A Música dos Tempos

 

O mar daquela infancia

Páxina Seguinte

v2puravazquezmusicatempos001.html
Dedico:
          A miña irmá Dora e a miña familia toda. A Ourense, o meu berce. A meus amigos e amigas todos, en especial aqueles que mais me quixeron e quixen, e que ei de querer mentres que viva. Os amigos e editores que me proporcionana o pracer de ver aínda publicado iste libro, que é o último que escribín e que pode ser o derradeiro que vexa xa publicado.
          A todos o meu cariño, desde esta hora sinxela.


                                                                Pura Vázquez











O MAR DAQUELA INFANCIA


Esta louvada mar de ulido a infancia.
Aurora da nenez. Mencer doutrora.
Mar de cantigas gaias e amarantos.
Redonda Mar, fronteira dos regresos.

Adondada vixilia a dos abrentes
para a nena que fun de arela pura
onde xurdían bosques e raíces
pue me levaron lonxe coas lembranzas.

Resíos abrollantes coas saudades
polos cómaros altos o soñado.
Os axexos e os nimbos dunha vórtice
nos ámbitos luarentos das volallas.

Anxos de luz. Luz fonda que arrodean
a fronte deste deste mar. No seu misterio
co esplendor da beleza. A lábil gracia
e onde perduran sebes invisibles,
chuvias lustrais. Pleamares enleadas.





BISBARRA DESTA DOR


Quixen coller do vento o salgadío pulo
da flor brillante i-o arelar que fire.

O noitébrego xeo das derrotas.
Os saregos do saibo dos meus beixos,
e a beleza das praias relembradas.

Voráxes do meu tempo e luces nídias
voltarían cal dornas fuxitivas
de ribeiras que alongan ó infinito.

Detrás dun mar lonxíncuo de soidades
ateime contra o gris agraz de nube
coa opulencia marela das mimosas,
os abrochos e os érvedos. O luxo
primaveral de herbiñas e camelias.

vou na bisbarra desta dor chegando
ata un destempo alto e repetido
nas longas estacións que tece o invemo.





COIDO QUE TODO E MEU


Todo é meu. E comigo
vive o esplendor da vida.
O solpor que me doma na paz do corazón.
A loita noble e firme que o enaltece todo.

Comigo vive todo o que é sinxelo e doce.
as albas que me albendran ou me amagan os in tres.

A insistencia dos soños e a ledicia da luz.

Cando o sangue me bule, e a pel e o lume abrasan,
árdeme o tempo lábil. O surxente albedrío
de afondarme nas chamas victoriosas e antergas,
das horas do destino que nos avisa e torce,
e do mundo que rolda coas súas leis de horas.

Todo parece arder. Queimarse nese lume
a pel e o sangue. Os osos. Ata a cinsa me arde
e se me prende e ase cal a candente lava
do volcán no seu vórtice que arrasa todo ó paso.





QUIXERA INDA VOLTAR


Violíns da pel me habitan. Na armonía
de lampos e maciezas. Embebédanme
os saibos dos outonos como os froitos
e as músicas sensuáis das doces arpas.

Brancas cimas de vraus adolescentes
me alborecen de líricas lucencias
nos sentidos, coas rosas e coas meles
dos recordos, vivida luz urxente
nos estacións do amor, sabencia certa.

Sábeme a vida a tempos membrilleiros
a seivas nas que a orquídea se alimenta
esa seda que amei noutrora lonxe,
que me volta a sabor de renacencia.
A ourizontes abertos de bucares
e a polpas que zuguei nos bocas tenras.

Quixera inda voltar á vougo efémero
dos arumes logrados, da beleza.
Das saudades do sangue, ás voces ledas
do amor na apoteose mais lograda.

A antergas experiencias asediantes
na viva flor dos cálices e as herbas.





ESTAR


Estou aquí case que soa
na miña escuridade.
No intre. Cal iceberg flotante.
No ángulo vivo concentrada.

Estou nesa espiral gastada no meu tempo.
Ollando como pasan as turbas,
os corpos agostados
que día a día van encher os mausoleos.

Corpos espléndidos
de vida e xuventude
zugando en cada pel beizo e cobiza.

Entre camiños de xasmín e anémona.
Horas insatisfeitas
para o gozo abraiante
agardando o sonido
do clarín derradeiro.

Fronte ó froito prohibido
polos que non gozaron nunca.
Viño sagrado ou mosto da tenrura.
Unción da poesía que seduce.

Pracer de sombras irtas,
fuxidas, naufragadas
dunha noite crecen te.
Ou o albor dunha luz.
Dunha recente aurora.





SOAN AINDA AS VOCES


Soan as voces con extrañas língoas.
Quizas son
voces de mortos machacados
que quedaron atrás polas cunetas
ou en ringleiras avanzando,
cara xamais ou nunca,
e que nos falan case vivas sempre
desterrando un futuro que non lograron.

Ou son pavesas con sinal que volven
a un pasado de medo. A un lonxe afora
do furtivo das tardes. De acesas velas, nubes
que aseitaron os marzos e os pabíos
de torcidas desfeitas e velas apagadas.

Outras voces son ecos daquelas que regresan.
Elas teñen poesía viva no cáliz morto.
É un canto que perdimos cando outros regresaban.
Ou a música triste que alongan as distancias
e medran sobre os ébanos dos leitos e alabastros,
sen saberen chegar ata as oreolas libres.

Igoal que os pensamentos na oscuridade ardendo,
ou os bicos perdéndose na lánguida vellez.
Nas inasibles sombras
das oscuras ladeiras do lento esquecemento.





A MEDULA DAS SOMBRAS


Se luímos as médulas das sombras
e chegamos á luz non fragmentada.
Á luz mais pura. O cerne do principio.
O sanguiñento espacio onde se afoga o sol.

Se gozamos a gloria de ser tempo e ser vida
non abatida aínda. E nos rixen os ceos
das noites Do acenderse as venas, os luceiros
dos espacios noitegros Fragmentados.

Dos acoros profundos e os peiraos
e os convocados ríos. As fronteiras
derrubadas. Das néboas pertinaces
e o fecundante mar creador da vida.

Se somos o coudal do abrir da aurora.
Desa acendida arteria que se apaga
e nos dobramos tensos e vacíos
nos remuíños da sombra derramada.

Si entreollamos no orbe sen as horas,
na morta eternidade que nos gana,
nese escano sen tempo en chama viva
para vencer as horas fronte á morte.

Fronte ós luceiros de ávidas certezas
ou no tecer do tempo caos medusas
frenéticas do medo. Nos triángulos

do xamais. Do pranto para sempre.
Na contraluz de todo. Soio quedan
lúas sen onda. Brisa incinerada.





O MAR E AS VOCES


As gumes delicadas raxan a nebra.
                                                  As brisas.
Silencio e bastidade do mar.
                                        Tunel oscuro
para escoar as voces na inmensa auga grisalla.

O mar é como a seiva:
                               Crepusculo, é axado
no corpo desas lúas crevadas polas ondas.

Aziñas de sireas no relentío ingrávido.
Vive a palabra. Viva dentro de nós, e medran
coros de voces íntimas, de asfaltos e de xebras,
nas sebes que amañecen.
                                         Entre os noitegros faros.

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega