3.9.1.1. O P.G. No difícil camiño da
autonomía
O cabo de poucos días da creación do P.G., o
seu C.E. dirixiu un escrito as catro diputacións de Galicia
pregándolles que comunicaran o estado no que se atopaban as xestións
de cara a tramitación do Estatuto (200). O P.G., no remate do mes de
nadal de 1931 non tiña xa grandes esperanzas na xestión das
Deputacións, tanto pola pouca dilixencia que amosaran na laboura
autonomista, como porque na Constitución que viña de proclamarse non se
lles atribuia, en contra do que todos agardaban, a iniciativa
autonómica. Por elo, e por unha serie de razóns xa apuntadas noutro
capítulo, os sectores partidarios do Estatuto creían necesario
elaborar un novo texto e seguir un procedemento distinto. Como queira
que a Constitución non establecía cómo e quén tería de proceder a
redactar o Estatuto que iso sí o decía despois deberían aprobar as
duas terceiras partes dos Axuntamentos, Castelao formula un prego nas
Cortes, no nome dalgúns diputados máis que os dous restantes do seu
partido, pedindo sen acritude para non enturbiar as cordiais relacións
co Goberno que se procedera a encher ese valeiro, precisándose quén
debera redactar ó Estatuto. A situación era difícil, dado que como o
propio Castelao dicía: «Galicia no cuenta con un organismo
oficial que Ia represente, no tiene en estos momentos sus Diputaciones
provinciales constituídas con arreglo a Ia ley y no posee una ciudad
que sea cabeza indiscutible de Ia región» (201). Indalecio Prieto
respostou que fosen os concellos galegos os que formularan a petición.
Consignemos a interrupción de que foi obxecto polo seu correlixionario, o diputado
Muiño, quén aseverou que en Galicia non existía ambiente autonomista, co que non facía máis que actualiza-la
coñecida tese aprobada no Congreso de Monforte (202). Suarez Picallo non
puido permanecer calado e retrucou dicindo que no suposto caso de que
non o houbera, habería que crealo (203). Tanto a actitude de Prieto, e dos
socialistas en xeral, como a dos partidos republicanos que integraban a
coalición gubernamental, era pouco condescendente coa autonomía de
Galicia. Temos así que Casares Quiroga nin sequera fixo valer o
interés autonomista de Galicia permitindo que Azaña, no seu discurso
de presentación ás Cortes, testimuñase somentes o seu apoio ó
Estatuto de Cataluña omitindo calquera referencia ós de Galicia e
Vasconia, co que puña de manifesto a escasa consideración que estas
duas autonomías merecían nas altas esferas do Poder. E máis
marcadamente a de Galicia, dado que ó Pais Vasco polo menos lle
concedera un decreto conferindo ás comisións xestoras das provincias
vasco-navarras o encargo de confeccionar o Estatuto, en tanto que a
Galicia non se lle deron máis que as boas palabra dunha declaración
ministerial na que se expresaba que calquera que fose a orixe da
iniciativa, cando xurdira en Galicia, recibiría o mesmo trato que as de
Cataluña e Euskadi (204).
A interpelación de Castelao era claramente
indicativa de que o seu partido estaba a percurar novas vías, descreído
da xestións das Deputacións. De todos modos, isto non será óbice
para que durante os seguintes meses continúe a reclamar que se active a
tramitación deste Estatuto, ó non perfilarse outra expectativa. As
opinións de «E.P.G.» que reflexan neste momento uns puntos de
vista case que calcados do P.G., aludían claramente a que se necesitaba
unha nova carta que non suscitara as disconformidades das anteriores e
que reunise tódalas garantías legais necesarias para granxearlle o
meirande asentimento posible (205).
De tódolos xeitos, durante o primeiro
trimestre de 1932 seguese a falar de «exhumar» o Estatuto dos
parlamentarios. Coa asunción da presidencia da minoría parlamentaria da
F.R.G. por parte de Gómez Paratcha, A. Villar Ponte e Suarez Picallo
cren chegado o momento de tirar o Estatuto do abandono no que se
atopaba, amparándose no proclamado autonomismo de Paratcha. Villar
Ponte, que reflexa o sentir do sector máis autonomista da minoría da
F.R.G., chega a dicir que de non enmendarse o comportamento dunha amplia
franxa da ORGA, e de ex-orguistas que proclamaban que Galicia tería a
autonomía cando a merecera, tanto él como Picallo abandonarían o grupo
parlamentario (206). Víctor Casas traduce a opinión do P.G. cando,
nun artigo (207), manifesta as suas dúbidas de que a F.R.G. rectificase.
Namentras o Estatuto segue paralizado pola división entre os
republicanos galegos, segundo o devandito galeguista (208), o P.G. lanza
unha campaña de mitins cos que tenta, entre outras cousas, de crear
maior sensibilización popular verbo da autonomía. Deste contacto directo coa poboación poboación falta, como o propio P.G.
recoñece,
de cultura cívica (209) tiran a conclusión de que: «O ambente
autonomista é craro e contundente» (210), cousa na que
reiteradamente insisten para contrarrestar o argumento das forzas
opostas ó Estatuto, que argüian xustamente o contrario. O compás de
espera, que xenerou gran desconcerto e desánimo, interrompiuse cunha
proposición presentada no Concello de Santiago por un concellal e
profesor da Facultade de Dereito, quén vendo que: «Galicia [...]
agitada no hace mucho, por el problema de su propio Gobierno, parece que
lo ha abandonado (o Estatuto), porque, aún respondiendo a un
sentimiento popular y a necesidades vitales, Ias corporaciones de
Derecho público, a quienes, por precepto constitucional, incumbe Ia
iniciativa, no dan muestras de actividad en este orden» (211)
pide que sexa o Axuntamento santiagués quen tome a iniciativa de
convocar a asamblea de corporacións locais. O P.G. bule a sumarse a
esta nova tentativa que, de súpeto, aparece, e o propio Castelao envía
unha carta a Rajoy felicitándoo pola idea (212). O Axuntamento aproba a
proposta e establece un plan consistente en crear unha comisión a
equilibrada composición da cal, a base de dous concellais de dereita e
outros dous de esquerda, era sumamente reveladora que
visitara ós principais Axuntamentos invitándoos a que expresaran a sua
vontade de reunirse nunha asamblea preparatoria, a que asistirían
tamén outras entidades e institucións. Nela deberían acordar si es
aceptaba algún dos proxectos xa elaborados, ou ben se confeccionaba un
novo, que recollese o criterio maioritario e que ademais tivese en
conta a experiencia da discusión parlamentaria do Estatuto catalán.
Unha vegada postos de acordo sobor do proxecto de Estatuto convocaríase
unha asamblea de Axuntamentos para que o sometera o consideración e
aprobase, non sin antes abrir un período de información pública (213). O
P.G. explica nunha nota que evitou deliberadamente ser el quen tomase a
iniciativa, para non complicar máis un problema que xa estaba
enguedellado de máis, envolvendoo nunha loita partidista, polo que
agardou ata que a corporación de Santiago tomou a iniciativa,
adicándose entramentes á galeguización do pobo (214). Manifesta
oficialmente que colaborará nesta segunda tentativa levaba a cabo dende
as institucións, pero precisa como fixera xa antes verbo do proxecto
dos parlamentarios que en canto sexa conquerida unha «cativa
autonomía» seguirá loitando por «[...] un réxime de prena
libertade» (215). Polo demais, da conta da sua proclividade a un Estatuto transacional, por entender que acadalo por consenso entre
as distintas forzas políticas, fosen de esquerdas ou de dereitas, era
«mellor que conquerido por unha agrupación política calquera
[...]» (216). O engranaxe do partido ponse era marcha para
recabar os apoios necesarios para a sustentación da empresa, que con
dilixencia levaban a termo os concellais santiagueses e o propio alcalde
López Pol, e temos así que en Ourense, Risco e o presidente do Grupo,
Peña Rey, acuden a recibir a comisión, e ademais convocan ós partidos
republicanos a unha reunión para tratar a cuestión autonómica (217).
O 3 de xullo celébrase no Paraninfo da
Universidade de Santiago a Asamblea preparatoria do Estatuto de Galicia (218). Asisten a ela deputados, representantes dos partidos e dos
alcaldes dos municipios cabezas de partido. Xaime Quintanilla, que
representaba non ó seu partido senon ós axuntamentos da comarca
ferrolana, tivo unha destacada actuación, sendo elixido para ocupa-Ia
presidencia da mesa. Pronunciouse por un novo Estatuto de concordia,
que fose aceptable para todos. Axiña se revelou que este era o sentir
maioritario. Prácticamente todos coincidían en que se ben o Estatuto
dos parlamentarios fora redactado cando se coñecían xa os artigos
constitucionais que regulaban a autonomía (porén a Constitución ainda
non fora proclamada), faltáballe prácticamente tódolo que se refería
á cuestión económica, concitara animadversións múltiplas e, por ende, non
recollía o criterio do Goberno sobor dos límites da autonomía,
manifestado co gallo da discusión do Estatuto catalán no Parlamento. O
que suscitou maior controversia foi a cuestión de determinar o proxecto
ou proxectos estatutarios que deberían servir de base para a
elaboración dun novo Estatuto. A Asamblea polarizouse arredor de duas
posturas. Unha delas, que tiña como portavoces a Iglesias Corral. Rajoy
Leloup e Reyno Caamaño, inclinábase por basearse exclusivamente no
Estatuto dos parlamentarios, ó que se poderían facer as reformas que
se estimase oportuno. A segunda, defendida por Bóveda, Picallo e outros
afiliados ó P.G., e apoiada polo partido federal de Santiago,
preconizaba que se tomaran como base de discusión tódolos Estatutos,
sen darlle preferencia a ningún, de xeito que a comisión redactora
poidese recoller tódalas ideas positivas que en todos eles se atoparan.
O trasfondo desta polémica era si o Estatuto debería ter o máximo de
competencias que a Constitución permitía, ou tan só aquelas que
Galicia estaba preparada para asumir, segundo o parecer do sector máis
mornamente autonomista da ORGA e outros partidos. Como o mesmo Alexandre
Bóveda declaraba, o P.G. era partidario do Estatuto máximo:
«pero nos damos cuenta de que aquí no venimos más que a hacer una
labor de concordia, a ponernos de acuerdo todos en lo que podamos lograr»
(219).
|
Co cal evidenciaba o espiritu transaccional do
seu partido. Como queira que non se conqueria chegar a un acordo,
corréndose o risco de que se esvaise o espíritu de concordia, os
galeguistas plantexaron e lograron que se aceptara, que fose a Comisión
redactora quen decidise sobor do particular. Procedese despois a elexir
duas comisións. Unha que actuaría como ponencia, composta por dez
membros, elixidos non en base a sua afiliación política senon a sua
preparación técnica, que debería elaborar un proxecto de Estatuto
asesorándose de organismos tales como Cámaras de Comercio, Colexios de
Abogados, etc. (220). Resultaron elixidos: Salvador Cabeza de León,
Decano da Facultade de Dereito e presidente do SEG, Iglesias Corral,
alcalde da Coruña, Eladio Rodríguez González, presidente da Academia
Galega, Manuel Lugrís Freire, membro da citada corporación e patriarca
do galeguismo, Rodrigo Sanz, presidente do Secretariado de Galicia en
Madrid, Montero Díaz, arqueólogo e bibliotecario da Universidade, Rajoy
Leloup, concellal e Decano do Colexio de Abogados de Santiago, Avelino
López Otero, abogado e dirixente do PRG, e ó cabo dous técnicos,
Bóveda e Jacobo Arias del Villar, enxeñeiro forestal. A segunda
comisión, tiña asignado o labor de propaganda, e estaría constituída
por representantes dos partidos.
Na Comisión encargada de elaborar o
anteproxecto do Estatuto, cun criterio integrador (221), Bóveda xoga un
papel sumamente destacado (222). Conquire que se tomen como base de
discusión tódolos anteproxectos existentes, logra que a maioría
acepte a cooficilaidade do galego co castelán (223)
e o seu influxo é
determinante nos apartados económicos. A primeiros de setembro estaba
xa rematado o anteproxecto que se publica íntegro na maior parte da
prensa (224). Abrese daquela un plazo de información pública para que
tódalas persoas e entidades interesadas enviasen enmendas que terían
de ser examinadas pola Comisión. O P.G. aproveita esta fase para teimar
nos seus puntos de vista que non foran tidos en consideración. Son
primordialmente as zonas de Pontevedra e Vigo, e os especialistas en
dereito Banet Fontenla e Carballo Calero (225)
os encargados de plantexar
as enmendas.
Paralelamente prodúcense distintos signos que,
agora alumean con claridade o futuro do Estatuto, agora o arrodean de
inquedantes sombras. Azaña visita Galicia a fins de setembro e nunha
entrevista con Castelao, revélalle que o seu Goberno está disposto a
concederlle a Galicia tanta autonomía como a Cataluña (226). Por
contraposición, Luis Bello, presidente da Comisión de Estatutos,
publica no diario madrileño «Luz», correspondente ó 23 de
setembro, un artigo pouco favorable para os desexos autonómicos de
Galicia. Do mesmo xeito, o presidente das Cortes, Besteiro, efectuou
unhas declaracións á prensa precisando que as autonomías somentes
serían concedidas «según quien Ias pida» (227).
O escomenzar novembro o Consello Executivo do
P.G. adopta unha nova táctica na sua laboura estatutaria. Entendendo
que o Estatuto estaba xa en marcha que era ó que deica agora adicara
os seus esforzos acorda encamiñar a sua propaganda non só a expoñer a
comenencia do réxime autonómico, senon primordialmente a conquerir
apoio as teses galeguistas con vistas a facelas triunfar na Asamblea de
Axuntamentos. As discrepancias do P.G. co anteproxecto que se tería de
discutir nela, estribaban no tratamento, que estimaban insuficiente, dos
artigos referentes ó recoñecimento da lingua galega, ensino, garantías de democracia directa, réxime fiscal e económico, e a
transformación do réxime burocrático e fiscal vixentes. Tentarían,
ademais, de crear un movimento de opinión favorable á formación dun
núcleo galeguista na futura Asamblea Constituinte de Galicia. O cabo
acordou o organo de dirección do P.G. nomear a Sebastián González,
representante do partido na Comisión de Propaganda do Estatuto (228). Os
galeguistas, como xa fixeran antes e seguirán facendo despois, publican numerosos artigos na prensa defendendo a
autonomía. Como en
tantas outras cousas, sobrancea tamén nisto Bóveda, quen nas colunas
dos periódicos polemiza con Vicente Sierra, Isidoro Millán, García
Ramos e Azpiazu, todos eles belixerantes antiautonomistas (229)
que
adoitaban facer publicos os seus escritos nas páxinas de «El
Faro de Vigo», periódico contrario ó Estatuto, que acollía nas
suas colunas a todos cantos artigos contrarios ó Estatuto lle enviaban,
publicandoos frecuentemente nun lugar destacado da primeira páxina;
cando menos isto é o que denuncia o P.G. (230). De tódolos xeitos,
Bóveda entendía que despois de todo non era malo que houbera certa
oposición ó Estatuto, por ser mellor un clima de interés e de loita,
que de pasivo rexeitamento, que xeneraría mais indiferencia e non tería a virtude de estimular os elementos
pro-autonomistas (231).
Transcurrido o período informativo, os
afiliados do P.G. conquiren situarse en varias das Seccións en que se
organiza a Asamblea de Concellos. Concretamente cinco galeguistas son
designados secretarios en catro das cinco Seccións: Fernández del
Riego, Sebastián González, López Durá, Manuel Beiras e Luis Seoane (232). A Asamblea vaise celebrar nun clima bastante favorable para o
Estatuto, pero cunha cuestión perigosa planeando sobor dél: o problema
da capitalidade ó que compre que nos refiramos.
A capitalidade de Galicia era cobizada
fundamentalmente pola Coruña, pero tamén por Santiago, centro
xeográfico, cultural e espiritual de Galicia, ademais de propulsor da
segunda tentativa autonómica oficial, e con certo pintoresquismo, por
Mondoñedo, o valedor da cal, Troncoso Osorio, aducía a superior
espiritualidade desta vila (233). De todas elas, foi Coruña sen dúbida a
cidade máis belixerante. Os ánimos coruñesistas foron alporizados pola
intitulada «Agrupación a Ia Tercera República», entidade
na que no fundamental convivían radicais e radicais-socialistas. Ainda
que en teoría tratabase dunha entidade que postulaba a transformación
da II República, feble e insegura, nunha III República firmemente
enraigañada na entrana popular, na práctica deveu en debeladora da
aspiración de Santiago a se converter na sede das institucións
autonómicas. A este efecto levou a cabo unha campaña de denuncia do
xeito en que se estaba a levar a cabo o proceso autonómico. Tamén o
xornal «La Voz de Galicia» cauterizaba dun modo sistemático
á opinión pública coruñesa enarbolando a reivindicación da
capitalidade. Consideraba insatisfactoria a fórmula establecida pola
Comisión Redactora do Estatuto consistente en pospoñer o problema ata
que a primeira Asamblea de diputados galegos dirimise a cuestión o que
obrigou a ésta a sairlle ó paso (234). Neste clima así creado, reúnese
en pleno a corporación coruñesa, nun ambiente de gran expectación, e o
alcalde Iglesias Corral propon que a Coruña non aceptase a posta en
cuestión da capitalidade que por dereito lle correspondía, e que ó
escomenzar a Asamblea de Axuntamentos preguntase: «si ha lugar a
deliberar respecto a Ia capitalidad», retirándose no caso de que
se lle inferise a ofensa de discuti-lo seu dereito. Compre sinalar, por
ende, que as «forzas vivas» da Coruña apoiaban de maneira
unánime a esixencia de capitalidade (235). A corporación aprobou
unánimemente a tese de Iglesias Corral (236). En medio de divisións e
localismos celebrouse os días 17, 18 e 19 de nadal a Asamblea de
Concellos, que tivo por marco o Salón de Actos da Facultade de Medicinñ.
Ademais da meirande parte dos concellos de Galicia, asistían tamén a
este congreso: deputados, autoridades provinciais e representantes dos
partidos e institucións, como a Universidade. Os galeguistas desempeñaron un papel certamente crucial. Eles foron quen se enfrentaron
a Pita Romero, Iglesias Corral, e outros caracterizados representantes
da ORGA, que pretendían que o Estatuto non podía ser definitivamente
aprobado pola Asamblea, senon que debía ser remitido novamente ós
Axuntamentos para a sua aprobación ou recusación, argumentando que os
representantes municipais tiñan facultades para aprobar o Estatuto que
se presentara á Asamblea, pero non o que sairía dela reformado, o que
se interpretou como unha manobra dilatoria (237). Foi Bóveda non
sen que
antes Otero Pedrayo puxera de manifesto a posición maximalista do P.G.
verbo do Estatuto, a pesares do cal non tiña incomenente en colabourar
á consecución dun Estatuto mínimo quen, ostentando a representación
da Ponencia, polemizou con Iglesias Corral cando este, de forma moi
habil, defendeu o «no ha lugar a deliberar» sobor da cuestión
da capitalidade, engadindo entre fortes rumores que se os galegos discutían o que non debía discutirse, non
terían autonomía (238). O
problema da capitalidade provocou un maremagum na Asamblea, estando a
piques de compromete-lo necesario concerto establecido. Para salvar a
situación os partidos políticos autonomistas plantexaron unha enmenda
ó artigo 36, que era o que establecía que tería de ser o parlamento
galego quen dirimise o problema da capitalidade, en virtude da cal
desaparecería a referencia a que o Parlamento debera designar a
capitalidade, querendo dar satisfacción a Coruña ambiguamente, para
non ferir a Santiago, que na tal omisión debería ver tácitamente
aceptada a sua pretensión a capitalidade, sobor da que non admitía
cuestionamento. A fórmula foi aprobada, pero non conqueriu que a Coruña
dera o seu respaldo, polo momento, ó Estatuto. De tódolos xeitos,
ainda que a representación coruñesa retirouse da Asamblea, os ánimos
dos teimudos coruñesistas apaciguaronse considerablemente (239).
Non podemos esquencernos de sinalar o que o
P.G. conquire introducir no Estatuto, tanto no previo traballo da
Comisión, como tamén no plenario de municipios, e asimesmo o que non
lle foi aceptado. Conquire que o Estatuto recolla a posibilidade de que
se incorporasen ó réxime autonómico galego calisquera territorios
limítrofes, foran ou non municipios (240). O principio da cooficialidade
entre os idiomas galego e castelán foi recollido polo Estatuto despois
dun puxilato verbal, no que a oratoria de Montero Díaz (240
bis), posta ó servicio da oficialidade exclusiva do castelán, causou un tremendo
impacto na Asamblea, e somentes prevaleceu a tese bilingüística,
dempois de que Bóveda pronunciara un dos discursos máis brillantes e
convincentes dos que naquela ocasión se ouviron (e posiblemente da sua
vida) (241). Porén, tal e como quedou establecida, a cooficialidade, que
por exemplo no ensino somentes se permitía a nível primario (242), distaba
de satisfacer enteiramente ó P.G., que pesia todo retirou as enmendas
maximalistas presentadas por Filgueira Valverde e Vidal Bustamante, por
entender que o degrao de conciencia da Asamblea non permitía outra cousa
(243). Estaban, ademais, ainda vivas as negativas resonancias que esta
cuestión suscitara nos anteriores anteproxectos. No eido lexislativo, a
proposta do experto no tema, señor Lezón, a comunidade autónoma recoñecía o «Dereito Foral Galego» e declarábase disposta a
lexislar en base a él. Banet Fontenla foi o encargado de da-Ias gracias
no nome do seu partido ó devandito señor Lezón, polas suas
aportacións, e como especialista que era no tema explicou á Asamblea
como podía chegarse á formación do «Código Foral Galego».
Na parte referida a Facenda rexional, resulta marcadamente perceptible a
mán de Bóveda. Este, da mesma maneira que os restantes membros da
Comisión, sabía perfectamente que as Cortes non aceptarían un réxime
de cupo, similar ó de Euskadi, por mais que resultara grandemente
beneficioso para Galicia. Por posibilismo político o P.G. aceptou que
as bases financieiras autonómicas non fosen demasiado amplias (244). Os
impostos, dereitos e bens, eran os dous apartados que fornecían a
meirande cantidade de ingresos, seguidos da emisión de empréstitos. Á
pericia técnica de Bóveda debeuse que se fixera constar a
posibilidade de creación dun banco galego que podía utilizar as «Cajas de Ahorro» existentes (unha das cales a de Pontevedra
Lérez puxera en pé o propio Alexandre Bóveda) e entidades
análogas. Tamén eran debidas ó dirixente galeguista as argucias
consistentes, unha en crear un sistema de compensacións en favor de
Galicia, aplicable cando e producto da «Deuda Pública» do
Estado tivera como obxetivo invertir en servicios existentes no resto do
territorio, pero que en Galicia dependían non do poder central, senon
do autonómico, por estarenlle transferidos; outra en que a Rexión
podería actuar como axente recaudador de contribucións da Facenda da
República, do mesmo xeito que calquera particular, quedándose cunha
parte do recaudado. Especialmente grata ó P.G. era a desgravación
arancelaria que figuraba no Estatuto a modo de proposición ó Goberno
para que a aplicara no millo e mailo forraxe que entrasen polos portos
galegos, e asimesmo nas materias primas necesarias para as indústrias
básicas galegas. Establecíase tamén que a Rexión estaría
permanentemente representada nas institucións oficiais que regulaban os
aranceis, continxentes de importacións e exportacións, e precios e
tasas da distribución e venda dos productos tanto industriais como
agrícolas. En materia agraria estipulábase que esta era unha
competencia exclusiva da Rexión, así como a de crear institucións
autónomas para a execución da sua específica reforma agraria, pero se
facían importantes salvedades que restaban materias de trascendental
importancia (245). Figuraban tamén competencias en canto ó establecemento
de cooperativas non só agrarias punto este básico para o P.G., por
todo o cal a parte económica tiña o mínimo imprescindible como para
que os galeguistas se decidisen a apoiala. E así o fixo Bóveda, que a
defendeu como portavoz da Ponencia conquerindo unha prolongada ovación
da Asamblea e a retirada das enmendas presentadas polo P.R.R.S. e
Cerqueiras, no nome de varias institucións económicas, ó Título IV,
que foi aprobado por aclamación (246). O P.G.
víu tamén complacido como
se adscribian á Rexión competencias exclusivas na conservación de
monumentos e na defensa do patrimonio artístico e cultural de Galicia,
que non podería ser enaxenado nin levado fora de Rexión. Polo demais,
constaba o recoñecemento da personalidade xurídica da parroquia, ainda
que quedaba revalidado o sistema municipal e mesmo afortalado, dadas as prerrogativas derivadas da
autonomía da administración
local. Pola contra o Estatuto non consagraba a estructura provincial (247)
ainda que tampouco aceptaba a
comarcal, como pretendía o
P.G., pero cando menos abría a posibilidade de que o futuro Parlamento Galego crease a delimitación
comarcal. Puntos do programa do P.G. referentes a participación dos electores no proceso lexislativo
(referendum e iniciativa lexislativa popular) e no control da actuación
gubernativa (designación e revocación de gobernantes, etc.), e
asimesmo o dereito a executar expropiacións e socializacións de
riquezas naturais e empresas económicas, foron recollidos no articulado
do Estatuto. Pola contra, no ensino as competencias non eran moitas (248).
Na solemne sesión de clausura da Asamblea que foi retransmitida por radio para os galegos de América Osorio
Tafall deu a noticia de que o Estatuto fora aprobado por 209
Axuntamentos, dos 319 existentes en Galicia. Traducido a poboación
representaban a 339.000 votantes dos 444.000 das listas electorais. Para
ir cara o plebiscito sobraban votos, xa que abondaría a nível
estrictamente aritmético con que o propuxeran 160 Concellos (249). O
proceso estatutario cobraba novo pulo, e o que foi un dos seus máximos
artífices, Alexandre Bóveda, recibeu xunto co presidente da histórica
Asamblea, Tafall, un homenaxe popular que, por aquelo de que política e
gastronomía están engarzadas por non se sabe ben que extraños
vencellos, consisteu nun banquete en Pontevedra (250).
O Estatuto saído da Asamblea de Concellos
encamiñábase cara o plebiscito nunhas condicións bastante boas, e
dende logo muito mellores que os proxectos precedentes. O que variara
non era a actitude da forza política mais afervoadamente autonomista, o
P.G., que do mesmo xeito que fixera co anterior Estatuto dos
parlamentarios, estaba tamén disposta agora a adoptar unha «posición de
sacrificio», traballando con ardentía por un
Estatuto ó que non consideraba máis que como «unha cativa
reivindicación», postergando as suas arelas maximalistas (251). A
mutación tivera lugar, pola contra, nunha parte destacable da opinión
pública e sobre todo das institucións económicas e entidades e
profesionais, que a estas alturas dempois das sucesivas tentativas e da
aprobación polas Cortes do Estatuto Catalán consideraban que a
autonomía remataría indefectiblemente por chegar tamén a Galicia; xa
que logo, por elemental realismo político o que cumpría era adaptarse
á nova situación. Non foi alleo a este resultado o exquisito cuidado
que se puxera en lograr un Estatuto que gozara de amplio consenso, e na
medida do posible «neutral».
Podemos considerar que, sen demasiado
entusiasmo (252), apoiaban o Estatuto as entidades e partidos que a
continuación sinalamos. En primeiro termo, as Camaras de Comercio votan
a prol da autonomía, (253) ainda que co temor de que se crearan novos
impostos. A mais reticente era a da Coruña, por discrepancias na
cuestión da capitalidade, o que era común ás restantes entidades coruñesas,
incluida a propia Academia Galega (254)
coa excepción da Deputación
(255). Eran tamén favorables ó Estatuto a
«Confederación
de Cajas de Ahorro de Galicia» e as Cámaras da Propiedade (256), a
Asociación de Contables de Vigo, e a Federación Gremial de Patronos desa mesma cidade que tributou unha longa ovación a Bóveda o remate da
conferencia pro-estatutista que pronunciou por invitación da devandita
entidade patronal (257). Apoian, ademais, o Estatuto as Diputacións
provinciais e, o que é novo e fundamental, a meirande parte dos
Axutamentos, con duas importantes excepcións: o concello da Coruña,
por razóns xa mencionadas, o de Vigo, de maioría radical-socialista,
por estimar «que Galicia no está en condiciones para afrontar el
problema ni capacitada Ia región para dar leyes sin preparación
previa» (258); e, con xa menor importancia, compre mencionar a
oposición dos Concellos de Moaña, Mondoñedo e Lugo. Polo que fai, ós
partidos políticos, valerémonos do informe do secretario do «Comité rexional de
Autonomía», Rajoy Leloup, que dispuña
de fontes de primeira mán (259). Segundo el, sectores dalgúns partidos
que se tiñan declarado favorables a autonomía na Asamblea de Compostela,
emprenderon contradictoriamente despois unha campaña «francamente
antiautonomista». Antes de pasar a detallar as posicións
concretas, comenta Rajoy a guisa de introducción, que existían como
forzas políticas de maior implantación as seguintes: «Partido
Republicano Gallego», «Partido Republicano Radical», «Radical Socialista»,
«Acción Republicana», «Partido Socialista», «Partido Federal de Izquierda
Gallega», «Partido Galeguista», «Unión Regional de
Derechas», e os elementos agrarios (sic). Había ademais outras
organizacións políticas, non tan importantes, porque algunhas non tiñan
máis que os cadros de mando e outras se atopaban en estado de
embrión; cita neste senso ó «Partido Republicano
Conservador», o Liberal-Democrático, «Unión Socialista
Gallega», etc. A «Unión Regional de Derechas» acordou
inhibirse, pero non combatir ó Estatuto, deixando en libertade ós seus
elementos para que poidesen, se querían, defender a autonomía (260). A
pesares desta ponderación e ecuanimidade proclamadas, a U.R.D.
amosóuse agresiva co P.G. por considerar a este partido como o
principal valedor do Estatuto (261)
. O PSOE acudiu a Asamblea de Concellos e
alí expuso, por boca do seu diputado Lorenzo, que non se consideraba no
caso de contribuir a crear o sentimento autonomista, pero que si o
Estatuto era aprobado en plebiscito pola maioría dos galegos, a minoría
parlamentaria socialista daríalle o seu respaldo nas Cortes como llo
dera ó Estatuto catalán (262). Verbo do P.R.S.S. o informe de Rajoy
Leloup é bastante parco. Limítase a sinala-lo seu apoio ó Estatuto
manifestado na Asamblea compostelana, e a participación do deputado
García Becerra, no nome da organización central do seu partido, na
comisión parlamentaria que visitou ó Goberno para solicitala
convocatoria do plebiscito. De feito, as cousas non eran tan sinxelas.
Dun modo xeral, os radicais-socialistas pensaban que a diferencialidade
de Galicia non era para tanto, e neste senso criticaban ó P.G. (263). O
partido de Gordón Ordás non actuaba uniformemente (e non era o único
partido que actuaba de tal xeito en Galicia); adoito manifestaban os
seus adherentes un criterio diverso segundo as localidades nas que
residían, nuns lugares a favor da autonomía e noutros totalmente en
contra (264). Destacáronse pola sua belixerancia anti-estatutaria os
radicais-socialistas da zona coruñesa. Polo demais, deron o seu apoio
ó Estatuto: o delegado rexional do «Partido Republicano
Progresista», Alvarez de Neyra, e os dirixentes de «Acción Republicana», Vilanova e Martínez Risco. O
«Partido
Republicano Gallego» era oficialmente autonomista, pero existía un
amplio sector deste partido o mesmo que plantexou inoportunas
cuestións no transcurso da Asamblea de Compostela que non tardaría
en poñer de manifesto a sua mornedade e inconsecuencia. O «Partido
Republicano Radical» distaba de actuar coa cohesión na cuestión
do Estatuto. Globalmente podemos dicir que o seu autonomismo era algo
máis ben programático e formal, que efectivo e sinceiro. Alejandro
Lerroux, en carta datada a 12 de outubro de 1932, comunicou ó comité
autonómico que tería en relación co Estatuto galego a mesma actitude
que tivera co de Cataluña, o que implicaba que o votaría favorablemente.
Agora ben, o «Comité regional» do Partido Radical foi ben
máis reticente cando comunicou oficialmente, o 22 de novembro de 1932,
que se abstería de colaborar na propaganda estatutaria «mientras
no se den garantías de que era el plebiscito [...] ha de haber Ia
libertad necesaria para que Ia votación sea el reflejo fiel de Ia
voluntad de Ia Región y no Ia expresión del deseo de un determinado
partido político[...]». A maior abondamento, Vicente Sierra como
portavoz da representación radical na Asamblea de Compostela, adheriuse
ó Estatuto pero poñendo como condición que no momento en que se
constituise o goberno autonómico, os Gobernos civís e os principais
postos deberían repartirse entre tódolos partidos políticos. Eis unha
das claves que explican as reticencias dos radicais verbo do Estatuto:
como dixera Bóveda (265) os radicais temían que co goberno autónomo se
repetise o que acontecera nos primeiros momentos da existencia do
réxime republicano, e que novamente o P.R.G. monopolizaría tódolos
cargos importantes, quedando relegado o Partido Radical. Somentes o
núcleo santiagués do P.R. era verdadeira e cabalmente autonomista. Con
posterioridade á Asamblea de Compostela bastantes elementos do Partido
Radical como denuncia Rajoy atacaron frontalmente o Estatuto. Por
contraposición á U.S.G. e P.R.F. de Izquierda Gallega, que eran clara e
meridianamente favorables ó Estatuto, o Partido Republicano Liberal
Democrático, liderado por Melquiades Alvarez, era antiautonomista por
entender que o Estatuto atentaba descontra da unidade nacional. De
tódolos xeitos non fixo campaña en contra da autonomía. O Partido
Republicano Conservador (maurista) carecía de organización en Galicia
cando se celebrou a Asamblea de Compostela, pero o diputado Cornide, de
significación dereitista conservadora expresou o seu apoio ó Estatuto.
Respecto das sociedades agrarias, Rajoy sinala que maioritariamente se
adheriran a autonomía (266). No que fai ó mundo obreiro, hai que dicir
que estaba bastante desolidarizado da cuestión autonómica. Somentes
temos datos de que apoiasen o Estatuto o «Centro Obrero de Oficios Varios do Partido Socialista de Laza», a
«Sociedad de
Trabajadores de Bandeira y sus contornos», a «Agrupación
de Trabajadores de Serres» e a «Unión de trabajadores de
Mar y Tierra de Muros». Como se pode ver, ben pouca cousa. Na
C.N.T. somente hai un somero atisbo de achegamento a posturas
autonomistas, encarnado no artigo que Fausto Brand publica no órgano
oficial da CNT-AIT, «Solidaridad Obrera» (267). Este artigo, no
que se defende a autonomía dende supostos anarco-sindicalistas, parece
evidenciar que non tódolos cenetistas estaban en contra do Estatuto,
pero por tratarse dun feito aillado, non ten tampouco demasiado relevo.
O Consello Executivo do P.G. acorda integrarse
na «Comisión Central pro-Estatuto» encargada de levar a
cabo os traballos de propaganda e organización do plebiscito, «sin perjuicio de Ia labor que el partido realice por su cuenta
y sin que ello signifique en ningún caso renunciamiento a seguir
laborando en pro de los principios maximalistas, que los representantes
del galleguismo señalaron en Ia Asamblea de Ayuntamientos, hasta
conseguir el triunfo de los mismos» (268). Destaquemos tamén o apoio
que os emigrantes en Sudamérica prestan o labor do P.G., e dun modo
xeral á autonomía.
A fins de xaneiro de 1933 sae a luz un importante
manifesto suscrito por profesionais e intelectuais de diversas ideoloxías e encadramentos partidarios, pronunciándose polo triunfo
plebiscitario do Estatuto, que aseguraban non era de dereitas nin de
esquerdas (269). Neste mesmo mes unha comisión formada polos deputados
Castelao, Edmundo Lorenzo (PSOE), García Becerra (PRRS) e Paratche (PRG)
entrevistouse co ministro de Gobernación, Casares Quiroga, que estaba
á sazón atrafegado por mor dos levantamentos anarquistas e os
dramáticos acontecementos de Casas Viejas (270)
(«En estos momentos
de graves preocupaciones para el pobre Casares, que no duerme»,
decíalle Paratcha a Castelao), transmitíndolle o desexo de Galicia de
celebrar o plebiscito en febreiro, con anterioridade ás eleccións
municipais. As razóns desta premura foron expostas por Castelao do
seguinte xeito (271): a petición do plebiscito era anterior á
convocatoria das eleccións municipais; de celebrarense antes éstas
quedaría cortocircuitado o entusiasmo xenerado pola Asamblea de
Santiago; a competencia dos partidos na campaña electoral
imposibilitaría o necesario clima de armonía, que era algo esencial
para o éxito do plebiscito; ó cabo, os novos Concellos formados
despois das eleccións poderían seren contrarios ó Estatuto. Casares
amosouse moi reticente pretextando que non era serio celebrar o
plebiscito no domingo de entroido (celebración coa que efectivamente
coincidía a data prevista), e que ademais non se podería contar para ese
día co novo censo electoral que o Goberno estaba a elaborar (272). Castelao
viu con grande tristura como os seus compañeiros puñanse do lado do
Ministro, o tempo que Casares aducia tamén que en Galicia non existía
suficiente ambiente autonomista, mostrándose molesto de que estivera
sinalada a data do plebiscito no documento elevado ó Goberno, e
manifestando gran preocupación por quen tería de ser o Presidente de
Galicia e, asimesmo, por quen ocuparían as Consellerías, estando en
contra de que Otero Pedrayo desempeñase a de Instrucción. Conqueriron
logo os comisionados entrevistarse con Azaña, quen acolleu o asunto con
interés, quedando en comentalo con Casares e levalo ó Consello de
Ministros. Nesta segunda reunión, Gómez Paratcha plantexou o problema
do censo con afán obstrucionista, polo cal Castelao montexouno de «traidor» no seu informe
(273).
Nunha conferencia pronunciada en Marín no mes
de febreiro de 1933, Bóveda recapitula os actos de propaganda
autonómica efectuados polo P.G.: 196 en total (273
bis). Esta actividade concienciadora
non tivo como complemento a benevolencia oficial. Ata o 27 de maio
despois de celebradas as eleccións municipais non apareceu o Decreto
da Presidencia do Consello de Ministros facultando o Comité designado
na Asamblea de Santiago para someter a referendum plebiscitario o
Estatuto galego (274). A primordial razón da demora, segundo o
recoñoce alguén tan pouco sospeitoso de exaltación amén de correlixionario do
ministro da gobernación Emílio González López (275), foi a renuencia
de Casares. Para os galeguistas este retraso creou desconcerto e
desánimo entre os autonomistas. Fixo ademais que os nemigos da autonomía colleran pulo e se envalentonaran á vista do desprecio con
que trataba o Goberno a cuestión autonómica de Galicia (276). Neste
paréntese de cinco meses a ofensiva contra do Estatuto chega a cotas de
bastante intensidade. A «Agrupación a Ia Tercera
República», as dereitas e os radicais que agora dicían que non
estaban conformes con algúns puntos do Estatuto sumaban azos neste
común empeño. Dende as páxinas gasalleiras de «El Faro de
Vigo» que fora o único xornal que se negara a publica-lo
Estatuto (277) Isidoro Millán, Gárcía Ramos, Vicente Sierra e José
Valledor, combatían sañudamente a autonomía (278). Por contraposición, a
campaña de propaganda autonómica levada a cabo pelos partidos agrupados
no Comité Pro-Autonomía foi francamente feble. O P.R.G. colaborou nela
en moi escasa medida e soamente o P.G. se entregou con tesón a unha
campaña de mitins. Para reforzala o P.G. patrocinou a película de
propaganda autonómica «Por unha Galicia nova», realizada pola empresa
«Folk» de Pontevedra (279). Unha gran parte da
propaganda a prol do Estatuto canalizabase ó traveso doutro medio deica
agora tamén inédito nas lides políticas: a radio. A este efecto
instalouse unha estación radio-emisora en Santiago dende a que
adoitaban darse noticias e conferencias autonomistas (280). A inactividade
do P.R.G. e a actitude do seu representante no Goberno crearon unha
situación tan difícil que o Consello Executivo do P.G. ordenou ós
seus diputados, poucos días denantes da aparición inesperada do
decreto, que de continua-Ia demora abandonasen o Parlamento (281).
O Comité Central do Estatuto fixou a data do
plebiscito para setembro de 1933 (282). Acordouse tamén facer unha intensa
campaña estatutaria que durase todo o vran, pero axiña tornou a
reaparecer a apatía na meirande parte das forzas políticas
comprometidas co Estatuto. O P.G., que invocaba unha e outra vegada a
necesidade da unión de toda Galicia, por riba de partidismos e
divisións de clase, non pode evita-Ia censura ós outros partidos pola
sua mornedade manifestada no pouco dinamismo propagandístico (283).
No mes de xullo ten lugar en Santiago o primeiro
gran acto da campaña
pro-estatuto, convocado polo C.C. de A., e o P.R.G. non asiste. Os
galeguistas alporizanse e non cesan xa de criticar ós partidarios de
Casares, co cal dende logo non contribuen a incrementar o seu interés
polo Estatuto (284). Desoen deste xeito os prudentes consellos dados a
Bóveda por Correa Calderón (285).
Para maior desesperación do P.G. as
Diputacións e Concellos (organismos nos que era hexemónico o partido
de Casares) non se decidían a aporta-los recursos económicos
necesarios para sufragar a campaña, que, daquel xeito, distaba de acadar
a forza necesaria para superar a barreira dos dous tercios; ademais, os
partidos integrantes do C.C. de A. non procedían con dilixencia na
constitución dos comités provinciais e locais de propaganda. O P.G.
fai todas estas imputacións nunha xuntanza do C. C. de A. e convoca
unha reunión extraordinaria para tratar o tema do incumplimento destes
acordos (286). Nela o P.G. apoiado polo seu afiliado Alonso Ríos que
representaba á «Federación Provincial Agraria» critica a
inconsecuencia dos partidos gubernamentais, Deputacións e demais
organismos que dependían deles, e recaba a libertade de expoñer a sua
posición ante o Pais Galego, para non ter que compartir as
responsabilidades polo incumplimento. Pero ainda que se arreda do
Comité, deixa unha porta aberta a futuras colaboracións sempre e cando
estivera disposto a acometer con seriedade unha intensa laboura
autonomista (287). Daquela o C.C. de A. escomenza a perfila-lo seu
diseño
organizativo nos niveis inferiores coa colaboración do P.R.G. (288),
partido que se ben promete «emprender sin nuevas dilaciones una activa propaganda en favor de Ia Autonomía gallega [...] (289)»,
mantén pola contra o criterio de sinalar a data do
plebiscito «en el momento mismo en que se estime que Ia labor de
estudio de los problemas que suscite Ia autonomía y su propaganda
aseguren un feliz resultado» (290). Que o P.R.G. dixera a estas
alturas que era necesario estudar os problemas que plantexaba a
implantación do Estatuto, foi considerado polo P.G. como unha bulra e
unha provocación.
Habida conta da confusión e desorientación
reinantes, o C.C. de A. convoca unha reunión dos representantes das
forzas políticas, sociais e económicas, para o día 3 de setembro en
Santiago, na que se decidiría se Galicia proseguiría a campaña
autonomista ou ben a abandonaba (291). A xuntanza, que tivo que ser
sucesivamente aplazada ata o día 17 primeiro (para non coincidir coas
votacións para vocais do Tribunal de Garantías Constitucionais)
celebrouse ó cabo o día 28 sen a asistencia do P.G. que actuaba ó
marxe das demais forzas políticas (292). Os galeguistas ó longo deste
vran continúan co seu labor de propaganda autonomista, por medio de
mitins fundamentalmente, pero tamén polemizando na prensa cos
antiautonomistas. Esta firme actitude dos nacionalistas acarréxalles
críticas e ataques como os proferidos por Rivero, Martínez Morás e
Suarez Ferrín, no mitin anti-estatutista celebrado no Teatro Rosalía
Castro da Coruña o primeiro domingo de setembro (293). De tódolos xeitos
o P.G. non conquire, nin con moito, suplir coa sua soa actividade a
propaganda que os demais partidos deixan de facer, e ó cabo o desánimo
cunde tamén nas ringleiras galeguistas (293 bis).
Paralelamente o P.G. firma o pacto de Galeuzca
e recaba en especial o apoio dos dirixentes catalanistas para o Estatuto
galego. Neste contexto tivo lugar unha importante reunión en Barcelona
entre Castelao e Cambó, no transcurso da cal (294)
o lider da Lliga puxo
de manifesto a urxencia de que os Estatutos vasco e galego se
presentaran denantes da disolución das Cortes constituintes, porque con
gran sagacidade abesullaba que as que habían de sucederlle, de probable
significación centro-dereitista, ó seu ver, non os concederían, pero
en cambio era factible que respetaran os Estatutos concedidos xa. Cando
menos, Cambó comprometíase a presionar para que fosen respetados. Por
todo elo, Castelao insta a Bóveda, no informe que lle envía da sua
conversa co dirixente da Lliga, para que os galeguistas fixeran un magno
esforzo orientado cara o rápido triunfo plebiscitario do Estatuto e a
posterior aprobación polar Constituintes. Segue a relatar Castelao que
Cambó aseguraba que para gañar o plebiscito compría dar pucheirazos
como se deran en Cataluña «onde ninguén votou por non existir
controversia i estaren todos os partidos de acordo» (295).
Castelao botoulle en cara o egoismo dos cataláns, que en 1933 vían a
necesidade de que se aprobaran outros Estatutos para asegurar o deles e
por elo mostrabanse prestos a solidaridade, en tanto que pola contra non
viran esa mesma urxencia cando se discutira a Constitución, e
insolidariamente consentiran e votaran unha fórmula plebiscitaria: «Que fai imposibel de todo punto o honrado triunfo do
plebiscito» (296) Cambó defendeuse decindo que os cataláns non
actuaran movidos por egoismo, senón que sinxelamente non sopesaran
dabondo a cuestión. De todolos xeitos deixou claro que para eles o
triunfo dos dous Estatutos citados era básico, entre outras razóns,
pola posibilidade de que se concedera a Galicia ou ó Pais Vasco unha
fórmula económica distinta da deles, que abriría o camiño para a
modificación da catalana, que non a consideraba satisfactoria.
A crise gubernamental de setembro, supuxo para
o P.R.G. a perda dos seus recortes institucionais en Galicia, que
pasaron así a máns de membros do Partido Radical que, como denuncia
Rajoy, eran nemigos da autonomía, co cal existía o risco de que os
utilizasen para presionar en contra da aprobación do Estatuto (297). A
pesares delo o Comité de Autonomía, que tiña unha actividade máis ben
escasa, sitiado económicamente como estaba polos organismos galegos que
non lle remitían fondos (298), resolveu convocar o plebiscito para o 17 de
nadal. O P.G., que non asistira a xuntanza celebrada polo C.C. de A. o
28 de setembro, de conformidade coa política de non colaboración que
viña seguindo últimamente, adicado como estaba a denunciar «ante o noso País a farse e deslealtade de que o están facendo ouxeto ises
falsos autonomistas» (299), enterouse pola prensa do acordo,
estimandoo oportuno. Para o P.G. era crucial sacar adiante o Estatuto
canto antes, por iso vía ben a próxima convocatoria do plebiscito, sin
deixarse arredrar nin pola expectativa dunhas eleccións inminentes que
problematizaban o triunfo do Estatuto, nin polo, feito de que os
radicais controlasen a maior parte dos Gobernos Civis e Diputacións (300).
Vía as cousas polo lado positivo, crendo cun chisco de inxenuidade
que o P. Radical xa non se podía opoñer o plebiscito alegando que o
P.R.G., que era quen controlaba anteriormente as instancias oficiais,
podía establecer un novo caciquismo, e, a sua vegada o P.R.G., que xa
non detentaba o ministerio de Gobernación, non podería seguir
pretextando que non traballaba con entusiasmo polos seus postulados
autonomistas, por medo de que o poideran tachar de impureza. Con todo e
parecerlle ben a convocatoria do plebiscito para o 17 de nadal, o
Consello Executivo do P.G. segue firme na sua actitude de non acudir ás
xuntanzas do C.C. de A., ainda que volta novamente a precisar que
colaborara con él cando demostre con feitos unha sinceira rectificación
«da conducta de deslealtade que se tivo coa
Terra» (301). Enrique Rajoy, que traballara con gran entrega e
adicación á causa do Estatuto, pide, facendo gala dun voluntarismo que
nos recorda ó do P.G., que a próxima contenda electoral non se
plantexara como batalla entre dereitas e esquerdas, senon como campaña
xa estatutista entre galegos e antigalegos (302). O empeño era inútil e o
propio Rajoy desalentado de que non se lle proporcionasen a C.C. de A.
os medios indispensables para o comprimento do seu cometido, renuncia a
seguir sendo o seu secretario xeral (303). Sobrada razón tiña Antón Villar
Ponte cando argumentaba que as eleccións de novembro, pola importancia
que tiñan, relegarían o plebiscito a segundo termo, polo que sería
oportuno o seu aplazamento (304). Non conqueriu convencer a ninguen. Pero
en realidade o único que aproveitou a campaña electoral para facer de
paso propaganda estatutaria foi o P.G. (305). Tiveron que gañar as dereitas
as eleccións para que todos, P.G. e C.C. de A. incluídos, se
convenceran tras dun primeiro momento de vacilación (305 bis)
da
inevitabilidade de aplazamento «sine die» da votación do
plebiscito, posto que entrega-lo proxecto de Estatuto ás novas Cortes
sería segundo a expresión de Alvarez de Neira: «tanto como
colocar un obxeto artístico de vidrio, debaixo dos pes dunha
cabaleiría» (306).
NOTAS:
|