Camelle Man

Páxina Anterior

Capítulo XII

Páxina Seguinte

v2rosavidalcurvaturachemineas.html

 

          Calisai tiña o don de importunar a Tomás dunha ou doutra maneira. Ademais, xeraba nel dúbidas insufribles. Deprimíao e ó mesmo tempo concienciábao no cometido de gaña-las próximas Eleccións Municipais. Calisai era como o seu burro Ioni Iuma. Sempre aparecía no medio dos soños doméstico e terco subíndo as corredoiras cargado de argazo para aboa-las hortas. Esa imaxe coincidía sempre ca fin dos ensoños. Con Calisai sucedía o mesmo. A saber o que lle contara a Cochise. A ansiedade levábao a falar e falar sen cancillas. Despois dábaselle por pensar e acababa crendo que o fixera ben. A Cochise facíanlle falla poucas pistas para dar coa resolución do problema. Era capaz de sacar conclusións antes de presenta-lo enigma en cuestión. Liliana non era ningún xeroglífico para Cochise. Xamais o fora. Tomás abrigaba unha certeza incuestionabel sobre iso. Sen embargo, tiña o convencemento de que o amigo estaba acabado. Anos atrás non sería quen de poñerlle o peito, pero agora si.

     Liliana agardábao. Tomás mantíña esa fe. Sobre todo, ó comprobar verán tras verán que ela rexeitaba deixarse ver por Solomba. Aquela ausencia dáballe a razón ó refrán de ollos que non queren ver. Tomás quería crer que ela non se achegaba alí para non ter que facer traizón, para non ter dilemas. Nunha palabra, sentíase irresistibel para Liliana. Esa teima afondara nel dun xeito alarmante durante o setenta e cinco e seis e sete e oito e nove xerando un sobexo problema. Un dilatado padecer que se alongaba xa ata o dous mil e semellaba querer seguir anque el durase outros mil anos. Obsesión inquedante a partir do ano oitenta cando Cochise comezara a aparca-lo Mercedes-Benz con ferradura na defensa diante do Sardiñeira e a pedir un cubalibre buscando a desaparecida pianola. Tomás acompañábao con desgana e o desexo de baterlle a cabeza principiaba ó comezar a falar. Na primeira ocasión non soubo por qué o aguantaba, por qué seguía a emborracharse con el, por qué soportaba aquela ignominia. Se tivera un coitelo a man nese momento craváballo. Nas seguintes mantivo resignado o disgusto de beber xuntos. Tomás acataba as leis do sino e agardaba mentres Cochise falaba dela. Liliana estaba cada día máis fermosa. Sentáballe ben o matrimonio. Convertérase nunha profesional da casa e dos fillos. Non quería abrir ningún negocio en Solomba. Amaba Suiza.

     A Tomás non facía falla que Cochise lle dixera que Liliana era feliz o seu carón. Ninguén o crería. El xamais coidou que fora posibel. Luísa semellaba contenta ó seu lado, pero coñecía a amargura que lle asolagaba as noites. Por outra banda, ninguén tiña por qué lembrarlle a conversa mantida no verán do setenta e catro entre os dous amigos. El conservaba a escea fixa na memoria e repasaba as frases dende aquela máis veces das precisas ata o punto de confundí-las palabras reais coas que desexaría dicir no seu día e permanecían no mundo das fantasías. Lili quería ós dous, pero iso era imposibel. A Tomás non lle entraba na cabeza. Unha muller non pode querer a dous homes á vez. É anti natural. Quere a un ou quere ó outro sen máis voltas. As cousas normais defínense. Coas persoas non pode ser como cos obxectos, que podes elexir entre dous ou máis que che gusten. No amor é distinto. Ten que ser diferente, pois por esa regra de tres gusto e sentimento equipararíanse. O normal é que non sexa así. Tomás adicaríase a pensar que aquilo estaba a camufla-los verdadeiros sentimentos de Liliana e que Cochise aproveitaba para confundilo e afastalo dela. Sería inútil lembra-lo noxo que collera e a rabia por non se-lo único no seu corazón. Sería indiferente narrar a soberbia coa que se avalanzara polas barras dos bares de Solomba. Sería innecesario destaca-la manipulación que amosara dende aquela co sexo feminino a modo de senlleira vinganza. Decisión errónea que só acochaba os males da alma e o medo ó compromiso. Actitude que lle daba cancha ampla a Cochise. Para que máis detalles. Á fin, perdéraa porque si.

     Con todo, agora as cousas cambiaran. El tamén sentía afecto por Luísa. Ben, queríalle daquela maneira. Talvez por costume. Seguía cuestionando o de querer a dous tipos igual e ó mesmo tempo, pero xa non tiña escrúpulos. Aqueles anos quedaban moi atrás e o tempo ten o don de amortigua-los padecementos. De todos modos debía andar axiña. Á madurez de Liliana quedábanlle poucos folgos. Chulo aconselláralle non perder tempo, anque ela aínda mantíña as carnes pretas. Liliana sempre se soubera cuidar e iso notábase. Sen embargo, dentro de pouco sería vella. Quizás podía merecer durante dez anos máis ou menos, pero despois o corpo iría a menos. Tomás xa calculara tódolos inconvintes do tempo e con esa tempada dábase por satisfeito si a cambio lle entregaba o corazón a el, só a el.

     Sen embargo, Tomás non contara coa intromisión de Calisai. A saber que lle contara a Cochise. Agora el estaría á espectativa e Liliana non aparecería na cea que tiña pensado dar ó chegar alí. O Alcalde estudara ó milímetro os movementos, as olladas e as palabras que lle adicaría sen perder un intre. Diríalle que o deixara converterse na sombra da súa sombra, que non o volvera a abandoar, que o deixara converterse na sombra da súa man ou na sombra do seu can. Pregaríalle que non o volvese a abandoar. Contaríalle cómo os amantes poden volver a ter dúas veces os seus corazóns amarrados. Que non quería chorar máis, que non quería falar máis e que lle abondaría con poder ollala mentres ría. Liliana daríase conta de que el non esquecera a canción de Jacques Brel. Que a súa traducción seguía apresada no aire de Solomba e cada vez que el axitaba a vara das lembranzas escoitábase.

     Con todo, Calisai retraeríalle estas emocións deica unha furna insondabel ó insinuar que algo lle dixera a Cochise sobre aquilo. A partir dese momento Tomás trocaría os pensamentos deica a amargura das revanchas; Que máis dá. As mulleres son todas iguais. Coñeces unha e coñecelas todas. Á fin e ó cabo todas se renden. Con respecto a Cochise, meréceo. El foi o que lle contara sen medi-las consecuencias que os quería ós dous. Do mesmo xeito que un día sen ambaxes nin parlamento quixera ser Cochise. Postos así, non podía estrañarlle que ela o cambiara por Tomás. Ademais, el xa levara a mellor parte neste asunto. Maldito Calisai, qué forma tiña de chantarlle a realidade nos fociños. A amargura era inmensa como para soportala naquel encerro, por iso debía marchar da topeira na que se transmutara o despacho dende que o botara fóra co conto do museo do alemán e lle enchera o espírito de desánimo. Xa non quería pensar máis nin en Liliana nin nas Eleccións nin en Calisai. A Cochise acabaría matándoo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega