O subsolo de Tévellum

Rubén Pérez Pombo

n2rubenperezpomboosubsolodetevellum.html

     Nas terras de Tévellum existe unha igrexa, nas terras de Tévellum existe un castro. Estes dous elementos son moi correntes na Gallaecia, non entanto Tévellum é especial, ten algo que non é normal, algo que a xente nunca poderá entender, chamádeme tolo pero así é: na Gallaecia, provincia de Lugo, preto de Astraguis, inda máis preto de Samos, existe un pobo chamado Tévellum que aparentemente é normal, pero é acó onde me tedes que chamar tolo, porque segundo os meus últimos estudos Tévellum non só é Tévellum, Tévellum é soamente a cara da moeda que podemos ver, a outra cara atópase baixo os nosos pes. Numerosas grutas, covas sen saídas, camiños subterráneos enchen o subsolo de Tévellum. Alí aséntase unha especie parecida ó ser humano, son diminutos homiños, poderiámolos denominar ananos. A súa minicivilización é moi diferente á nosa, eles soamente teñen dous obxetivos na súa vida: custodiar a cadea de ouro que vai dende o castro ata a igrexa, fonte da súa creación e de todo o que existe ó seu arredor. Funcionando esa cadea a modo de luz solar, sen a cal non poderían existir. O outro obxetivo é pasalo ben. Para este último feito organizan numerosas festas, pero moi diferentes ás nosas.
     Outra das súas características é a facilidade que estes homiños mostran para o canto, sobre todo en inglés, influencia que eu considero que provén de Irlanda. Estes ananos teñen moitas facilidades para viaxar aparentemente por esa cadea de ouro. Corre a lenda de que se queres moito unha cousa e lla pides a cadea, que se che cumple ó momento, pero esto soamente lles ocorre a aqueles ananos que teñen bo corazón, os outros achéganse a cadea exclusivamente para poder seguir existindo. Fai un tempo chegou o rumor da potencia sexual das mulleriñas irlandesas, de ahí que agora os ananos do subsolo de Tévellum se adiquen a cantar cancións de U2 sempre á mesma hora, de noite, na única oportunidade que teñen para saír do seu poboado subterráneo, é xusto ahí, cando miran as estrelas e recordan as súas relacións sexuais coas mulleriñas irlandesas, cando cantan as cancións de U2. Resultan estes cantos verdadeiros sentimentos de amor, de desesperación pola imposibilidade de volver amar coa súa mulleriña irlandesa, xa que acó é onde acontece un dos feitos máis terríbeis desta sociedade, as mulleriñas irlandesas ó facer o amor cos ananiños de Tévellum, están a traicionar ó seu pobo, por tal razón, ó pouco de facer o amor cos subtevellunos, así son chamados tódolos ananos e ananas do subsolo de Tévellum, desaparecen converténdose en pequenas estrelas que se colocan como castigo no firmamento de Tévellum, de ahí eses desgarradores cantos dos pobres ananiños, os cales sempre ven a súa amada, pero nunca poden chegar a ela. Para min, é este un dos feitos que inda que parezca contradictorio, explica a sequía que o noso país vive ultimamente, xa que os ananiños cos seus cantos, que non poden ser escoitados por seres humanos, eu coñézoos grazas ó meu can, afastan moi lonxe as nubes que deberían encher de auga os nosos campos, así, de tal xeito, os ananiños sempre poden ver a súa amada, inda que o único que ven son diminutos puntiños dourados colocados no ceo de Tévellum.
     Os pobres ananiños de Tévellum contan cun grande pero diferente exército, este está formado por seres que non son ananiños, son pequenos osiños que saben a golosina dependendo da súa cor, eu sempre prefiro os naranxas inda que non vou ser racista e podería comer calquera deles. Esta posibilidade que teño de comer osiños soldados é grazas ó meu can, xa que nalgunhas noites aparece con algún na boca, quen sabe pero quizais no futuro meu can, o cal creo que é capaz de calquer cousa, liderará unha grande industria de osiños soldado que saben a golosina, o futuro da industria militar estará neses osiños que pouco a pouco irán adentrándose nas nosas vidas, primeiro como golosinas, e nun longo proceso chegará un momento no que ninguén poderá vivir sen eses estupendos osiños, meu can creo que se vai forrar, acabará liderando o mundo.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega