A manda dos
Cacauetes recolleu ó insurrecto Birtas cun rebumbio de insultos. El,
á defensiva dende antes de avistalos, defendíase como Colmillo Blanco
sen deixar de encabeza-la marcha. A súa natureza afeita á loita verbal
non atopaba competidor, pois tiña por costume morrer matando. No camiño
da furna de Morelo foi o primeiro en albiscar ó Ioni pensativo e
amarrado no descampado. Visión que lle chimpou o inxenio contra Tom. A
éste non lle importara nada outras veces calquera apreciación do Birtas
sobre o seu burro, pero ese día Lili escoitaba. Tom deixou o cesto no
chan e comezou a correr coa intención de mallalo. Na segunda alancada
caeu a rolos no camiño. Cochise fixéralle a zancadela por detrás a
propósito e de seguida lle amosaba unha man para erguelo, mentres
mantíña a outra na retagarda en posición ameazadora. Os rizos louros
caíanlle sobre os grandes ollos como unha cortina, que protexía o
transparente azul e amortiguaba a dureza dunha decisión acertada. Tom
ollou para Cochise con furia resignada e ergueuse sen apoiarse na man
ofrecida. Anos antes non se atrevería a tocalo, senón que o acompañaría
na carreira para darlle o merecido ó Birtas, quen corría sen mirar para
atrás. Chulo e Nico dábanlle a razón ó feito de Cochise con loubanzas a
favor de Tom e improperios contra o Birtas. Cali achegábase ó Ioni Iuma
para acariñalo, ó tempo que Lili collía o cesto e llo entregaba a Tom
cun aceno de compracencia, que permanecería ó longo do día. Brincas
quedara mudo co impacto. Estaba desorientado e indeciso, de tal xeito
que a partir de entón non sabería ó lado de quen camiñar. Si nas filas
dos Casacas Azuis ou nas das hordas das tribos indias. De lado do
explorador xefe ou de lado do Cheyenne. Con Tom ou con Cochise.
Brincas sentía a integridade dividida.
Solomba xacía alongada, inmóbil e nítida ós pés do
monte coma nunha postal. Os Cacauetes decidíran ir ata o cumio
para contempla-la inxente beleza da ría antes de darlle as costas e
baixar ata o Peñón. Aquilo era para eles como un ritual inconsciente,
que lle ancheaba as ilusións de emprender calquera fazaña e os enchía de
enerxía. Que os afastaba das depresivas sesións escolares de don
Sexismundo, das prohibicións orais de Franco e da Catequese. Aquela
postal permanente era o seu merecido tributo por seguir optimistas nun
mundo duro e gris. Solomba ben valía aquela resistencia e a súa lanzal
feitura era algo polo que pagaba a pena vivir. Sen embargo, Brincas
estaba confundido e parado detrás da panda. Non contemplaba Solomba
senón as costas dos amigos un a un. A estreita e inmadura figura de Cali
coa bolsa do pan colgando do ombro tapado ata a media manga por unha
camiseta branca. Enfundadas as enclenques pernas nun granate pantalón
longo tan enclenque de anchuras coma elas, que semellaba un salchichón
de tripa escorripada. A ancha espalda de Nico transparentada por un
elástico suéter amarillo sen cuello, que deixara por fóra do pantalón
dunha claridade indefinida marcándolle o diámetro das ancas. Chulo, o
máis grande, ancho e pesado de todos vestía nique azul mariño de
solapas e botóns por debaixo dun perkins sen identificación, que
apousaba nos ombros. Cochise tiña as costas atravesadas polo mahón verde
do macuto, que caía sobre un dos primeiros pantalóns vaqueiros da marca
Lois vistos en Solomba e a recente media melena revolucionada de
tirabuzóns. Lili estaba indescriptible para o estado no que se atopaba
Brincas e Tom, alongado coma un día de Maio agrisallado sen fundamento.
Cando os Cacauetes deron a volta Brincas xa non estaba
alí. Baixaba polo camiño do Peñón na procura do Birtas, quen o agardaba
sentado nun valado cun chisco de maldade apertándolle o xuntamento dos
beizos. O día non comenzara ben para os dous riladores de cacauetes.
Derrotados antes de inicia-la investigación solidarizaban os ánimos
nunha baixada senlleira deica a primeira praia oceánica de Solomba. Os
demais seguíanos a distancia en fila india e sen intencións de
alcanzalos. Birtas foi o primeiro en detecta-lo cadáver dun caldeirón
varado nun recuncho da praia. El e Brincas sacaron os tenis para
cruza-lo pequeno regato, que desaugaba no mar. Ó intre estaban diante do
animal analizándolle a fisonomía. Brincas dicía que era un arroás
mentres a Birtas lle daba a impresión de que era unha cria de balea. Non
se puxeron dacordo, pero liscaron a medida que se ían achegando o resto
dos amigos. Birtas uníu os cordóns dos tenis novos para levalos colgados
do pescozo, mentres Brincas escorrentaba cos del unha bandada de
Correlimos. Nese momento a néboa oceánica comezou a correr deica a terra.
Nun instante o espacio quedou asolagado na borraxeira por arte de maxia.
Brincas notaba a friaxe na cara e unha angustia metafísica no peito, que
o fixo vira-la cabeza para atrás. Birtas era unha sombra parada na beira
do mar e as dunas da braña desaparecían paulatinamente da realidade
visual converténdose en monstruosidades prehistóricas. Antes de perder
por completo ó Birtas correu onda el. Os dous Cacauetes máis
novos estaban presos polo medo. Un medo ó descoñecido, que non era máis
ca orixe do mesmo e o máis angustioso do seu misterio. En silenzo
agardaron sen moverse a chegada dos outros. Aínda non percorreran
cincoenta metros dos dous mil que comprendía o areal. Mentres agardaban
Birtas non quería ollar para o mar porque os debuxos da néboa e os
zunidos traíanlle á imaxinación os barcos pantasmas. Brincas non quería
ollar deica as dunas e pedíalle por favor ó Birtas que desandaran os
pasos. Estaban a punto de volver para atrás cando escoitaron a conversa
da panda. As voces ían achegándose un pouco por riba deles.
Isto é pasaxeiro. Dicíalle Cochise a Lili.
Cando cheguemos ó monte a borraxeira desaparece. Continuaba Tom.
¿Que é isto?. Preguntou a berros Cali sobresaltado ás costas do Birtas.
¡Somos nós, maleta!. Contestou Brincas nervioso.
Non vos separedes. Dixo Cochise con voz alta e grave. ¡En batería!.
Ordeou e todos lle fixeron caso como cando se apostaban nas dunas de
Solomba.
Por un momento Brincas tivo a impresión de que Cochise
volvía se-lo capitán do Séptimo de Cabaleiría, que tantas
victorias colleitara nos terrapléns antes de converterse en Cheyenne.
Dese xeito, renovouse nel a barudez perdida minutos antes e cheo de
seguridade camiñou de lado del reollando as monumentais lombas con forma
de espectros. Tom e Cochise levaban razón, pois moito antes de remata-la
praia a néboa disipábase na atmosfera coa mesma rapidez coa que chegara.
Un rompemento de groria inundou o horizonte atlántico e achanzou a
borralla contra a terra. Os Cacauetes subíron o acantilado por un
camiño feito cos pés pola teima dos percebeiros. No monte volveron a
calza-los coreanos Cochise e Nico, as alpargatas Chulo e Tom, as
sandalias plásticas Cali, Lili as Kelme e Brincas os tenis Kes.
Birtas non tiña tempo porque se adicaba a quedar de último e a asexa-los
movementos de Tom. Sen embargo, este ollaba dende o alto a retirada da
lingua de néboa, que os lambera sen recato, por debaixo do Peñón.
|