Camelle
presentábase a rentes do acantilado cunha ausencia meditada. Non se vía
nin unha alma e os círculos nas pedras dos montes daban a impresión de
estar sinalando un entorno sagrado, como se foran feitos coa intención
de exorta-los malos espíritos ó xeito dun cemiterio indio. Brincas e
Cali tiveron medo e preguntaron ó unísono qué hora era, para afasta-lo
silenzo que os envolvía. Ninguén lles respostara como se quedaran mudos
baixo o aturdimento dun baldeiro que lle enchía os sentidos. Atentos ó
máis mínimo detalle atravesaron a pequena praia sorteando as cordas de
dúas chalanas varadas na mesma. Co achegamento da vila veu o alivio.
Había vida nas portas das casas e un par de coches de turistas preto do
museo de Man. Rubíron deica a estrada e como se estivesen imantados
polos rótulos das cafeterías, endereitaron ata o Café-Bar Rotterdam.
Parlamentaron uns segundos na entrada, ó cabo dos cales Cochise e Tom
decidiron entrar para preguntar se podían deixar alí as bolsas ata que
saíran do museo. A dona do bar, con aquela amabilidade que caracterizaba
ós emigrantes retornados, non tivo inconvinte de ningunha clase. Ó intre
entraron todos e deixaron os bolsos na cociña, que se separaba do
mostrador por unha cortina de abelorios de plástico. Antes de marchar
Nico e Chulo falaban polo baixo con Cochise e con Tom sobor de ter que
facerlle algún gasto alí. Un par de Revoltosas ou de Trinaranjus sería o
mínimo. Houbo acordo tallante mentres se dirixían ó muelle.
O museo ó aire libre e disposto deica o Norde semellaba
non ter entrada nin saída. Lili tivo que orientalos por entre argazo
seco e pedras das praias en perfecto equilibro. Tivo que alertalos por
entre diminutos hortos regados pola salitre dos que abreitaban astrais
monumentos, para que non os desfixeran cos seus pasos. Sen embargo,
antes de chegar a un cabano coa entrada dirixida ó Este, un home en
taparrabos de corpo enxuto, moreno e longo presentouse diante deles.
Brincas coidou que se aparecera como por ensalmo e chimpou no aire co
susto ó encara-la vista con aquel farrapo, que xa estaba a parecer de
coiro pola intromisión do tempo. Cochise adiantouse e colocouse diante
do Brincas, quen permanecía cunha man pranchando o peito. O home de
Camelle alongou as mans nas que levaba oito blocs de notas pequenos e
uns bolígrafos. Un por un foi entregándollos ós Cacauetes.
Mentres todos ollaban para o que lles entregaba sen saber qué quería
aquel home, Lili estudaba a faciana de Man oculta detrás dunha barba
rala e desmañada. El douse conta da observación minuciosa da rapaza e
cun sorpresivo aceno cravoulle con dureza unha fonda ollada gris na dela;
demasiado dura para ser un simple hippy, pensou Lili despois de dicirlle
ós demáis que tiñan que debuxar o que lle suxeríra aquela obra.
Demasiada tirantez na sorpresa daquela faciana alongada, tostada e
enrugada pola intemperie, que volvía a entrar no cabano desinteresándose
e que sen embargo, os estaba a vixiar polo único ventano da súa morada.
Por suposto que Lili non dixo nada daquela intuición,
pero ó tempo que debuxaba no bloc barallaba sobre o sentido daquela
mirada, mesturándoa coas apreciacións de Chulo e de Nico, ós que ela
convencera do seu erro; Talvez a trabucada fora ela. Quizá fose un nazi
foxido coma tantos outros ou pola contra aqueles fantasiosos riladores
de cacauetes estaban a contaxiala. Xa non sabía qué pensar e Man volvía
a saír. Ía xunto dunha parella de mozos, que ficaban na entrada
interrompida por eles. Os Cacauetes déronse conta e adiantáronse
polo aínda reducido museo. Chulo e Nico amosábanlle os debuxos, que lle
insinuara a obra do alemán a Tom e a Cochise. Tom non quería debuxar
nada, non lle daba a gaña e Brincas, máis humilde, dicía que non sabía
qué debía debuxar. O mesmo lle pasaba a Cali e ó Birtas, quen se
esquecera de vixiar a Tom. Nico e Chulo dicíanlle que fixeran coma eles
poñéndolle os blocs diante dos ollos. Os debuxos deses dous Cacauetes
eran un calco das pedras que tiñan diante, anque con trazos temblorosos.
Os debulladores de cacauetes non sabían qué era insinuar e nadie lle
aprendera qué era suxerir. Ninguén procurara estimularlle esa parte do
saber nos anos que levaban en Solomba. Precisaban unha explicación moito
máis delongada e con exemplos. Cochise amosou unha folla chea de
círculos medianos, pequenos e máis pequenos. A de Lili consistía nunha
espiral, que saía mesmo do centro da folla e se espandía para fóra ata
ocupala toda.
E ¿iso onde o víchedes?. Preguntaba Brincas ollando as follas de
Cochise e as de Lili, ó tempo que buscaba coa ollada no museo algo
indentificable ós debuxos.
Non o vemos, imaxinámolo. Dicía Lili. Isto que ves aquí é o que nos
suxire o museo.- Seguía cun ton didáctico petando co bolígrafo na
libreta, mentres Brincas poñía cara de póquer.
¿Iso é suxerir?. Preguntaba Birtas dirixíndo o seu bolígrafo ó debuxo
de Lili. ¡Pois a mín non me sairía iso que fixeches ti na vida!.
Falaba a modo de resposta despois de que Lili afirmara coa cabeza.
¡E ti non te chulees tanto!. Dicíalle Nico a Chulo.¡Que fixeches o
mesmo ca min!. Despois de que Chulo se rira do Birtas.
¡Pois para facer o que fixo Cochise e mellor non facer nada!. Falaba
Tom con Brincas e con Cali.
Nese momento Man volvía onda eles e comezaba a recolle-los blocs. O home
de Camelle interesouse polo de Lili, pero sen mirala ós ollos como se os
temese. Circunstancia que ela non apreciaría así nese instante, anque co
tempo coidaría que no momento no que el examinaba o seu debuxo, ela
intuíra ou tivera a sensación de que Man semellaba buscar algo perigoso
para el e respirara con certo alivio ó apreciar que non había nada diso
naquel debuxo. O alemán recolleu animado o bloc de Nico, o de Chulo e o
de Cochise, pero insistíu en que Brincas, Birtas, Cali e Tom debuxaran
calquera cousa. Era moi importante para el, según as súas propias
palabras nun castelán abrupto como os cantís que convertera no pear do
seu arte. Os Cacauetes recriminados volvían a colle-las libretas. Tom
debuxou a correr unha espiral e Brincas unhas burbullas similares ás de
Cochise, que tamén reproducirían Virutas e Cali. O home de Camelle
colleunas de novo e sen dicir nada doulle as costas e volveu a entrar no
cabano.
¿Que quererá facer con elas?. Preguntaba Cali con preocupación mentres
observaba as costas rexas e núas daquel home.
¡Iso me pregunto eu tamén!. Falaba Brincas.
¡Comelas!. Contestou Birtas con moita seriedade. O pobre non ten onde
metelo dente e?
Estudalas, ¡supoño!. Contestaba Cochise cortando as chanzas do Birtas,
mentres comezaban a percorre-la ribeira.
¡De seguro que está a buscar unha mensaxe cifrada.!. A Chulo aquela
visita estaba a estimularlle aínda máis a fantasía do espía foxido.
¡Hala!. ¡Aí está o noso Ironside, ho!. Berraba Tom dándolle á cabeza
de xeito negativo.
¿Por que cres que copiei o mesmo que estaba a ver?. Dicía Chulo
poñendo a cara diante da de Tom. ¡Para non darlle pistas, home!. Non
quero ser cómplice de nada.-
¡Ti es moi chulito!. Falaba Tom dándolle para adiante co corpo.
Pois sigo pensando que pode se-lo Chacal. Entremetíase Nico con aceno
pensativo. O outro día díxeno case sen pensar, pero agora que o vin?
Din que o Chacal disfrázase de tal maneira que nin súa nai é quen de
recoñecelo. ¡Ben, si ten nai que non o sei!. Nico falaba sin ser
interrompido por ninguén e iso estrañoulle ata o punto de case non estar
dacordo co que el mesmo pensaba.
Daquela estamos en perigo. Dixo Chulo. ¡O mellor é facer que non nos
dimos conta de nada e que marchemos!. Din que o Chacal é moi cruel.
Estade tranquilos. Contestou Lili á fin despois de escoita-las últimas
apreciacións de Nico. O Chacal está encadeado en Francia. Mellor é que
vaiamos buscalas bolsas. ¡Xa teño fame!.
¿Como sabes ti iso?. Proseguía Chulo con azos de misterio.
Seino, porque o lín nos xornais. Continuaba Lili.
¡Eu tamén teño fame!. Respostou Chulo nada máis constata-la certeza de Lili.
|