Os veráns prestábanse a debullar calquera das fantasías asolagadas na
húmida escola nacional de Solomba. A panda dos Cacauetes esquecía
as vareadas de don Sexismundo, os tiróns de patillas e o saúdo romano
nos recreos cantando o Cara el sol ou Montañas nevadas.
Ano tras ano e curso tras curso esquecían que o primeiro en ir busca-las
varas de tamarindo era sempre o primeiro en probalas. Antes de levarllas
a don Sexismundo pelábanas e catábanas. A mellor sería aquela que fixera
falar ó aire. Tamén se esquecían dos escasos coñecementos que alí
aprendían. Pola contra lembraban o rebaixe do leite en po coa orina do
Birtas e de Cali cando lle tocaba diluílo. Nin sequera don Sexismundo
notaba a mixtura porque o engulía dunha arrancada como exemplo para os
alumnos. Lembraban ó emigrado B, quen tecleaba sempre H-5 no
Sardiñeira, de xeonllos sobre pedrugallo desfeito ou sobre grans de
millo cando era un rapaz, mentres Brincas con sete anos cantaba a "a"
que don Sexismundo sinalaba coa vara. Como o maestro quedaba durmido a
vara esvaraba no encerado deica a letra "o", pero o Brincas seguía a dicir
"a" confiado na perda de equilibro, que o sono provocara no
apuntamento do pau. Don Sexismundo saía do trasvaio feito un basilisco e
ollaba para o encerado e despois para o Brincas, quen repetía "a,a,a" mentres a vara permanecía parada na
"o".
Non hai por qué dicir que don Sexismundo tiña razón. Os maestros sempre
tiñan razón en Solomba. A culpa era do Brincas por non segui-lo
percorrido da vara. Así que cando o chamou á mesa todos sabían o
resultado. O estampamento da cara contra a pizarra fixéralle solta-lo
sangue polo naris ó Brincas sen que ninguén da clase ousara rebelarse
contra acción tan brutal. Só o mozo axeonllado se erguera mentres o
sangue do Brincas lle choutaba nos ollos e se avalanzaba contra don
Sexismundo deitándoo sobre a mesa. O maestro nun primeiro momento
acovardárase, pero de seguida lle lera nos ollos o medo e se repuxera
mandándolle un puñetazo á boca do estómago, que o amilanara. Ó intre don
Sexismundo erguíase e zoupaba nel coa vara coma se chamara a
zafarrancho. O mozo amante das rancheras esquivara os trallazos da
mellor maneira posible e foxíra daquela escola para sempre. Por iso non
era de estrañar que chegado o verán amosara fachendoso e afogado en
cubalibres o seu triunfo como oficial de albanel en Suiza.
Ningún da pandilla dos Cacauetes sabía de firme o Cara el sol. Levaban o
ritmo como podían seguíndo ó maestro e ós arqueiros, que eran fillos do
sarxento da Garda Civil. Só as sílabas finais de cada verso eran
intelixibles nos beizos dos riladores de cacauetes, que sacaban peito e
erguían a cabeza e os ollos e o brazo cara o ceo para non ser
denunciados por falla de patriotismo. Naquel intre ningún deles se
lembraba das labazadas, dos tiróns de orellas e do escachamento do naris
do Brincas. Había que canta-lo himno de Franco e era importante non
perdelo así tiveras que aguanta-las gañas de orinar ou calquera outra
cousa. Para mostra bastáralle un botón. Nico faltara un día á hora do
recreo ergueito na rúa coa ollada deica o escaso sol de Solomba. Fóralle
escribir unha carta a Franco ou polo menos iso dixera Chulo cando don
Sexismundo preguntara por el. Nun primeiro momento o maestro pareceu
confiado, pero a medida que avanzaba o canto albiscaba as esquinas dos
canellóns como si intuíse un ataque da vella resistencia xurdíndo das
cunetas. Rematado o himno o maestro dirixírase á horta de detrás da
escola non se sabe por qué estraño sortilexio e atopara o Nico limpando
o cú coas fieitas, que medraban a rentes do valado. Nada máis subi-los
pantalóns curtos agarrárao pola orella e levárao ata a escola. Naquel
traslado Nico berraba como se o estivera matando e dicía que el non
fixera nada para cargar con semellante castigo. Certamente, pero o que
non sabía era que Chulo evidenciara sen querer a falta de respecto coa
que trataban ó Caudillo. O sarxento da Garda Civil tivera unha
entrevista coa avoa de Nico, quen aterrorizada o remitíra ós pais
emigrados en Londres. Asunto que os traería definitivamente á vila.
Os veráns de Solomba traían Sesións de Tarde entre bucinazos
subversivos, que derretían a reprimida atmosfera do estraperlo e dos
dictadores cantos. A vila despreguizábase de trinta e seis anos de
prohibicións orais coa aparición dun Mercedes-Benz con ferradura na
defensa, que insinuaba un cambio paulatino, amortiguador de aperturas
traumáticas e amañado pola política franquista. Situación que os
Cacauetes non apreciaban a non ser o revello Tom, quen educado pola máis
estricta das depresións non era capaz de ir ó ritmo dos cambios.
Semellaba que se trabucara de tempo. A súa madurez debería ter sido no
cincoenta e seis e non o seu nacemento. Non era raro pois que xamais se
vira en bañador na praia. Elemento que el só recoñecía como atracadoiro
de argazo ou coma productor de longueiróns. Sitio axeitado para xogar ós
cowboys e para construir submarinos ata o verán no que coñecería o amor
propio e a intelixencia natural de Cochise. Lugar no que ó ano seguinte
caería namorado de Lili.
Tom estaba namorado. Notábaselle nas constantes olladas que o afastaban
da mesa do futbolín. Nos espaventos da cabeza para mellor espreita-la
praia por riba do peitoril. Aquilo debilitábao ós ollos da pandilla e
erguía a Cochise como líder indiscutible das lombas areosas de Solomba.
Tom decataríase ó pouco de acaba-la partida ó futbolín. Brincas levaba
tempo argallando un utensilio para pescar ós calamares, como aquel que
lle víra ó señor Tobo vender a un forasteiro. O señor Tobo, dono da
única ferretería de Solomba, chamáralle potera e afirmáralle ó comprador
que pescaba soa. Que nada máis tirala no mar os calamares íanse a ela
como imantados por unha forza sobrenatural. Brincas escoitaba ollándoa
cobizoso mentres agardaba por cen gramos de puntas. A potera era cara.
Non estaba dentro dos seus posibles económicos, por iso se adicara a
xuntar anzós, que atopaba ó redor da lonxa e nas beiras das chabolas dos
pescos ou que lle pedía a calquera mariñeiro. Despois viña a selección.
Tiñan que ser moi pequenos e finos como unha agulla. Aquela tarefa xa
lle estaba a levar dous veráns enteiros. Tom prometéralle que en canto
os tivera todos argallarían unha potera. Sen embargo, despois de xogar ó
futbolín Brincas amosáballe os anzós e un chumbo falluto a Cochise.
Aquilo sacou do encantamento a Tom por un momento e fíxolle retoma-la
responsabilidade do liderato. Lixeiro prestouse ó artellamento do
utensilio máxico, anque era demasiado tarde. Brincas xa só creía en
Cochise, pero Cochise só tiña fe en Flecha rota e nas emboscadas no cabo
do terraplén.
Con todo, Tom tivo que buscar outro medio para restaura-la confianza do
amigo, para enche-lo fondo oco que estaba a crear a renuncia ós combates
entre Apaches e o Séptimo de Cabaleiría. Cavilou, ó tempo que camiñaba
amodo cara o varadoiro das chalanas, tirando do peto unha meda de nailon
de escaso grosor. De vez en cando paraba, xiraba sobre el mesmo e
chamaba ó Brincas sen resultados aparentes. Ós poucos metros daba a
volta resolto e dirixíase á panda cunha idea. Eles descobrirían quen era
o misterioso home que se acochaba en Camelle. O domingo podían ir pola
costa coa escusa dunha excursión. Levarían bocadillos e auga abondo para
atravesa-las dúas sobexas praias oceánicas de Solomba e para abeira-lo
monte das caramiñas, que delimitaba o Concello. Aquela fora unha boa
idea, pois Brincas choutara con ledicia ollando para Tom coma si se
tratara dun guía espiritual. Momento que aproveitaba para amosarlle o
chumbo que faría mergulla-los anzós no mar. Aceno que lle devolvía a Tom
o título indiscutible de explorador xefe e a Cochise o do humilde pel
roxa dos terrapléns de Solomba.
|