Sen tíduo

Viva Galiza Ceive

n2vivagalizaceivesentiduo.html

Outro sábado máis a desfollalas horas
vendidas no mercado sen memória nen nome
non naquel ao que as mulleres levavan
agasallos da Terra subor da testa
nen na praza das noutrora ledas pescantinas
nen tampouco na feira do gando
Vendidas nunha oficina extraterrestre
por homes que cren nun deus
pra que iste non lles deixe pecar contra o que iles mesmos
condenaron por pecado
pois foron eles
os que criaron a ese deus á súa imaxe e semellanza
E a súa fe impedídelles amar
e a súa fe impedídelles comer
e a súa fe impedídelles berrar
e a súa fe impedídelles respetalas outras fes
Nembargantes poden aldraxar ós diferentes
cuspirlle á liverdade
trousar subor dos que respiran
baixo a noite que é noite porque eles queren que seña noite
porque lles interesa que seña noite
que durman uns e que os que esperten
apenas poidan ver
Eles visten roupas todas igoaes
e por ser igoaes teñen un falso valor moito máis outo
ese falso valor no que cren
ese falso valor desfrazado de deus
esa fe que é a mesma fe
dende que os mesmos crentes lle deron vida no maxín
A relixión do diñeiro
A relixión da matéria desaproveitada
Eles mesmos se decataron
e queimaron corpos e corpos e corpos en fogueiras
no nome da fe
Dispois foron aínda máis práticos
e fixeron óleos perfumados
quencendo a pouco lume moitos máis corpos e corpos e corpos
en fornos de metal e de cemento
Mágoa que erraran na maioría dos casos
porque non era esa matéria
a que debían esterminar pra ben da humanidade
Era a própria
pero non eran parvos
esprito algún non tiñan
pero non eran parvos
os sentidos non eran neles outra cousa
que instrumentos da razón
e a razón non era neles outra cousa
que instrumento da súa própria cobiza
Viven nos rañaceus de Nova York
e mais nas torres de cristal prostituído da Coruña
Gastan automóviles xermániocos e ingleses sen fenestras
Xamais son galegos ou escoceses ou bretós ou chechenos
son hespañoles ingleses franceses rusos
da nova Rusia ceive
non da URSS que lles quitou canto non tiñan e podían chegar a ter

Chegará o día en que tódolos que agora se chaman burgueses
perezan baixo a forza dos fouciños
Namentras nós
fagámolo camiño


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega