Homenaxe en Compostela a Roberto Vidal Bolaño


     Coa publicación d'As actas escuras —promovida polo Concello de Santiago e a editorial A Nosa Terra— dan comezo os actos de homenaxe ao falecido actor, director e autor compostelán Roberto Vidal Bolaño organizados pola Cámara Municipal da súa cidade natal. A obra ve a luz tras permanecer retida durante doce anos pola organización do Premio Xacobeo 1992, que paradoxalmente lle foi concedido e cuxas bases recollían a edición do texto gañador.
     As actividades en honor de Vidal Bolaño —inicialmente previstas para o día 18 e pospostas por causas metereolóxicas— concentraranse o día 26 de outubro e incluirán o descobrimento dunha placa conmemorativa na rúa onde nacera o homenaxeado e a representación da súa obra Doentes polas rúas da súa cidade natal. 



Doentes nas rúas de Compostela

     Catorce puntos da cidade compostelá servirán de marco a esta homenaxe a Roberto Vidal en que participarán máis de cuarenta compañeiros de profesión. As escenas de Doentes serán representadas a partir das 21.30 horas baixo unha ambientación creada por Kukas, Cloti Vaello, Gonzalo Vilas, Os Estalotes e Bernardo Martínez. Se se repetiren as circunstancias metereolóxicas adversas que obrigaron a suspender o acto do día 18, a representación celebraríase a cuberto.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega