A segunda praia
oceánica de Solomba cautivaría ó máis esperto en paisaxística. Tiña unha
beleza antolladiza e salvaxe que no verán amosaba a súa cara menos
problemática. Sen embargo, non engañaba ós Cacauetes. Eles tíñana
rexistrada na memoria xenética como nunha exacta cartografía. Sabían que
era falsa por estar demasiado aberta ó mar. Que os remuíños eran
constantes preto da orela e que a súa forza batíate coma se foran os
puños dun Urtain esnaquizándote contra o fondo. Coñecían os recunchos
onde bañarse coa marea baixa e aqueles outros onde poñe-lo pé
significaba un reto insensato. Lili camiñaba por ela buscando o firme da
area mollada envolta no bramido do mar. O badaleo das ondas ó escachar
nos baixíos da rocha Ataín atraíanlle a ollada, mentres os riladores de
cacauetes camiñaban indiferentes a aquelas sensacións coa exclusiva
ansia de rematala. Eles criáranse co roncón das ondas. Aprenderan a
distingui-los bramidos do océano ó lonxe do mesmo xeito que James
Steward os cantos indios. Diferenciaban a chegada dunha marexada, dun
mar de vento ou dunha marea grande según fora o baticar das ondas na
ribeira de Solomba. Iso só podía significar que por dentro eran
mariñeiros. Non importaba que os seus destinos lle gardaran camiños
afastados desta encomenda, pois para eles ser mariñeiro non era un
oficio senón unha caste de incomprensibles espíritos, que se adicaban a
ir ó mar.
¡Alá adiante queda Nova Iorque!. Dixo Cochise alongando un brazo por
diante da cara de Lili.
¿Como o sabes?. Preguntou Nico ó tempo que a Tom lle temblaba a ollada,
que tentaba seguir fixa na montaña das camariñas como se non escoitase a
apreciación de Cochise.
Por un irmán de meu pai, que se atopa alí emigrado. Contestou mentres
tiraba da cinta moura que gardaba no peto do Lois.
¿Por onde, Cochise?. Preguntou Brincas parado diante da inmensidade
mariña.
Se colles un barco dende aquí e o pos rumbo ó horizonte en liña recta
chegas a ela. Cochise ataba a cinta ó redor da fronte afastando os
caramiñoles dos ollos. ¡Ó Oeste!. Falaba sacando as palabras do
pensamento, mentres a vista se lle extasiaba no horizonte con azos de
penetración. Brincas tamén ollaba deica o Oeste de Solomba, mar a fóra.
Situación imprevista que xerou nel as ansias de converterse nun lobo de
mar e de sulca-las augas rumbo a Nova Iorque algún día.
Tom non lle dera importancia á palabrería de Cochise e continuara o
camiño, pero cando se dou conta estaba so. Mirou para atrás e contemplou
con envexa ós Cacauetes parados detrás do Brincas e de Cochise. O Birtas
atrevérase a achegarse a eles. A Tom non lle quedou máis remedo que
agardalos. Eran unha manda. Sen embargo, no momento que deixaba o cesto
na area Lili iniciaba a marcha. Xa faltaba pouco para o remate da praia,
pero Tom nese intre desexou comezala de novo. Lili estaba a par del. Os
dous sos. Faltoulle tempo para recolle-lo cesto e camiñar con ela ó lado
sen intrusos. Apurou o paso para chegar ó camiño do acantilado e así
poder axudala na subida. Fíxoo cunha man suada, ríspeta e pequena para o
alongamento do seu corpo. Ela agradeceullo cun feble sorriso, pero a Tom
non lle dou tempo a nada máis porque os demáis xa estaban alí agardando
turno. O certo era que pola cabeza de Tom non pasara a idea de darlle un
bico. Era moi recatado ou máis ben pacato según palabras de Lili. El
quería estar con ela a soas como quen se acompaña dun bastón ou dun
pitillo. Ese era Tom.
Esta é a montaña das camariñas ¿non?. Preguntoulle Lili a Tom mentres
emprendían a marcha a través dun carreiro máis de area que de terra.
¿Por que lle chaman así?. Seguía Lili co marcado acento francés que
poñía nas ocasións máis gorentosas. ¡Tom!. El non lle contestou á
primeira. ¡Tom!.
Non sei. Respostou á fin. ¡Atentos!. Berrou Tom virando a cabeza
para atrás.
Lili soubo ó momento que aquela reacción fora concebida só para
despistala. Sen embargo, Cochise cun movemento lixeiro adiantárase
sixiloso espreitando os cantís con pasos de veludo e artimañas
aprendidas dos cowboys. Os músculos tesos, o aceno da cara vixiante,
contraído e os ollos nunha única dirección, pero en todas. Estaban nos
lindes do Concello de Camariñas. Iso para aquela panda amante das
películas do Far West era como entrar en territorio Apache. Dende aquel
momento debían estar alerta buscando sinais dun enimigo, que soamente
lle poboaba a fantasía.
Os pinos atlánticos chegaban ós pés da montaña das camariñas e
descansaban cabo dunha pequena praia chea de argazo. Dous homes
recollíano para os seiróns de sendos burros, que non se podían comparar
en nada co Ioni Iuma nin na sá terquedade nin na agrisallada fermosura
de burro. Niso estiveron todos dacordo despois de deixalos atrás. Os
Cacauetes déronlle os bos días ós mariñáns aparentando serenidade, pero
estaban asustados. Era a primeira vez que saían de Solomba sen pais. Tom
pensou novamente que o que estaban a acometer era unha aventura das
serias e ademais, coa carga dunha muller. Non quería pensar qué lle
dirían o do Mercedes-Benz con matrícula estranxeira se lle ocorría algo;
Ben, a culpa fora del por darse tantos aires de modernidade. Nin que
estar en Suiza che dera pasaporte para todo. De seguro que era un deses
hippys ós que Birtas quería imitar. Tom parou en seco ó avistar un sinal
de Cochise, quen se adiantara pola delongada ribeira que abranguía
Camelle. Os Cacauetes abaixaran as costas ó unísono como tiñan costume
de facer polas dunas de Solomba. Foi un movemento espontáneo e imantado
pola actitude de Cochise.
Lili ollábaos cun natural abraio, a pesar de telos vistos en moitas
ocasións do mesmo xeito. Con todo, xa estaba ben. Aquilo non era para
tanto e ademais, xa non eran nenos. A Nico e a Chulo comezaba a
notárselle o empeño por afeitar un mostacho, que apenas escurecía o seu
beizo superior. Cali era demasiado escuchimizado e tería que esperar
algo máis. Brincas e Birtas non facían caso aínda das escuridades da
faciana. Pola contra, Tomás e Cochise eran conscientes dos novos
detalles do seu físico, pero desexaban delonga-lo paso do tempo nunha
contida e eterna infancia. Lili camiñou erguida buscando un carreiro
aberto entre as hortas, que case se deitaban na ribeira, adiantándoos
con autoridade. Despois duns segundos de recapacitación os Cacauetes
volveron a erguerse con disimulo e seguírona sen receos.
|