasa-lo meu nome. Un xesto demasiado tenro para un duro e cruel policía, e supuxen que igual o xulgara á lixeira. El traía unha libretiña pequena e un bolígrafo, comecei a deci-los meus datos e el escribía, podíao ver perfectamente desde onde estaba. Tiña unha letra pequena e redonda, seguro que fixera moita caligrafía de pequeno, pensei que non pegaba nada ca súa apariencia externa, unha idea un pouco prexuiciosa teño que decir, coma se os tipos grandes non fosen intelixentes ou cultos. Igual era humano e todo. O boli que traía era verde, eso xa me pareceu un pouco excesivo; non debía ser seu porque en canto viu a cor rematou de escribi-lo nome e peidulle outro ó compañeiro, o novo era azul, unha cor un pouco máis axeitada. O feito é que mentres seguía falando, o pouco que falamos, el repasou en azul o meu nome, Berta, ía letra a letra, a modo. Repasouno varias veces. A verdade, é un detalle sen importancia, fíxenme a ilusión de que estaba pensando en min mentres o facía, como cando escribías dentro dun corazón o nome do rapaz que che gustaba. Pareciume tan romántico. Despois dixen a frase máxica e o príncipe desapareceu. Outra das miñas virtudes, facer que a xente desapareza. ¿Estaría enrollado con Andrea? ó principio pareceume que non; pero aquel "espérame" do final mosqueoume, mátanme os celos; ela é guapa e comparada conmigo non che digo nada; ademáis era moi boa xente, notábaselle, se polo menos fora unha pendanga, poderíaa odiar sen remorsos. Para min que coxeaba. Pronto deixei de pensar naquelas tonterías, a miña vida colgando dun fío, a tranquilidade de meus pais en perigo e eu pensando no tipo ese; que, por se non tivese dabondo, ía ser un dos encargados de enchironarme. Antes de quedar durmida volvín ó momento da cabina, para durmir a gusto máis que nada. E así foi.
    
Espertei feliz, coma se durmira no mellor hotel do mundo. Pronto me viñeron buscar Andrea e máis outra axente, dixéronme que podía ir ós aseos se quería. Claro que si, practicamente paso a metade do día no baño, a que non paso durmindo ou paseando. Fun, laveime un pouco, non tiña roupa para cambiarme, nin me decatara dese detalle ata aquel mesmo momento. Intentaría que alguén chamase á miña casa para que me trouxeran roupa limpa. A idea dun estraño revolvendo nas miñas cousas non me atraía demasiado; pero unha urxencia era unha urxencia. Xa estaba vendo a meu irmán escollendo a miña roupa interior, seguro que tiña que facer el a maleta, habíame traer todo-los suxeitadores e unha braga, coma se o vise. El ten as súas prioridades.
    
— ¿Que tal durmiches? — di Andrea mentres lavo a cara
    
— Ben, moi ben. Por certo — dixen — ¿habería algún xeito de que alguén me poidera traer outra roupa?
    
— Si que o hai — Andrea — pero eso vas ter que falalo arriba. Tranquila igual tes razón e non botas aquí moito tempo — dixo con sorna.
    
Subimos e leváronme á sala do día anterior, dentro xa estaban Campos e Santi. Cando entramos érgueronse, pareceume algo un pouco ridículo, como doutro tempo, terían que facelo. Andrea díxome que sentara.
    
— ¿Que queres para almorzar? — Andrea
    
— Calquera cousa, chocolate... — eu
    
— Moi ben — Andrea — agora cho traen, ¿vale? — que encantadora
    
— ¿Vos queredes algo, Santi, Cris? — Andrea
    
¿Cris? non o podía crer, xa decía eu que se me parecía a alguén, era cravadiño a Chris Noth. Igual non se lle parecía tanto; pero non se lle podía negar que tiña o mesmo estilo, e como o outro tamén facía de poli, era fácil asociar.
    
— Eu non — Campos
    
— Non, eu tampouco — Santi
    
— Pois marchamos, axiña ven o almorzo — di Andrea mirándome
    
E saen.
    
Naquel momento sentinme abandonada, eu soa con eses dous. O que andaba sempre de coña estaba máis serio, máis distante. Campos levaba unha camiseta, de marca, quen pode, pode. Estaban mirando un montón de papeis, e seguiron ó seu sen prestarme atención. Eu quedei alí sentada esperando polo almorzo que tardou en chegar, máis ben sería que tiña moita fame, non ceara. Miraban aqueles papeis unha e outra vez, falaban entre eles cousas inconexas:
    
— ¿No catro?
    
— Non, no tres, cuarta páxina
    
— Xa o teño, e dis
    
— Home, a min paréceme
    
Non erguían a vista, debían levar alí xa algún tempo, o cinceiro estaba cheo de colillas. Mentres eu estiven non fumaron, era algo que agradecía; pero nin sequera mo preguntaran, supoño que os fumadores se están sensibilizando cós pasivos. O que fumaba era Campos, podía ve-lo paquete de cigarrillos no bolsillo da camiseta. Chamaron á porta, entrou un señor vestido de camareiro, que debía ser da casa porque o trataron con familiaridade
    
— Chocolate e medias lúas, ¿está correcto? — di sen moito entusiasmo, como se non lle agradase moito servirme
    
— Si — eu
    
— Bos días — o camareiro
    
E marchou por onde entrou. Boteime ó almorzo con toda enerxía que a vergoña me permitía. Ó rematar case me apetecía volver durmir; pero non houbo sorte, Santi miroume e viu que rematara. Fíxolle un sinal a "Cris", a verdade é que o nome soaba un pouco ridículo, igual era Cristobal, que tamén é bonito. Como fose Crisóstomo...
    
— Espero que durmises ben — "Cris" — porque che vai facer falta te-los cinco sentidos a punto — soaba a ameaza
    
— Si, a verdade é que durmín bastante ben — eu ó meu aire
    
Trataba de concentrarme, có da fame non tivera tempo para pensar nada, veña a improvisar.
    
— Nótaseche — Santi — nótaseche, como ves hainos que o pasaron un pouco peor — sinalando a Campos
    
— Bueno, a ver se atendemos ó que estamos — Campos — onte antes de marchar apareceron novos datos sobre este caso
    
— ¿Novos datos? — eu acojonada, pero que novos datos, joder non viría o rapaz do locutorio...
    
— Si, son datos un tanto preocupantes — Campos serio — ou cando menos, van ser preocupantes para ti
    
— ¿Para min?— digo sorprendida — non o creo. Se non lembro mal, onte cheguei aquí confesando se-la culpable dun delito, non creo que poida haber nada máis preocupante ca eso
    
— Non cuspas cara o vento — Santi — sempre pode ir a peor
    
— Pois daquela para que quede claro, se ó presidente lle dou por teñirse de platino non é cousa miñá — dixen, non sei como puiden, Santi riu pero Campos asesinoume ca mirada
    
— Terémolo en conta — Santi, mirando para Campos
    
Campos ergueuse e comezou a pasear pola habitación; pois non, non coxeaba, deberon ser imaxinacións miñas. Dun lado ó outro, mirábao coma ó péndulo dun hipnotizador, se chegan a tocarme na fronte e decirme "durme", alí quedo. Non conseguía tomalo en serio, tan convencida estaba de que todo sairía ben, no único momento en que tomei algo de conciencia foi na visita de meus pais, aínda que non moita porque a verdade é que foi un tanto surrealista.
    
— Bueno, se consegues atopar algo de sentido nesa túa cabeciña, comezamos — Campos
    
— E conseguirei — dixen toda ancha
    
— Ben. Agora vasnos contar con todo detalle, ata o máis insignifcante detalle, que fixeches e como, e de onde sacache-la idea e os medios para facelo — Campos — ¿quedou claro?
    
— Clarísimo — eu
    
— Pois veña — Cris desafiante
    
— Estaba ata as narices de ver fútbol a todas horas, de que a xente só disfrutase ganando e de que certos individuos cobren moitísimo máis ca min e que nin sequera saiban falar. Decidín tomar medidas introducindo uns novos conceptos de ver fútbol, fíxeno empregando o disquete que vos entreguei e cun ordenador. Creo que con esto respondo a toda-las cuestións — dixen máis que tranquila, con chulería
    
— Menos mal que cho pedimos con todo detalle — Santi — que se non a ver que nos decías
    
— Como comprenderás eso non é dabondo — Campos
    
— ¿Non?, pois non teño máis que decir — eu
    
— Xa o creo que vas ter que decir moito máis — Campos — e se non o dis por propia vontade terémoscho que sacar nos
    
— Fixen unha revisión médica o mes pasado — eu, trataba de controlarme, pero non podía — creo que vos convén sabelo
    
A Santi doulle a risa.
    
— Mira ti o que son as cousas, cando acabe con esto eu vou ter que facer outra — Campos — ¿sabes que me estás poñendo dos nervios?
    
— ¿Eu?— có inocente que son
    
— Si, ti e mai-la túa actitude de superioridade — ¿quen eu? — ou do que sexa. ¿Cres que esto é un xogo?
    
— Non, aínda que non o creas tómoo totalmente en serio; pero tampouco hai que dramatizar — eu
    
— Claro, como non vas ir ó cárcere — Campos
    
— Si — Santi — e cómo é eso de que non pensas ir ó cárcere
    
— Teño preparada unha emisión de emerxencia, que cause un desorde social — saiume de improviso, son xenial
    
Non tanto, Campos mirábame fixamente, non me crera nin palabra, é que ás veces son imaxinativa de máis...
    
— Xa — Campos — como di aquí o meu compañeiro, terémolo en conta — riuse, vaites
    
— A ver, Berta — Santi — ó mellor non comprendes a magnitude dos feitos, non se trata só de que trataras de influir na xente por métodos non autorizados, senón que ademáis boicoteache-las emisións dun canal de televisión privado, o que non é moi boa publicidade para eles. Como decircho — para — cabreáchelos moito
    
— Humm — dixen encolléndome de hombros — home non supoñía que me fosen dá-las gracias; pero tampouco me parece para tanto
    
— Pois si que o é, baixoulle o número de abonados de xeito radical — Santi — e sinceramente, non me estraña, quen vai ver un canal no que che van andar có cerebro
    
— Haber, hai de todo — eu
    
— ¿Non me digas que vas face-lo chiste de quen non ten cerebro? — di Campos interrompéndome
    
— Non — eu
    
— ¿Non? — Campos
    
— Non, ía face-lo chiste de quen non ten ideas propias — eu
    
— Xa me parecía raro que o tomases en serio — Campos, xa máis relaxado
    
— De verdade, que o tomo en serio, de verdade — dixen autoconvencéndome máis ben
    
— Dime — Campos — ¿de onde sacache-lo programa ese dos anuncios subliminais?
    
— Atopeino — eu
    
— ¿Atopáchelo? — Campos serio — ¿Onde?
    
— Entre outros moitos arquivos, foi por casualidade, nin sequera sabía de que ía, estiven a punto de tiralo e todo — eu
    
— Santi — Campos — ¿ti enténdesme cando falo?, porque parece que a señorita non me entende moi ben — bota a man ó bolsillo da camiseta e arrepentíndose — ¿Onde? ¿en que sitio? quero o enderezo, localización exacta, ¿píllalo?
    
— Si, xa o pillara antes; pero eso non cho vou decir — eu
    
Nese momento agradecín que el en concreto non levase pistola, aínda me había demandar por causarlle unha alteración nerviosa
    
— ¿E supoño que tampouco me vas decir como conseguiches interrompe-la emisión do canal e colalo anuncio? — di Campos un pouco alterado
    
Non dixen nada, mireino poñendo cara de "se eu poidese" a ver se colaba.
    
— Ben, daquela igual che temos que falar dese asunto tan serio que chegou ós nosos oídos onte a noite — Campos — algo xa che dixen antes; pensábamos que nolo contarías ti, polo menos eso axudaría na túa defensa, aínda estás a tempo. E non penses que traguei o da emisión esa que dis
    
— Fas mal — eu faroleando
    
— Non creo — con voz repelente — tes dous segundos para cambiar de actitude
    
— Non vou cambiar, o que quería decir xa o dixen — eu
    
— Moi ben, pois pon atención porque che vai encantar — Campos macabro, ás veces metía medo; pero estaba tan sexi — temos unha compañeira moi curiosa ¿sabes? en canto oiu falar do tema este da publicidade subliminal doulle por rebuscar nos casos vellos; faino con todos, non te creas nada especial — vaia — e, mira ti que cousas, atoupou algo que che vai facer morrer de gusto
    
— De gusto non sei — Santi — pero para morrer non che vai faltar moito
    
— ¿Que pode ser tan grave?, casos de publicidade subliminal supoño que se darían moitos; pero o que eu fixen non é exactamente eso — eu
    
— Non sei se é exactamente ou non; pero paréceselle bastante, moito, moitísimo, diría eu — Campos — a cousa é que hai uns cinco anos, aproximadamente, produciuse un caso moi grave de manipulación indebida dos medios, e curiosamente — con esa voz de sarcasmo— tamén tiña a súa orixe aquí
    
— ¿Aquí? — eu con sorna
    
— Na cidade — Campos, mosca — quero decir
    
— ¡Ah! — eu
    
— Houbo unha investigación e uns problemiñas de última hora fixeron que non se poidese deter a ninguén. ¡Que cousas! como podes imaxinar, naquel caso o departamento non se luciu precisamente; e como podes imaxinar, tamén, estamos desexando te-la revancha, e mira por onde ti estás no medio de todo
    
— ¡Vamos! — eu algo acojonada — ¿non será moito supor que hai algunha relación?
    
— ¿Supor? ¿quen está supoñendo nada? — Campos — estoucho decindo, o dos "supostos" é para os xuizos e os noticieiros... igual era hora de que foses buscando un avogado
    
— Non, non te cortes, sigue có que estabas, que dis que fixen — eu, no fondo a curiosidade podíame
    
— Pois decía que naquel momento investigouse moi a fondo a unha axencia de publicidade — ¡joder! vaia metedura de pata, estaba morta, Campos mírame descubríndome — parece que che soa o tema
    
— ¿A min? non, de nada, sigue, sigue — comecei a suar
    
— Xa ves, este mundo éche un pano, que cousas, era a mesma axencia de publicidade na que traballabas ti ata hai uns días — Campos o triunfador
    
Non respiraba, a temperatura do cuarto subira de súpeto e perdera movilidade nos brazos, nas pernas xa nin che digo. ¿En que estaría pensando?¿como puiden ser tan inxenua...?
    
— ¿Estás ben? — Campos con recochineo
    
— Si, moi ben — eu — ¿e porque non o ía estar?
    
— Por nada, supoño — Campos, cacho cínico
    
— Onte — Santi — teus pais falaron do despido, de que tiñas problemas e non sei que dun desfalco
    
— Vamos, era unha conversa privada, eso non o podedes empregar
    
— ¿Seguro?— Campos— ti sabías que el era policía, de feito esto é da policía, ninguén te obrigou a decir nada, nin a teus pais... e el non ía tapa-los oídos
    
— ¡El, non tiña que estar alí!
    
— Igual non; pero estaba — Campos
    
— Da igual, o que oiches — dixen mirando a Santi — é o mesmo que nada. O do desfalco é un chiste entre meu pai e máis eu, eso si é facilmente demostrable, a Deus gracias, o que me faltaba — dixen eu para min
    
— ¿Sóbranche os cartos logo? — Campos
    
— Non; pero teño dabondo — eu ofendida — non me fai falta roubar, polo de agora
    
— Non te ofendas — di Campos baixando a cara ata a miña — só era unha coña, xa sabes para facelo máis levadeiro
    
Sentín que me lía o pensamento, aínda que seguro que non, ós homes nos lles dá para tanto. Sentín a súa respiración na miña cara, o seu aire de triunfador, sen compaixón. Querían a revancha, xa o dixera ben clariño. Víñaseme o mundo enriba e non tiña nin idea de que facer. Como puidera ser tan parva para non supor que ían asocia-las dúas cousas; e eu que sabía que a poli se encargaba desas trapalladas. Aficionada, para outra xa o sabía. ¿Para outra? ¡ti non aprendes nunca!!! Non ía haber outra.
    
— Tranquila — di Santi, lanzándome un cable — nin este — mirando a Campos — nin eu cremos que haxa relación
    
— Nós non cremos nada — di Campos acalando ó compañeiro — vas ser ti quen nos convenza, ¿a que agora che está resultando máis interesante todo esto?
    
— Si — cando falaba tiña unha tranquilidade que ata a min me poñía dos nervios — e vexo que a vós tamén — miráronme sorprendidos — porque onte
    
— Onte non é hoxe — Campos — e mellor nos resultaría a todos se as cousas quedasen como estaban cando chegaches
    
— Digo eu — vendo luz ó final do túnel — e se eu non viñese, ¿que carallo faríades vós?
    
— ¿Como? — Campos que se altera de novo
    
— Que se eu non viñese por aquí, nin habíades ter culpable para este caso nin para o outro, o da revancha, xa sabes — realmente conseguira desconcertalos
    
— Si, pode ser — Campos — pero viñeches, xa che enviaremos flores polo teu cumpleanos — di con recochineo
    
— Ou bombóns, se o prefires — Santi rindo
    
— Eso, eso — Campos seguíndo ca coña — sen reparar en gastos
    
— Algo é algo — dixen — por certo, prefiro bombóns
    
Campos adicoume un sorriso encantador e quedóuseme mirando como se me vise por primeira vez.
    
— Decímosche o que temos — Santi — o que nos dixeron e o que sacamos destes informes, que tampouco é moito a verdade
    
— Eso non é asunto dela — Campos cortante
    
Parecía o famoso xogo do poli bo poli malo, ogallá non estivesen xogando. Agradábame a idea que intentasen axudarme.
    
— Daquela sigue ti — Santi — non vaia ser que lle facilite demasiados datos e acabe por corrompernos a todos; ás veces éche así de cabrón — di mirando para min — no fondo non é malo. Pero este caso trástornao e non sei por que, ¿non o saberás ti?
    
Campos contrólao ca mirada.
    
— Porque non me soporta — digo eu
    
— Non, non creo que sexa "exactamente"eso — Santi mirando de esguello a Campos
    
— O que me faltaba, que se aliasen os tolos do Universo contra min — Campos resignado — se me facedes algún caso poderemos chegar a algún sitio
    
— Que si home, que si — Santi — reláxate
    
— Como che decíamos hai cinco anos descubriuse que a axencia na que traballabas manipulaba os anuncios. Actuouse a partir dunha denuncia da organización de consumidores, na que se afirmaba que determinados anuncios provocaban reaccións anómalas nos consumidores: consumo compulsivo, desorientación, e non sei que caralladas máis. As pesquisas comezaron na sede principal da axencia que firmaba os anuncios e pouco a pouco foron derivando na sucursal local. Hai declaracións de moitos dos empregados da axencia daquela época, ó parecer ninguén sabía nada do asunto. Non había forma de demostrar que fora unha persoa en concreto, salvo que alguén se fose da lingua; pero o que si se podía facer era cargar contra a empresa. Supoño que non lle interesaba moito ve-lo seu nome involucrado en semellante asunto, por razóns facilmente comprensibles — eu non lle quitaba ollo, parecía unha desas esceas cruciais dunha peli de xuizos — así que comezaron a soar nomes
    
— Casualidade, casualidade — Santi — ¡Domínguez!, ¿non me dirás que non che soa?
    
— Deso tamén falou meu pai — eu — se ó final... veu uns minutos, chega a pasar aquí unha hora e cáeme a perpétua
    
Rin
    
— Foi o principal sospeitoso durante meses. Para cando se dou conseguido unha orde para rexistra-la oficina xa desaparecera calquera información que o puidese comprometer. Existen moitas irregularidades e contradiccións en todo este embrollo, a orde de rexistro pode tardar uns días, e hai declaracións contradictorias de empregados e despidos misteriosos. E tamén supoñemos que houbo presións desde outras esferas porque se paralizou a investigación, e sinceramente, non era algo imposible de descubrir
    
— Home — Santi — tampouco te tires da moto, sen probas físcas
    
— Ti di o que queiras — Campos — agora tiramos ó lixo o disquete que nos trouxo a señorita — ¿que pasa? ¿non me sabe o nome? moi fina lle debo parecer "señorita" "señorita" — ¿e soltámola porque non hai probas, sabendo o que sabemos? ¡Non me jodas!
    
— Bueno sería un cante; pero en realidade... — Santi
    
— En realidade — mirando para min — fixéchesnos un favor de tres pares de collóns
    
— Teño as miñas razóns para face-lo que fixen — eu — e facervos un "gran" favor non está entre elas...
    
— Algo xa nos imaxinábamos — Santi
    
— Así que viñeches para que non encadearan a un inocente — Campos, có seu ton sarcástico de novo — ¡que nobre! pero non trago, sabes — Santi míraoo estrañado — o pijo ese non tiña nin idea de nada, así que o soltaríamos e listo
    
— Humm — eu baixando a mirada
    
— ¿Sabes, Santi? — Campos — igual o rapaz sabía máis do que pensábamos
    
— Non jodas — Santi con curiosidade
    
— Non mo digas a min — Campos — dillo a ela
    
— Home — Santi escandalizado, mentres Campos sorrí
    
— Para que eu me entere — Campos, colle a silla e séntase ó meu carón mirándome de frente, nesta situación "Cris"— o tipiño ese fanfarroneou con Andrea, para irse de guai, eso é fácil de entender ¿non?— gústalle, que merda — pero de algún sitio tivo que saca-la idea...
    
— Xa — Santi — puido oir campanas polos cibers, a estes piratiñas tamén se lle escapan detalles
    
— Pero ti non llo dixeches a ninguén — Campos atravesándome — ¿non si?
    
— Non — joder, joder, jodeeeeer
    
— Cóntame — Campos, con voz de confidente radifónico — ¿cantos cómplices tes?
    
— Ningún — eu
    
— ¿Ningún? — Campos
    
— Mira agora mesmo penso que son a imbécil máis grande do planeta; pero podes estar seguro de que non ía cargar có morto de ninguén. Son moi nobre, si; pero nada xenerosa — eu
    
— Ben, daquela obtiveche-lo programa ese, non sabemos como — dille a Santi — e emitíchelo, ¿como?
    
— ¿Cunha emisora pirata? — eu
    
— Claro home — Santi — tes cada cousa ¿e con que se non? — Campos sorrí
    
— ¿E onde está esa emisora? — Campos — porque na túa casa nin rastro
    
— ¿Foches á miña casa? — eu
    
— Eu non tiven o gusto, síntoo — Campos — pero os nosos compañeiros si
    
— Joder, e para o outro tardan semanas en consegui-la orde — eu
    
— Xa che dixen que había cousas moi raras en todo esto — Campos
    
— E bueno, ¿que atopáchedes? — por curiosidade, que morbo se chega a ser el o que rexistra a miña habitación, ¿non?
    
— Non moito, non creas — Campos
    
— Que eso non lle interesa — Santi repetindo o ton que lle puxera Campos no seu momento
    
— Home — di desculpándose — ó fin e ó cabo é a súa casa. Pois nada, din que tes unha habitación monísima — falando coma un decorador amanerado — que a toga dourada non che senta nada ben
    
— ¡Gracias! — eu
    
— Muller, eso foi o que me dixeron — Campos de vacile — o programa orixinal, porque non sei se o sabes; pero o que nos trouxeches é unha copia
    
— A min case que me dá que o sabía — Santi
    
— E nada máis, nin rastro dun interrompedor de sinal, nin emisora nin nada que faga as funcións. Ademáis ata apostei con Santi — di sinalándoo — a que non tiñas nin idea da pinta que teñen esas cousas
    
— ¿Non me farás quedar mal? — Santi — dalle na cabeza
    
Baixei a mirada, non sabía moi ben que decir
    
— Polo contido do disco duro do teu ordenador, os teus coñecementos de informática, e non te ofendas, son bastante básicos — Campos, moi sutil el
— Tranquilo, tranquilo, non ofende quen quere — eu — xa o deberías saber, senón quen pode
    
Santi ri, este tío pásao bomba
    
— ¿E, eu non podo? — Deus, estaba tonteando conmigo, non imaxinacións
    
— Non — eu
    
— ¡Que se lle vai facer!; pero razón teño, ¿ou non? — Campos
    
— Unha pouca si — eu
    
— Claro que podías estar disimulando — Santi — e ser unha pirata informática da hostia
    
— Igual si — eu
    
— Esta dinos a todo que si — Campos falando con Santi — coma ós tolos
    
— É certo — dixen— non teño moita idea de informática, como ti dixeches, a básica; pero con eso chega para face-lo que fixen
    
— Chega para organiza-las imaxes — Campos serio — pero non para emitilas
    
— Digamos que utilicei algo que me permitiu facelo — eu
    
— ¿O que? — Campos, serio
    
— ¿Máis ben a quen? — eu
    
— Bueno, ¿pois a quen? — Campos
    
— Sobre esa persoa non vou falar — eu
    
— Era raro — Campos
    
— Non sabía de que ía o rollo, púxenlle o doce en bandexa e como a curiosidade move mundos, pois emitiuno. En realidade estaba segura de que o faría. Esta xente tenche moita inquedanza por descubrir cousas novas — eu
    
— ¿Ves? — Campos a Santi — esto é o que se chama falar de xeito políticamente correcto, eliminando por completo a referencia ó sexo das persoas
    
— Vexo, vexo — Santi
    
— E esa persoa — Campos — ¿é a que ten a emisora?
    
— Non o sei, eu ver non a vin — eu
    
— Si — dille Campos a Santi
    
— ¿E como soubeches que podías contar con "esa persoa"? — Santi
    
— Escoitei unha conversa que me pareceu irrelevante no seu momento; pero que me foi moi útil chegado o punto de poñer en práctica a miña pequena conspiración — eu
    
— Vamos, que te aproveitaches dun deses xenios inquedos — Campos
    
— Basicamente — eu
    
— ¿Coñécete? — Campos
    
— Non — eu
    
— ¿Que foi a través dun chat? — Campos
    
— Non — eu
    
— ¿Non me vas decir cómo? — Campos
    
— Será "nos" — corrixe Santi — que eu aínda estou aquí
    
— Comprendede que xa lle fixen dano dabondo, como para involucralo agora nesto — eu
    
— Eso paréceme estupendo — Campos — pero a nós quen nos garantiza que "quen sexa" non vai seguir cas emisións, ou que non copia o modelo e o adica a outros fins
    
— Non houbo máis emisións despois daquela dos sindicatos, ou polo menos eso creo. E non ten o programa só a imaxe xa configurada, hai unhas claves para descodificala e só as sei eu
    
— E agora nós — Santi
    
— Si, así que vós tamén deberíades ser sospeitosos — eu
    
— Hai que joderse ca tipa esta — Campos a Santi — a nós non nos dá por tolear á xente
    
— Que non o fagades do mesmo xeito non quere — eu
    
— Non me veñas con retóricas, que non cola — Campos
    
— Pois viríavos moi ben unha mensaxe de "culpable entrégate" — eu
    
— Non creas — Santi — quedaríamos no paro
    
— Tamén é certo — eu
    
— Pero tío, non lle siga-la corrente — Campos — ¿ti es meiga?
    
— Creo que non — eu — pero nunca se sabe
    
Petan á porta e entra un axente
    
— Eso xa está — di
    
— Vale — Santi — xa imos
    
Campos érguese e acompaña ó outro axente. Santi queda
    
— Non lle fagas moito caso — Santi — está nunha idade moi difícil — di sorrindo
    
— Xa, xa me decatara — eu
    
— En serio — Santi — é un bo tío
    
— Si — eu — cada vez que un home di doutro que é un "bo tío" resulta ser un cabronazo
    
— ¡Muller! — Santi
    
— ¿Ves? — eu — ¡nunca falla!
    
— Polo menos tes sentido do humor — Santi — outra persoa na túa situación non o levaría tan ben
    
— En realidade creo que non asumo o que me está pasando — eu
    
— Pois se queres un bo consello — Santi — vaino asumindo, porque esto ponse cada vez peor
    
— E chegará un momento en que vaia tan mal que só poida ir mellor — eu — e daquela estarei salvada
    
— Non — Santi — ti de depresión non vas morrer, podes estar segura
    
— Estou, estou — eu
    
Ábrese a porta e entra Campos cun sorrriso victorioso
    
— Berta, Berta — di sentándose onda min, e sen parar de rir — así que da emisora non nos vas decir nada, ¿non?
    
— Non — eu
    
— Non — repite el — pois daquela igual cho teremos que decir nós a ti, ¿que che parece?
    
— A min paréceme estupendo, gústame que me conten historias — eu
    
— Esta vaiche encantar — Campos, mirando cara Santi — ¿dislle que pasen?, están aí fóra agardando
    
— Como non — Santi — ánimo muller — di mentres me pon a man no ombreiro, e sae
    
— ¿Sabes? — Campos — dixéronme os meus compañeiros — mirándome fixamente — os que rexistraron a túa habitación, que atoparan a foto dun tío bastante parecido a min — hai que joderse, vaia panda de cotillas — ¿non serás do meu club de fans? — di case tocándome có seu nariz
    
¿Pero este de que vai???? que se poña a facer abdominais que parece que está de quintillizos
    
— Non — eu arredando a cabeza — é que estou facendo un cursiño de budú e precisaba algo para practicar, xa sabes
    
— Si — el, sabedor de que me gustaba, debía estar máis que colorada, sentía a calor na cara — xa sei
    
— Bueno — di Santi ó entrar, seguindo a conversa ca xente que viña con el — aquí está a elementa. ¿Coñecémonos todos, non?
    
Deus, era o rapaz do locutorio, ¿que coño estaría facendo alí?, ¿e eu que ía decir, que o coñecía ou que non?, ¿quen sería o outro? o avogado, seguramente.
    
— Por se non fora o caso — Santi — Berta aquí che presento a Carlos, Carlos esta é Berta. Este señor de aquí é o avogado de Carlos; pero eso é irrelevante neste momento — Santi tan contento
    
— ¿Coñecíasvos? — Campos mirándonos
    
Eu non dixen nada. A cara do rapaz era un poema, danlle dúas ostias e non queda peor.
    
— Esta encantadora criatura — di Campos sinalándome, ti si que es encantador machote — é a que che enviou a mensaxiña esa que ti dis que non sabes de onde a quitaches
    
— ¿Ela? — di o rapaz sorprendido
    
— Si, ela — Campos — ¿coñecíala?
    
— Non — Carlos
    
— ¿Seguro? — xa estaba este cós "seguros" — e claro — mirándome — ¿ti a el tampouco o coñecías?
    
— Non — eu — xa volo dixen antes
    
— Pero nos non che cremos nin palabra — Campos — ¿ves que malos somos? porque nos resulta un pouco estraño que — mirando a Santi — onte o meu compañeiro vos vise ós dous ó mesmo tempo, mirade que cousas, no mesmo locutorio.
    
Xusto o locutoiro onde ti dixeches que realizaras unha das emisións — mirando para o rapaz
    
— Vale, tío — Carlos — cego non estou, vina cantidade de veces; pero nin sei como se chama, nin onde vive e na miña vida falei con ela
    
— O mesmo digo — eu
    
— Pero ti sabías que el tiña unha emisora — Campos— dixéchelo antes
    
— Eu del non dixen nada — eu
    
— Ben; ¿pero ti sabías que a persoa á que lle mandache-las imaxes, que casualmente é el, tiña unha emisora? — Campos — dalgún lado tiveches que sacar esa información
    
— ¿Sabíalo? — di Carlos mirándome — tía é que me parece alucinante — todo entusiasmado — ¿ti?
    
— Síntoo de veras — eu — non medín moi ben a magnitude das consecuencias cando o fixen; non quería, nin moito menos, meterte en problemas
    
— ¡Que va, tía! — Carlos — é alucinante, cando llo conte ós colegas, nos que te tíñamos por medio autista. ¡Que flipe! ¿como soubeche-lo da emisora?, ¿e o rollo ese que me mandaches? ¿de onde o sacaches? a min que me facía gracia a cara de susto que poñías cada vez que se che colgaba o ordenador...
    
O tipiño estábame mosqueando, paraecía que o trouxeran para tirarme da lingua; pero daba igual, o que quería ocultar a toda costa era a súa identidade e el xa estaba alí.
    
— O da emisora — dixen eu, mentres Campos abría ollos e orellas para non perder detalle — escoteino nunha conversa
    
— ¡Que jodida! — Carlos — un día fixemos unha proba para saber se estabas tan concentrada como parecía e tiramos unha botella ó chan, e ti nin caso, e agora vesme con que tiña-la antena posta
    
— Pois si, non o tomes como algo persoal — eu — non o podo evitar
    
— Non, para nada — Carlos — en realidade tesme impresionado e cando llo conte ós demáis verás
    
— Sigo sen ter nin puta idea de informática — eu — e de onde saquei o que che enviei non vou falar — Campos fixo un xesto de "vaia por Deus"
    
— É impresionante — sigue Carlos — intenteino descodificar e non puiden, ensineillo a un colega que é unha máquina e tampouco puido
    
— O programa ten un sistema de seguridade — eu — non sei que claves e non sei que historias, que non che sabería explicar
    
— Si, eso vímolo, de feito — Carlos — a última vez que o miramos, andivemos fochicando e cargámonos unha parte
    
— ¿E emitiste-lo igual? — Campos
    
— Si, intentamos gravalo en vídeo de toda-las veces que o emitimos; pero non atopamos nada, claro que non se nos ocorreu — Carlos
    
— Vese que é un sistema moi seguro — eu — supoño que por eso que dis de que só emitistes un anaco o efecto foi tan radical
    
— O da famosa negociación — Santi
    
— Si, cando comezou a falarse do da manipulación dos medios — Carlos — decátamonos de que igual tiñamos nos algo de culpa, e non volvemos toca-lo tema
    
— Non sei como pedirche perdón, síntome como a maior embaucadora do universo — eu
    
— En realidade — Carlos — ti só falabas dun partido, e nós abusamos un pouco, como non sabíamos moi ben de que se trataba. Se só o fixésemos unha vez creo que nin se decatarían
    
— Si, eso tamén o creo eu — eu
    
— Claro — Campos — como somos todos tontos
    
— Non quería decir eso — descúlpase Carlos
    
Campos mírame agardando a que eu tamén me desculpe, non me apetecía e non o fixen, polo da foto, ¡que se joda!.
    
— De verdade que me deixas dunha peza — Carlos, de novo — cando cheguei pola mañán contando o rollo e me dixeron que tiñan a alguén máis retido...
    
— ¿Os teus amigos non che dixeron que soltaran ó outro? — eu
    
— Si — Carlos — pero a el non lle dixeron porque o soltaran, eso era o que decía, e supuxen que se fora da lingua, así que vin entregarme antes de que viñesen por min; ademáis non me sentía moi ben, precisaba soltalo dunha vez. ¿Tamén escoitaches esa conversa?
    
— Esta muller éche unha caixa de sorpresas — Santi — ¿non si Campos?
    
— Si, tamén a escoitei — facendo caso omiso dos comentarios — por eso vin, antes de que viñeras ti. ¿E agora que che van facer?
    
— Non lle imos facer nada — Campos — o que vos pasa é culpa vosa, nós non vos facemos nada
    
— Nada — Carlos, pasando deles tamén — requísanme a emisora, unha multa e traballos sociais
    
— E que non se queixe — Campos — que o canal quería a súa cabeza
    
— Xa ten a miña, para que quere máis — eu
    
— Muller, tampouco a tes tan grande — Campos vacilando
    
— Gracias — eu
    
— De nada — Campos
    
— ¿E a ti? — Carlos
    
— O dela é un pouco máis complicado — Santi — como cho diría, moito máis jodido
    
— Se non fixésemos tantas emisións... — Carlos
    
— Non lle deas máis voltas, se a min non se me fose o tarro ás veces... — eu
    
— Foi xenial, tía — Carlos — tivo moita gracia, en serio. A nos dounos moito que facer... ¿e o teu avogado?
    
— Non teño — eu
    
— Se queres déixoche o meu — Carlos — conmigo xa rematou...
    
— Paso do tema, xa mo dixeron estes — mirando ós polis — pero de momento non me apetece que me toleen
    
O avogado de Carlos miroume mal, a min que máis me tiña
    
— Sinto ter que separarvos — Santi — agora que vos coñecedes, vos admirades e vos levades tan ben. Este é un mundo cruel, vamos — dille ó rapaz, que se ergue, tamén o seu avogado e saen os tres xuntos de novo
    
— Véxote máis tranquila — Campos — polo menos agora só te tes que preocupar por ti mesma — eu asinto — elexiches ben ós cómplices, chega a ser outro e nin se presenta — sigo asentindo — ¿así que viñeches porque lle escoitaras decir que ía vir el?
    
— Si — eu
    
— ¿Daquela, pensaches que íamos dar contigo, eh? — Campos
    
— Non, pensei que non íades dar conmigo e que apandaría el con todo — eu
    
— Vaia, sempre confiando na miña capacidade — Campos
    
— Non me refería a ti en concreto; pero xa que o dis — eu
    
— Eso do final sobraba — Campos
    
— Pode — eu
    
— Eso tamén — Campos, fai unha pausa — supoño que unha vez resolta a túa maior precupación, prestarás máis colaboración
    
— ¿Seica vos presionan os xefes? — eu
    
— Mira, a min os xefes súanma; pero xa me tarda rematar esto — Campos
    
— ¿Non che resulta un caso interesante? — eu
    
— Que queres que che diga, encanto — xa saiu o chulo — hai cousas máis entretidas
    
— Vaia — eu — agora xa sei porque non ligo
    
— Referíame ó caso — Campos, docemente mentres me derrito
    
— Xa — eu
    
— O de traballar con casos vellos é un coñazo, sempre atopas un montón de cousas que non levan a ningures — el sincerándose — e o que de verdade che podía salva-lo cú non está
    
— Por esto están pendentes — eu
    
— Gracias por mo aclarar — un pouco picado
    
— Igual tedes esa información diante dos fuciños e non a vedes — eu
    
— Podías cortarte un pouco — Campos — eu tamén teño sentimentos
    
— Tamén te picas por todo — eu
    
— Si, claro — Campos
    
— Referíame a que poden parecer datos irrelevantes e que non o sexan — eu
    
— Aínda estades vivos — Santi, entrando pola porta — menos mal, xa me estaba arrependido de deixarvos sós
    
— Escoita — Campos — que nos vai decir como resolve-lo caso
    
— Eu non dixen eso — eu
    
— Mágoa — Santi — o xefe anda que bota fume
    
— Pois que deixe de fumar — Campos — sigue
    
— Decía que ó mellor hai información aparentemente irrelevante e que ben estructurada — eu
    
— ¿O programa sacáchelo da oficina? — Campos ó gran
    
— Si — quedaron sorprendidos da miña sinceridade
    
— Un delito máis — Santi — cando esto remate aínda che hai ter medo o padriño
    
— ¿Que foi? ¿unha especie de vinganza por te botaren? — Campos
    
— Home, non exactamente — eu
    
— Pero vas por bo camiño rapaz — Santi
    
— Non, realmente non o fixen para vengarme nin nada, eu nin sequera sabía que contiña ata días despois — mentireira
    
— Veña — Santi — sóltao que me estou interesando no tema
    
— Un día cheguei á oficina e chámanme ó despacho — eu — o xefe di que me largan e que antes tiña que facer un balance da situación da empresa e outros informes máis
    
— E buscando información atopaches — Santi
    
— Non, que va; a información xa a tiña, ¿que clase de profesional cres que son? — Campos ri — o caso é que unha compañeira me encargou que atopase unha carpeta dun anuncio que se fixera había anos. Eses arquivos eran un cristo, estaban todos revoltos, e decidírame a ordenalos de paso que buscaba o que me pediran; claro que eso foi un pouco antes de que me despedisen
    
— Claro — Santi
    
— Se non xa llo mandabas buscar á outra — Campos, e con retranca — ¿levabas ti os arquivos tamén?
    
— ¿Sigo? — eu
    
— Sigue — Campos cedendo o paso
    
Conteilles todo o de Fran, o de Sofía e Simón e de como atopara o disquete verde
    
— ¿E porque non lle preguntaches á tipa esa de que ía o rollo? — Santi
    
— Home, supoñíase que non sabía nada — eu
    
— ¿E ela cómo se enterou? — Campos — porque a que tiña a información máis a man eras ti
    
— Xa; pero é que eu non me tiro a Domínguez e ela si — eu
    
— Vaia, vaia — Santi — esto ponse máis interesante por momentos
    
— Sorpréndenos — Campos — ¿como sabes eso?
    
— Obviamente... — eu
    
— Si, ti e a túa parabólica — Campos — ou tes un oído de primeira ou a facultade de estar sempre no sitio máis axeitado. ¿E dis que non coñecías ós do bar?
    
— Non, pasados dos trinta e cinco — eu — non presto moita atención
    
— Xa; pero por debaixo non lle pos límite — Campos — ¿non si?
    
— ¿Desculpa?? — eu xa mosqueda, este sempre chamándome asaltacunas ¿pero de que vai?
    
— E a Sofía esa — Santi, intentando suaviza-la situación — ¿que tal está?
    
— Seguro que vos gusta — eu — é un zorrón, o tipo ideal de calquera home
    
— De calquera, non — Santi — hainos — sinalando a Campos — que as prefiren máis...
    
— Creo que nos estamos desvíando do asunto — Campos interrrompéndoo — fálanos de Domínguez
    
Conteilles o pouco que sabía del, algunha das súas meteduras de gamba máis soadas e algún outro detalle. En realidade sabía pouco del, como persoa, á marxe da súa vida oficial no traballo, non sabía nada de nada. Preguntáronme despois por cada un dos meus compañeiros e por don Tomás
    
— Bueno — Santi — esto non nos axuda moito
— Algo si — Campos — dos que poden saber algo temos a Domínguez e a Tomás — mirándome— ¿cres que xa marcharía?
    
— Supoño — eu — xa hai polo menos un mes deso, ou máis, a verdade é que deixei de levar conta dos días
    
— ¿Volveches ver ós teus compañeiros? — Campos
    
— A un deles, si — eu
    
— ¿E que che contou do traballo? — Campos
    
— Home — eu — deso non falamos moito, que eu lembre nin tocamo-lo tema
    
— ¿E daquela de que falachedes? — Campos curioso
    
— Igual eran cousas privadas — Santi censurándoo — hai xente que ten vida privada ¿sabes?
    
— Contoume dunha moza ca que sae — eu
    
— Tranquila — Santi — non tes porque darnos máis explicacións
    
— ¿Como que non? — Campos — igual hai algun detalle — mirándome— ¿como decías ti? "aparentemente irrelevante"
    
Santi riu
    
— Non — Santi — non creo que ese sexa o camiño. Desde logo, se alguén colleu os disquetes da contabilidade e houbo eses cambios é que algo raro pasou
    
— Ti levaba-las contas — Campos — ¿non notaches nada?
    
— Non — eu — polo menos que se fixese oficialmente non
    
— ¿Hai algún xeito de desviar cartos da empresa, sen que ti o notases? — Santi
    
— Quen di cartos, di movementos do que sexa — Campos
    
— Non, dos cartos da empresa, non — eu
    
— Daquela non terá nada que ver con eso — Santi
    
— Pero — eu
    
— ¿Pero? — Campos a Santi — atende que imos te-la versión surrealista do mundo empresarial
    
— Pero — eu — se os clientes pagaban partes non oficiais a persoal da empresa eu non o sabería
    
— ¿Faríades facturas, digo eu? — Campos
    
— Claro; pero se Domínguez facía algún apaño... — eu — eso de "apaño a caixa, ptas" Facenda non o ve con moi bos ollos — Campos volve poñer cara de ofendido
    
— ¿E que sentido tería? — Santi — ¿para que lle ían pagar máis do presupostado ou do facturado?, axencias de publicidade hai moitas, non fai falta andar untando a ninguén para facer un anuncio
    
— Si — eu pensando en que era un pouco tonta
    
— ¿Sería esa a única posibilidade de movementos irregulares? — Campos
    
— Practicamente si, porque a outra sería que os creativos puxesen máis custo do que realmente levaba o anuncio; pero eso controlábao eu e ían axustados ó máximo
    
— Vamos que de roubar nada — Campos
    
— Non, o meu xefe — eu — sempre lles andaba enriba cós custos
    
— Daquela — Campos — ¿por que cres ti que lle pagarían en negro parte dos servicios?
    
— Por decir algo — eu
    
— ¿E ademáis? — Campos doce, moi doce
    
— E ademáis, porque igual prestaba servicios que non se podían facturar — eu
    
— ¿Eso pensas? — Campos, a min tanto interese derretíame
    
— Ata o de agora si — eu — sempre me tivo pinta de andar có cazo. O que pasa é que, pensándoo ben, se fose así non terían porque desfacerse de don Tomás, o pobre non se enteraba de nada
    
— Eso — Campos — tamén o pensa moita xente de ti
    
— Tamén é certo — eu rindo
    
— De ti, si que se tería que desfacer — Sant i— tarde ou cedo descubriríalo
    
— ¿Ti cres?— Campos imitándome
    
— ¿Cantos anos levabas alí?— Santi
    
— Case dous— eu
    
— ¿E nunca notaches nada raro?— Campos chamándome pardilla
    
— Non — toda natural — quitando que non poidese mira-la contabilidade antiga, e tampouco era raro, ó cambiar de programa
    
— ¿E logo — Campos— que fixeron có outro?
    
— Eu que sei — eu — renovarían os equipos informáticos. Xa vos dixen que o disquete verde era unha copia de seguridade, sería deses días
    
— Xa — Campos — ¿e daquela porque non desapareceu tamén ese disquete?, ademáis dixeches que había outros
    
— Si; pero eran de campañas — eu — igual non sabían que eran, porque non tiñan nome, igual pensaron que eran cousas miñas
    
— Así que o principal sospeitoso é o Domínguez ese — Santi
    
— A min sígueme parecendo un inútil — eu
    
— Igual está disimulando, muller — Campos con retranca
    
— É que me resulta bastante difícil pensar que el poido argallar algo así; pero se se enrollou ca tía máis laretas da oficina — eu — a quen se lle ocorre
    
— En certos temas — Santi — a razón non manda
    
— Tampouco é tan guapa — eu — tiña compañeiras bastante máis guapas, eso si, non terían tanto estómago
    
— Ti á mínima que alguén se descoide sácaslle a pel — Campos
    
— E non son a única — mirándoo fixamente
    
— De momento — di Santi erguéndose — nós imos comer, e a ver que se nos ocorre, xa che mandamos ó camareiro para que che traia algo a ti tamén
    
— Digo eu — eu — ¿non me podería traer alguén roupa e as miñas cousas de aseo?
    
— ¿Para que? — Campos estrañado, este tío é un porco
    
— Pero muller — Santi — se estás moi guapa, non te preocupes; eso si, un pouco branca tes que ir á praia
    
— ¿Eso que é? ¿un chiste? — eu cabreada
    
— Xa falaremos — Campos — ata logo
    
— Chao — Santi chiscándome un ollo
    
Non é que sexa unha maniática da hixiene, ben podo pasar un día sen ducharme; pero é que me sentía mal, el estaba tan preto e eu apestando. Subíronseme as cores de novo ó pensar na foto de Chris, vaia corte que che rexistren a habitación sen avisar, menos mal que lle devolvera a David os playgirl. Xa o estou oíndo, ademáis de que me gustan menores, que non sei de onde o sacaría, habíame chamar salida.
    
Pouco despois entrou o camareiro e recitoume o menú. Pedín a comida e ó pouco xa a tiña diante. Agora era outro, este parecía máis agradable. Comín soa naquel cuarto, pensando que o resto da miña vida, ou polo menos uns cuantos anos, que non habían ser poucos, sería así. Mirándoo polo lado bo, había espabilar; polo menos sairía con paro, e co paro que tiña sen desfrutar, tería tempo para buscar algo, ou marchar fóra chegado o caso. Comecei a pensar en como cambiaría o mundo sen min, nas cousas que aprendería na cadea, todas seguramente moi útiles, facíame especial ilusión o das pontes dos coches, porque nun caso de emerxencia... mira que se me collían manía as que controlaban o cotarro. Comecei a agobiarme; pero de súpeto lembrei que no instituto non pasara, que me levaba moi ben cós macarrillas todos, claro que era porque non me importaba explicarlle-los exercicios, daba igual xa atoparía algo có que negociar. Si animeime, como decía o outro, xa tiña xantar, por min que chova. Tardaron bastante en volver, mentres estaba alí soa, estiven a punto de sair dar un garbeo; pero corteime non fosen correr detrás de min, tirarme ó chan e esposarme, aínda que debo confesar que a idea non me resultaba de todo desagradable, Cris, Cris, non me deixaba concentrarme; sempre fora unha persoa imaxinativa, non me deixaba acurralar facilmente; pero cando un tío me gustaba... Fastidiábame porque me parecía o típico que anda detrás de todas, e non me enganaba. De calquera xeito, aquela situación non podía derivar en nada persoal, claramente el non se ía enrollar conmigo, tamén era mala sorte que o fose coñecer naquelas circunstancias. Ó mellor cando saíse do caldeiro estaríame agardando... ¿seguro?. Non. Nin sequera lle gustaba, ¿por que non?, tampouco estaba tan mal. ¡Odiábame!, ás veces notábaselle tanto que me daban ganas de decirlle que se cortase un pouco, algo de obxectividade era o menos que se podía pedir.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega