Ardentía: obra poética completa

 

Poema do home que quixo vivir. Escolma.

Páxina Seguinte

v1bernardinogranaquixovivir.html

1

O vento díxome cousas
Que non atopo nos libros.

Resoaba a súa voz no mundo
igual que un soño perdido.

E o mar buscaba unha aperta,
Buscaba un peito ou un niño,
E non atopaba nada
Senón penedos espidos.

Recordo que era Nadal
E eu bebía moito viño.

Estabamos todos xuntos,
Os anxos meus, os amigos...

O vento e o mar berraban
Coma cans adoecidos.

E nós calados, fumando,
Bebendo, mirando fixos,
Por se chegaba algún día
Un forasteiro ou escrito
Que nos dixese que existe
Máis alá de todo un brillo,
Un sol que non ten solpores,
Nin vacas tristes, nin grilos.

Estabamos todos xuntos,
No meu silencio metidos,
Querendo que nos chegara
Algo estraño, de outro signo
Que nos sacara cal gando
E nos mostrar o camiño
Para pacer herba nova
E choutar noutros eixidos.


 

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega