A carón da roda (Vida dun afiador)

Páxina Anterior

A roda chega a París

Páxina Seguinte

v1xlripaldaafiador011.html

                         Dalle así coa roda cen voltas ao mundo
                         cambuza a diario tolas e meixuas.
                         e despois de andar por tódalas ruas
                         fundese coa terra baixo un ceo de chumbo


                                                  (Ben-Cho -Sei)


En París xa estaba a agardar ó Ramuín o sobriño da Pepa, coa súa furgoneta pero este estrañouse do proceder do seu tío moi inquedo desde que chegara á estación, polo que lle dixo:
     -¿Que che pasa? Que non paras de mirar a un lado e a outro, penso que eiquí non hai nada de particular esta estación é unha como outras moitas.
     -Non che digo que non, pero a miña Pepa non é que digamos unha cousa calquer.
     -¡Que me dices! Nada, sabía que viñas acompañado dunha muller, despois do traballo que me deu buscarche acomodo na barracón agora resulta que sodes dous.
     O Ramuín seguia enviso sen facer caso ás palabras do sobriño ata que viu que baixaban a tarazana do vagón.
     -Mira xa están a baixar o que ti pensabas que era unha muller.
     O sobriño quedou pampo ó comprobar que se trataba dunha roda de afiar e dixo:
     -¡Pero como che se ocurre vir a París cunha roda de afiar!
     O Ramuín sen perder a calma respondeulle.
     -Si outros como o meu bato chegaron ata as Américas non o vou facer eu a París, que está moito máis perto.
     A roda acomodárona na furgoneta do sobriño e dirixíronse ó lugar de residencia, unha especie de choupana de tablas. E, como os lugares que ían recorrendo non eran moi vistosos, dixo o Ramuín
     -Tanto falar desta cidade e resulta que non hai nada que ver.
     -Mira -di o sobriño- estos son os arrabaldos a cidade é outra cousa.
     O afiador continuou a viaxe sen dicir nada ata que chegaron o lugar onde pensaba vivir, unhas barracas de tablas, o que obrigouno a dicir:
     -¡Madia leva ! Así que estas son os meixuos onde vivides, pois xa podedes fachendear de hotel, desde logo aló mandanvos os gandeiros para que vos recollan eiquí os tratantes.
     -Si algo se quere algo costa -dille o sobriño-.
     Unha vez que o Ramuín ía comenzar o recorrido pola cidade o sobriño quixo facerlle as seguintes recomendaciós.
     -En París debes camiñar polas rúas de pouco tráfico, nunca se che ocurra meterte nas grandes avenidas, pois atoparíaste con moitos atrancos.
     Pero o Ramuín non era da mesma opinión e dixo:
     -Mira, veño de andar sempre por carreiros e congostas agora voume a desquitar.
     O Ramuín tal como dixera atópase no medio da cidade e non sabe que admirar máis si o obelisco chantado no medio das fontes de onde saen multitude de chafarices ou as estatuas que rodean a praza e os xardíns proximos. Logo decide cruzar o río por unha das numerosas pontes que unen as súas beiras. No fondo olla unha marabillosa igrexa con grandes torres que ven a ser un dos monumentos máis salientables de París.
     Así por este continuo andar a cotío, pronto a figura do afiador comezou a facerse popular polas rúas da cidade. Sobre todo por un suceso que ocurriu un día cando Ramuín atopábase a saída dun museo. Xa que comezaron a caer grandes bullóns, que fixeron que os transeúntes abrisen os paraguas, pero ó mesmo tempo levantouse un vento refolado que trouxo como consecuencias que voltasen os paraguas. A xente entón pensando que xa non valian para nada guindaba con eles nos lugares destinados ó lixo ata que Ramuín advirtiulles:
     -¡Non tiren cos paraguas!. E cousa das varillas.
E así para convencelos comezou en arranxar os paraguas, de xeito que estivo aló varias hora sen parar, xa que a xente recollía os paraguas que momentos antes guindara pensando que xa non valian.
     Por estas e por outras cousas a figura do Ramuín comezou a facerse popular na cidade, entón ocurriu o que lle dixera o sobriño, que ocasiounou grandes atrancos, policía de tráfico non tivo máis remedio que levalo á xendarmería ante o seu xefe, quen xa fora avisado polos seus superiores do continuo desorden que ultimamente había en París. Xa ante a súa presencia díxolle:
     -Non sabe vostede as normas que prohiben circular a bicicletas.
     -Si señor -respondeu o afiador.
     -E a motocicletas.
     -Si señor.
     -E a choqueiros vehículos movidos a pedal.
     -Si señor.
     -Entón xa me dirá vostede, se coñece as leis, a razón que ten para formar tales atascos nas rúas.
     -Pero é que dase a circunstancia que o meu vehículo non entra en ningunha clase dos que vostede ven de anunciar.
     -Pois xa me contara entón que clase de vehículo é o que vostede empurra.
     -Mire chamase roda, e aínda non atopei no código ningún artículo que empida a súa circulación.
     O xefe entón rañou a cabeza e quedou uns momentos pensando, logo dixo:
     -De momento queda a multa suspendida, non obstante a roda deberá permanecer requisada durante uns días nos que agardamos solucionar o caso.
     Ramuín, debido ó seu paro forzoso, aproveitou para pasear lonxe da algarabía da xente por lugares tranquilos, como podía ser a beira do río Sena, sobre todo gustáballe facelo durante a noite, que era cando a luz das farolas ó reflectirse no río que lle parecían miles de vagalumes que aboiaban nas súas augas. Nun destos paseos ó ver a unha rapaza moi cerca do río pensou que podía de novo repetirse a historia de Elena, pois aínda que non había vagallóns que a levasen, sen embargo un paso abondaría para mergullarse nas augas; ante esta circunstancia Ramuín acaroouse á rapaza e díxolle:
     -Non te achegues tanto á beira que podes caer.
     -Non teña medo, estoulle afeita a andar polas beira dos ríos pois nacín ó pé dun.
     -Pois a min sucédeme o mesmo, viñen o mundo a carón dun que corre pola mesma terra que a túa, xa que o teu acento di ben as claras de onde és.
     -O mesmo lle pasa a vostede.
     E como a noite comezaba a refrescar, Ramuín invitou a rapaza a tomar algo quente nun dos cafés que se extenden a unha banda e outra do río. E xa acomodados preguntou:
     -¿Hai moito que te atopas na cidade ?
     -Bon, viñen vai para dous anos, desde entón traballo nun espectáculo musical nun dos locais de moda da cidade. ¿E vostede?
     -Pois eu en certo modo tamén podese decir que son un artista da roda.
     -¡Non me diga! Que teño diante ó afiador do que tanto falan os xornais nestes últimos días.
     -Así é aínda que nestes momentos non podo facer uso dela por asuntos de tráfico. Ó afiador gustaríalle quedar máis tempo a falar coa xoven, tanto polo agradable da súa conversa como por contemplar a súa beleza. Pero ela decatouse de que pronto chegaría a hora de incorporarse ó espectaculo e despidiuse do afiador. Este tencionou acompañala, o que inquedou a rapaza, entón Ramuín non quixo insistir e deixou que se fose soa. Despois aínda permaneceu un anaco no café dándolle voltas á cabeza sobre o traballo da rapaza e pensando que o dono do bar, que por outro lado non lle quitara ollo de enriba, quizais podía sacalo de dúbidas preguntoulle:
     -Pode decirme o lugar da cidade onde hai espectáculos musicais.
     O home ante a pregunta sonrío e díxolle:
     -Parece que lle gustou a rapaza, se quere atopala non lle será dificil e para mellor seguridade amosareille o enderezo neste mapa da cidade que teño a man.
     E unha vez que llo dixo de novo volveu asomar na súa faciana o sorriso malicioso do taberneiro O afiador non lle foi dificil atopar o lugar coa información recibida. Aló o ambiente era do mais bullangueiro, pero o espectáculo musical non aparecía por ningures. O cabo viu como rapazas moi novas entraban e saían de certos sitios, aquelo de seguro que o poñería tras das trazas da xoven. Así despois de recorrer varios daqueles tugurios viu como nun deles a rapaza que coñecera unha hora antes íase debullando da roupa ata quedar completamente en coiros. Agora decatábase o porque non quixera a súa compaña. Tencionou esperala á saída, pero logo desistiu delo ó pensar que sería unha humillación para ela. Preso dunha grande mágoa andivo ás baroutas dun lado a outro polas rúas solitarias ata que o sobriño da Petra atopouno coa furgoneta, xa que saíra na súa procura ó tardar en chegar a casa. Ramuín contoulle a historia ó sobriño, quen unha vez que a escoitou dixo:
     -Pero ti a que andas, aínda non saes dun lío e xa querías meterte noutro, éche ben certo que sentimentais coma ti non gañan os cartos.
     O home tivo que presentarse na xendarmería segundo un aviso que recibiu para tratar dunha vez por todas rematar o asunto da roda. Unha vez aló o xefe, que non atopara ningunha saída para o caso, tencionou solucionar a cousa polas boas dicíndolle:
     -Non sería mellor para vostede que agardase nun local ós siaeiros sen ter que andar polas rúa dun lado para outro, sobre todo no inverno baixo a chuvia e a friaxe.
     Ante semellante proposta o Ramuín anoxouse en sobexo dicindo:
     -Vostede está a propoñerme nada menos que a industrialización da roda, eso non é posible, xa que este sempre foi un oficio itinerante e así vai a continuar, polo menos mentras eu teña folgos.
     O xefe continuou a devandar os miolos ata que un guardia deulle a solución.
     -Mire vostede eu penso que a cousa e mías doada do que se pensa, bastaría con engadir unha nova señal ó código de circulación prohibindo circular a rodas de afiar.
     -Pois si, non sei como non se me ocurriu antes esa idea -dixo cheo de razón o xefe.
     A señal axiña apareceu por rúas e avenidas e así Ramuín non tivo máis remedio que voltar á terra.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega