Camelle Man

Páxina Anterior

Capítulo XIX

Páxina Seguinte

v2rosavidalcurvaturachemineas.html

 

     Camelle presentábase a rentes do acantilado cunha ausencia meditada. Non se vía nin unha alma e os círculos nas pedras dos montes daban a impresión de estar sinalando un entorno sagrado, como se foran feitos coa intención de exorta-los malos espíritos ó xeito dun cemiterio indio. Brincas e Cali tiveron medo e preguntaron ó unísono qué hora era, para afasta-lo silenzo que os envolvía. Ninguén lles respostara como se quedaran mudos baixo o aturdimento dun baldeiro que lle enchía os sentidos. Atentos ó máis mínimo detalle atravesaron a pequena praia sorteando as cordas de dúas chalanas varadas na mesma. Co achegamento da vila veu o alivio. Había vida nas portas das casas e un par de coches de turistas preto do museo de Man. Rubíron deica a estrada e como se estivesen imantados polos rótulos das cafeterías, endereitaron ata o Café-Bar Rotterdam. Parlamentaron uns segundos na entrada, ó cabo dos cales Cochise e Tom decidiron entrar para preguntar se podían deixar alí as bolsas ata que saíran do museo. A dona do bar, con aquela amabilidade que caracterizaba ós emigrantes retornados, non tivo inconvinte de ningunha clase. Ó intre entraron todos e deixaron os bolsos na cociña, que se separaba do mostrador por unha cortina de abelorios de plástico. Antes de marchar Nico e Chulo falaban polo baixo con Cochise e con Tom sobor de ter que facerlle algún gasto alí. Un par de Revoltosas ou de Trinaranjus sería o mínimo. Houbo acordo tallante mentres se dirixían ó muelle.

     O museo ó aire libre e disposto deica o Norde semellaba non ter entrada nin saída. Lili tivo que orientalos por entre argazo seco e pedras das praias en perfecto equilibro. Tivo que alertalos por entre diminutos hortos regados pola salitre dos que abreitaban astrais monumentos, para que non os desfixeran cos seus pasos. Sen embargo, antes de chegar a un cabano coa entrada dirixida ó Este, un home en taparrabos de corpo enxuto, moreno e longo presentouse diante deles. Brincas coidou que se aparecera como por ensalmo e chimpou no aire co susto ó encara-la vista con aquel farrapo, que xa estaba a parecer de coiro pola intromisión do tempo. Cochise adiantouse e colocouse diante do Brincas, quen permanecía cunha man pranchando o peito. O home de Camelle alongou as mans nas que levaba oito blocs de notas pequenos e uns bolígrafos. Un por un foi entregándollos ós Cacauetes. Mentres todos ollaban para o que lles entregaba sen saber qué quería aquel home, Lili estudaba a faciana de Man oculta detrás dunha barba rala e desmañada. El douse conta da observación minuciosa da rapaza e cun sorpresivo aceno cravoulle con dureza unha fonda ollada gris na dela; demasiado dura para ser un simple hippy, pensou Lili despois de dicirlle ós demáis que tiñan que debuxar o que lle suxeríra aquela obra. Demasiada tirantez na sorpresa daquela faciana alongada, tostada e enrugada pola intemperie, que volvía a entrar no cabano desinteresándose e que sen embargo, os estaba a vixiar polo único ventano da súa morada.

     Por suposto que Lili non dixo nada daquela intuición, pero ó tempo que debuxaba no bloc barallaba sobre o sentido daquela mirada, mesturándoa coas apreciacións de Chulo e de Nico, ós que ela convencera do seu erro; Talvez a trabucada fora ela. Quizá fose un nazi foxido coma tantos outros ou pola contra aqueles fantasiosos riladores de cacauetes estaban a contaxiala. Xa non sabía qué pensar e Man volvía a saír. Ía xunto dunha parella de mozos, que ficaban na entrada interrompida por eles. Os Cacauetes déronse conta e adiantáronse polo aínda reducido museo. Chulo e Nico amosábanlle os debuxos, que lle insinuara a obra do alemán a Tom e a Cochise. Tom non quería debuxar nada, non lle daba a gaña e Brincas, máis humilde, dicía que non sabía qué debía debuxar. O mesmo lle pasaba a Cali e ó Birtas, quen se esquecera de vixiar a Tom. Nico e Chulo dicíanlle que fixeran coma eles poñéndolle os blocs diante dos ollos. Os debuxos deses dous Cacauetes eran un calco das pedras que tiñan diante, anque con trazos temblorosos. Os debulladores de cacauetes non sabían qué era insinuar e nadie lle aprendera qué era suxerir. Ninguén procurara estimularlle esa parte do saber nos anos que levaban en Solomba. Precisaban unha explicación moito máis delongada e con exemplos. Cochise amosou unha folla chea de círculos medianos, pequenos e máis pequenos. A de Lili consistía nunha espiral, que saía mesmo do centro da folla e se espandía para fóra ata ocupala toda.


     —E ¿iso onde o víchedes?.— Preguntaba Brincas ollando as follas de Cochise e as de Lili, ó tempo que buscaba coa ollada no museo algo indentificable ós debuxos.

     —Non o vemos, imaxinámolo.— Dicía Lili.— Isto que ves aquí é o que nos suxire o museo.- Seguía cun ton didáctico petando co bolígrafo na libreta, mentres Brincas poñía cara de póquer.

     —¿Iso é suxerir?.— Preguntaba Birtas dirixíndo o seu bolígrafo ó debuxo de Lili.— ¡Pois a mín non me sairía iso que fixeches ti na vida!.— Falaba a modo de resposta despois de que Lili afirmara coa cabeza.

     —¡E ti non te chulees tanto!.— Dicíalle Nico a Chulo.—¡Que fixeches o mesmo ca min!.— Despois de que Chulo se rira do Birtas.

     —¡Pois para facer o que fixo Cochise e mellor non facer nada!.— Falaba Tom con Brincas e con Cali.


     Nese momento Man volvía onda eles e comezaba a recolle-los blocs. O home de Camelle interesouse polo de Lili, pero sen mirala ós ollos como se os temese. Circunstancia que ela non apreciaría así nese instante, anque co tempo coidaría que no momento no que el examinaba o seu debuxo, ela intuíra ou tivera a sensación de que Man semellaba buscar algo perigoso para el e respirara con certo alivio ó apreciar que non había nada diso naquel debuxo. O alemán recolleu animado o bloc de Nico, o de Chulo e o de Cochise, pero insistíu en que Brincas, Birtas, Cali e Tom debuxaran calquera cousa. Era moi importante para el, según as súas propias palabras nun castelán abrupto como os cantís que convertera no pear do seu arte. Os Cacauetes recriminados volvían a colle-las libretas. Tom debuxou a correr unha espiral e Brincas unhas burbullas similares ás de Cochise, que tamén reproducirían Virutas e Cali. O home de Camelle colleunas de novo e sen dicir nada doulle as costas e volveu a entrar no cabano.


     —¿Que quererá facer con elas?.— Preguntaba Cali con preocupación mentres observaba as costas rexas e núas daquel home.

     —¡Iso me pregunto eu tamén!.— Falaba Brincas.

     —¡Comelas!.— Contestou Birtas con moita seriedade.— O pobre non ten onde metelo dente e?—

     —Estudalas, ¡supoño!.— Contestaba Cochise cortando as chanzas do Birtas, mentres comezaban a percorre-la ribeira.

     —¡De seguro que está a buscar unha mensaxe cifrada.!.— A Chulo aquela visita estaba a estimularlle aínda máis a fantasía do espía foxido.

     —¡Hala!. ¡Aí está o noso Ironside, ho!.— Berraba Tom dándolle á cabeza de xeito negativo.

     —¿Por que cres que copiei o mesmo que estaba a ver?.— Dicía Chulo poñendo a cara diante da de Tom.— ¡Para non darlle pistas, home!. Non quero ser cómplice de nada.-


     —¡Ti es moi chulito!.— Falaba Tom dándolle para adiante co corpo.

     —Pois sigo pensando que pode se-lo Chacal.— Entremetíase Nico con aceno pensativo.— O outro día díxeno case sen pensar, pero agora que o vin? Din que o Chacal disfrázase de tal maneira que nin súa nai é quen de recoñecelo. ¡Ben, si ten nai que non o sei!.— Nico falaba sin ser interrompido por ninguén e iso estrañoulle ata o punto de case non estar dacordo co que el mesmo pensaba.

     —Daquela estamos en perigo.— Dixo Chulo.— ¡O mellor é facer que non nos dimos conta de nada e que marchemos!. Din que o Chacal é moi cruel.—

     —Estade tranquilos.— Contestou Lili á fin despois de escoita-las últimas apreciacións de Nico.— O Chacal está encadeado en Francia.— Mellor é que vaiamos buscalas bolsas. ¡Xa teño fame!.

     —¿Como sabes ti iso?.— Proseguía Chulo con azos de misterio.

     —Seino, porque o lín nos xornais.— Continuaba Lili.

     —¡Eu tamén teño fame!.— Respostou Chulo nada máis constata-la certeza de Lili.   

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega