Camelle Man

Páxina Anterior

Capítulo XIV

Páxina Seguinte

v2rosavidalcurvaturachemineas.html

 

     Tomás, un carto de hora despois de botar a Calisai, saía decidido do despacho co billete de avión no peto interior da zamarra. Atrás deixaba tódolas dúbidas e estragos que a conversa de Calisai con Cochise puderan ocasionar nos seus plans futuros. Á fin decidírase de xeito físico e iniciaba o movemento naquela partida de xadrez parada trinta anos atrás. Todos os que coñecían a súa devoción por Liliana coidaban que perseguía un imposible, pero a súa ansia para que viaxara a Suiza calábaos. Ninguén lle quería quita-los folgos nesa desventurada fantasía si pola contra traía os votos tan necesarios dos emigrados alá. Sen embargo, Tomás non pensaba nos votos nin nas Eleccións nin en quimeras. El pensaba no frustrado amor da infancia e na súa asegurada conquista. Aquela viaxe para el era un reto, un desafio, un duelo de luva branca que na pluma de Dumas non tería cuartel nin distancias tan delongadas se o século fora outro. Con estas espectativas e non con outras erguérase do sillón, pechara a porta e estaba a endereitar ó despacho de Luísa para recolle-la propaganda electoral, que debía levar a Suiza. Ó intre entraba sen petar e atopaba a Calisai. O encargado da organización aínda estaba no Concello e escoitaba os pormenores do museo de Man co seu característico dramatismo. Tomás nada máis velo tivo a sensación de que aquilo aínda non remataría alí.

—¿Como é que non vas dicir nada sobre isto?.— Espetoulle Calisai nada máis velo entrar.

—¡Pero vamos a ver, home!. ¿Que queres que diga?.— Protestaba Tomás de maneira aburrida.

—Man non estaría dacordo con esa actitude.— Repricou Calisai con reflexión.

—Eu creo que ninguén vai contar coa nosa decisión. Nin sequera pedíron opinión ¿ou si?.— Mirou para Luísa.

—Non directamente, pero insinuacións si houbo.— Contestou Luísa sen miralo.

—¿De quen?.— Tomás poñía aceno de gañador.

—¡Estabas durmido, non me digas máis!.— Falou Luísa con desencanto.— Non te enteraches de nada.

—¡Hai que durmir de noite, ho!.— Protestou Calisai.— Dende que un pisa moqueta debería ateigar no sono. ¡Pero claro, a moqueta é quente, o sillón é confortabel e o despacho unha galería cara o mar!. ¡Merda vella!. Así non hai quen traballe.

—¿Que queres que faga?. ¡A ver, acaba dunha vez!.— Tomás sentaba ó carón de Calisai para amosar unha atención ficticia.

—Hai unha reunión no Rotterdam.— Dixo Luísa.

—¿Cando?.— Preguntaba Tomás apoiándose na mesa de Luísa.

—Agora, ás dúas.— Falaba ela con desánimo.

—¡Manda carallo, á hora de comer!.— Tomás cruzouse de brazos e mordeu o beizo inferior.

—¿Vaia, está fóra do teu horario?. Ten conta non perda-lo apetito.— Refungou Calisai erguéndose.— Menuda inutilidade.

—¿O que, ho?. ¿Que dis?. ¿De quen falas?.— Preguntou Tomás impedíndolle a saída do despacho de Luísa.

—¡Eres un maleta!.— Enfrontouse Calisai cara a cara.— Sempre o foches.

— De seguro que pican algo no Rotterdam.— Interpúxose Luísa.— Moito me estraña que a esas horas fagan unha reunión sen pinchos.

—¿Ves ti conmigo a Camelle?.— Tomás miraba a Calisai de xeito complacente.—¡Si ti ves eu vou!.—

—¡Vamos!.— Contestou Calisai cun brinco e un espavento de brazo.— Pero teño que estar aquí antes das cinco para a poxa, ¡eh!.


—¡Toma, colle a propaganda!.— Dixo Luísa alongando un cartafol co necesario para a viaxe.— ¡E aburiño!.


     Luísa era un apaño de fin de semana para Tomás dende facía algúns anos. Canso de rondar por un e polo outro lado do inferno decidírase a permanecer ó abeiro dun regazo consentidor das súas arroutadas. Ás veces atendíao como a un recén nacido ou coma un neno mal ensinado e outras como se precisara as atencións dun retrasado. Os homes coma Tomás xamais rexeitan eses pormenores. Son seres invalidados polos caprichos, paralíticos dun sexismo milenario e frustrados por unha realidade evolutiva, que a pesar dos esforzos e dos atrancos endereita cara un futuro de equilibros. Non era doado para os homes coma Tomás descifra-las argucias biolóxicas, porque o medo impedíalle esclarece-la natureza da existencia. Tomás non lera a Darwin, pero anque o lera non reflexionaría sobre os seus descobrimentos. A súa estricta educación cristiana impedíalle pensar en algo moito máis problemático, que a propia ausencia de Dios nos peores momentos.
     Luísa nin sequera oíra falar do investigador británico, pero as mulleres soen estar máis abertas ós cambios de rumbo na súa historia. Aínda non facía tanto que a Igrexa de Roma comunicara a aceptación da súa alma dentro da humanidade. Sen embargo, ás mulleres de Solomba esa aceptación Vaticana dáballe o mesmo. Elas sabíanse portadoras de alma dende sempre, pero deixábanos facer por mor dos castigos bíblicos e da afouteza hercúlea. Do mesmo xeito, que Luísa deixaba andar a Tomás o seu aire amenizándolle a infelicidade. Eles formaban unha parella similar ás que estaban a poboar o segundo milenio despois de Cristo. Tomás non se sentía culpabel daquel apaño a pesar da súa estricta educación. Os humans puxeran tódala fe nas súas leis co único obxectivo de espalla-la culpabilidade pola moral dos demais seres vivos. Tomás nutría as noites de insomnio con estas agnósticas reflexións e outras parecidas.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega