Vós (eternamente vós)

Xadeiro

n2xadeirovos.html

Vós quixestes que falara
a lingua dos cabalos
que soaba na miña boca
coma as verbas do diaño
secas, duras, malfeitas.

Vós quixestes que renegara
dos meus adentros
pra facerme outro ser
que asolagou a miña alma
e encheuna de tristura

Vós quixestes que observara
con ollos cegos
pra fuxir da realidade
e xantar do prohibido
que doce ficou nos meus beizos.

Vós quixestes que borrara
presentes, futuros, e pasados
pra cravar as frechas do tempo
ben dentro do meu corazón
para logo decatarme
do meu paso imperdurable.

E así rematastedes
pra beber da algarabía
que fuxe nas vosas mentes
cara o lugar de ningures.


Xa non sinto nada
pero hai algo que me esgana
moi dentro de min.

(piedade, non foi aceptada)


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega