A manda dos Cacauetes entraba
no bar Rotterdam na procura das bolsas de comida. Atrás quedaba o
museo de Man e as pesquisas sobre a súa identidade verdadeira. Tiñan
demasiada fame para pensar nos hippy de Lili, nos chacais de Nico ou nos
espías foxidos de Chulo. Un por un colleron as pertenzas. Tom o cesto
tan pouco práctico para semellante camiñada. Cali a bolsa do pan con
debuxos en vermello, que representaba a unha ama de casa con mandil.
Nico colleu a de mallas plegable, que súa nai trouxera de Londres e
pasoulle a Chulo a de plástico convencional. Brincas tamén se puxera á
fila sen darse conta de que el non tiña bolsa. Só cando a dona do bar
lle entregou o macuto de Cochise tivo conciencia do erro, pero nin curto
nin perezoso adicouse a reparti-las que quedaban entre os seus
respectivos donos. Tom, Chulo e Nico compraban gaseosas, despois de
rexeitados os refrescos de chapa porque non tiñan abridor.
Ó sair xurdíron as dúbidas polo lugar axeitado para
comer e a consabida trifulca polo parecer manifestado duns e doutros.
Sería Lili a encargada de poñer paz e de endereita-los ánimos deica a
escasa pradeira, que abeiraba a achaiada praia de Camelle. Alí abrirían
os bocadillos envoltos en papel de estraza. Os máis deles de tortilla
con patacas e os outros de longas rebanadas de chourizo. Brincas
entusiasmárase por un de crema de chocolate con améndoas moídas, que
Lili lle ofrecera moi gustosa despois de sacalo dun papel prateado coma
o chumbo derretido. Mentres todos comían animados pola fartura Lili
sentíase observada. Entre bocado e bocado pensaba na misteriosa ollada
de Man e nas consecuencias que podía traerlle a súa inxenua observación
si realmente era un foxido; Si fose alguén que desexara acochar un
pasado delictivo non lle gustaría nada que unha persona lle ollase no
interior. Podía buscala, atopala e facela desaparecer semellando un
fortuito accidente como nas películas. Pola contra, podía ser un celoso
da súa vida privada nada máis. En calquera caso, ela era inofensiva. Non
tiña intencións de investigar na vida de ninguén. Tan só o mirara por
puro interés humano. Do mesmo xeito que podes facer nun zoolóxico por
sinxela curiosidade, anque non por mera simpleza. Que ninguén lle pedíra
a Lili ser simple. Podía aconsellárselle máis sinxeleza iso si, pero
xamais mediocridade. Talvez, por iso asustara ó alemán de Camelle.
Quizás non estivera acostumado a aquela conducta de Lili. A xente
chegaba, ollaba o museo e sorría compracente cando el se lle aparecía
coas libretas. Non había preguntas de ningunha clase. Os visitantes
estaban abraiados coa súa presenza e soamente querían contar que o víran.
Sen embargo, para Lili aquela visita supoñería o inicio dunha inquedanza.
Ela, que semellaba tan enterada do mundo, comezaría a perderse na
fantasía dos Cacauetes, os cales remataran xa tódala comida.
Os berros do Birtas sacaran a Man do pensamento de Lili.
Tom esfociñábao contra a area despois de acabado o bocadillo. Collérao
no relanzo do xantar por detrás e sen ser visto. Ningún dos Cacauetes
fixera nada para defendelo. Ríran burlándose das contas que lle estaba a
axustar. Nin sequera Cochise se movera do seu reposo e permanecera
deitado na pradeira coa cabeza enriba do macuto de mahón. Cali tirado de
medio lado roncaba sen enterarse de nada despois de bebe-lo biño
rebaixado en gaseosa, que lle servira de lastre no camiño. Nico e Chulo
facían bailar unha das chalanas, que estaban varadas na praia, o chimpar
enriba delas ollando de vez en cando deica as casas. Brincas atendía a
escea con seriedade, pero sen dicir nada ó carón de Lili. Ela tampouco
se metera, pois sabía que fixera o que fixera sería inútil. O honor
radicaba na vinganza e Tom fora criado no dente por dente e ollo por
ollo bíblico. Cando se cansou sentou outra vez de lado do cesto que
estaba a rentes do Brincas. Éste aproveitou para preguntar qué hora era,
mentres miraba cómo se erguía ó Birtas cuspindo area do mesmo xeito que
de pequeno cuspía as birtas que soía roer e se dirixía á orela para
lavarse no mar. Lili contestara que eran as tres horas ó tempo que o
Nico e Chulo estaban a ser increpados polos homes de Camelle. Debían
deixar a chalana tranquila. O talante da panda dos riladores de
cacauetes comezaba a enrarecerse despois do desquite de Tom, da
discusión dos outros dous e da seriedade do Brincas e de Lili, quen non
acababa de deixar de pensar no que estaría argallando o home de Camelle
sobre ela. Por primeira vez sentiu un serio receo por estar alonxada dos
pais. Nese intre, Cochise ergueuse, axeitou os plegues do macuto e
atravesouno no lombo. A Brincas faltoulle tempo para poñerse tamén de pé,
mentres Cochise lle daba unha patada na planta das sandalias plásticas a
Cali e Lili recollía os papeis de chumbo para dentro da mochila.
Os Cacauetes volvían para Solomba coa sensación
de ter acadado o obxectivo que os levara a Camelle. Sin embargo, ían
envoltos nun ambiente de derrota. Cochise desandaba os pasos seguido moi
de preto por Cali aínda medio durmido e Birtas coa faciana avermellada
contándolle con rabia o sucedido. Seguíaos Brincas e Lili aínda
pensativa. Tom demorábase a propósito para que Nico e Chulo o agardasen.
Sabía que eles dous estaban dacordo coa revancha dada ó Birtas e que cos
seus comentarios obtería a satisfacción necesaria. Pola contra, Brincas
coidaba que Tom se ensañara con Birtas por algunha estraña razón, que
non tiña nada que ver coa indirecta sobre o Ioni Iuma e a súa
personalidade. Coidaba o castigo demasiado duro e comentáballe a Lili,
que a cousa non fora para tanto. Brincas sentía máis que ningún deles,
que a unidade dos lideratos infantís estaba rachando como se fora un
trapo con demasiados clareos ó sol. Con aquela excursión comezaba para
os Cacauetes unha nova etapa, que eles non eran quen máis que de
intuir. Excursión que voaría pola imaxinación de Lili coa preocupación
de ser espiada ou perseguida polo receo daquel hippy, que xa non lle
parecía así. A partir daquela visita os soños daríanlle unha tempada de
chimpos no baldeiro e caídas por quilométricas praias en vertical cheas
de borraxeira. Aquela angustia lonxe de acovardala xeraría a tradición
de visitar, ano tras ano, a quen ela chamaría dende entón Camelle Man.
|