A literatura eonaviega contemporánea (notas sobre literatura galega de Asturias)

Páxina Anterior

A literatura desde 1975

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
1. MUDANZA DE CONDICIÓNS SOCIO-HISTÓRICAS

     A fin do franquismo trouxo o renacemento das linguas non castelás de España. Coa aprobación da constitución de 1978, estas linguas históricas alcanzan o nivel de cooficiais e poden ser levadas ao sistema educativo.
     A fin da dictadura supuxo que os idiomas españois non casteláns tivesen unha oportunidade de alcanzaren niveis de producción cultural que antes lles estiveran prohibidos. A mudanza de réxime político favoreceu que se reclamase o seu uso exclusivo como dialectos coloquiais e se aspirase á súa conversión en linguas de cultura no caso no que non o eran. É xustamente neste tempo final do século XX onde máis obras aparecen e en parte a literatura deixa de ter un carácter fundamentalmente folclórico para telo tamén de literatura que tende ao universal. Pódese afirmar igualmente que é agora cando se cultivan os máis dos xéneros literarios, cando hai un mellor coñecemento da lingua mercé aos estudios filolóxicos (32).
     Galiza emprende a difícil e aínda inacabada tarefa de normalizar e normativizar o seu idioma e desde Asturias téntase tamén aínda que con menos sorte. Hai que recuperar os corenta anos perdidos de parada na producción literaria e na propia vitalidade do idioma. Durante a dictadura nada máis houbo pequenos textos que, como cuñas, poboaban aquí e acolá libros en castelán e sempre a procurar darlles un ar folclórico que non molestase ao réxime.
     De Galiza veñen uns momentos brillantes cando o galego, por fin, é cooficial. O idioma galego ten a súa normativa derradeira do ano 1982, recollendo un desexo do pobo galego que vía de moi antigo. A normativización suporá a posibilidade de usar a lingua vernácula no ensino, de abrir as portas aos medios de comunicación nesta lingua. Medrará o número de obras escritas na nosa lingua, chegando o idioma a moitos recantos da vida social e política que lle estiveron acoutados ata daquela. Xunto coa Editorial Galaxia, a grande sostedora da lingua nos derradeiros tempos do franquismo e primeiros da Democracia co Estatuto de Galiza acabando de aprobar, chegará outro proxecto editorial que favorecerá en gran medida a cultura galega: Edicións Xerais de Galicia. Entre ambas editoriais e máis outras como Ediciós do Castro —xa veterana na publicación de libros en galego— e Laiovento (máis moderna) a edición en lingua galega alcanzará os seus mellores momentos, facendo posíbel que os autores de distintas épocas convivan e que ademais haxa un público que cada vez consume máis literatura en galego.
     Entrementres, Asturias non é allea a todo o movemento de recuperación da lingua. Xa antes de 1975 creárase Conceyu Bable, futuro embrión da Academia da Lingua Asturiana, a cal daría a luz as Normas Ortográficas do idioma asturiano en 1981. Ao longo dos anos oitenta unha manchea de autores mozos daríase a coñecer ao público, aínda que non da mesma maneira que os seus colegas galegos por non teren as súas facilidades editoriais. En todo caso, nos comezos en Asturias non houbo ningún interese polo que se facía no Eo-Navia por ser esta unha área lingüísticamente non-asturiana e non ter autores de sona.
     A literatura asturiana, a finais dos oitenta recibirá un forte apoio coa aparición de editoriais privadas, ás veces editoriais familiares, que servirán de plataforma de lanzamento a moitos autores noveis e creando, vagarosamente, un público que se aveza máis e máis a seguir unha literatura puxante.
     Así pois, a Bisbarra Eo-Navia non ficou allea aos movementos que tanto do centro de Asturias como de Galiza lle chegaron sobre a normalización e mais a normativización da lingua, aínda que acto seguido se desataron dúas concepcións sobre o idioma que hoxe están plenamente en vigor e que son:
  1. Asunción da galeguidade da lingua falada no Eo-Navia, con tendencia a normativizar sobre o galego común, mais respectando certas trazas particulares do galego local. Trátase pois de achar un equilibrio entre o estándar vixente e mais a realidade lingüística da zona nun subestándar propio do galego de Asturias. En definitiva, preténdese que na escrita, os textos do galego de Asturias sexan accesíbeis a tres millóns de galego-falantes e mesmo que chegue aos case douscentos millóns de persoas que usan calquera das variantes galego-portuguesas. Esta visión recibe o nome de integradorismo, e está representada polo colectivo Cotarelo Valledor, do que falaremos logo.


  2. Negación na medida do posíbel da galeguidade da lingua sen argumentos lingüísticos, achegándoa artificialmente ao asturiano estándar, sobre todo na escrita, promovendo vulgarismos, castelanismos e asturianismos que fuxan do estándar galego, deixando a fala coma un dialecto indefinido —nin galego nin asturiano— para uso exclusivo dos cincuenta ou sesenta mil falantes da zona. A aparición desta corrente está motivada exclusivamente por razóns políticas que non lingüísticas. Esta visión recibe a denominación de castrapismo por promover o uso do castrapo, representada polo grupo Xeira.
  3.  

     Referímonos a estes dous movementos que se dan dentro do galego de Asturias porque case todos os autores actuais tomaron partido ora polo integradorismo, ora polo castrapismo, de xeito que non hai encontro entre eles. De todas as maneiras, esta dúas liñas veñen xa desde os comezos do século XX, segundo sinalamos atrás, cando autores coma Cotarelo e Santos Ferraría toman unha opción moi clara pola integración no mundo literario galego e outros como Villar Loza ou Ramón García prefiren un localismo moi próximo á literatura que se fai en asturiano. Loxicamente os condicionantes son agora diferentes, mais as dúas ramas continúan. Con todo, xa non se pode, hoxe en día, deixar de mirar cara aos dous puntos de referencia, o centro de Asturias e Galiza, dado que as influencias arestora son moi fortes debido ao avanzo dos medios de comunicación que poñen en contacto non só comunidades veciñas, senón todo o planeta.
     As influencias que veñen tanto do oeste como do leste seguirán, logo, ben patentes. A literatura escrita no Eo-Navia segue o seu paso mirando en ambas as direccións e requirindo ao mesmo tempo a atención de Galiza e do centro de Asturias. Neste estudio referirémonos aos principais autores que escriben en galego de Asturias cuxa obra estea composta a partir de 1975.



2. A XERACIÓN REXURDIMENTO

     Clasificaremos así aos autores que naceron nas décadas dos vinte e dos trinta, aínda que non se deron a coñecer ata hai poucos anos. Non se poden considerar mestres dos autores máis novos, mais si é certo que nalgúns casos foron os primeiros que fixeron un labor de escrita en galego serio. Chamamos así a estes autores por mantermos o paralelismo coa mesma xeración que se deu en Galiza, aínda que os naturais galegos si escribiron moito enantes (33).
     A partir do 1978, aproximadamente, comezará a actual fase no desenvolvemento da literatura en galego en Asturias. Dará os seus primeiros pasos para se abrir camiño, e xa na década dos noventa haberá obras dunha calidade literaria óptima moi por riba do localismo no que se moveu e aínda se move a literatura galega en Asturias.
     Cómpre ter presente que no verán de 1985 déronse as primeiras manifestacións a prol da defensa da lingua vernácula da Terra Eo-Navia que abren esta época última á que nos vimos referindo. Elo non significa que autores que xa escribían enantes foran esquecidos, máis ben foi todo o contrario. O caso máis evidente é o de Manuel García El Galano, quen viña facendo a súa producción literaria de moitos anos atrás e agora continúaa, servindo de mestre a un grupo de mozos escritores que verán nel un pioneiro, polo menos en conto ao emprego do galego local.


2.1. OS XÉNEROS

     No ámbito dramático citaremos os autores Jesús Álvarez Valdés da Caridá e Xosé María Bedia de Valdepares. Nembargante, quen salienta é Manuel García Sánchez El Galano. O único lugar onde hai unha certa tradición teatral é en Tapia, que lle vén xa de moi lonxe e que mesmo foi lugar de paso de moitas compañías ambulantes de teatro, as cales sabían que tiñan audiencia nela. Doutra banda, representouse con certa asiduidade teatro localista nesta vila, as máis da veces sainetes, nos que a lingua vernácula foi o elemento de uso. Sabemos que tamén hai algunha certa tradición de representación en galego en Boal.
     Doutra banda, atópase a poesía, sempre o xénero máis cultivado. A tradición encetada no século XIX na Galiza continuará con maior fidelidade ao longo deste século, con figuras sobranceiras como Cotarelo Valledor ou Antolín Santos Mediante. Esta tradición continúa hoxe en día en moitos autores, aplicándoa á propia terra.
     As características xerais da poesía dos autores desta primeira xeración, poden sintetizarse nos seguintes trazos:

* Nos máis dos casos continúase cunha liña localista, de canto á terría no senso máis intimista do termo.
* Utilízase case sempre verso rimado e os autores, aínda que utilizan a lingua máis depuradamente, non adoitan preocuparse por atopar unha lingua de expesión literaria, polo que o dialecto local continúa a ser o sostén lingüístico.
* Os temas, ademais da louvanza á paisaxe, falan de tempos mellores e están cheos de recordacións persoais dos poetas. Nalgunha ocasión a poesía empeza a ser un elemento de denuncia, mais nunca chega a ser unha poesía de carácter social.

     Certamente a poesía é o xénero máis cultivado. Rara vez hai libros de poesía publicados polos autores desta época, que teñen os seus traballos dispersos por distintos medios, coma revistas, libros de festas ou xornais.
     Doutra banda, a narrativa ten un menor cultivo. son poucos os libros que aparecen. As máis das publicacións son artigos de opinión e contos que van publicados en xornais, revistas e libros de festas, como ocorría coa poesía. Seica isto impida que a súa difusión teña un alcance xeral. O conto é o xénero predominante sen que haxa ningunha novela.


2.3. AUTORES


Manuel García, El Galano (A Roda, Tapia de Casarego 1922)

     El Galano é un autor que gustou de cultivar os xéneros todos. A súa actividade máis importante dentro do terreo literario dáse a partir de 1979, cando enceta a dirección do grupo de teatro tapiego Ameicer ata 1991. Son comúns as representacións en galego local (en .tapiego, como adoitan nomealo os naturais da vila) de obras costumistas, algunhas orixinariamente en galego (como a última: A Pataqueira do propio Galano) e outras verquidas ao galego desde o castelán, como a peza Toluras de vello de Tomás Niembro, obra non publicada mais si representada.
     El Galano busca a súa inspiración teatral nos comezos de século, concretamente na obra Un feixe de tapiegadas, de Conrado Villar, autor ao que nos referimos enantes. El mesmo afirma que a súa obra dramática principia en 1979 con Cambian os tempos, un sainete. Virán a continuación toda unha restra de pezas curtas ata 1991: Mareaxes tapiegos. Dous páxaros dun tiro. Fíxenla búa!. Cásasenos a nena. Na mía casa mando eu. Xa somos europeos. Outros tempos. Parexa desparexa. Vennos el americano. Quieto parado. Todas estas pezas breves están recollidas nunha soa obra que leva por título Mareaxes Tapiegos, onde as acotacións veñen en castelán.
     A linguaxe e o estilo de El Galano coma dramaturgo son sinxelos; non pretende facer unhas creacións universais, tan só quere entreter os seus veciños describindo os costumes, as zunas, a vida de Tapia —tal como se viña facendo nesta tradición teatral—, utilizando para iso unha linguaxe que é un reflexo da fala, sen atender a criterios cultistas sen por iso coidala minimamente. Busca o riso e ás veces a mágoa cando aparecen elementos do pasado que merecen ser recatados.
     A outra faceta del Galano é como narrador. Boa parte da súa obra está recollida baixo o título de Parzamiques nun libriño de narracións curtas. Nel tratará de manter esa liña desenfadada, aínda que en xeral o estilo é algo máis coidado, a lingua ten agora un sabor máis puro. O autor recorre con frecuencia a anécdota, tal como nos referiamos a ela no capítulo anterior, nunhas historias que tamén son inimaxinábeis fóra do ámbito da Terra Eo-Navia.


Adela Conde Valledor (San Salvador del Valledor, Allande, 1925)

     Trátase dunha poetisa chegada ao mundo literario do galego de Asturias. Ten un breve poemario intitulado Salutaciois desde a mía ventá publicado no número 2 de O Espello, onde segue unhas liñas tamén abondo tradicionais, mais abríndose a unha poesía intimista, sincera, tamén con olladas para o relixioso. Con todo, fai uso dun verso libre, aínda que non completo, con rimas á fin dos versos con frecuentes, cheo de ritmo. Dentro do panorama poético desta xeración dos cincuenta, o seu verso rompe coa certa monotonía dos outros poetas. Nótase o modo de versificar dunha muller fronte ao que adoitan facer os homes.
     Adela Conde usa un galego sinxelo mais moi correcto, sen grandes pretensións ornamentais, acudindo a recursos elementais do idioma coma as anáforas, e utilizando preciosas metáforas. Un dos seus poemas máis tenros é o que dedica á súa neta Elena, un canto cheo de tenrura moi emotivo. Noutras das súas composicións fai louvanzas da vida en xeral xunto con reflexións polo paso do tempo.
     Publicou en 2000 Contos á tardiquía. Vai dirixido ao público infantil e trátase de varios relatos onde se mesturan aventuras, acordanzas da infancia e certa fantasía propia da súa terra. É outra observadora da paisaxe en todas as súas manifestacións, mais non se limita a contemplalo, senón que o interpreta. Dalgunha maneira trata de transmitir ao público infantil momentos da súa infancia que ela non xulga, hóuboos bos e ruíns, parece querernos dicir a autora, todo sempre so unha linguaxe cargada de tenrura e esperanza, como ocorría coa súa poesía.
     Un último poema dela aparece no Espello nº 3 e leva por título A ventá, máis longo do habitual, tamén en verso libre, que supón unha reflexión serena sobre o feito de vivir.
     En 1998 publicara xunto con Crisanto Veiguela e Xavier Frías Conde varios poemas que apareceran no Espello en Carreiros (na colección O Roibén, Madrid).
     O estilo desta autora non casa para nada co dos seus coetáneos. Seica o feito de comezar a escribir moito máis tarde, de non ter unha formación literaria igual fixo que ela buscase novos derroteiros nos que buscar a súa expresión poética. Nela non pesa ningunha tradición anterior da Terra Eo-Navia, anque si se lle poden encontrar influencias da poesía española dos cincuenta.


Alejandro Antúnez Vázquez (Navia, 1933)

     Antúnez Vázquez é sobre todo poeta, tanto no seu galego local como en castelán, lingua na que chegou a gañar algún premio, como en 1980 que quedou en terceiro lugar co poema Navia, como te vin e como te vexo do Certame Poético La Barca.
     Ten dous libros de versos. O primeiro é Muchicas del meu llar (onde está recollida a obra antes citada), de 1988, un libro de señardades, esperanzas e devezos, cun tipo de verso abondo tradicional, tanto na forma como na temática. A primeira metade do libro está en galego naviego e a outra en castelán. Na primeira pódese atopar mesmo un brevísimo sainete intitulado ¡Xa temos uha reina en casa!.
     O poeta é un home sentimental, emotivo, que prefire as estrofas de catro versos cunha rima sinxela, aínda que non amosa demasiado rigor nela. Mestúranse, como é normal nos autores da súa xeración, os temas festexeiros, as lembranzas de persoas do pasado, o canto á terra e os motivos relixiosos. Así e todo, hai algúns poemas nos que asoma unha tímida denuncia a través do verso, sobre todo contra a papeleira de Navia por ser un elemento que destrúe a paisaxe. Antúñez non anda moi afastado da tradición naviega que representa o seu paisano Pepe Muestras. Seica o seu mellor poema, que nos recorda ás Cántigas galego-portuguesas medievais, é Chalaneira de Porto.
     Ten un segundo libro, este de relatos, que leva por título Papadíos de Navia, publicado en 1997. Trátase dunha recompilación de recordos, o xa célebre xénero dos parzamiques que tanto gusta na Terra Eo-Navia.


Jesús Álvarez Valdés (A Perulleira, El Franco, 1936)

     Natural de El Franco e cronista oficial deste concello, escribiu unha peza teatral intitulada A Alpeirada, coñéceselle sobre todo por As costumbres foron deste xeito, publicado en dúas partes, onde se reflicten os costumes do concello xacando. Para iso, o autor explícaos cunha linguaxe moi chá que non é descritiva senón narrativa.
     Ten tamén algunhas colaboracións en galego de El Franco en libros de festas do seu concello.


Cándido Sanjurjo (Abres, 1917)

     Este autor é orixinario de Abres no concello de A Veiga. É un infatigable pescudador das raíces e tradicións da ría do Eo. Escribe no galego lucense aínda que, coma o resto dos seus compañeiros de xeración, agás Adela Conde, emprega o seu dialecto natal sen atender ao estándar.
     Como os autores precedentes aos que nos vimos referindo, Cándido Sanjurjo é un autor de corte tradicional que canta fundamentalmente ás paisaxes, e dentro destas ao Río Eo. Algo deste sentimento reaparecerá aínda no moderno como veremos máis adiante, en Crisanto Veiguela, que tamén mira para o Eo.
     A súa obra está espallada en diversos xornais e revistas locais, sempre cun sabor localista.

* * *


     En definitiva, na xeración poética nótase un enraizamento coa propia terra que se manterá na xeración actual. A poesía é para eles un elemento de louvanza, de canto, de devoción pola terra que os viu nacer. O río —nuns casos o Eo e noutros o Navia— adquire unha significación especial, é o elemento que trae a vida e que fai posíbel que a paisaxe exista.
     Tanto na poesía como na prosa, os elementos anecdóticos ocupan unha boa parte. Nos mesmos autores conviven unha actitude de respecto e seriedade, con frecuentes referencias ao relixioso con pezas de desenfado. A ironía, nalgúns autores, é por veces ben patente.
     Outros autores que teñen obra poética en galego son María Luz Fernández e Ana María Rodríguez Rebollada, e entre os autores que algunha vez se asomaron á escrita de contos ou artigos en libros de festas están José María Bedía, Vicente P. Suárez e Francisco Fidalgo Villaveirán.



3. A LITERATURA DE CARÁCTER TRADICIONAL

     Xa falamos no capítulo anterior da literatura de carácter tradicional que durante a época anterior comezara a recoller Dámaso Alonso, especialmente no tocante ás anécdotas. Xa moito máis recentemente múltiples anécdotas e contos aparecen en traballos de pescuda e teses de doutoramento, ás veces sen publicar. Esta literatura de carácter popular e oral tivo e ten influencia —insistimos nisto— nos autores que hoxe están en activo, dado que son as raíces das que parten practicamente todos eles e son o manancial que os inspirou e aínda arestora os inspira ao escribiren.
     Nos anos setenta José Antonio Labandera ocúpase das cantigas da beira do Eo e tamén de certas lendas, como a Leyenda del Monasterio de San Martín de Mántaras (1967)
     Dentro de teses de doutoramento, hai unha boa recopilación de contos populares e anécdotas nas teses de Celso Muñiz (El Valledor), José García (El Franco), Xoán Babarro (todo o galego de Asturias xunto cun importante estudio sobre Antolín Santos Mediante Ferraría) e Xavier Frías (todo o galego exterior, cunha ampla colección de relatos e anécdotas de toda a área de estudio). Tamén cómpre citar a recolleita de contos de Xosé Miguel Suárez en Boal. En volume aparte están os Contos Populares da Terra Eo-Navia, unha extensa colección de contos de toda a área, que recentemente se viu ampliada coa publicación de Contos e cantigas eonaviegas de Xavier Frías Conde (2000) en VTP.
     Tamén apareceron algúns relatos de tipo popular en números da revista A Freita, tanto de contos populares coma cántigas e rimas populares.



4. A XERACIÓN INTERMEDIA


4.1. CONTINUIDADE E ANOVACIÓN: O RENACEMENTO DO ARTIGO DE OPINIÓN

     Trátase dunha segunda xeración onde participan autores nacidos nas décadas dos corenta e dos cincuenta. Foron moitos deles críticos co franquismo, compartindo este descontento con autores da xeración anterior, mais a diferencia dos anteriores non viviron a Guerra Civil. Literariamente, verbo do estilo, da linguaxe e da temática, non hai grandes diferencias entre as dúas xeracións.
     Esta segunda xeración comparte espacio coa terceira (a Xeración dos Oitenta á que nos referiremos despois), interesándose tamén polos problemas de normativa que afectan á lingua.
     Serán membros desta xeración intermedia os que empecen a escribiren artigos de opinión en revistas e xornais. Un bo puñado deles estrearanse neste eido, ata hai moi pouco descoñecido na poboación do ultraoccidente asturiana por mor do longo período de silencio que houbo ao longo do franquismo.
     Aquí non podemos esquecer a revista A Freita, pioneira na aparición de artigos en galego de toda caste. Esta publicación naceu en 1992 e saíu ininterrompidamente ata 1995. Cesou durante 1996 e recomeza en 1997 co número 11 nunha segunda época. O suplemento O Espello naceu no último número da primeira época, mais volve nesta segunda. Tamén, ao longo do 1997 virá un caderniño central de literatura infantil, do que se publicarán dous números, o primeiro de contos de Adela Conde e o segundo de Xoán Babarro. A revista, de carácter xeral, toca todos os temas e pretende chegar ao público da bisbarra interamniense. Ao comezo mestúrabanse toda caste de artigos e traballos literarios, ata que xa no derradeiro número da primeira época apareceu O Espello para separar o literario do non literario. Tal distinción mantense na segunda época. É evidente que a revista e mais o seu suplemento son o banco de probas onde o estándar do galego integradorista se vai forxando, especialmente no suplemento literario, o cal é mo rigorosamente coidado neste aspecto.
     Os libros de festa dos concellos son outro elemento de publicación de artigos, mais teñen en xeral moito menos rigor e prefiren tocar temas folclóricos e de señardade do pasado.
     Outra publicación que en 1996 naceu foi Entrambasauguas, tamén de carácter xeral. E a última ate agora é o boletín electrónico A Carqueixa, nacido en 2002, publicado polo CCV, e cuxo enderezo é: http://www.terra.es/personal/cvalledor/acarqueixa


4.2. A IMPORTANCIA DA INTERNET

     Á vista da pouca vitalidade que teñen as revistas convencionais en papel, nos últimos anos danse unha serie de fenómenos bastante interesantes na internet. Trátase dos seguintes:

  • En 1999 nace a correspondencia eonaviega de Vieiros, o portal de información galego na rede. Nesta sección, faise un uso case exclusivo do galego eonaviego.

  • Ao mesmo tempo, nace o Cotarelo Valledor, nos comezos un colectivo de escritores eonaviegos, mais desde 2002 unha editora en liña, onde se publican libros electrónicos. Posúe bastantes seccións, entre outras de poesía, literatura infantil ou teatro. O formato de libro electrónico permite que se poidan publicar traducións como El Principín por Xavier Frías Conde. Encóntrase en http://www.terra.es/personal/cvalledor/.

  • En 2002, dentro tamén do proceso de expansión do Cotarelo Valledor, nace o boletín electrónico A Carqueixa, onde predominan os traballos en eonaviego, xa citado.

  • Non podemos esquecer a revista virtual Agora ou Nunca, de edición tamén na internet desde 1998, que desenvolveu unha grandísima actividade de promoción da literatura eonaviega, xunto coa galega xeral e a portuguesa.


4.3. AUTORES


Benigno Fernández Braña (Boal, 1945)

     Médico de profesión, Benigno Fernández Braña é unha das persoas máis comprometidas coa lingua galega en Asturias. Non é autor literario, mais si conta cunha chea de artigos de opinión, case todos arredor da situación do galego en Asturias, tocando os dereitos dos galegofalantes desta área asturiana, os ataques que sofre e outros aspectos importantes para a súa sobrevivencia.
     Os máis dos seus artigos están na revista A Freita, ademais de en xornais asturianos e galegos. Un dos máis importantes é A quen poida interesar, unha reflexión sobre o estatuto de autonomía asturiano e a presencia do galego nel. Tamén é de subliñar unha recensión histórica sobre o galego intitulada A MDGA e a luita pola normalización da lingua e da cultura galega no extremo occidental de Asturias, publicado en Lingua e cultura galegas de Asturias (Vigo, Xerais, 1994).
     Tamén é de salientar o seu labor coma traductor de artigos ao galego.


Celso Martínez (Boal, 1937)

     Anque ten algún artigo de pequena extensión, Celso Martínez é máis coñecido por un seu artigo no libro devandito (Lingua e cultura galegas de Asturias) que leva por título Semántica e pragmática da literatura oral da Comarca Eo-Navia. Trátase dun extenso e interesante artigo sobre a tradición oral no Eo-Navia, perfectamente diferenciada da do resto de Asturias. É a primeira ocasión na que o subestándar galego de Asturias é empregado dunha maneira tan brillante, cientificamente, sen acudir ao castelán.


Xan Castañeira (Cubillón, Tapia, 1942)

     Licenciado en xornalismo e filosofía, Xan Castañeira escribe artigos en galego desde moi antigo. El foi o primeiro que usou este idioma en xornais do centro de Asturias para se queixar de inxustizas de toda caste que tocaban á Terra Eo-Navia.
     Recentemente publicou varios artigos na Freita sobre temas propios da bisbarra, como as casas de patín ou a conservación de castros.
     Coma narrador publicará no Espello algúns contos de tipo popular e xa colaborou na antoloxía Contos Populares da Terra Eo-Navia.


Xosé Máximo Fernández López (Campos, Tapia de Casarego 1947)

     Este autor pon a pincelada fantástica aos seus relatos. Lonxe do tradicionalismo, Campos gusta do sobrenatural, do inexplicábel, mais sen se desvencellar da súa terra, pois os seus relatos teñen sempre lugar na Mariña da Terra Eo-Navia, con lugares reais e doadamente identificábeis. Cun estilo sinxelo, vola en manter o lector solerte ata o último intre para saber as causas de tal ou cal fenómeno.
     Conécenselle tres relatos curtos: Cultivo de Humanos en Arret, El Tesouro dos Bauer e Alto Segredo de Mal Estado.
     Os novos ares que X. Máximo Fernández trae á narrativa en galego de Asturias terán repercusións en autores posteriores. Con todo non ten unha ruptura absoluta coa curta tradición local, dado que todos os seus relatos están ambientados na Terra Eo-Navia, concretamente na Mariña.
     Desde o número 11, el é o director de A Freita. Como ensaísta recolle a tradición popular do seu concello, mais gusta de saír do seu ámbito natural e así sorprende, por exemplo, con artigos relativos aos kibutz israelís


Xoán Babarro González (Maceda, Ourense, 1947)

     Este prestixioso autor galego merece entrar dentro do elenco de escritores do galego de Asturias polas súas contribucións ao coñecemento e dignificación da fala alén da raia política. El mesmo escribe no galego de Asturias.
     Da súa man é a primeira antoloxía de autores galegos de Asturias a formaren un libro, con seis obras de Xesús Álvarez, Valdés, M. Luz Fernández González, Xosé Máximo Fernández López, Manuel García Sánchez, Cándido Sanjurjo e Xavier Frías Conde. A todos estes traballos hai que engadir catro máis, pertencentes a un autor berciano e dous porteños (de Entre-as-Portelas, en Zamora). O dito libro leva por título Contos do Xílgaro (1992).
     Mais non é esta a única obra que escribiu: na revista A Freita gusta de facer pequenos pareados cos nomes dos lugares, tendo unha chea deles ata o día de hoxe. Unha colección deles xunto con outros traballos do xénero aparecen en Catasol (2002). Tamén neste mesmo ano editou e comentou unha edición póstuma dos poemas de Antolín Santos Mediante Ferraría (2002).


Xosé Rico

     Autor orixinario da Terra Eo-Navia dispón unicamente de dous relatos en galego eonaviego. O primeiro intitúlase De Navia a Xío en sete horas, escrito cun estilo abondo vangardista, sen signos de puntuación que faciliten a xeira lectora, onde o autor narra baixo a forma de pensamentos inconexos todo o que vai vendo nesa viaxe. O seu outro relato leva por título El ano que ven. Ademais, publicou un único poema no número 1 de O Espello: Matinada. Doutra banda, coma escritor de artigos ten varios arredor do teatro na revista A Freita, dado que el é actor dramático.


César López Méndez

     Poeta orixinario de Pezós, mantense tamén dentro da tradición de canto á terra e á paisaxe con atención ao Río Navia. Este poeta evolúe na súa linguaxe ao longo destes últimos anos, pois xa nos derradeiros traballos comeza a se axustar ao subestándar. A súa é unha poesía espontánea, sinxela, de verso libre, aínda que con frecuentes repeticións que favorecen a aparición do ritmo. Está plenamente inserido na tradición poética da Terra Eo-Navia.


María Teresa López García (Boal, 1950)

     É filla de Benjamín López. A poetisa é unha fiel seguidora da poética de seu pai, toda centrada no concello de Boal, que percorre coa súa pluma. Verbo do estilo, a linguaxe e mais a temática, María Teresa non se distingue a penas de seu pai, podendo considerala coma reflectidora daquel concello e das súas xentes. Non lle fala un ar de señardade, ás veces en ton de tenrura, que fai extensíbel a todas as xentes daquel recanto do ultraoccidente asturiano.
     María Teresa López é dos poucos autores que non tomou partido polo integradorismo ou polo castrapismo, ficando, logo, allea aos movementos que xa citamos antes.
     As súa obra poética, breve, sen formar libro, está publicada en folletos locais de asociacións culturais.


Aquilino Poncelas Abella (Teixeira, León, 1953)

     Incluímos este autor berciano dentro da literatura eonaviega tanto pola afinidade lingüística entre os Ancares (de onde é) como pola súa participación en medios eonaviegos. Non entraremos nos detalles lingüísticos; abonde sinalar que o galego dos Ancares pertence ao mesmo dialecto que o eonaviego: o galego raiano (Frías, 1997).
     Leonés de fala galega, A. Poncelas deslócase fóra da súa aldea para estudiar. Primeiro acudiu á escola da súa vila e despois á Veiga de Espiñareda. Con trece anos foi para Ponferrada cos seus pais onde realizou os seus estudios non universitarios ata COU. Fixo a carreira de maxisterio en Lugo e exerceu esta profesión durante moitos anos. Licenciouse en filoloxía románica na Universidade do País Vasco e desenvolveu un interesante labor de investigador da súa lingua, ao tempo que percorreu todo o Bierzo de lingua galega recompilando contos populares que publicou hai algúns anos. Desde meados dos setenta vive en Bilbao, onde primeiro traballou de mestre e agora faino de profesor de instituto na localidade biscaíña de Getxo.
     Malia residir en Euskadi, Aquilino Poncelas segue estreitamente vinculado á súa terra natal e colabora con asociacións culturais da zona, a través de escritos e traballos a prol de promocionar a lingua e cultura galegas do Baixo Bierzo e os Ancares.
     A obra literaria de Aquilino Poncelas consta de varios títulos, sendo o primeiro a colección de contos populares Estorias e contos dos Ancares (edición bilingüe galego-castelán), de 1987, reeditado en 1992, ampliando o número de contos e maila área de recollida de datos, agora so o título Estorias e contos do Bierzo e dos Ancares, publicado pola Xunta de Galicia.
     Un seu conto, Contos da neve, aparece no libro colectivo Contos do xílgaro (1992), onde un rapaz relata lembranzas da infancia na aldea. Trátase dun conto autobiográfico de grande expresividade, onde autor demostra un magnífico dominio do léxico.
     O derradeiro libro que deu ao prelo foi O mestre púxose louco (1995), colección de acordanzas da infancia, contadas coma anécdotas ou contiños breves, onde o autor recrea momentos e persoas que marcaron uns momentos felices da súa nenez. Isto non significa que a obra estea tinxida de señardades, máis ben todo o contrario, pois permite ao lector revivir momentos alleos mais que resultan moi achegados. O libro ten unha clarísima estrutura en catro partes, que comeza coa "autonada", onde recolle once contos; o "inverno", con catorce; a "primavera", con dez; e finalmente o "vrao", con sete.
     A. Poncelas tamén vai participar no suplemento O Espello, espallando, deste xeito, a presencia de autores en lingua galega de fóra de Galiza.



5. A XERACIÓN DOS OITENTA


5.1. UN PANORAMA RENOVADO MAIS DIVIDIDO

     Unha volta vistos os autores precedentes, botemos unha ollada a aqueles que naceron arredor da década dos sesenta e que hoxe son escritores en galego de Asturias, herdeiros da tradición anterior e ao mesmo tempo máis abertos ca nunca ás innovacións vidas de fóra, ás correntes da literatura universal. Nomeámoslles como Xeración dos Oitenta por empezaren a escribir nesta década ou principios da seguinte.
     Case todos os autores da época anterior seguen en activo, polo que se dá unha plena convivencia entre os primeiros e os segundos. Doutra banda, o coñecemento que os autores novos teñen da lingua é moi superior ao que tiñan os seus maiores, aínda que pareza un paradoxo, de xeito que a lingua literaria está moito máis pulida. Ademais, os autores hodiernos adoitan ser máis polígrafos que os seus predecesores, cultivando máis dun xénero literario.
     Ademais, aparecen as primeiras revistas, as primeiras edicións serias de libros e mesmo fanse análises rigorosas da lingua, da literatura tradicional de tradición oral así como outros aspectos da vida do país que antes non pagaron a pena de ser estudiadas. Con todo, ás revistas xa nos referimos ao tratar da xeración anterior.
     O conflicto da normativa do galego eonaviego comeza a partir de 1985. Cando se redacta a Proposta de Normas Ortográficas e Morfolóxicas del Galego de Asturias en 1990, xa hai unha clara xebra en dous grupos entre os que se interesan polo galego local, achándose o primeiro escallo na definición da lingua do Eo-Navia, que para os redactores das devanditas Normas é galego, sen máis, e para os que se lles opoñen haberá desde aquela un movemento de ambigüidade e imprecisión verbo da súa definición, sempre motivada, como xa dixen, por razóns políticas e non lingüísticas, onde non se dá aceptada a galeguidade lingüística do idioma. Con todo, ningún filólogo de prestixio deixou de recoñecer a galeguidade lingüística do galego eonaviego. Tal situación lévanos ao paradoxo de que autores asturianos en galego non se consideran tales, e sen embargo están a facer unha importante fornecemento á literatura galega, aínda que sexa desde o seu dialecto. Froito destas dúas visións é a presencia dos dous movementos que hoxe marcan a pauta do que son a normalización e a normativización do galego de Asturias e aos que me referín antes: integradoristas e castrapistas.
     Doutra banda, dous fitos importantes teñen lugar nos anos 90 para a literatura asturiana en galego: a aparición de coleccións de literatura e de suplementos literarios. Todo isto é continuación do proceso comezado no período anterior. Non é labor deste último grupo, senón que se trata dunha tarefa na que participan escritores das dúas xeracións e mesmo da primeira.
     Verbos das coleccións literarias, hai tres hoxe en día. A máis veterana é a colección de literatura infantil Castelo das Letras, onde hai ata arestora seis libros para rapaces publicados: El xabaril que quería engalar (1991) de X. Frías Conde, e Contos Populares da Terra Eo-Navia (1992), unha recompilación de contos de toda a bisbarra, Contos á tardiquía (2000) de Adela Conde, Contos de Grimm (2000), A odisea de Pere Xil (2001) de Xavier Frías e Debaxo de Nabis, Sapis (2001), de Quique de Roxíos.
     Tamén dentro da literatura infantil hai que destacar a aparición de Xelín e Toxo (1995) por un grupo de mestres de Tapia e Navia, aínda que non é propiamente un libro de literatura infantil, senón unha gavela de textos arredor das dúas personaxes que dan título ao libro. Recentemente acaba de aparecer Catasol de Xoán Babarro (VTP, 2002).
     Existe, doutra banda, a colección Xeira de narrativa e poesía, con algún títulos en prosa como Parazmiques de El Galano, e en verso Nas Arribadas de Xosé M. Suárez, ao que nos referiremos máis adiante. En 1997 publicou Papadíos de Navia de A. Antúnez e mais Mourén dos fondales de Fredo de Carbexe.
     En 1995 encetou unha nova colección, Novo Carballo, que conta ata a data cun único libro de relatos: Serzo no louxado de Xoán Carlos Álvarez Blanco.
     Por fin, en decembro tamén de 1995 nace o Suplemento Literario O Espello da Revista A Freita, da que xa falaremos máis adiante.


5.2. AUTORES E OBRAS DO ÚLTIMO PERIODO


Crisanto Veiguela Martins (A Veiga, 1959)

     Crisanto Veiguela, enxeñeiro forestal, viviu a súa infancia na Veiga e trasladouse despois a Santiago, onde cursa os estudios de bacharelato. Anos despois iría a Madrid.
     Veiguela Martins utiliza o galego de Asturias xunto co estándar, mais case sempre para chufar —como el di— a terra, a xente e sobre todo a lingua do seu berce. Moi influído polas experiencias vividas, a súa poética é precisamente unha recreación de momentos vitais nos que a señardade, a mágoa ou a ledicia cunha sobrecarga na rima, ás veces ben forzada, que pode resultar pesada.
     A tradición lírica galega pesa moito nel, os sentimentos xorden tras cada palabra e fíxase en moitos dos aspectos da paisaxe para os que xa miraran poetas como Cándido Sanjurjo. Mais á diferencia dos que o antecederon, Veiguela Martins fíxase moito máis na lingua, até o punto que parece case unha obsesión.
     A localización da poesía deste autor está fundamentada en tres lugares: A Veiga, Santiago de Compostela e Madrid. Os dous primeiros reciben unha cantiga más positiva, mentres o derradeiro é xa un afastamento doloroso do seu ámbito natural.
     Boa parte da súa obra en galego de Asturias está na revista A Freita, onde publicou un poemario sen título en varios números, e finalmente nos tres primeiros números de O Espello. Ademais participou, como xa se dixo, na obra colectiva Carreiros (1998).
     Como autor de prosa recentemente estreouse co conto El leite mouro, autobiográfico e moi descritivo.



Xosé Miguel Suárez (Mántaras, Tapia 1965)

     Mestre e licenciado en historia, Suárez é o máis enxebre representante das letras galegas vistas desde o punto de vista castrapista. Este autor salienta como poeta en galego. Ten dous excelentes poemarios: Bidureiras de Inverno (1990) e unha colección de poemas brevísimos onde hai un canto constante á Terra, á que ás veces trata como a unha namorada. Xunto a elo, poemas de monólogo interior onde o poeta busca a forza que leva en si mesmo para seguir adiante no camiño da vida.
     Este poemario foi analizado por Xosé Lluis Campal (34), o cal di ao respecto que:


(...) mitoloxiza o fondo dun épico itinerario memorialístico coa axuda dun anaforismo interno que favorece a expresividade desencorsetada do período estrófico. Igualmente, atópanse os versos na remebranza dunhas pasaxes introspectivas.

     Amece Campal de X. M. Suárez:

Quer afitar a súa propia identidade falando, coa xusteza que lle dá a confidencia impresionista, ao ouguido doutras realidades, atopando e amecendo o fluxo vivencial na herdanza. Remata este crítico dicindo: Así, condiciona no lector a súa recuperación da identificación (...) que pode afitar a súa raíz en Celso Emilio Ferreiro ou Gabriel Aresti.

     O segundo poemario de Suárez é Nas Arribadas (1994) que continúa profundando e madurecendo na liña intimista do anterior. Nótanse os catro anos de diferencia entre ambos os poemarios no maior coidado da linguaxe, na máis calculada exactitude dos termos —subxectivamente falando—, como se a elección das palabras e das expresións tivese aquí máis transcendencia. Reaparece unha segunda persoa, un ouvinte que pode ser, ás veces, o lector, ao que se refire nun ton de cordialidade e confidencia que fai máis achegada a poesía do autor de Mántaras. Continúa a tomar en todo momento coma ámbito onde se desenrola todo o diálogo poético a propia terra, manténdose, logo, fiel a unha tradición que lle vén de lonxe e na que se acha coa mesma intensidade C. Veiguela e en menor medida X. Frías.
     Coma ocorría con estes dous poetas antes citados, X. M. Suárez utiliza o verso libre en todas as súas composicións. En todos os poetas desta época non aparecen versos convencionais por ningures. Tal tendencia xa se acha en Adela Conde, a única da súa xeración que dá o salto e áchase tamén en César López Méndez, aínda que neste derradeiro con menos forza.


Xosé Antonio Ron Tejedo (Santo Antolín de Ibias, 1963)


     Non é tanto literato coma autor de interesantes artigos de temas variados sobre antropoloxía do ultraoccidente asturiano. Os seus artigos aparecen en diversas revistas asturianas así como na Freita. Trata de vellas tradicións como as mazcaradas, a cultura da castaña ou a gaita galega en Asturias, sempre a utilizar un moi coidado galego local.


Xavier Frías (Béjar, Salamanca, 1965)

     Orixinario do Valledor (Allande), Xavier Frías comeza a súa andaina na literatura asturiana en galego coa poesía a través do poemario Onte foi cabalo de sinza (1991), unha experiencia á que Xose Lluís Campal (35) se referiu como o máxico cotiao que puxa por enhalar ata un estrato idealizante. Amece Campal que a voz do poeta afalaga a sinceridade diacrónica do verbo, fundindo o metafórico e mais o costumista simbólico. Cualifica, ademais, este primeiro poemario como neorromántico.
     Un segundo poemario aparece en 1992 e 1993 na revista A Freita baixo o título de Condo se ergue a noite, tamén moi na liña do anterior. E xa en 1995 publica en O Espello un brevísimo poemario intitulado De costume imposible, onde a adoración pola terra e pola lingua tórnanse un devezo inalcanzábel, por veces unha obsesión, por mor do afastamento na que se acha, espellando nos seus versos un mundo hostil, case diabolizado, no que vive, en continuo contraste coa terra e coa paisaxe que el considera de seu. Algunhas imaxes, como as oliveiras, o sol, son un gancho que aproveita para sobreporse a tal hostilidade. É agora cando a súa linguaxe poética adquire unha fortísima carga de simbolismo mais de doada comprensión.
     Na narrativa, Xavier Frías publicou en 1991 El xabaril que quería enhalar, colección de catro contos con abonda simboloxía, sendo este o primeiro libro para rapaces que se escribiu en galego de Asturias.
     En O Espello número 1 aparece un relato curto intitulado Na compaña dos lobos, moi na liña de relatos ambientados na aldea. No portal da BVEN publicou A aldea (1999), un conto ambientado na aldea de Vilaboa, heterónimo de San Salvador del Valledor, a súa aldea de orixe.
     En 2000 deu ao prelo a obra Azul e Terra, poemario enteiramente escrito en eonaviego, con dúas partes, sendo a segunda un canto á terra, editado na colección O Roibén. Nos últimos tempos deu ao prelo unha considerábel obra poética escrita en galego padrón e portugués, case
toda ela publicada na colección O Roibén, entre a que cómpre salientar: Canto de Nedara (2001), Marés na Beirarrúa (2002) —Lisboa, Edições Tema— e Axarquia (2002).
     Do mesmo xeito, é o primeiro autor que publica teatro infantil eonaviego, onde hai que sinalar o libro: Terra á vista / El burato de Andrés el Cempés, editados por VTP (2002).
     Con todo, a maioría da obra deste autor está escrita en galego estándar.


Xoán Carlos Álvarez Blanco

     É nacido no concello de Eilao e autor do libro de relatos Serzo no louxado, unha moi breve colección de relatos de infancia, onde o autor recolle acordanzas de cando era cativo, alternando unha linguaxe crúa perante a morte xunto a unha tenrura desbordante fronte a intres que deixaron pegada nel.
     O libro consta de sete relatos moi breves, tamén na liña do parzamique. O autor defíneos coma sete historias de cuspio e sangue, escritas no galego del occidente asturiano. A riqueza de léxico é un dos elementos que chaman a atención da obra, fundamental para coñecer a idiosincrasia desta bisbarra do ultraoccidente asturiano.
     Este libro é o que enceta a colección Carballo Novo.


Quique de Roxíos (Roxíos, Boal, 1965)

     Quique de Roxíos acabou na literatura un pouco de rebote. A súa obra literaria foi escrita nos inicios dos anos 90, durante o tempo de loita da súa mocidade, mais foi publicada nos inicios da década seguinte.
     Durante 1999 deuse a coñecer coma escritor através da revista O Espello, cun poemario breve intitulado Teño dolo da túa risa. Ao mesmo tempo, tem publicado un libro de contos para nenos, de carácter popular, co título de Debaxo de nabis, sapis..


Alfredo González Fernández Fredo de Carbexe (Carbexe, El Franco, 1967)

     Licenciado en xeografía, Fredo de Carbexe vén de publicar o seu primeiro libro de poemas en 1997, intitulado Mourén dos fondales. Este poemario recorda moito aos do Xosé Miguel Suárez, mais sen acadar a calidade literaria deste.
     O libro consta de vinteseis poemas, a maioría de tres ou catro estrofas. Tamén escribe en verso libre, cantando elementos da paisaxe, persoas (antigos mestres, nenos, vellos amigos), momentos do pasado que se ollan con saudade. Fíxase no paso do tempo e mais a pegada que deixa, reparando en detalles de optimismo coma o amencer.
     En 1998 colaborou na antoloxía Muestra de poesía asturiana, onde participa con unha serie de poemas moi na liña do seu primeiro poemario e no 1999 aparece introducido na antoloxía Milenio de Basilio Rodríguez Cañada, o cal non deixa de ser un bo síntoma da saúde da poesía eonaviega, visto que este autor aparece xunta Xavier Frías Conde.


Xaviel Vilareyo Villamil (Mieres, 1967)

     Poeta orixinario de Boal, pertence ao grupo de poetas actuais do Eo-Navia que mora en Madrid. A súa obra poética está feita tanto en galego como en asturiano. No primeiro idioma gañou o premio Vila de Sarria na súa XXVI edición, cunha obra que leva por título Os novos poemas. Na revista O Espello publica o poemario Reflexos no fondo, escrito en galego estándar, mais aproveitando poemas anteriores en galego de Asturias. Un deles, intitulado Esmolecimiento, xa aparece no seu poemario en asturiano Cróniques del Recuerdu (Mieres del Camín, 1997, pp. 33; EN).
     A poesía de Vilareyo segue nesa mesma liña que vén marcando a pauta destes autores dos oitenta. Aparece a paisaxe da terría, nunha evocación á lembranza dos momentos felices da infancia, con evocacións moi concretas no seu caso a elementos característicos coma os hórreos.
     A lingua, sinxela en canto á forma, ten unha firmeza pouco común, sabe chegar ao centro dos sentimentos do poeta que transmite doadamente ao lector sen por iso perder profundidade. Non emprega versos excesivamente curtos, mais tampouco adoita alongarse. Cada liña soe ter unha lonxitude semellante, de modo que o poema transmite unha sensación de ritmo constante.
     Percíbese constantemente a señardade, tanto da infancia como da paisaxe e mesmo da ausencia da persoa amada. O mundo interior do poeta amósase sereno mais saudoso, requirindo por veces a presencia do pai.
     Vilareyo recoñécese debedor de Rosalía de Castro e de Fernán Coronas, El Padre Galo.


Daniel Lavesedo (Vigo, 1975)

     É un licenciado en Ciencias Químicas, orixinario de Rozadas(Boal), de onde é o pai.
     Trátase dun novo valor da literatura eonaviega. Como moitos dos escritores actuais en eonaviego, Daniel é eonaviego de segunda xeración. Recupera a lingua familiar (nese caso o dialecto) para usalo literariamente.
     A súa obra literaria é un libro de relatos, Pola vila, publicado no portal Cotarelo Valledor (2002). É unha recompilación de relatos curtos dun carácter moi variado, onde o elemento fantástico ten un valor fundamental. É de salientar o relato El áncora de gran valor literario.


Viqui Veiguela (León, 1979)

     Esta é a última incorporación ao panorama literario eonaviego. Orixinaria de A Veiga, comezou a publicar en galego en Madrid através do grupo literario Bilbao, onde coñeceu a Xavier Frías. Até agora publicou o poemario Velaiveñen no Espello (recollido despois no caderno colectivo Simbiose 2000), e participa na colectánea poética Bilbao. En 2002 publicou o seu primeiro poemario en solitario, O ouvido e o calado (tamén na colección O Roibén, Madrid).
     A súa poesía é fresca, erótica e sensual, na liña das poetas galegas da súa xeración (Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Olga Novo), mais cun estilo persoal que fai dela unha grande esperanza de futuro.


5.3. O ESPELLO

     Xa citamos O Espello como un dos elementos dinamizadores da literatura galega en Asturias, dada a grande importancia que está a acadar dentro do panorama da literatura galega en xeral. Naceu, segundo xa se indicou, como un pequeno suplemento da revista A Freita e vén nas súas páxinas centrais. O suplemento naceu pola necesidade que houbo de dar cauce ás
manifestacións literarias que cada vez máis rebordan A Freita. Esta revista, de carácter xeral, non podía ser máis un totum revolutum, de modo que se vía a urxencia de destinar un espacio propio á literatura na nosa lingua. Tamén é certo que non se dispuña nin de medios nin de orzamento para lanzalo como revista independente, aínda que é moi posíbel que para o ano 98 si apareza coma tal.
     Así incluíuse como suplemento de A Freita, quitando da revista nai case todas as colaboracións literarias.
     Os obxectivos que pretende cubrir esta publicación son: afianzar o uso literario do idioma; crear un espacio para a creación literaria; abrirse a creacións literarias noutras linguas traducíndoas ao galego eonaviego e ser punto de encontro de autores asturianos e galegos. Neste sen, en todos os números de O ESPELLO hai sempre traduccións de autores asturianos ao galego. No número 1 hóuboa de Pablo Antón Marín Estrada, no número 2 de Humberto González, no número 3 hai de Maite Iglesias e de Xuan Bello e no 4 de Lluis Aique Iglesias. Todos estes autores asturianos son senlleiros dentro da literatura en lingua asturiana hodierna.
     Tamén nas páxinas do suplemento hai presencia de autores galegos, coma Fermín Bouza, Vicente Araguas e Miguel Anxo Fernán-Vello no número 2 coma poetas e Manuel Pereira no número 4 coma narrador. Entre outros escritores, no número 3 hai unha traducción do catalán de Pau Joan Hernàndez.
     Verbo da estructura dos dous números do suplemento, agás o segundo, responde ao que é unha estructura típica, con unha primeira parte de narrativa e unha segunda de poesía, mentres que o segundo é un monográfico de poesía. En todos os números hai sempre unha representación de escritores locais.
     En fin, trátase dunha publicación sinxela, suxeita aos avatares dos orzamentos, como ocorre con case todas as publicacións deste xénero.


5.4. CONCLUSIÓNS


     Tras esta rápida presentación, podemos afirmar que hai abonda xente que usa literariamente o galego eonaviego. Estanse a alcanzar uns niveis mínimos de calidade, sen que iso signifique que esta literatura estea xa establecida. O máis grande inconveniente, non só no terreo literario, senón en todo o relativo á sobrevivencia do idioma, é a división en dous bloques antagónicos segundo as dúas concepcións que hai do idioma e que xa explicamos antes. Desgraciadamente, tal esgallo non favorece o florecemento do idioma nin da súa literatura.
     A Terra Eo-Navia parece agora acordar dun letargo de séculos. A súa xente si vai tendo consciencia de teren lingua propia, non a asturiana, aínda que as consideracións ao seu respecto varían por criterios políticos que non lingüísticos desgraciadamente. As manifestacións folclóricas (enténdase este termo nun sentido pexorativo) son as que algúns colectivos aínda desexan para o galego, mais os autores que toman en serio a lingua son, afortunadamente, cada vez máis. Non se conta cun estatus de recoñecemento e protección para o galego en Asturias, o cal dificulta que a pouca literatura que se fai teña difusión. A fronteira política, por desgracia, é por veces unha barreira impermeábel que separa os falantes das dúas ribeiras do Eo malia teren o mesmo idioma.
     Chegamos ao século XXI. Non sabemos cal será o futuro da lingua galega en Asturias nin das súas humildes letras. Todo dependerá da súa fortaleza e da dignidade que lle queiran outorgar os seus falantes. Con todo, esperamos que chegue o recoñecemento legal da galeguidade lingüística
da fala do Eo-Navia para que o idioma poida entrar na vida pública e no ensino e que o mundo literario galego asuma esta parte da súa tradición.





32. Os primeiros estudios comezaron con Dámaso Alonso cos seus artigos de El Occidente Peninsular no Tomo I das súas Obras Completas da Editorial Gredos. Ségueno, xa moito máis preto dos nosos días dúas teses de doutoramento sobre o galego de Asturias de Xoán Babarro (Universidade de Santiago 1993) e Xavier Frías (Universidade Complutense de Madrid, 1995).
33. Seguimos a F. Fernández del Riego na súa Historia da Literatura, Ed. Galaxia, 1984, cap. X, pp. 195 e ss., que toma este grupo coma unha xeración ponte. Inclúe autores coma Pura Vázquez, Xosé Neira Vilas, Antonio Tovar e Luz Pozo Garza, entre outros. Por certo, esta derradeira autora é natural do concello de Ribadeo, polo que o espacio físico do seu nacemento fica apegado á Terra Eo-Navia.
34. Campal, X. Ll. Les voces poétiques de la coleición "Ámbitu": una personalidá diferencial, en Lletres Asturianes 60, pp. 39.
35. Idem supra, pp. 40

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega