Aires d'a miña terra

Páxina Anterior

"A primaveira"

Páxina Seguinte

m5currosenriquezairesdaminhaterra007.html


[p. 65]


          A PRIMAVEIRA

   Ahí ven o tempo de mazal-o liño,
Ahí ven o tempo d'o liño mazar,
Ahí ven o tempo, rapazas d'o Miño.
Ahí ven o tempo de se expreguizar.

                         (Cantar d'o povo).


   Com' a miniña tola
Que say por ves primeira
Con dengue e muradana
Pr'a festa d'o lugar,
Asi xentil y-aposta,
Vay vindo á Primaveira,
Grinaldas de craveles
Vertend' ó seu pasar.

   Xa encima d'os penedos
Non berra o graxo rouco,
Q' alá n'as negras noites
As névoas espallóu,


[p. 66]

Nin fungan n'as troneiras
O són d'o vento louco,
Que cántigas de bruxas
E trasgos remedóu.

   Xa s' ouce o pío alegre
D'o paxaríño terno,
Perdidol-os seus ollos
N'a estrela d'a mañan,
Y-as nubes sacudíndose
D'as brétemas d'o inverno,
Vestidas d' ouro e nacre
Pol-o hourizonte van.

   Os álbores espidos
De fruto e de ramaxe,
Cubertos xa de folla
Comenzan á dar fror;
Y-á sombra agachapado
D'o prácido follaxe
Mentras q' o gando garda
Fay chífros o pastor.

   Xa d' amarelo e branco
Se pintan os outeiros,
Xa nacen n'as silveiras
As froles de San Xoan;
Xa crecen n'os valados
As hedras y-os loureiros;
Xa ten carrouch' o millo,
X' as vides gromos dan.


[p. 67]


   Ahi ven pr'os probes vellos
Sin sangue xá e sin vida,
A fogueirada ardente
Qu' esparxe á lus d'o sol;
Ahí veñen pr'os poetas
D'ispiracion garrida
As eheirosiñas auras
Y-a vos d'o rousiñol.

   Ahí veñen pr'os cortexos
As noites feiticeiras
D'os fúlxidos luceiros
O maino relumbrar;
Ahí veñen pr' os rapaces
As moras d'as silveiras,
Y-o tempo d'os gandulos
Que niños van buscar.

   Ay, estación frorída
Gallarda Primaveira,
Quén pra botarche copras
Tivera o que non ten!...
C'o corazon ferido,
Sin lira garruleira,
Quén te cantóu, hermosa?...
Quén te cantóu?... ¡Ninguén!


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega