A pomba sen ás

Sole

n4soleapombasenas.html

A pomba sin ás,
a muller sin soños nin traballo nin pan.
O corpo sin mans nin cariño,
sin aloumiños na noite infinita
que nos fai saloucar.

A pomba sin ás,
a muller sin paisaxe de cidade,
sin posibilidade de redención ou perdón,
o Cristo sin Deus.
O home sin avión nin carro,
cos pés enlameados de tanto sachar.



A pomba sin ás
nin brancas cores nin fermosos amenceres.
O neno sin berce nin axóuxere de amor
ou a man do pai canso de traballar
e suar e protesta.
A casa sin fiestra nin aire san
na terra nai.

A pomba sin ás
ou un cento de cativos aplicados
gardados nun mundo de libros
e cadros e xiz e encerados..
e non hai sitio para hoxe,
e non hai traballo.

A pomba sin ás
e un carro alado de ferro
segando na noite,
voando no día,
amosando unha vía,
un camiño de pan
e morte allea.
Pomba vella sin ás nin terra
e continentes cheos de cucos e falcóns,
corvos negros con chaleque,
o porco de pé
e deitado o monicreque.

A pomba sin ás,
serea sin canto nin barco,
a amante sin amor nin home nin lar.
A muller desterrada
que mira o chan, o seu ventre
e a semente que se perde.

A pomba sin ás coma a terra sen verde,
despertar de labrador que non amence
e un mundo a perderse,
insostible entre as miñas mans
e nas mans dos que me herden.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega