Camelle Man

Páxina Anterior

Capítulo XV

Páxina Seguinte

v2rosavidalcurvaturachemineas.html

 

     O crebado acantilado, que endereitaba deica a segunda praia oceánica do concello de Solomba, estaba sulcado por sendeiros pedestres que abeiraban as furnas dun xeito suicida. Os Cacauetes decidíron ir por aqueles camiños abertos polos devanceiros dos seus avós sen menosprecia-lo perigo. A nova orde de Cochise de andar en fila india por eles sen ollar para os pés non se fixo esperar. Todos a acataron o momento. Tom encabezaba a comitiva seguido de Lili e Cochise permanecía na retagarda agardando ó Birtas, quen seguía cos tenis colgados do pescozo. A primeira furna pasárona sen problemas, pero na segunda as sandalias plásticas de Cali e o peso da bolsa de pan xogáronlle unha mala pasada. Unha pedra, un toxo solto ou calquera outra cousa lle picara no pé dereito facéndoo dar brincos á pata coxa. Cali esvarou no canto da furna, pero Nico estaba detrás del e agarrouno pola camiseta erguéndoo no aire. O incidente salvouse cunha rachadura no pantalón granate. Sen embargo, aquel suceso encheunos de incertidume mentres ollaban a pedregosa cova baticada polo mar. Ningún deles dicía nada, pero no seu pensamento voaba a visión do esquelete dun rapaz afogado ese mesmo inverno. Atopárano nas redes despois dunha semana de búsqueda e deixárano enriba do peirao tempo abondo para que eles o víran. Aquel tronco desprovisto de carne e amarelado, que xacía coma un monumento de pé dereito entre aparello, era unha visión difícil de esquecer para os Cacauetes entronizados no murmurio da superstición mariñeira. O esvaramento de Cali presaxiara unha traxedia similar e nese momento non estaban seguros de que fora unha boa idea a excursión, pero xa non viña ó caso dar volta. Ós poucos metros a furna acababa e comezaba unha ampla franxa de monte, que afastaba a ribeira do seu camiño. Cali coxeaba e Cochise ollaba para atrás vixiando ó Birtas. Ás dez da mañá ollaron diante deles a pequena praia de Arnado e ó lonxe a inmensidade branca de catro quilómetros, ós cales pechaba a montaña das camariñas. Tom parou en seco e apousou o cesto no chan. Un coche caravana con matrícula estranxeira estaba parado na metade do camiño. Unha mesa plegable e dúas cadeiras sinalaba a presenza dunha familia.

     —Son turistas.— Dixo Cochise pasando ó lado de Tom sen deterse.

     —¿Ño, como chegarían aquí?.— Preguntou Tom sen agardar resposta mentres recollía o cesto e iniciaba a marcha.

     —¡Cun mapa, home!.— Contestou Chulo adiantándoo.

     —¡Xa, pero non debe ser doado atopar Arnado!.— Repuxo Tom tentando despistar.

     —É a fin do mundo, pero está rexistrada dende antes de que Colón descobríse América.— Argumentou Lili á par del.

     —¡A fin do mundo!.— Repetía Brincas asustado.— ¿E está sinalada nos mapas?.— Seguía cun pasmo tan verdadeiro como ignorante.

     —Si home. Nos Átlas está tódala costa debuxada. ¡Aínda a que non se ve!.— Falaba Lili cun ton de humildade.

      A maioría dos Cacauetes estaban abraiados pola presenza de xente estranxeira naqueles cantís. Por un momento a brisa da modernidade asolagoulles o espírito con ledicia e orgullo. Por un momento sentíronse parte do mundo e anque descoñecían case todo del, agás o da conquista do Oeste americano, notaron a súa pertenza. Non estaban sos como anos atrás coidaran, apresados nunha historia gris e dura que os inquietaba, mentres decidían buscar indicios doutras vidas nas películas de cowboys. Eles tamén eran dignos da curiosidade dos outros, pero Brincas seguía sen dar creto dos acontecementos coa mesma cegueira coa que albiscaba as construccións megalíticas da Pena Forcada. Brincas podía aprecia-las montañas Rocosas do Oeste Norteamericano sen dificultade en calquera carátula de cine, de igual forma que nomeaba os baixíos das beiras de Solomba. Sen embargo, non lle pedíras que víra algo máis nos montes que atravesaban. Non agardaras que soubera nomear un dolmen ou distinguir un asentamento prerromán. Eran pedras. Só pedras mal dispostas ou refuxios. Brincas descoñecía todo sobre o pasado histórico de Solomba e sobre o pasado histórico dunha Europa poboada de emigrantes B. Por iso lle custaba tanto descobrir qué buscaba aquela xente nun sitio tan pouco divertido e tan solitario, a pesar das explicacións de Lili e de Cochise ó tempo que deixaban atrás a caravana con matrícula exótica. Aquel ano setenta estaba cheo de incógnitas para el.

     Con todo, Brincas era capaz de recoñece-los arroaces que estaban a alimentarse moi preto da orela da segunda praia oceánica. De berrar alongando o brazo cara eles e de case facer unha festa mentres avistaba os chimpos dos mamíferos sorrintes. Brincas amaba ós arroaces e botaba de menos os anzós e a cana para pescar coma eles. Lili ficaba inmersa nun abraio que lle alumeaba a cara dourada e as meixelas xa avermelladas polo cansazo. O iris castaño tomaba un ton máis claro e brilante do normal mentres ollaba a escea que ella coidaba só podía pasar alí. Nin os anais das películas da Fox nin da Metro con Óscars á mellor fotografía contaban con vistas similares. Xa lle gustaría a Paramount ter aquelas panorámicas para o seu logotipo. Non era posibel, pois aquilo só acontecía en Solomba. Lili non pensaba dicirllo a ninguén en Suiza. Aquel espacio debía ser propiedade privada dos seus sentidos e xa había demasiada xente rondándoo. A rapaza desexaba que Solomba seguíra para sempre tan distraída do mundo como a espreitara de pequena. Como cando seu pai era un dos primeiros emigrantes, que regresaba á terra coa escusa de pasa-lo verán. Como cando Tom se apaixoara polos enseres de plástico, ós que ela renunciara facía xa tres anos e polos que el seguía a preguntarlle verán tras verán sen darse conta.     

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega