A escura
ensoñación de Tomás o día anterior no cume do monte de Solomba, que fora
rachada pola melodía do móbil, estáballe a procurar un intre de
melancolía. Case parecía decidido a renunciar á viaxe a Suiza cando o
son metálico da orquestra Tamara afastara do sentido o zunido do
vendaval e os misterios do seu padecer. Non contestara á chamada de
Luísa e agora, sentado dentro do avión, sentía pesar. O desacougo de
saberse aló, enriba das nubes, non deixaba tempo para que lle entrara
aunha melancolía parella á da noite anterior. O primeiro que fixera ó
sentarse foi baixa-la contra de plástico da ventá para non ve-las nubes
dende aquela prespectiva. El, que tanto as ollara dende o despacho
semellaba que con saudade, neste momento non quería nin imaxinalas. A
súa característica tristeza de alma en pena medraba cos desexos por
fumar e debecía por escoita-lo pitido do móbil. Aquilo era un tremendo
reto para el, pero Liliana estaba ó cabo da viaxe e iso fortalecíalle o
espírito, que levaba a medio camiño entre o chan, a nada e un cubalibre,
que acababa de pedirlle á camareira ben cargado de xenebra para
anestesiarlle os sentidos.
Tomás era a primeira vez que voaba sen te-los pés na
terra e a única que se alonxaba tanto da vila natal. Estivera facendo o
Servizo Militar na Marina de Ferrol. Lugar polo que pasaban tódolos
fillos dos pescos de Solomba e do que el quixera desertar. Sen embargo,
faltáralle a impetixe de Nico, quen se convertera nun heroe popular e no
verdadeiro líder dos míticos riladores de cacauetes, anque tardaría
moito tempo en volver por Solomba. El acadara o rango de Cadete, pero
nin sequera o uniforme co que chegaba vestido á vila lle devolvería o
liderado perdido cando o desenvolto Cochise lle confundíra os folgos.
Tería que agardar ata o ingreso na Escola Naval da Coruña para que o
Brincas, Birtas e Calisai se volveran a fixar nel como un sucedáneo do
emigrado Cochise. Nico anos despois daquel incidente e superadas as
dificultades consecuentes acharía un posto de funcionario na Casa do Mar
da Coruña. Tempo no que a vida de Calixto se derrubaba e con el o seu
gusto polas bebidas alcólicas doces, que lle deran o sobrenome de
Calisai no setenta e cinco á base das chanzas do dono do bar
Sardiñeira.
Tomás sentírase á deriva e máis so que nunca por un ceo
sen alteracións aparentes durante a hora e media de voo interior. Entre
grolo e grolo de cubalibre adicárase a rezar ata a fartura cantas
oracións aprendera de pequeno. Incluso aquela do Anxo da Garda lle
valera para espanta-los malos presaxios e cuio último verso case lle
saíra da gorxa cun bruído insomne ó comeza-la baixada sobre a pista de
aterraxe do aeroporto de Barcelona. Facía moito tempo que non a
pronunciaba, pero estaba canso de repetir ?danos señor boa morte?, que
eran as estrofas máis patéticas do seu ideario católico e que mesmo a el
nese momento lle semellaban dun sado-masoquismo supino. Ó baixar do
avión os arroutos provocados polo medo a voar daríanlle a mañá. O ardor
de estómago reproducíaselle no semblante cunha escuridade que lle
desencaixaba as faccións e lle facía brila-los ollos como se foran os
dun ollomol melado. Tomás pasaría o tempo que restaba para embarcar
paseando dun lado ó outro das grandes salas do aeroporto, pero sen
deixar de vixiar os paneis informativos. Despois dun anaco de bruídos
estomacais decidiu ir á cafetería e pedir un sanwich sen perder de vista
a porta de embarque, que o conduciría a Suiza. Si de Santiago a
Barcelona fora así non quería pensar cómo chegaría a Xenebra. Desfeito,
sen dúbida algunha. Sen embargo, Liliana ben merecía aquel sacrificio.
Pola contra, os votos dos emigrantes B estaban gañados. Cochise fixera
ben o seu cometido facía catro anos e agora non tiña motivos para
volverse atrás. El non lle dera argumentos. Seguiría sen darllos, a
pesar das intencións que lle bulían no peito. Si saía todo como el tiña
amañado non se enteraría ata despois de terlle entregado os votos na man
ou por correo. Aqueles case trinta anos déranlle para moito en canto ás
artimañas amatorias e o poder do cargo que estaba a desempeñar
arredáralle os escrúpulos. Fixera moitos ensaios co sexo feminino
despois do triunfo electoral. Todas caían ben nas súas mans ou ben nas
redes do namoramento, que el largaba como mera proba de laboratorio.
Ningunha se lle resistía dende que saíra Alcalde, ata o punto de obte-la
seguridade necesaria para sacarlle a muller o seu máis grande enimigo,
aquel rapaz que lle frustrara os xogos da infancia nos veráns de Solomba.
A Tomás o interés polas películas do Oeste non lle minguara co tempo e
coa madurez. Seguía a ser un incondicional do vello Far West, pero agora
os seus predilectos serían os violentos spaguetti-western de Sergio
Leone con banda sonora de Morriconi e protagonizadas polo implacable
Clint Eastwodd. La muerte tenía un precio, sería a súa preferida cando
soñaba desperto. E do mesmo xeito que de pequeno escenificaba os
movementos dos cowboys polas dunas de Solomba, na madurez trataría de
copia-las pausas no diálogo de Eastwodd, para enchelas de silenzos
asasinos. Por iso se amosaba case sempre por riba das palabras, cun
rostro que miraba sempre directamente ó sol ou ás nubes a través da
ventá do despacho e que sempre encaraba directamente ós ollos dos
contrincantes. Isto daríalle unha imaxe que bandeaba entre o suspense e
o absurdo. Con todo, cando Clint Eastwodd pasou a ser Harry el sucio,
Tomás convertiríase para sempre no Callahan de moralidade independente e
romántica. Saír Alcalde relaxáralle algo os ánimos e subíralle a estima,
pero non lle amainara os desexos de vinganza ou talvez os de desquite.
Liliana sería del a traizón e con sangre fría. Cochise merecíao por
aquela soberbia, que Lili chamara no seu día amor propio e intelixencia
natural.
|