Camelle Man

Páxina Anterior

Capítulo XVII

Páxina Seguinte

v2rosavidalcurvaturachemineas.html

 

     A segunda praia oceánica de Solomba cautivaría ó máis esperto en paisaxística. Tiña unha beleza antolladiza e salvaxe que no verán amosaba a súa cara menos problemática. Sen embargo, non engañaba ós Cacauetes. Eles tíñana rexistrada na memoria xenética como nunha exacta cartografía. Sabían que era falsa por estar demasiado aberta ó mar. Que os remuíños eran constantes preto da orela e que a súa forza batíate coma se foran os puños dun Urtain esnaquizándote contra o fondo. Coñecían os recunchos onde bañarse coa marea baixa e aqueles outros onde poñe-lo pé significaba un reto insensato. Lili camiñaba por ela buscando o firme da area mollada envolta no bramido do mar. O badaleo das ondas ó escachar nos baixíos da rocha Ataín atraíanlle a ollada, mentres os riladores de cacauetes camiñaban indiferentes a aquelas sensacións coa exclusiva ansia de rematala. Eles criáranse co roncón das ondas. Aprenderan a distingui-los bramidos do océano ó lonxe do mesmo xeito que James Steward os cantos indios. Diferenciaban a chegada dunha marexada, dun mar de vento ou dunha marea grande según fora o baticar das ondas na ribeira de Solomba. Iso só podía significar que por dentro eran mariñeiros. Non importaba que os seus destinos lle gardaran camiños afastados desta encomenda, pois para eles ser mariñeiro non era un oficio senón unha caste de incomprensibles espíritos, que se adicaban a ir ó mar.

     —¡Alá adiante queda Nova Iorque!.— Dixo Cochise alongando un brazo por diante da cara de Lili.

     —¿Como o sabes?.— Preguntou Nico ó tempo que a Tom lle temblaba a ollada, que tentaba seguir fixa na montaña das camariñas como se non escoitase a apreciación de Cochise.

     —Por un irmán de meu pai, que se atopa alí emigrado.— Contestou mentres tiraba da cinta moura que gardaba no peto do Lois.

     —¿Por onde, Cochise?.— Preguntou Brincas parado diante da inmensidade mariña.

     —Se colles un barco dende aquí e o pos rumbo ó horizonte en liña recta chegas a ela.— Cochise ataba a cinta ó redor da fronte afastando os caramiñoles dos ollos.— ¡Ó Oeste!.— Falaba sacando as palabras do pensamento, mentres a vista se lle extasiaba no horizonte con azos de penetración. Brincas tamén ollaba deica o Oeste de Solomba, mar a fóra. Situación imprevista que xerou nel as ansias de converterse nun lobo de mar e de sulca-las augas rumbo a Nova Iorque algún día.


     Tom non lle dera importancia á palabrería de Cochise e continuara o camiño, pero cando se dou conta estaba so. Mirou para atrás e contemplou con envexa ós Cacauetes parados detrás do Brincas e de Cochise. O Birtas atrevérase a achegarse a eles. A Tom non lle quedou máis remedo que agardalos. Eran unha manda. Sen embargo, no momento que deixaba o cesto na area Lili iniciaba a marcha. Xa faltaba pouco para o remate da praia, pero Tom nese intre desexou comezala de novo. Lili estaba a par del. Os dous sos. Faltoulle tempo para recolle-lo cesto e camiñar con ela ó lado sen intrusos. Apurou o paso para chegar ó camiño do acantilado e así poder axudala na subida. Fíxoo cunha man suada, ríspeta e pequena para o alongamento do seu corpo. Ela agradeceullo cun feble sorriso, pero a Tom non lle dou tempo a nada máis porque os demáis xa estaban alí agardando turno. O certo era que pola cabeza de Tom non pasara a idea de darlle un bico. Era moi recatado ou máis ben pacato según palabras de Lili. El quería estar con ela a soas como quen se acompaña dun bastón ou dun pitillo. Ese era Tom.

     —Esta é a montaña das camariñas ¿non?.— Preguntoulle Lili a Tom mentres emprendían a marcha a través dun carreiro máis de area que de terra.— ¿Por que lle chaman así?.— Seguía Lili co marcado acento francés que poñía nas ocasións máis gorentosas.— ¡Tom!.— El non lle contestou á primeira. ¡Tom!.

     —Non sei.— Respostou á fin.— ¡Atentos!.— Berrou Tom virando a cabeza para atrás.


     Lili soubo ó momento que aquela reacción fora concebida só para despistala. Sen embargo, Cochise cun movemento lixeiro adiantárase sixiloso espreitando os cantís con pasos de veludo e artimañas aprendidas dos cowboys. Os músculos tesos, o aceno da cara vixiante, contraído e os ollos nunha única dirección, pero en todas. Estaban nos lindes do Concello de Camariñas. Iso para aquela panda amante das películas do Far West era como entrar en territorio Apache. Dende aquel momento debían estar alerta buscando sinais dun enimigo, que soamente lle poboaba a fantasía.

     Os pinos atlánticos chegaban ós pés da montaña das camariñas e descansaban cabo dunha pequena praia chea de argazo. Dous homes recollíano para os seiróns de sendos burros, que non se podían comparar en nada co Ioni Iuma nin na sá terquedade nin na agrisallada fermosura de burro. Niso estiveron todos dacordo despois de deixalos atrás. Os Cacauetes déronlle os bos días ós mariñáns aparentando serenidade, pero estaban asustados. Era a primeira vez que saían de Solomba sen pais. Tom pensou novamente que o que estaban a acometer era unha aventura das serias e ademais, coa carga dunha muller. Non quería pensar qué lle dirían o do Mercedes-Benz con matrícula estranxeira se lle ocorría algo; Ben, a culpa fora del por darse tantos aires de modernidade. Nin que estar en Suiza che dera pasaporte para todo. De seguro que era un deses hippys ós que Birtas quería imitar. Tom parou en seco ó avistar un sinal de Cochise, quen se adiantara pola delongada ribeira que abranguía Camelle. Os Cacauetes abaixaran as costas ó unísono como tiñan costume de facer polas dunas de Solomba. Foi un movemento espontáneo e imantado pola actitude de Cochise.

     Lili ollábaos cun natural abraio, a pesar de telos vistos en moitas ocasións do mesmo xeito. Con todo, xa estaba ben. Aquilo non era para tanto e ademais, xa non eran nenos. A Nico e a Chulo comezaba a notárselle o empeño por afeitar un mostacho, que apenas escurecía o seu beizo superior. Cali era demasiado escuchimizado e tería que esperar algo máis. Brincas e Birtas non facían caso aínda das escuridades da faciana. Pola contra, Tomás e Cochise eran conscientes dos novos detalles do seu físico, pero desexaban delonga-lo paso do tempo nunha contida e eterna infancia. Lili camiñou erguida buscando un carreiro aberto entre as hortas, que case se deitaban na ribeira, adiantándoos con autoridade. Despois duns segundos de recapacitación os Cacauetes volveron a erguerse con disimulo e seguírona sen receos.    

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega