Camelle Man

Páxina Anterior

Capítulo XX

Páxina Seguinte

v2rosavidalcurvaturachemineas.html

 

     A escura ensoñación de Tomás o día anterior no cume do monte de Solomba, que fora rachada pola melodía do móbil, estáballe a procurar un intre de melancolía. Case parecía decidido a renunciar á viaxe a Suiza cando o son metálico da orquestra Tamara afastara do sentido o zunido do vendaval e os misterios do seu padecer. Non contestara á chamada de Luísa e agora, sentado dentro do avión, sentía pesar. O desacougo de saberse aló, enriba das nubes, non deixaba tempo para que lle entrara aunha melancolía parella á da noite anterior. O primeiro que fixera ó sentarse foi baixa-la contra de plástico da ventá para non ve-las nubes dende aquela prespectiva. El, que tanto as ollara dende o despacho semellaba que con saudade, neste momento non quería nin imaxinalas. A súa característica tristeza de alma en pena medraba cos desexos por fumar e debecía por escoita-lo pitido do móbil. Aquilo era un tremendo reto para el, pero Liliana estaba ó cabo da viaxe e iso fortalecíalle o espírito, que levaba a medio camiño entre o chan, a nada e un cubalibre, que acababa de pedirlle á camareira ben cargado de xenebra para anestesiarlle os sentidos.

     Tomás era a primeira vez que voaba sen te-los pés na terra e a única que se alonxaba tanto da vila natal. Estivera facendo o Servizo Militar na Marina de Ferrol. Lugar polo que pasaban tódolos fillos dos pescos de Solomba e do que el quixera desertar. Sen embargo, faltáralle a impetixe de Nico, quen se convertera nun heroe popular e no verdadeiro líder dos míticos riladores de cacauetes, anque tardaría moito tempo en volver por Solomba. El acadara o rango de Cadete, pero nin sequera o uniforme co que chegaba vestido á vila lle devolvería o liderado perdido cando o desenvolto Cochise lle confundíra os folgos. Tería que agardar ata o ingreso na Escola Naval da Coruña para que o Brincas, Birtas e Calisai se volveran a fixar nel como un sucedáneo do emigrado Cochise. Nico anos despois daquel incidente e superadas as dificultades consecuentes acharía un posto de funcionario na Casa do Mar da Coruña. Tempo no que a vida de Calixto se derrubaba e con el o seu gusto polas bebidas alcólicas doces, que lle deran o sobrenome de Calisai no setenta e cinco á base das chanzas do dono do bar Sardiñeira.

     Tomás sentírase á deriva e máis so que nunca por un ceo sen alteracións aparentes durante a hora e media de voo interior. Entre grolo e grolo de cubalibre adicárase a rezar ata a fartura cantas oracións aprendera de pequeno. Incluso aquela do Anxo da Garda lle valera para espanta-los malos presaxios e cuio último verso case lle saíra da gorxa cun bruído insomne ó comeza-la baixada sobre a pista de aterraxe do aeroporto de Barcelona. Facía moito tempo que non a pronunciaba, pero estaba canso de repetir ?danos señor boa morte?, que eran as estrofas máis patéticas do seu ideario católico e que mesmo a el nese momento lle semellaban dun sado-masoquismo supino. Ó baixar do avión os arroutos provocados polo medo a voar daríanlle a mañá. O ardor de estómago reproducíaselle no semblante cunha escuridade que lle desencaixaba as faccións e lle facía brila-los ollos como se foran os dun ollomol melado. Tomás pasaría o tempo que restaba para embarcar paseando dun lado ó outro das grandes salas do aeroporto, pero sen deixar de vixiar os paneis informativos. Despois dun anaco de bruídos estomacais decidiu ir á cafetería e pedir un sanwich sen perder de vista a porta de embarque, que o conduciría a Suiza. Si de Santiago a Barcelona fora así non quería pensar cómo chegaría a Xenebra. Desfeito, sen dúbida algunha. Sen embargo, Liliana ben merecía aquel sacrificio.

     Pola contra, os votos dos emigrantes B estaban gañados. Cochise fixera ben o seu cometido facía catro anos e agora non tiña motivos para volverse atrás. El non lle dera argumentos. Seguiría sen darllos, a pesar das intencións que lle bulían no peito. Si saía todo como el tiña amañado non se enteraría ata despois de terlle entregado os votos na man ou por correo. Aqueles case trinta anos déranlle para moito en canto ás artimañas amatorias e o poder do cargo que estaba a desempeñar arredáralle os escrúpulos. Fixera moitos ensaios co sexo feminino despois do triunfo electoral. Todas caían ben nas súas mans ou ben nas redes do namoramento, que el largaba como mera proba de laboratorio. Ningunha se lle resistía dende que saíra Alcalde, ata o punto de obte-la seguridade necesaria para sacarlle a muller o seu máis grande enimigo, aquel rapaz que lle frustrara os xogos da infancia nos veráns de Solomba.

     A Tomás o interés polas películas do Oeste non lle minguara co tempo e coa madurez. Seguía a ser un incondicional do vello Far West, pero agora os seus predilectos serían os violentos spaguetti-western de Sergio Leone con banda sonora de Morriconi e protagonizadas polo implacable Clint Eastwodd. La muerte tenía un precio, sería a súa preferida cando soñaba desperto. E do mesmo xeito que de pequeno escenificaba os movementos dos cowboys polas dunas de Solomba, na madurez trataría de copia-las pausas no diálogo de Eastwodd, para enchelas de silenzos asasinos. Por iso se amosaba case sempre por riba das palabras, cun rostro que miraba sempre directamente ó sol ou ás nubes a través da ventá do despacho e que sempre encaraba directamente ós ollos dos contrincantes. Isto daríalle unha imaxe que bandeaba entre o suspense e o absurdo. Con todo, cando Clint Eastwodd pasou a ser Harry el sucio, Tomás convertiríase para sempre no Callahan de moralidade independente e romántica. Saír Alcalde relaxáralle algo os ánimos e subíralle a estima, pero non lle amainara os desexos de vinganza ou talvez os de desquite. Liliana sería del a traizón e con sangre fría. Cochise merecíao por aquela soberbia, que Lili chamara no seu día amor propio e intelixencia natural.    

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega