1. MUDANZA DE CONDICIÓNS
SOCIO-HISTÓRICAS
A fin do franquismo trouxo o renacemento das
linguas non castelás de España. Coa aprobación da constitución de
1978, estas linguas históricas alcanzan o nivel de cooficiais e poden
ser levadas ao sistema educativo.
A fin da dictadura supuxo que os idiomas
españois non casteláns tivesen unha oportunidade de alcanzaren niveis
de producción cultural que antes lles estiveran prohibidos. A mudanza
de réxime político favoreceu que se reclamase o seu uso exclusivo como
dialectos coloquiais e se aspirase á súa conversión en linguas de
cultura no caso no que non o eran. É xustamente neste tempo final do
século XX onde máis obras aparecen e en parte a literatura deixa de
ter un carácter fundamentalmente folclórico para telo tamén de
literatura que tende ao universal. Pódese afirmar igualmente que é
agora cando se cultivan os máis dos xéneros literarios, cando hai un
mellor coñecemento da lingua mercé aos estudios filolóxicos (32).
Galiza emprende a difícil e aínda inacabada
tarefa de normalizar e normativizar o seu idioma e desde Asturias
téntase tamén aínda que con menos sorte. Hai que recuperar os corenta
anos perdidos de parada na producción literaria e na propia vitalidade
do idioma. Durante a dictadura nada máis houbo pequenos textos que,
como cuñas, poboaban aquí e acolá libros en castelán e sempre a
procurar darlles un ar folclórico que non molestase ao réxime.
De Galiza veñen uns momentos brillantes cando
o galego, por fin, é cooficial. O idioma galego ten a súa normativa
derradeira do ano 1982, recollendo un desexo do pobo galego que vía de
moi antigo. A normativización suporá a posibilidade de usar a lingua
vernácula no ensino, de abrir as portas aos medios de comunicación
nesta lingua. Medrará o número de obras escritas na nosa lingua,
chegando o idioma a moitos recantos da vida social e política que lle
estiveron acoutados ata daquela. Xunto coa Editorial Galaxia, a grande
sostedora da lingua nos derradeiros tempos do franquismo e primeiros da
Democracia co Estatuto de Galiza acabando de aprobar, chegará outro
proxecto editorial que favorecerá en gran medida a cultura galega:
Edicións Xerais de Galicia. Entre ambas editoriais e máis outras como
Ediciós do Castro xa veterana na publicación de libros en galego e
Laiovento (máis moderna) a edición en lingua galega alcanzará os seus
mellores momentos, facendo posíbel que os autores de distintas épocas
convivan e que ademais haxa un público que cada vez consume máis
literatura en galego.
Entrementres, Asturias non é allea a todo o
movemento de recuperación da lingua. Xa antes de 1975 creárase Conceyu
Bable, futuro embrión da Academia da Lingua Asturiana, a cal daría a luz as Normas Ortográficas do idioma
asturiano en 1981. Ao longo dos anos oitenta unha manchea de autores
mozos daríase a coñecer ao público, aínda que non da mesma maneira
que os seus colegas galegos por non teren as súas facilidades
editoriais. En todo caso, nos comezos en Asturias non houbo ningún
interese polo que se facía no Eo-Navia por ser esta unha área
lingüísticamente non-asturiana e non ter autores de sona.
A literatura asturiana, a finais dos oitenta recibirá un forte apoio
coa aparición de editoriais privadas, ás veces editoriais familiares,
que servirán de plataforma de lanzamento a moitos autores noveis e
creando, vagarosamente, un público que se aveza máis e máis a seguir
unha literatura puxante.
Así pois, a Bisbarra Eo-Navia non ficou allea aos movementos que tanto
do centro de Asturias como de Galiza lle chegaron sobre a normalización
e mais a normativización da lingua, aínda que acto seguido se
desataron dúas concepcións sobre o idioma que hoxe están plenamente
en vigor e que son:
- Asunción da galeguidade da lingua
falada no Eo-Navia, con tendencia a normativizar sobre o galego común,
mais respectando certas trazas particulares do galego local. Trátase
pois de achar un equilibrio entre o estándar vixente e mais a realidade
lingüística da zona nun subestándar propio do galego de Asturias. En
definitiva, preténdese que na escrita, os textos do galego de Asturias
sexan accesíbeis a tres millóns de galego-falantes e mesmo que chegue
aos case douscentos millóns de persoas que usan calquera das variantes
galego-portuguesas. Esta visión recibe o nome de integradorismo, e
está representada polo colectivo Cotarelo Valledor, do que falaremos
logo.
-
Negación na medida do posíbel da
galeguidade da lingua sen argumentos lingüísticos, achegándoa
artificialmente ao asturiano estándar, sobre todo na escrita,
promovendo vulgarismos, castelanismos e asturianismos que fuxan do
estándar galego, deixando a fala coma un dialecto indefinido nin
galego nin asturiano para uso exclusivo dos cincuenta ou sesenta mil
falantes da zona. A aparición desta corrente está motivada
exclusivamente por razóns políticas que non lingüísticas. Esta
visión recibe a denominación de castrapismo por promover o uso do
castrapo, representada polo grupo Xeira.
Referímonos a estes dous movementos que
se dan dentro do galego de Asturias porque case todos os autores actuais
tomaron partido ora polo integradorismo, ora polo castrapismo, de xeito
que non hai encontro entre eles. De todas as maneiras, esta dúas liñas
veñen xa desde os comezos do século XX, segundo sinalamos atrás,
cando autores coma Cotarelo e Santos Ferraría toman unha opción moi
clara pola integración no mundo literario galego e outros como Villar
Loza ou Ramón García prefiren un localismo moi próximo á literatura
que se fai en asturiano. Loxicamente os condicionantes son agora
diferentes, mais as dúas ramas continúan. Con todo, xa non se pode,
hoxe en día, deixar de mirar cara aos dous puntos de referencia, o
centro de Asturias e Galiza, dado que as influencias arestora son moi
fortes debido ao avanzo dos medios de comunicación que poñen en
contacto non só comunidades veciñas, senón todo o planeta.
As influencias que veñen tanto do oeste como do leste seguirán,
logo,
ben patentes. A literatura escrita no Eo-Navia segue o seu paso mirando
en ambas as direccións e requirindo ao mesmo tempo a atención de
Galiza e do centro de Asturias. Neste estudio referirémonos aos
principais autores que escriben en galego de Asturias cuxa obra estea
composta a partir de 1975.
2. A XERACIÓN REXURDIMENTO
Clasificaremos así aos autores que
naceron nas décadas dos vinte e dos trinta, aínda que non se deron a
coñecer ata hai poucos anos. Non se poden considerar mestres dos
autores máis novos, mais si é certo que nalgúns casos foron os
primeiros que fixeron un labor de escrita en galego serio. Chamamos así
a estes autores por mantermos o paralelismo coa mesma xeración que se
deu en Galiza, aínda que os naturais galegos si escribiron moito
enantes (33).
A partir do 1978, aproximadamente, comezará a actual fase no
desenvolvemento da literatura en galego en Asturias. Dará os seus
primeiros pasos para se abrir camiño, e xa na década dos noventa
haberá obras dunha calidade literaria óptima moi por riba do localismo
no que se moveu e aínda se move a literatura galega en Asturias.
Cómpre ter presente que no verán de 1985 déronse as primeiras
manifestacións a prol da defensa da lingua vernácula da Terra Eo-Navia
que abren esta época última á que nos vimos referindo. Elo non
significa que autores que xa escribían enantes foran esquecidos, máis
ben foi todo o contrario. O caso máis evidente é o de Manuel García
El Galano, quen viña facendo a súa producción literaria de moitos
anos atrás e agora continúaa, servindo de mestre a un grupo de mozos
escritores que verán nel un pioneiro, polo menos en conto ao emprego do
galego local.
2.1. OS XÉNEROS
No ámbito dramático citaremos os
autores Jesús Álvarez Valdés da Caridá e Xosé María Bedia de
Valdepares. Nembargante, quen salienta é Manuel García Sánchez
El Galano. O único lugar onde hai unha certa tradición teatral é en
Tapia, que lle vén xa de moi lonxe e que mesmo foi lugar de paso de
moitas compañías ambulantes de teatro, as cales sabían que tiñan
audiencia nela. Doutra banda, representouse con certa asiduidade teatro
localista nesta vila, as máis da veces sainetes, nos que a lingua
vernácula foi o elemento de uso. Sabemos que tamén hai algunha certa
tradición de representación en galego en Boal.
Doutra banda, atópase a poesía, sempre o xénero máis cultivado. A
tradición encetada no século XIX na Galiza continuará con maior
fidelidade ao longo deste século, con figuras sobranceiras como
Cotarelo Valledor ou Antolín Santos Mediante. Esta tradición continúa
hoxe en día en moitos autores, aplicándoa á propia terra.
As características xerais da poesía dos autores desta primeira
xeración, poden sintetizarse nos seguintes trazos:
* |
Nos máis dos casos continúase cunha liña localista, de canto á
terría no senso máis intimista do termo. |
* |
Utilízase case sempre verso rimado e
os autores, aínda que utilizan a lingua máis depuradamente, non
adoitan preocuparse por atopar unha lingua de expesión literaria, polo
que o dialecto local continúa a ser o sostén lingüístico. |
* |
Os temas, ademais da louvanza á
paisaxe, falan de tempos mellores e
están cheos de recordacións persoais dos poetas. Nalgunha ocasión a
poesía empeza a ser un elemento de denuncia, mais nunca chega a ser
unha poesía de carácter social. |
Certamente a poesía é o xénero máis cultivado. Rara vez hai libros
de poesía publicados polos autores desta época, que teñen os seus
traballos dispersos por distintos medios, coma revistas, libros de
festas ou xornais.
Doutra banda, a narrativa ten un menor cultivo. son poucos os libros que
aparecen. As máis das publicacións son artigos de opinión e contos
que van publicados en xornais, revistas e libros de festas, como
ocorría coa poesía. Seica isto impida que a súa difusión teña un
alcance xeral. O conto é o xénero predominante sen que haxa ningunha
novela.
2.3. AUTORES
Manuel García, El Galano (A Roda, Tapia
de Casarego 1922)
El Galano é un autor que gustou de
cultivar os xéneros todos. A súa actividade máis importante dentro do
terreo literario dáse a partir de 1979, cando enceta a dirección do
grupo de teatro tapiego Ameicer ata 1991. Son comúns as
representacións en galego local (en .tapiego, como adoitan nomealo os
naturais da vila) de obras costumistas, algunhas orixinariamente en
galego (como a última: A Pataqueira do propio Galano) e outras
verquidas ao galego desde o castelán, como a peza Toluras de vello de
Tomás Niembro, obra non publicada mais si representada.
El Galano busca a súa inspiración teatral nos comezos de século,
concretamente na obra Un feixe de tapiegadas, de Conrado
Villar, autor
ao que nos referimos enantes. El mesmo afirma que a súa obra dramática
principia en 1979 con Cambian os tempos, un sainete. Virán a
continuación toda unha restra de pezas curtas ata 1991: Mareaxes
tapiegos. Dous páxaros dun tiro. Fíxenla búa!. Cásasenos a
nena. Na
mía casa mando eu. Xa somos europeos. Outros tempos.
Parexa desparexa.
Vennos el americano. Quieto parado. Todas estas pezas breves están
recollidas nunha soa obra que leva por título Mareaxes Tapiegos, onde
as acotacións veñen en castelán.
A linguaxe e o estilo de El Galano coma dramaturgo son sinxelos; non
pretende facer unhas creacións universais, tan só quere entreter os
seus veciños describindo os costumes, as zunas, a vida de Tapia tal
como se viña facendo nesta tradición teatral, utilizando para iso
unha linguaxe que é un reflexo da fala, sen atender a criterios
cultistas sen por iso coidala minimamente. Busca o riso e ás veces a
mágoa cando aparecen elementos do pasado que merecen ser recatados.
A outra faceta del Galano é como narrador. Boa parte da súa obra está
recollida baixo o título de Parzamiques nun libriño de narracións
curtas. Nel tratará de manter esa liña desenfadada, aínda que en
xeral o estilo é algo máis coidado, a lingua ten agora un sabor máis
puro. O autor recorre con frecuencia a anécdota, tal como nos
referiamos a ela no capítulo anterior, nunhas historias que tamén son
inimaxinábeis fóra do ámbito da Terra Eo-Navia.
Adela Conde Valledor (San Salvador del Valledor, Allande, 1925)
Trátase dunha poetisa chegada ao mundo
literario do galego de Asturias. Ten un breve poemario intitulado
Salutaciois desde a mía ventá publicado no número 2 de O Espello,
onde segue unhas liñas tamén abondo tradicionais, mais abríndose a
unha poesía intimista, sincera, tamén con olladas para o relixioso.
Con todo, fai uso dun verso libre, aínda que non completo, con rimas á
fin dos versos con frecuentes, cheo de ritmo. Dentro do panorama
poético desta xeración dos cincuenta, o seu verso rompe coa certa
monotonía dos outros poetas. Nótase o modo de versificar dunha muller
fronte ao que adoitan facer os homes.
Adela Conde usa un galego sinxelo mais moi correcto, sen grandes
pretensións ornamentais, acudindo a recursos elementais do idioma coma
as anáforas, e utilizando preciosas metáforas. Un dos seus poemas
máis tenros é o que dedica á súa neta Elena, un canto cheo de
tenrura moi emotivo. Noutras das súas composicións fai louvanzas da
vida en xeral xunto con reflexións polo paso do tempo.
Publicou en 2000 Contos á tardiquía. Vai dirixido ao público infantil
e trátase de varios relatos onde se mesturan aventuras, acordanzas da
infancia e certa fantasía propia da súa terra. É outra observadora da
paisaxe en todas as súas manifestacións, mais non se limita a
contemplalo, senón que o interpreta. Dalgunha maneira trata de
transmitir ao público infantil momentos da súa infancia que ela non
xulga, hóuboos bos e ruíns, parece querernos dicir a autora, todo
sempre so unha linguaxe cargada de tenrura e esperanza, como ocorría
coa súa poesía.
Un último poema dela aparece no Espello nº 3 e leva por título
A
ventá, máis longo do habitual, tamén en verso libre, que supón unha
reflexión serena sobre o feito de vivir.
En 1998 publicara xunto con Crisanto Veiguela e Xavier Frías Conde
varios poemas que apareceran no Espello en Carreiros (na colección
O
Roibén, Madrid).
O estilo desta autora non casa para nada co dos seus coetáneos. Seica o
feito de comezar a escribir moito máis tarde, de non ter unha
formación literaria igual fixo que ela buscase novos derroteiros nos
que buscar a súa expresión poética. Nela non pesa ningunha tradición
anterior da Terra Eo-Navia, anque si se lle poden encontrar influencias
da poesía española dos cincuenta.
Alejandro Antúnez Vázquez (Navia, 1933)
Antúnez Vázquez é sobre todo poeta,
tanto no seu galego local como en castelán, lingua na que chegou a
gañar algún premio, como en 1980 que quedou en terceiro lugar co poema
Navia, como te vin e como te vexo do Certame Poético La Barca.
Ten dous libros de versos. O primeiro é Muchicas del meu llar
(onde
está recollida a obra antes citada), de 1988, un libro de señardades,
esperanzas e devezos, cun tipo de verso abondo tradicional, tanto na
forma como na temática. A primeira metade do libro está en galego
naviego e a outra en castelán. Na primeira pódese atopar mesmo un
brevísimo sainete intitulado ¡Xa temos uha reina en casa!.
O poeta é un home sentimental, emotivo, que prefire as estrofas de
catro versos cunha rima sinxela, aínda que non amosa demasiado rigor
nela. Mestúranse, como é normal nos autores da súa xeración, os
temas festexeiros, as lembranzas de persoas do pasado, o canto á terra
e os motivos relixiosos. Así e todo, hai algúns poemas nos que asoma
unha tímida denuncia a través do verso, sobre todo contra a papeleira
de Navia por ser un elemento que destrúe a paisaxe. Antúñez non anda
moi afastado da tradición naviega que representa o seu paisano Pepe Muestras. Seica o seu mellor poema, que
nos recorda ás Cántigas galego-portuguesas medievais, é Chalaneira de
Porto.
Ten un segundo libro, este de relatos, que leva por título
Papadíos de Navia, publicado en 1997. Trátase dunha recompilación de
recordos, o
xa célebre xénero dos parzamiques que tanto gusta na Terra Eo-Navia.
Jesús Álvarez Valdés (A Perulleira, El
Franco, 1936)
Natural de El Franco e cronista oficial
deste concello, escribiu unha peza teatral intitulada A Alpeirada,
coñéceselle sobre todo por As costumbres foron deste xeito, publicado
en dúas partes, onde se reflicten os costumes do concello xacando. Para
iso, o autor explícaos cunha linguaxe moi chá que non é descritiva
senón narrativa.
Ten tamén algunhas colaboracións en galego de El Franco en libros de
festas do seu concello.
Cándido Sanjurjo (Abres, 1917)
Este autor é orixinario de Abres no
concello de A Veiga. É un infatigable pescudador das raíces e
tradicións da ría do Eo. Escribe no galego lucense aínda que, coma o
resto dos seus compañeiros de xeración, agás Adela Conde, emprega o
seu dialecto natal sen atender ao estándar.
Como os autores precedentes aos que nos vimos
referindo, Cándido
Sanjurjo é un autor de corte tradicional que canta fundamentalmente ás
paisaxes, e dentro destas ao Río Eo. Algo deste sentimento reaparecerá
aínda no moderno como veremos máis adiante, en Crisanto Veiguela, que
tamén mira para o Eo.
A súa obra está espallada en diversos xornais e revistas
locais,
sempre cun sabor localista.
En definitiva, na xeración poética
nótase un enraizamento coa propia terra que se manterá na xeración
actual. A poesía é para eles un elemento de louvanza, de canto, de
devoción pola terra que os viu nacer. O río nuns casos o Eo e noutros
o Navia adquire unha significación especial, é o elemento que trae a
vida e que fai posíbel que a paisaxe exista.
Tanto na poesía como na prosa, os elementos anecdóticos ocupan unha
boa parte. Nos mesmos autores conviven unha actitude de respecto e
seriedade, con frecuentes referencias ao relixioso con pezas de
desenfado. A ironía, nalgúns autores, é por veces ben patente.
Outros autores que teñen obra poética en galego son
María Luz
Fernández e Ana María Rodríguez Rebollada, e entre os autores que
algunha vez se asomaron á escrita de contos ou artigos en libros de
festas están José María Bedía, Vicente P. Suárez e Francisco
Fidalgo Villaveirán.
3. A LITERATURA DE CARÁCTER TRADICIONAL
Xa falamos no capítulo anterior da
literatura de carácter tradicional que durante a época anterior
comezara a recoller Dámaso Alonso, especialmente no tocante ás
anécdotas. Xa moito máis recentemente múltiples anécdotas e contos
aparecen en traballos de pescuda e teses de doutoramento, ás veces sen
publicar. Esta literatura de carácter popular e oral tivo e ten
influencia insistimos nisto nos autores que hoxe están en activo,
dado que son as raíces das que parten practicamente todos eles e son o
manancial que os inspirou e aínda arestora os inspira ao escribiren.
Nos anos setenta José Antonio Labandera ocúpase das cantigas da beira
do Eo e tamén de certas lendas, como a Leyenda del Monasterio de San
Martín de Mántaras (1967)
Dentro de teses de doutoramento, hai unha boa recopilación de contos
populares e anécdotas nas teses de Celso Muñiz (El Valledor), José
García (El Franco), Xoán Babarro (todo o galego de Asturias xunto cun
importante estudio sobre Antolín Santos Mediante Ferraría) e Xavier
Frías (todo o galego exterior, cunha ampla colección de relatos e
anécdotas de toda a área de estudio). Tamén cómpre citar a
recolleita de contos de Xosé Miguel Suárez en Boal. En volume aparte
están os Contos Populares da Terra Eo-Navia, unha extensa colección de
contos de toda a área, que recentemente se viu ampliada coa
publicación de Contos e cantigas eonaviegas de Xavier Frías Conde
(2000) en VTP.
Tamén apareceron algúns relatos de tipo popular en números da revista
A Freita, tanto de contos populares coma cántigas e rimas populares.
4. A XERACIÓN INTERMEDIA
4.1. CONTINUIDADE E ANOVACIÓN: O
RENACEMENTO DO ARTIGO DE OPINIÓN
Trátase dunha segunda xeración onde
participan autores nacidos nas décadas dos corenta e dos cincuenta.
Foron moitos deles críticos co franquismo, compartindo este descontento
con autores da xeración anterior, mais a diferencia dos anteriores non
viviron a Guerra Civil. Literariamente, verbo do estilo, da linguaxe e
da temática, non hai grandes diferencias entre as dúas xeracións.
Esta segunda xeración comparte espacio coa terceira (a Xeración dos
Oitenta á que nos referiremos despois), interesándose tamén polos
problemas de normativa que afectan á lingua.
Serán membros desta xeración intermedia os que empecen a escribiren
artigos de opinión en revistas e xornais. Un bo puñado deles
estrearanse neste eido, ata hai moi pouco descoñecido na poboación do
ultraoccidente asturiana por mor do longo período de silencio que houbo
ao longo do franquismo.
Aquí non podemos esquecer a revista A Freita, pioneira na aparición de
artigos en galego de toda caste. Esta publicación naceu en 1992 e saíu
ininterrompidamente ata 1995. Cesou durante 1996 e recomeza en 1997 co
número 11 nunha segunda época. O suplemento O Espello naceu no último
número da primeira época, mais volve nesta segunda. Tamén, ao longo
do 1997 virá un caderniño central de literatura infantil, do que se
publicarán dous números, o primeiro de contos de Adela Conde e o
segundo de Xoán Babarro. A revista, de carácter xeral, toca todos os
temas e pretende chegar ao público da bisbarra interamniense. Ao comezo
mestúrabanse toda caste de artigos e traballos literarios, ata que xa
no derradeiro número da primeira época apareceu O Espello para separar
o literario do non literario. Tal distinción mantense na segunda época. É evidente que a revista e mais
o seu suplemento son o banco de probas onde o estándar do galego
integradorista se vai forxando, especialmente no suplemento literario, o
cal é mo rigorosamente coidado neste aspecto.
Os libros de festa dos concellos son outro elemento de publicación de
artigos, mais teñen en xeral moito menos rigor e prefiren tocar temas
folclóricos e de señardade do pasado.
Outra publicación que en 1996 naceu foi Entrambasauguas, tamén de
carácter xeral. E a última ate agora é o boletín electrónico A
Carqueixa, nacido en 2002, publicado polo CCV, e cuxo enderezo é: http://www.terra.es/personal/cvalledor/acarqueixa
4.2. A IMPORTANCIA DA INTERNET
Á vista da pouca vitalidade que teñen
as revistas convencionais en papel, nos últimos anos danse unha serie
de fenómenos bastante interesantes na internet. Trátase dos seguintes:
- En 1999 nace a correspondencia eonaviega de
Vieiros, o portal de información galego na rede. Nesta
sección, faise un uso case exclusivo do galego eonaviego.
- Ao mesmo tempo, nace o Cotarelo
Valledor, nos comezos un colectivo de escritores eonaviegos, mais desde
2002 unha editora en liña, onde se publican libros electrónicos.
Posúe bastantes seccións, entre outras de poesía, literatura infantil
ou teatro. O formato de libro electrónico permite que se poidan
publicar traducións como El Principín por Xavier Frías Conde.
Encóntrase en http://www.terra.es/personal/cvalledor/.
-
En 2002, dentro tamén do proceso de
expansión do Cotarelo Valledor, nace o boletín electrónico A
Carqueixa, onde predominan os traballos en eonaviego, xa citado.
-
Non podemos esquecer a revista virtual
Agora ou Nunca, de edición tamén na internet desde 1998, que
desenvolveu unha grandísima actividade de promoción da literatura
eonaviega, xunto coa galega xeral e a portuguesa.
4.3. AUTORES
Benigno Fernández Braña (Boal, 1945)
Médico de profesión, Benigno Fernández
Braña é unha das persoas máis comprometidas coa lingua galega en
Asturias. Non é autor literario, mais si conta cunha chea de artigos de
opinión, case todos arredor da situación do galego en Asturias,
tocando os dereitos dos galegofalantes desta área asturiana, os ataques
que sofre e outros aspectos importantes para a súa sobrevivencia.
Os máis dos seus artigos están na revista A
Freita, ademais de en
xornais asturianos e galegos. Un dos máis importantes é A quen poida
interesar, unha reflexión sobre o estatuto de autonomía asturiano e a
presencia do galego nel. Tamén é de subliñar unha recensión
histórica sobre o galego intitulada A MDGA e a luita pola
normalización da lingua e da cultura galega no extremo occidental de
Asturias, publicado en Lingua e cultura galegas de Asturias (Vigo,
Xerais, 1994).
Tamén é de salientar o seu labor coma traductor de artigos ao
galego.
Celso Martínez (Boal, 1937)
Anque ten algún artigo de pequena
extensión, Celso Martínez é máis coñecido por un seu artigo no
libro devandito (Lingua e cultura galegas de Asturias) que leva por
título Semántica e pragmática da literatura oral da Comarca Eo-Navia.
Trátase dun extenso e interesante artigo sobre a tradición oral no Eo-Navia,
perfectamente diferenciada da do resto de Asturias. É a primeira
ocasión na que o subestándar galego de Asturias é empregado dunha
maneira tan brillante, cientificamente, sen acudir ao castelán.
Xan Castañeira (Cubillón, Tapia, 1942)
Licenciado en xornalismo e filosofía,
Xan Castañeira escribe artigos en galego desde moi antigo. El foi o
primeiro que usou este idioma en xornais do centro de Asturias para se
queixar de inxustizas de toda caste que tocaban á Terra Eo-Navia.
Recentemente publicou varios artigos na Freita sobre temas propios da
bisbarra, como as casas de patín ou a conservación de castros.
Coma narrador publicará no Espello algúns contos de tipo popular e xa
colaborou na antoloxía Contos Populares da Terra Eo-Navia.
Xosé Máximo Fernández López (Campos,
Tapia de Casarego 1947)
Este autor pon a pincelada fantástica
aos seus relatos. Lonxe do tradicionalismo, Campos gusta do
sobrenatural, do inexplicábel, mais sen se desvencellar da súa terra,
pois os seus relatos teñen sempre lugar na Mariña da Terra Eo-Navia,
con lugares reais e doadamente identificábeis. Cun estilo sinxelo, vola
en manter o lector solerte ata o último intre para saber as causas de
tal ou cal fenómeno.
Conécenselle tres relatos curtos: Cultivo de Humanos en
Arret, El
Tesouro dos Bauer e Alto Segredo de Mal Estado.
Os novos ares que X. Máximo Fernández trae á narrativa en galego de
Asturias terán repercusións en autores posteriores. Con todo non ten
unha ruptura absoluta coa curta tradición local, dado que todos os seus
relatos están ambientados na Terra Eo-Navia, concretamente na Mariña.
Desde o número 11, el é o director de A
Freita. Como ensaísta recolle
a tradición popular do seu concello, mais gusta de saír do seu ámbito
natural e así sorprende, por exemplo, con artigos relativos aos kibutz
israelís
Xoán Babarro González (Maceda, Ourense,
1947)
Este prestixioso autor galego merece
entrar dentro do elenco de escritores do galego de Asturias polas súas
contribucións ao coñecemento e dignificación da fala alén da raia
política. El mesmo escribe no galego de Asturias.
Da súa man é a primeira antoloxía de autores galegos de Asturias a
formaren un libro, con seis obras de Xesús Álvarez, Valdés, M. Luz
Fernández González, Xosé Máximo Fernández López, Manuel García
Sánchez, Cándido Sanjurjo e Xavier Frías Conde. A todos estes
traballos hai que engadir catro máis, pertencentes
a un autor berciano e dous porteños (de Entre-as-Portelas, en Zamora).
O dito libro leva por título Contos do Xílgaro (1992).
Mais non é esta a única obra que escribiu: na revista
A Freita gusta
de facer pequenos pareados cos nomes dos lugares, tendo unha chea deles
ata o día de hoxe. Unha colección deles xunto con outros traballos do
xénero aparecen en Catasol (2002). Tamén neste mesmo ano editou e
comentou unha edición póstuma dos poemas de Antolín Santos Mediante
Ferraría (2002).
Xosé Rico
Autor orixinario da Terra Eo-Navia
dispón unicamente de dous relatos en galego eonaviego. O primeiro
intitúlase De Navia a Xío en sete horas, escrito cun estilo abondo
vangardista, sen signos de puntuación que faciliten a xeira lectora,
onde o autor narra baixo a forma de pensamentos inconexos todo o que vai
vendo nesa viaxe. O seu outro relato leva por título El ano que ven.
Ademais, publicou un único poema no número 1 de O Espello: Matinada.
Doutra banda, coma escritor de artigos ten varios arredor do teatro na
revista A Freita, dado que el é actor dramático.
César López Méndez
Poeta orixinario de Pezós, mantense
tamén dentro da tradición de canto á terra e á paisaxe con atención
ao Río Navia. Este poeta evolúe na súa linguaxe ao longo destes
últimos anos, pois xa nos derradeiros traballos comeza a se axustar ao
subestándar. A súa é unha poesía espontánea, sinxela, de verso
libre, aínda que con frecuentes repeticións que favorecen a aparición
do ritmo. Está plenamente inserido na tradición poética da Terra Eo-Navia.
María Teresa López García (Boal, 1950)
É filla de Benjamín López. A poetisa
é unha fiel seguidora da poética de seu pai, toda centrada no concello
de Boal, que percorre coa súa pluma. Verbo do estilo, a linguaxe e mais
a temática, María Teresa non se distingue a penas de seu pai, podendo
considerala coma reflectidora daquel concello e das súas xentes. Non
lle fala un ar de señardade, ás veces en ton de tenrura, que fai
extensíbel a todas as xentes daquel recanto do ultraoccidente
asturiano.
María Teresa López é dos poucos autores que non tomou partido polo
integradorismo ou polo castrapismo, ficando, logo, allea aos movementos
que xa citamos antes.
As súa obra poética, breve, sen formar libro, está publicada en
folletos locais de asociacións culturais.
Aquilino Poncelas Abella (Teixeira,
León, 1953)
Incluímos este autor berciano dentro da
literatura eonaviega tanto pola afinidade lingüística entre os Ancares
(de onde é) como pola súa participación en medios eonaviegos. Non
entraremos nos detalles lingüísticos; abonde sinalar que o galego dos
Ancares pertence ao mesmo dialecto que o eonaviego: o galego raiano
(Frías, 1997).
Leonés de fala galega, A. Poncelas
deslócase fóra da súa aldea para estudiar. Primeiro acudiu á escola
da súa vila e despois á Veiga de Espiñareda. Con trece anos foi para
Ponferrada cos seus pais onde realizou os seus estudios non
universitarios ata COU. Fixo a carreira de maxisterio en Lugo e exerceu
esta profesión durante moitos anos. Licenciouse en filoloxía románica
na Universidade do País Vasco e desenvolveu un interesante labor de
investigador da súa lingua, ao tempo que percorreu todo o Bierzo de
lingua galega recompilando contos populares que publicou hai algúns
anos. Desde meados dos setenta vive en Bilbao, onde primeiro traballou
de mestre e agora faino de profesor de instituto na localidade
biscaíña de Getxo.
Malia residir en Euskadi, Aquilino Poncelas segue estreitamente
vinculado á súa terra natal e colabora con asociacións culturais da
zona, a través de escritos e traballos a prol de promocionar a lingua e
cultura galegas do Baixo Bierzo e os Ancares.
A obra literaria de Aquilino Poncelas consta de varios títulos, sendo o
primeiro a colección de contos populares Estorias e contos dos Ancares
(edición bilingüe galego-castelán), de 1987, reeditado en 1992,
ampliando o número de contos e maila área de recollida de datos, agora
so o título Estorias e contos do Bierzo e dos Ancares, publicado pola
Xunta de Galicia.
Un seu conto, Contos da neve, aparece no libro colectivo
Contos do
xílgaro (1992), onde un rapaz relata lembranzas da infancia na aldea.
Trátase dun conto autobiográfico de grande expresividade, onde autor
demostra un magnífico dominio do léxico.
O derradeiro libro que deu ao prelo foi O mestre púxose louco (1995),
colección de acordanzas da infancia, contadas coma anécdotas ou
contiños breves, onde o autor recrea momentos e persoas que marcaron
uns momentos felices da súa nenez. Isto non significa que a obra estea
tinxida de señardades, máis ben todo o contrario, pois permite ao
lector revivir momentos alleos mais que resultan moi achegados. O libro
ten unha clarísima estrutura en catro partes, que comeza coa "autonada",
onde recolle once contos; o "inverno", con catorce; a
"primavera", con dez; e finalmente o "vrao", con
sete.
A. Poncelas tamén vai participar no suplemento
O Espello, espallando,
deste xeito, a presencia de autores en lingua galega de fóra de Galiza.
5. A XERACIÓN DOS OITENTA
5.1. UN PANORAMA RENOVADO MAIS DIVIDIDO
Unha volta vistos os autores precedentes,
botemos unha ollada a aqueles que naceron arredor da década dos sesenta
e que hoxe son escritores en galego de Asturias, herdeiros da tradición
anterior e ao mesmo tempo máis abertos ca nunca ás innovacións vidas
de fóra, ás correntes da literatura universal. Nomeámoslles como
Xeración dos Oitenta por empezaren a escribir nesta década ou
principios da seguinte.
Case todos os autores da época anterior seguen en activo, polo que se
dá unha plena convivencia entre os primeiros e os segundos. Doutra
banda, o coñecemento que os autores novos teñen da lingua é moi
superior ao que tiñan os seus maiores, aínda que pareza un paradoxo,
de xeito que a lingua literaria está moito máis pulida. Ademais, os
autores hodiernos adoitan ser máis polígrafos que os seus
predecesores, cultivando máis dun xénero literario.
Ademais, aparecen as primeiras revistas, as primeiras edicións
serias
de libros e mesmo fanse análises rigorosas da lingua, da literatura
tradicional de tradición oral así como outros aspectos da vida do país que antes non
pagaron a pena de ser estudiadas. Con todo, ás revistas xa nos
referimos ao tratar da xeración anterior.
O conflicto da normativa do galego eonaviego comeza a partir de 1985.
Cando se redacta a Proposta de Normas Ortográficas e Morfolóxicas del
Galego de Asturias en 1990, xa hai unha clara xebra en dous grupos entre
os que se interesan polo galego local, achándose o primeiro escallo na
definición da lingua do Eo-Navia, que para os redactores das devanditas
Normas é galego, sen máis, e para os que se lles opoñen haberá desde
aquela un movemento de ambigüidade e imprecisión verbo da súa
definición, sempre motivada, como xa dixen, por razóns políticas e
non lingüísticas, onde non se dá aceptada a galeguidade lingüística
do idioma. Con todo, ningún filólogo de prestixio deixou de recoñecer
a galeguidade lingüística do galego eonaviego. Tal situación lévanos
ao paradoxo de que autores asturianos en galego non se consideran tales,
e sen embargo están a facer unha importante fornecemento á literatura
galega, aínda que sexa desde o seu dialecto. Froito destas dúas
visións é a presencia dos dous movementos que hoxe marcan a pauta do
que son a normalización e a normativización do galego de Asturias e
aos que me referín antes: integradoristas e castrapistas.
Doutra banda, dous fitos importantes teñen lugar nos anos 90 para a
literatura asturiana en galego: a aparición de coleccións de
literatura e de suplementos literarios. Todo isto é continuación do
proceso comezado no período anterior. Non é labor deste último grupo,
senón que se trata dunha tarefa na que participan escritores das dúas
xeracións e mesmo da primeira.
Verbos das coleccións literarias, hai tres hoxe en día. A máis
veterana é a colección de literatura infantil Castelo das Letras, onde
hai ata arestora seis libros para rapaces publicados: El xabaril que
quería engalar (1991) de X. Frías Conde, e Contos Populares da Terra
Eo-Navia (1992), unha recompilación de contos de toda a bisbarra,
Contos á tardiquía (2000) de Adela Conde, Contos de Grimm (2000),
A
odisea de Pere Xil (2001) de Xavier Frías e Debaxo de Nabis, Sapis
(2001), de Quique de Roxíos.
Tamén dentro da literatura infantil hai que destacar a aparición de
Xelín e Toxo (1995) por un grupo de mestres de Tapia e Navia, aínda
que non é propiamente un libro de literatura infantil, senón unha
gavela de textos arredor das dúas personaxes que dan título ao libro.
Recentemente acaba de aparecer Catasol de Xoán Babarro (VTP, 2002).
Existe, doutra banda, a colección Xeira de narrativa e poesía, con
algún títulos en prosa como Parazmiques de El Galano, e en verso
Nas
Arribadas de Xosé M. Suárez, ao que nos referiremos máis adiante. En
1997 publicou Papadíos de Navia de A. Antúnez e mais Mourén dos
fondales de Fredo de Carbexe.
En 1995 encetou unha nova colección, Novo
Carballo, que conta ata a
data cun único libro de relatos: Serzo no louxado de Xoán Carlos
Álvarez Blanco.
Por fin, en decembro tamén de 1995 nace o Suplemento Literario
O
Espello da Revista A Freita, da que xa falaremos máis
adiante.
5.2. AUTORES E OBRAS DO ÚLTIMO PERIODO
Crisanto Veiguela Martins (A Veiga, 1959)
Crisanto Veiguela, enxeñeiro forestal,
viviu a súa infancia na Veiga e trasladouse despois a Santiago, onde
cursa os estudios de bacharelato. Anos despois iría a Madrid.
Veiguela Martins utiliza o galego de Asturias xunto co estándar, mais
case sempre para chufar como el di a terra, a xente e sobre todo a
lingua do seu berce. Moi influído polas experiencias vividas, a súa poética é
precisamente unha recreación de momentos vitais nos que a señardade, a
mágoa ou a ledicia cunha sobrecarga na rima, ás veces ben forzada, que
pode resultar pesada.
A tradición lírica galega pesa moito nel, os sentimentos xorden tras
cada palabra e fíxase en moitos dos aspectos da paisaxe para os que xa
miraran poetas como Cándido Sanjurjo. Mais á diferencia dos que o
antecederon, Veiguela Martins fíxase moito máis na lingua, até o
punto que parece case unha obsesión.
A localización da poesía deste autor está fundamentada en tres
lugares: A Veiga, Santiago de Compostela e Madrid. Os dous primeiros
reciben unha cantiga más positiva, mentres o derradeiro é xa un
afastamento doloroso do seu ámbito natural.
Boa parte da súa obra en galego de Asturias está na revista
A Freita,
onde publicou un poemario sen título en varios números, e finalmente
nos tres primeiros números de O Espello. Ademais participou, como xa se
dixo, na obra colectiva Carreiros (1998).
Como autor de prosa recentemente estreouse co conto
El leite mouro,
autobiográfico e moi descritivo.
Xosé Miguel Suárez (Mántaras, Tapia
1965)
Mestre e licenciado en historia, Suárez
é o máis enxebre representante das letras galegas vistas desde o punto
de vista castrapista. Este autor salienta como poeta en galego. Ten dous
excelentes poemarios: Bidureiras de Inverno (1990) e unha colección de
poemas brevísimos onde hai un canto constante á Terra, á que ás
veces trata como a unha namorada. Xunto a elo, poemas de monólogo
interior onde o poeta busca a forza que leva en si mesmo para seguir
adiante no camiño da vida.
Este poemario foi analizado por Xosé Lluis Campal
(34), o cal di ao
respecto que:
(...) mitoloxiza o
fondo dun épico itinerario memorialístico coa axuda dun
anaforismo interno que favorece a expresividade
desencorsetada do período estrófico. Igualmente, atópanse
os versos na remebranza dunhas pasaxes introspectivas. |
Amece Campal de X. M. Suárez:
Quer afitar a súa propia identidade
falando, coa xusteza que lle dá a confidencia impresionista, ao ouguido
doutras realidades, atopando e amecendo o fluxo vivencial na herdanza.
Remata este crítico dicindo: Así, condiciona no lector a súa
recuperación da identificación (...) que pode afitar a súa raíz en
Celso Emilio Ferreiro ou Gabriel Aresti. |
O segundo poemario de Suárez é
Nas
Arribadas (1994) que continúa profundando e madurecendo na liña
intimista do anterior. Nótanse os catro anos de diferencia entre ambos
os poemarios no maior coidado da linguaxe, na máis calculada exactitude
dos termos subxectivamente falando, como se a elección das palabras e
das expresións tivese aquí máis transcendencia. Reaparece unha segunda
persoa, un ouvinte que pode ser, ás veces, o lector, ao que se refire
nun ton de cordialidade e confidencia que fai máis achegada a poesía
do autor de Mántaras. Continúa a tomar en todo momento coma ámbito
onde se desenrola todo o diálogo poético a propia terra, manténdose,
logo, fiel a unha tradición que lle vén de lonxe e na que se acha coa
mesma intensidade C. Veiguela e en menor medida X. Frías.
Coma ocorría con estes dous poetas antes citados, X. M. Suárez utiliza
o verso libre en todas as súas composicións. En todos os poetas desta
época non aparecen versos convencionais por ningures. Tal tendencia xa
se acha en Adela Conde, a única da súa xeración que dá o salto e
áchase tamén en César López Méndez, aínda que neste derradeiro con
menos forza.
Xosé Antonio Ron Tejedo (Santo Antolín
de Ibias, 1963)
Non é tanto literato coma autor de
interesantes artigos de temas variados sobre antropoloxía do
ultraoccidente asturiano. Os seus artigos aparecen en diversas revistas
asturianas así como na Freita. Trata de vellas tradicións como as
mazcaradas, a cultura da castaña ou a gaita galega en Asturias, sempre
a utilizar un moi coidado galego local.
Xavier Frías (Béjar, Salamanca, 1965)
Orixinario do Valledor (Allande), Xavier
Frías comeza a súa andaina na literatura asturiana en galego coa
poesía a través do poemario Onte foi cabalo de sinza (1991), unha
experiencia á que Xose Lluís Campal (35) se referiu como o
máxico cotiao
que puxa por enhalar ata un estrato idealizante. Amece Campal que a voz
do poeta afalaga a sinceridade diacrónica do verbo, fundindo o
metafórico e mais o costumista simbólico. Cualifica, ademais, este
primeiro poemario como neorromántico.
Un segundo poemario aparece en 1992 e 1993 na revista
A Freita baixo o
título de Condo se ergue a noite, tamén moi na liña do anterior. E xa
en 1995 publica en O Espello un brevísimo poemario intitulado De
costume imposible, onde a adoración pola terra e pola lingua tórnanse
un devezo inalcanzábel, por veces unha obsesión, por mor do
afastamento na que se acha, espellando nos seus versos un mundo hostil,
case diabolizado, no que vive, en continuo contraste coa terra e coa
paisaxe que el considera de seu. Algunhas imaxes, como as oliveiras, o
sol, son un gancho que aproveita para sobreporse a tal hostilidade. É
agora cando a súa linguaxe poética adquire unha fortísima carga de
simbolismo mais de doada comprensión.
Na narrativa, Xavier Frías publicou en 1991 El xabaril que quería
enhalar, colección de catro contos con abonda simboloxía, sendo este o
primeiro libro para rapaces que se escribiu en galego de Asturias.
En O Espello número 1 aparece un relato curto intitulado
Na compaña
dos lobos, moi na liña de relatos ambientados na aldea. No portal da
BVEN publicou A aldea (1999), un conto ambientado na aldea de Vilaboa,
heterónimo de San Salvador del Valledor, a súa aldea de orixe.
En 2000 deu ao prelo a obra Azul e Terra, poemario enteiramente escrito
en eonaviego, con dúas partes, sendo a segunda un canto á terra,
editado na colección O Roibén. Nos últimos tempos deu ao prelo unha
considerábel obra poética escrita en galego padrón e portugués, case
toda ela publicada na colección O
Roibén, entre a que cómpre salientar: Canto de Nedara (2001),
Marés
na Beirarrúa (2002) Lisboa, Edições Tema e Axarquia (2002).
Do mesmo xeito, é o primeiro autor que publica teatro infantil
eonaviego, onde hai que sinalar o libro: Terra á vista / El burato de
Andrés el Cempés, editados por VTP (2002).
Con todo, a maioría da obra deste autor está escrita en galego
estándar.
Xoán Carlos Álvarez Blanco
É nacido no concello de Eilao e autor do
libro de relatos Serzo no louxado, unha moi breve colección de relatos
de infancia, onde o autor recolle acordanzas de cando era cativo,
alternando unha linguaxe crúa perante a morte xunto a unha tenrura
desbordante fronte a intres que deixaron pegada nel.
O libro consta de sete relatos moi breves, tamén na liña do
parzamique.
O autor defíneos coma sete historias de cuspio e sangue, escritas no
galego del occidente asturiano. A riqueza de léxico é un dos elementos
que chaman a atención da obra, fundamental para coñecer a
idiosincrasia desta bisbarra do ultraoccidente asturiano.
Este libro é o que enceta a colección Carballo
Novo.
Quique de Roxíos (Roxíos, Boal, 1965)
Quique de Roxíos acabou na literatura un
pouco de rebote. A súa obra literaria foi escrita nos inicios dos anos
90, durante o tempo de loita da súa mocidade, mais foi publicada nos
inicios da década seguinte.
Durante 1999 deuse a coñecer coma escritor através da revista
O
Espello, cun poemario breve intitulado Teño dolo da túa risa. Ao mesmo
tempo, tem publicado un libro de contos para nenos, de carácter
popular, co título de Debaxo de nabis, sapis..
Alfredo González Fernández Fredo de
Carbexe (Carbexe, El Franco, 1967)
Licenciado en xeografía, Fredo de
Carbexe vén de publicar o seu primeiro libro de poemas en 1997,
intitulado Mourén dos fondales. Este poemario recorda moito aos do
Xosé Miguel Suárez, mais sen acadar a calidade literaria deste.
O libro consta de vinteseis poemas, a maioría de tres ou catro
estrofas. Tamén escribe en verso libre, cantando elementos da paisaxe,
persoas (antigos mestres, nenos, vellos amigos), momentos do pasado que
se ollan con saudade. Fíxase no paso do tempo e mais a pegada que deixa,
reparando en detalles de optimismo coma o amencer.
En 1998 colaborou na antoloxía Muestra de poesía
asturiana, onde
participa con unha serie de poemas moi na liña do seu primeiro poemario
e no 1999 aparece introducido na antoloxía Milenio de Basilio
Rodríguez Cañada, o cal non deixa de ser un bo síntoma da saúde da
poesía eonaviega, visto que este autor aparece xunta Xavier Frías
Conde.
Xaviel Vilareyo Villamil (Mieres, 1967)
Poeta orixinario de Boal, pertence ao
grupo de poetas actuais do Eo-Navia que mora en Madrid. A súa obra
poética está feita tanto en galego como en asturiano. No primeiro
idioma gañou o premio Vila de Sarria na súa XXVI edición, cunha obra
que leva por título Os novos poemas. Na revista O Espello publica o
poemario Reflexos no fondo, escrito en galego estándar, mais
aproveitando poemas anteriores en galego de Asturias. Un deles,
intitulado Esmolecimiento, xa aparece no seu poemario en asturiano
Cróniques del Recuerdu (Mieres del Camín, 1997, pp. 33; EN).
A poesía de Vilareyo segue nesa mesma liña que vén marcando a pauta
destes autores dos oitenta. Aparece a paisaxe da terría, nunha
evocación á lembranza dos momentos felices da infancia, con
evocacións moi concretas no seu caso a elementos característicos coma
os hórreos.
A lingua, sinxela en canto á forma, ten unha firmeza pouco común, sabe
chegar ao centro dos sentimentos do poeta que transmite doadamente ao
lector sen por iso perder profundidade. Non emprega versos excesivamente
curtos, mais tampouco adoita alongarse. Cada liña soe ter unha
lonxitude semellante, de modo que o poema transmite unha sensación de
ritmo constante.
Percíbese constantemente a señardade, tanto da infancia como da
paisaxe e mesmo da ausencia da persoa amada. O mundo interior do poeta
amósase sereno mais saudoso, requirindo por veces a presencia do pai.
Vilareyo recoñécese debedor de Rosalía de Castro e de Fernán
Coronas, El Padre Galo.
Daniel Lavesedo (Vigo, 1975)
É un licenciado en Ciencias Químicas,
orixinario de Rozadas(Boal), de onde é o pai.
Trátase dun novo valor da literatura
eonaviega. Como moitos dos
escritores actuais en eonaviego, Daniel é eonaviego de segunda
xeración. Recupera a lingua familiar (nese caso o dialecto) para usalo
literariamente.
A súa obra literaria é un libro de relatos, Pola
vila, publicado no
portal Cotarelo Valledor (2002). É unha recompilación de relatos
curtos dun carácter moi variado, onde o elemento fantástico ten un
valor fundamental. É de salientar o relato El áncora de gran valor
literario.
Viqui Veiguela (León, 1979)
Esta é a última incorporación ao panorama literario eonaviego.
Orixinaria de A Veiga, comezou a publicar en galego en Madrid através
do grupo literario Bilbao, onde coñeceu a Xavier Frías. Até agora
publicou o poemario Velaiveñen no Espello (recollido despois no caderno
colectivo Simbiose 2000), e participa na colectánea poética Bilbao. En
2002 publicou o seu primeiro poemario en solitario, O ouvido e o calado
(tamén na colección O Roibén, Madrid).
A súa poesía é fresca, erótica e sensual, na liña das poetas
galegas da súa xeración (Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Olga Novo),
mais cun estilo persoal que fai dela unha grande esperanza de futuro.
5.3. O ESPELLO
Xa citamos O Espello como un dos
elementos dinamizadores da literatura galega en Asturias, dada a grande
importancia que está a acadar dentro do panorama da literatura galega
en xeral. Naceu, segundo xa se indicou, como un pequeno suplemento da
revista A Freita e vén nas súas páxinas centrais. O suplemento naceu
pola necesidade que houbo de dar cauce ás manifestacións literarias que cada vez
máis rebordan A Freita. Esta revista, de carácter xeral, non podía
ser máis un totum revolutum, de modo que se vía a urxencia de destinar
un espacio propio á literatura na nosa lingua. Tamén é certo que non
se dispuña nin de medios nin de orzamento para lanzalo como revista
independente, aínda que é moi posíbel que para o ano 98 si apareza
coma tal.
Así incluíuse como suplemento de A Freita, quitando da revista nai
case todas as colaboracións literarias.
Os obxectivos que pretende cubrir esta publicación son: afianzar o uso
literario do idioma; crear un espacio para a creación literaria;
abrirse a creacións literarias noutras linguas traducíndoas ao galego
eonaviego e ser punto de encontro de autores asturianos e galegos. Neste
sen, en todos os números de O ESPELLO hai sempre traduccións de
autores asturianos ao galego. No número 1 hóuboa de Pablo Antón
Marín Estrada, no número 2 de Humberto González, no número 3 hai de
Maite Iglesias e de Xuan Bello e no 4 de Lluis Aique Iglesias. Todos
estes autores asturianos son senlleiros dentro da literatura en lingua
asturiana hodierna.
Tamén nas páxinas do suplemento hai presencia de autores galegos, coma
Fermín Bouza, Vicente Araguas e Miguel Anxo Fernán-Vello no número 2
coma poetas e Manuel Pereira no número 4 coma narrador. Entre outros
escritores, no número 3 hai unha traducción do catalán de Pau Joan
Hernàndez.
Verbo da estructura dos dous números do suplemento, agás o segundo,
responde ao que é unha estructura típica, con unha primeira parte de
narrativa e unha segunda de poesía, mentres que o segundo é un
monográfico de poesía. En todos os números hai sempre unha
representación de escritores locais.
En fin, trátase dunha publicación sinxela, suxeita aos avatares dos
orzamentos, como ocorre con case todas as publicacións deste xénero.
5.4. CONCLUSIÓNS
Tras esta rápida presentación, podemos
afirmar que hai abonda xente que usa literariamente o galego eonaviego.
Estanse a alcanzar uns niveis mínimos de calidade, sen que iso
signifique que esta literatura estea xa establecida. O máis grande
inconveniente, non só no terreo literario, senón en todo o relativo á
sobrevivencia do idioma, é a división en dous bloques antagónicos
segundo as dúas concepcións que hai do idioma e que xa explicamos
antes. Desgraciadamente, tal esgallo non favorece o florecemento do
idioma nin da súa literatura.
A Terra Eo-Navia parece agora acordar dun letargo de séculos. A súa
xente si vai tendo consciencia de teren lingua propia, non a asturiana,
aínda que as consideracións ao seu respecto varían por criterios
políticos que non lingüísticos desgraciadamente. As manifestacións
folclóricas (enténdase este termo nun sentido pexorativo) son as que
algúns colectivos aínda desexan para o galego, mais os autores que
toman en serio a lingua son, afortunadamente, cada vez máis. Non se
conta cun estatus de recoñecemento e protección para o galego en
Asturias, o cal dificulta que a pouca literatura que se fai teña
difusión. A fronteira política, por desgracia, é por veces unha
barreira impermeábel que separa os falantes das dúas ribeiras do Eo
malia teren o mesmo idioma.
Chegamos ao século XXI. Non sabemos cal será o futuro da lingua galega
en Asturias nin das súas humildes letras. Todo dependerá da súa
fortaleza e da dignidade que lle queiran outorgar os seus falantes. Con
todo, esperamos que chegue o recoñecemento legal da galeguidade
lingüística
da fala do Eo-Navia para que o idioma
poida entrar na vida pública e no ensino e que o mundo literario galego
asuma esta parte da súa tradición.
32. |
Os
primeiros estudios comezaron con Dámaso Alonso cos seus artigos
de El Occidente Peninsular no Tomo I das súas Obras
Completas da Editorial Gredos. Ségueno, xa moito máis preto
dos nosos días dúas teses de doutoramento sobre o galego de
Asturias de Xoán Babarro (Universidade de Santiago 1993) e
Xavier Frías (Universidade Complutense de Madrid, 1995). |
33. |
Seguimos
a F. Fernández del Riego na súa Historia da Literatura,
Ed. Galaxia, 1984, cap. X, pp. 195 e ss., que toma este grupo
coma unha xeración ponte. Inclúe autores coma Pura Vázquez,
Xosé Neira Vilas, Antonio Tovar e Luz Pozo Garza, entre outros.
Por certo, esta derradeira autora é natural do concello de
Ribadeo, polo que o espacio físico do seu nacemento fica
apegado á Terra Eo-Navia. |
34. |
Campal,
X. Ll. Les voces poétiques de la coleición
"Ámbitu": una personalidá diferencial, en
Lletres Asturianes 60, pp. 39. |
35. |
Idem
supra, pp. 40 |
|