A literatura eonaviega contemporánea (notas sobre literatura galega de Asturias)

Páxina Anterior

Os anos do franquismo

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
1. INTRODUCCIÓN

     Sería moi doado pensarmos que a Terra Eo-Navia ficou allea ás correntes literarias que corrían tanto en Galiza como en Asturias. Entre as persoas con inquedanzas lingüísticas e literarias xa dixemos que se deron tres opcións fundamentais: escribiren en castelán, escribiren en galego estándar da época ou escribiren en asturiano. Loxicamente había unha cuarta: facelo na lingua do país, o galego de Asturias.
     Unha das figuras máis senlleiras da poesía castelá deste século é o poeta Carlos Bousoño, natural de Boal, lugar onde tamén naceu Benjamín López, unha das escasas figuras que se deron nesta época que vai de 1939 ata 1975.
     En Galiza son anos ruíns para a literatura, aínda que un grupo de poetas se lanza á producción literaria a partir da década dos cincuenta e tamén desde o exilio. Dado que o noso interese non é entrarmos nunha análise da literatura galega globalmente, senón que nos interesa só o relativo á literatura galega en Asturias, prescindiremos de facer consideracións ao respecto. Doutra banda, non se pode achar agora unha influencia desde Galiza como si houbera na etapa anterior; a presión do Estado, que pretende unificar cultural e lingüisticamente España, dificulta que se cultiven os idiomas vernáculos e mesmo nos primeiros anos do franquismo se reprime calquera manifestación literaria que non estea en lingua castelá.
     A partir dos anos sesenta dáse unha certa permisividade: agora o idioma vernáculo aparecerá no folclore e ata os traballos que se dedican á súa recolleita dan mostras de pezas de literatura popular. Xa antes, como veremos no capítulo dedicado á literatura popular, Dámaso Alonso recolleu ao longo das décadas dos corenta e dos cincuenta unha colección de narracións orais (de anécdotas, segundo a nosa consideración) de indubidable interese.
     Na década dos sesenta e dos setenta hai manifestacións culturais por escrito en galego nos libros de festas. Este costume aínda se mantén hoxe aínda que poucas veces se poden achar obras ou pezas que se poidan considerar de valor literario.
     Verbo da maneira de escribir o idioma, hai que facer notar que as relacións dos autores aos que nos referimos embaixo con Galiza, agás no caso de Xosentoño do Pallarín, son mínimas, polo que seguirán a usar o seu galego local, do concello, en xeral con castelanismos, sen pretensións ningunhas de normalizalo, de buscar unhas formas comúns porque entre eles, os autores, non existe relación. A única referencia literaria é a do asturiano, de aí que se usen apóstrofos e is gregos, mais sempre cada autor escribiu como mellor lle pareceu.



2. A POESÍA

     Probablemente se escribiu poesía en galego de Asturias no exilio, aínda que non temos coñecemento diso. Dos poetas da época anterior tampouco nada sabemos e os xornais que serviran para a difusión da lingua e culturas locais, ora desapareceron (por seren favorábeis ás ideas republicanas), ora deixaron de empregar o galego.


Benjamín López

     Natural de Boal, é a primeira figura literaria da época que nos concirne. Sabemos que morreu en 1965 na súa vila natal. Como ocorría con Daniel Vargas, toda a súa obra está recompilada nun único libro lírico que leva por título Montañas de la Costa Verde (1960). Trátase dunha breve obriña publicada postumamente de tan só 28 páxinas. O carácter de canto á terra abrangue desde a primeira á última páxina, mesturándose poemas en castelán e galego, como logo veremos que ocorría con Daniel Vargas.
     Trátase dunha poesía moi sinxela, achegada ao popular, sen grandes pretensións. Non se procura unha linguaxe grandilocuente, senón que atopamos un canto á terra e ás súas xentes —as de Boal—, dentro dun ton moi patriótico normal na época, dunha Asturias chea de historia inserida nunha España que parece o centro do planeta. É de salientar que dentro deste panorama, a poesía de Benjamín López rompe o monolitismo da cultura uniformadora para que humildemente a lingua das montañas da Conca do Navia apareza no papel.
     O estilo de Benjamín López parece unha continuación da literatura da época anterior. Non é moi distinto das composicións de Villar Loza, anque os temas que o ocupan son máis modestos. Todos os seus poemas en galego son: Celos de aldeana; Feria de Boal; A mellor noite del ano e mais Mañá de Ganza. Estas composicións son abondo longas, cun metro moi semellante (predominancia dos versos octosílabos.
     Case toda a súa poética é un canto á paisaxe, perfectamente localizable na toponimia, dado que os lugares citados son todos achábeis.
     A señardade tamén aparece na poética de Benjamín López, especialmente no seu A mellor noite del ano, rememorando momentos de infancia cando a familia toda se reunía en tal data. Este poema ten un ton desenfadado.
     A poética de Benjamín López está escrita nunha linguaxe sinxela para unhas composicións sinxelas, mostra dunha intimidade que non quixo ser unha poesía que traspasase os límites da bisbarra. Con todo, ten o encanto de que o idioma aparece espontáneo, rítmico, alegre e sen atrancos.
     A súa filla María Teresa, á que nos referiremos despois, continúa a compor unha poesía semellante á do seu pai.


Daniel Vargas Vidal

     Natural de Tapia, cultivou a lembranza —un tanto señardosa ás veces— da súa infancia. Na súa obra en prosa, escribiu fundamentalmente en castelán mais ten parágrafos enteiros en galego e mesmo diálogos que aparecen na súa única obra Añoranzas y recuerdos de Tapia de Casariego (1967).
     Este libro, de 335 páxinas, consta de dúas partes, a primeira é un percorrido por momentos da vida do autor en Tapia, con textos en castelán onde con frecuencia aparecen parágrafos enteiros en galego. Aquí úsase moito a anécdota coma elemento que provoca unha caste de
confesión do autor, xa adulto, ao lector cando este segundo era rapaz. Unha boa mostra de textos en prosa (anédotas, concretamente) veñen no seguinte apartado (_literatura costumista_), co seu peculiar de desefado coñecemento óptimo da lingua sobre todo nos niveis populares. É un fino observador da xente e do contorno no que se move.
     Coma poeta ten unha longa colección de poemas dentro do seu único libro. Tamén aquí hai composicións en galego e en castelán, mais cómpre ver nel que aquilo que quere cantar nun ton máis elevado faino empregando o español, mentres que o galego déixao para cantar elementos relacionados co seu pasado, coa súa infancia, coa paisaxe de Tapia, con xogos infantís.
     Estes momentos de infancia perdida, con representación de lugares aparece por exemplo na serie "Rapacíos V", coma un canto de nostalxia por un tempo precioso.
     O humor en verso é outro elemento do que gosta con frecuencia Vargas. En versos curtos, imitando as copras de tipo popular, ten unha longa serioe dela baixo o título de A Queitana, que se trata dunha gavela de estrofas soltas de catro versos que, ademais do sentido xocoso, levan unha forte carga de melancolía.
     Raro é que se use o galego na poesía do tapiego nun ton elevado (que como xa dixemos faise só en castelán. Con todo, hai algunhas composicións que teñen unha linguaxe abondo coidada (como sempre incluíndo os castelanismos precisos para lograr ese ton superior):

Como el leite de burra, el "mestrín",
levaba a súa ciencia a domicilio
pra esos poucos que queren dicurrir
con algo, sobre as cousas, de bon xuicio.
Probe en roupas, mais rico en corazón,
e con alto concepto da virtú,
naide lle dera faltas de atención;
nin a propia muller consinte el "tu".

........................................................

Aí tamén taba eu, meu bon fidalgo.
Ningúa confianza coa plebe;
anque el saber se vista con ropaxos
el máis alto respecto se merece.
Mais en conto á muller xa discrepamos,
porque vale mui pouco ese respecto
que á propia muller tu lle demandas.
Aló morreu Xantipa,
pero forte, é máis forte, sigue a raza...

     En definitiva, a poesía de Daniel Vargas, abondo copiosa, é un oasis no deserto da época que vai do 39 ao 75. Non seguiu pautas de ningún xeito, non debeu ter influencias de autores galegos aínda que si coñeceu a Conrado Villar Loza. A señardade, tema tan recorrente na literatura en lingua galega, será, porén, a catracterística que impregna toda a súa obra. A poética do poeta de Tapia abalará entre o gusto polo popular que tratará de imitar e un estilo elevado conforme ás correntes da poesía que se estilaban na España dos anos sesenta, para o cal saberá variar moi habilmente a métrica.


Xosentoño do Pallarín

     Trátase do alcume dun autor que non dá a coñecer a súa personalidade e que publicou a última parte da súa obra na revista A Freita.
     Descoñecemos case todo del aínda que parece que se puidera tratar dun abade dunha vila próxima ao río Eo, seica na beira galega. É o único autor fiel á tradición que representan Cotarelo Valledor e Antolín Santos Mediante e emprega mesmo a ortografía do galego habitual a comezos deste século. A lingua que usa é tamén a dese tempo, con hipergaleguismos e arcaísmos frecuentes daquela. Os seus poemas tocan todo o divino e mailo humano, nun ton xocoso delas veces e ben serio noutras. Se non fose porque os poemas están escritos recentemente, poderíase pensar que estamos perante un autor coetáneo de Cotarelo ao que xa citamos. Gústanlle tamén os poemas dialogados para facer crítica de feitos que o poeta observa, salientando a bondade do divino sobre o mundano.
     Este poeta, coetáneo dos dous anteriores, continuou nembargante a escribir ata hai algúns anos cando parece que faleceu segundo nos deron noticia. Non posuímos máis que os poemas devanditos publicados na Freita, mais parece que a súa obra arrinca de moi antigo. Preferimos, porén, estudialo nesta fase por ser o único representante da apertura a Galiza que hai nesta época.
     A curiosa poesía de Xosentoño do Pallarín toca, como xa dixemos, todo o humano e o divino, fala en linguaxe chá ou emprega un coidadísimo galego literario que coñece á perfección. Como lle pasaba a Santos Mediante, Xoasentoño do Pallarín insire formas do seu galego no estándar ao que se axusta; nembargante ás veces usa outra formas nada propias do estándar, anque noutras épocas estiveron de moda, coma felís por feliz ou alleia e ideia. A posibilidade de que sexa da dereita do Eo puidera ser posíbel por outras formas como fer fronte a facer ou unde por onde. Xunta estes, hai vocábulos propios do galego interior que son descoñecidos na Terra Eo-Navia, literarios ou non.
     Dentro dos temas relixiosos coñecémoslle algúns, como Facer o asno, no cal a temática sacra de carácter serio vese acompañada nalgunhas estrofas cun estilo retranqueiro moi típico deste autor. Trátase dunha composición en hexasílabos moi longa.
     Xunto a este poema longuísimo hai outros do mesmo estilo, co mesmo dobre ton entre elevado e chan, coma o "parrafeo de dous rapaces" que en dous fragmentos publicou o autor en dous números de A Freita que leva por título O caso do nacemento, que recorda aqueles vilancicos propios da literatura galega dos séculos escuros.
     Unha composición recente, tamén de mestura do chan e do elevado, é a que lle dedica a Benigno Fernández Braña, coñecido defensor do galego en Asturias e do que xa falaremos no seguinte capítulo.
     Un poema todo el en ton moi tenro é Venerabilis barba Josephi beati, abondo curto para o que acostumamos a atopar nel. Sabemos que data de 1992 porque o pon ao pé do poema. Este divídise en dous, como se fose unha carta en verso, unha primeira parte que sería o "corpo" e unha segunda que vai encetada coa palabra "P.D." A primeira metade di así:
     Os últimos poemas que posuímos del son tres poemas nunha liña desenfadada, moi popular, que levan por título dous deles Ofrenda dun galo; As pitas e o galo (arremedo de fábula); o terceiro non ten título.
     Fose quen fose Xosentoño do Pallarín, deu mostras de saber dominar a arte da versificación, de coñecer ben a lingua, mesmo dialectos desta por todo o dominio, de terse enchoupado dos clásicos galegos. É o único, como xa sinalamos, que tivo interese en usar unha lingua
estandarizada —aínda que en boa parte cos seus criterios e seguindo modelos dos anos vinte e trinta.



3. LITERATURA COSTUMISTA

     Baixo este título pasamos a nos referir a unha literatura que busca en boa parte a lembranza da terra e da infancia. Nela faise un repaso a anécdotas, costumes, lendas, contos ou calquera cousa do pasado. Non sempre se mira para detrás, aínda que elo é o máis habitual. Non é unha caste de texto que teña unha estructura fixa, mais en xeral podemos destacar as seguintes trazas das obras costumistas:

  • Reflicten elementos que producen señardade no autor.

  • Mestúranse feitos reais con lendas ou contos ou mesmo anécdotas

  • Adoita usarse unha linguaxe cha e puramente dialectal, dado que os textos tein unha localización moi concreta (en xeral as vilas e viliñas da Mariña)

  • Non acostuman ultrapasar as catro páxinas.

     Este xénero costumista ten moito que ver coa literatura de corte tradicional á que nos viamos referindo no apartado anterior, cunha reelaboración e un estilo que fai palpable o estilo do autor. En realidade, poderíase pensar que a segunda é unha das posibles evolucións da primeira.
     É interesante destacar que a literatura costumista será o único que sobreviva durante os corenta anos do franquismo. Textos deste estilo, xunto con outros de carácter tradicional, serán os únicos que vexan a luz ata finais dos anos setenta.
     Dentro deste subxénero narrativo coidamos que a súa manifestación máis clara é a anécdota. Trátase dunha narración na que alguén conta un feito real —polo xeral en primeira persoa— que adoita ter un fondo gracioso, aínda que este pode estar substituído por un fondo tenro a miúdo cargado de señardade. Existen anécdotas de tipo popular, como as recompiladas por Dámaso Alonso e posteriormente outros estudiosos da lingua, e anécdota de tipo erudito. Cómpre ter en conta que a anécdota dá lugar, no popular, ás lendas e aos contos populares, mentres que en moitas ocasións os relatos curtos ou contos para adultos non son senón anécdotas. Na Terra Eo-Navia usouse a anécdota literaria nos xa mencionados libros de festas.
     Unha mostra de anécdota de tipo oral é esta recollida por Dámaso Alonso (30):



I

     Condo iba cóas ovellas había un carneiro que xa era marón (xacando había muitos carneiros, que non os capaban como os capan agora). Aquel era meirande e podía cos outros, dando torniscadas aos outros carneiros e ás ovellas pra xebralas das outras cando andaban al marón (que elos xebran as que andan al marón).E non deixaba cuase de comer ás ovellas e aos outros carneiros. E eu, .que facía? Acurullaba as ovellas e despois pillaba el marón meirande que era el máis fastidioso, e pois tombábalo polo tarrén. E despois mazáballe os collois con dúas pedras, porque non andivese máis tras das ovellas. Poñíanse uns collois mui inchados que non lle cabían cuase entre as pernas. Había delos que dicían mal pra sanar.
     E despois os amos non sabían el que era aquelo dos carneiros. Dicían os amos que sería uha culobra que llos trabara.



II

     Un día taba cóas ovellas, cóas mías, encima del zarro dos Pinos de Valías, e despois taban alí un pouco máis abaxo, na casa, uns vellos que lles chamaban a tía Ramona e el tío Andrés, mui mouros el tío Andrés non taba en casa, e despois a tía Ramona despiuse pra cata-la pulgas na porta da cortía, e espiuse en coiros, e púxose a cata-las pulgas. E de verao, que de inverno hai hai poucas pulgas. Era mui moura e fea como el trasno —e el tío Andrés tamén—. E eu, desque a vin en coiros, subinme a encima da casa e púxenme a eslousar nas lousas ( a escarrapatar coas lousas) como se fora el trasno. E despois ela vestiuse axina, pouca roupa tía que vestir: uha camisía e uhas enaugas de la e un pano vello na cabeza. E eu escapei pra unde tía as ovellas pra que non me conecese nin soupese quen fora, como non o soupo.


     Mostras diversas de anécdota erudita son as de Daniel Vargas (31). Todas as súas deben ser biográficas ou alomenos moi achegadas a el.
     Nunha liña semellante son os traballos de José Antonio Labandera, autor de varios estudios antropolóxicos da beira do Eo, entre os cales merece salientarse a Leyenda del Monasterio de San Martín de Mántaras (Boletín de la Comisión provincial de Monumentos de Lugo. Deputación Provincial de Lugo, 1968), texto no que aparecen, como ocorría con Vargas, parágrafos enteiros en galego dentro dunha narración en castelán.
     Sen dúbida, a literatura costumista é un elemento que mantivo, e mantén, vivo o idioma aínda que sexa desde un punto de vista moi festexeiro cando aparece nos libros de festas. É claro que as máis das súas mostras teñen pouca calidade literaria, mais ás veces atopamos pequenas xoias que son agradábeis de ler. Ningún dos autores enriba sinalados, agás Xosentoño do Pallarín, ten consciencia de escribir nun idioma con caracteres propio, tan só no dialecto da súa terra.






30. En Obras Completas I, pp. 53-55.
31. Recuerdos y Añoranzas de Tapia de Casariego. pp. 86-87.

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega