Camelle Man

Páxina Anterior

Capítulo XIII

Páxina Seguinte

v2rosavidalcurvaturachemineas.html

 

     A manda dos Cacauetes recolleu ó insurrecto Birtas cun rebumbio de insultos. El, á defensiva dende antes de avistalos, defendíase como Colmillo Blanco sen deixar de encabeza-la marcha. A súa natureza afeita á loita verbal non atopaba competidor, pois tiña por costume morrer matando. No camiño da furna de Morelo foi o primeiro en albiscar ó Ioni pensativo e amarrado no descampado. Visión que lle chimpou o inxenio contra Tom. A éste non lle importara nada outras veces calquera apreciación do Birtas sobre o seu burro, pero ese día Lili escoitaba. Tom deixou o cesto no chan e comezou a correr coa intención de mallalo. Na segunda alancada caeu a rolos no camiño. Cochise fixéralle a zancadela por detrás a propósito e de seguida lle amosaba unha man para erguelo, mentres mantíña a outra na retagarda en posición ameazadora. Os rizos louros caíanlle sobre os grandes ollos como unha cortina, que protexía o transparente azul e amortiguaba a dureza dunha decisión acertada. Tom ollou para Cochise con furia resignada e ergueuse sen apoiarse na man ofrecida. Anos antes non se atrevería a tocalo, senón que o acompañaría na carreira para darlle o merecido ó Birtas, quen corría sen mirar para atrás. Chulo e Nico dábanlle a razón ó feito de Cochise con loubanzas a favor de Tom e improperios contra o Birtas. Cali achegábase ó Ioni Iuma para acariñalo, ó tempo que Lili collía o cesto e llo entregaba a Tom cun aceno de compracencia, que permanecería ó longo do día. Brincas quedara mudo co impacto. Estaba desorientado e indeciso, de tal xeito que a partir de entón non sabería ó lado de quen camiñar. Si nas filas dos Casacas Azuis ou nas das hordas das tribos indias. De lado do explorador xefe ou de lado do Cheyenne. Con Tom ou con Cochise. Brincas sentía a integridade dividida.

     Solomba xacía alongada, inmóbil e nítida ós pés do monte coma nunha postal. Os Cacauetes decidíran ir ata o cumio para contempla-la inxente beleza da ría antes de darlle as costas e baixar ata o Peñón. Aquilo era para eles como un ritual inconsciente, que lle ancheaba as ilusións de emprender calquera fazaña e os enchía de enerxía. Que os afastaba das depresivas sesións escolares de don Sexismundo, das prohibicións orais de Franco e da Catequese. Aquela postal permanente era o seu merecido tributo por seguir optimistas nun mundo duro e gris. Solomba ben valía aquela resistencia e a súa lanzal feitura era algo polo que pagaba a pena vivir. Sen embargo, Brincas estaba confundido e parado detrás da panda. Non contemplaba Solomba senón as costas dos amigos un a un. A estreita e inmadura figura de Cali coa bolsa do pan colgando do ombro tapado ata a media manga por unha camiseta branca. Enfundadas as enclenques pernas nun granate pantalón longo tan enclenque de anchuras coma elas, que semellaba un salchichón de tripa escorripada. A ancha espalda de Nico transparentada por un elástico suéter amarillo sen cuello, que deixara por fóra do pantalón dunha claridade indefinida marcándolle o diámetro das ancas. Chulo, o máis grande, ancho e pesado de todos vestía nique azul mariño de solapas e botóns por debaixo dun perkins sen identificación, que apousaba nos ombros. Cochise tiña as costas atravesadas polo mahón verde do macuto, que caía sobre un dos primeiros pantalóns vaqueiros da marca Lois vistos en Solomba e a recente media melena revolucionada de tirabuzóns. Lili estaba indescriptible para o estado no que se atopaba Brincas e Tom, alongado coma un día de Maio agrisallado sen fundamento.

     Cando os Cacauetes deron a volta Brincas xa non estaba alí. Baixaba polo camiño do Peñón na procura do Birtas, quen o agardaba sentado nun valado cun chisco de maldade apertándolle o xuntamento dos beizos. O día non comenzara ben para os dous riladores de cacauetes. Derrotados antes de inicia-la investigación solidarizaban os ánimos nunha baixada senlleira deica a primeira praia oceánica de Solomba. Os demais seguíanos a distancia en fila india e sen intencións de alcanzalos. Birtas foi o primeiro en detecta-lo cadáver dun caldeirón varado nun recuncho da praia. El e Brincas sacaron os tenis para cruza-lo pequeno regato, que desaugaba no mar. Ó intre estaban diante do animal analizándolle a fisonomía. Brincas dicía que era un arroás mentres a Birtas lle daba a impresión de que era unha cria de balea. Non se puxeron dacordo, pero liscaron a medida que se ían achegando o resto dos amigos. Birtas uníu os cordóns dos tenis novos para levalos colgados do pescozo, mentres Brincas escorrentaba cos del unha bandada de Correlimos. Nese momento a néboa oceánica comezou a correr deica a terra. Nun instante o espacio quedou asolagado na borraxeira por arte de maxia. Brincas notaba a friaxe na cara e unha angustia metafísica no peito, que o fixo vira-la cabeza para atrás. Birtas era unha sombra parada na beira do mar e as dunas da braña desaparecían paulatinamente da realidade visual converténdose en monstruosidades prehistóricas. Antes de perder por completo ó Birtas correu onda el. Os dous Cacauetes máis novos estaban presos polo medo. Un medo ó descoñecido, que non era máis ca orixe do mesmo e o máis angustioso do seu misterio. En silenzo agardaron sen moverse a chegada dos outros. Aínda non percorreran cincoenta metros dos dous mil que comprendía o areal. Mentres agardaban Birtas non quería ollar para o mar porque os debuxos da néboa e os zunidos traíanlle á imaxinación os barcos pantasmas. Brincas non quería ollar deica as dunas e pedíalle por favor ó Birtas que desandaran os pasos. Estaban a punto de volver para atrás cando escoitaron a conversa da panda. As voces ían achegándose un pouco por riba deles.


     —Isto é pasaxeiro.— Dicíalle Cochise a Lili.

     —Cando cheguemos ó monte a borraxeira desaparece.— Continuaba Tom.

     —¿Que é isto?.— Preguntou a berros Cali sobresaltado ás costas do Birtas.

     —¡Somos nós, maleta!.— Contestou Brincas nervioso.

     —Non vos separedes.— Dixo Cochise con voz alta e grave.— ¡En batería!.— Ordeou e todos lle fixeron caso como cando se apostaban nas dunas de Solomba.


     Por un momento Brincas tivo a impresión de que Cochise volvía se-lo capitán do Séptimo de Cabaleiría, que tantas victorias colleitara nos terrapléns antes de converterse en Cheyenne. Dese xeito, renovouse nel a barudez perdida minutos antes e cheo de seguridade camiñou de lado del reollando as monumentais lombas con forma de espectros. Tom e Cochise levaban razón, pois moito antes de remata-la praia a néboa disipábase na atmosfera coa mesma rapidez coa que chegara. Un rompemento de groria inundou o horizonte atlántico e achanzou a borralla contra a terra. Os Cacauetes subíron o acantilado por un camiño feito cos pés pola teima dos percebeiros. No monte volveron a calza-los coreanos Cochise e Nico, as alpargatas Chulo e Tom, as sandalias plásticas Cali, Lili as Kelme e Brincas os tenis Kes. Birtas non tiña tempo porque se adicaba a quedar de último e a asexa-los movementos de Tom. Sen embargo, este ollaba dende o alto a retirada da lingua de néboa, que os lambera sen recato, por debaixo do Peñón.  

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega