Camelle Man

Páxina Anterior

Capítulo XXII

Páxina Seguinte

v2rosavidalcurvaturachemineas.html

 

     Calisai estaba preocupado. Pasara toda a mañá agardando novas de Tomás. Ía e viña dun lado ó outro sen rumbo fixo. De vez en cando paraba na sede da Cruz Vermellaba para falar co Birtas. Sen embargo, este non lle aclaraba nada. Ó contrario, ríase del con descarada confianza e poñíalle os pelos de punta coas apreciacións que facía sobre Tomás; Que si era capaz de non subir ó avión en Santiago. Que argallaría unha mentira para telos contentos. Que si chegaba a Barcelona perderíase ou non atoparía a porta de embarque. Que si Cochise non ía a recollelo Tomás quedaría no aeroporto ata que chegara o día de volver para Solomba. Aquilo era un inferno e o Birtas o demo que alcendía máis as lapas do lume. Calisai sabía que o quería amolar con aquela faladuría e o primeiro case o acada, pero Birtas quentábase de tal maneira coas burlas, que ata Calisai se daba conta e acababa deixando que seguíra con aquelas endormenadas. O infeliz tiña unha cabeza que non lle daba para máis.
     Con todo, Calisai faría un camiño dende a solitaria lonxa á Casa Consistorial de Solomba cunha présa elástica, que aumentaba o instinto gafe do Birtas e cunha desesperación semellante a dun can sen amo. Luísa non chegaba ó Concello ata a unha da tarde e os demáis Concelleiros non se atrevían a chamalo ó móbil. Pola contra, Brincas estaba no mar coma decote. Non lle quedaba outra que volver ó camiño para saber se o Callahan chegara o seu destino ou dera a volta. Calisai volvérase desconfiado, irascible e patético despois do divorcio. Por iso non lle abondaba con chamarlle por teléfono. Tiña que estar alí, tiña que coñece-la nova no sitio axeitado e non lle daba a inestabilidade psicolóxica como para pensar antes de actuar. Moitas veces gastaba enerxías sen vir ó caso. Si, pero el estaba onde debía estar e semellaba que sen el as cousas non marcharían ben.

     A Tomás queríalle ben, pero coñecíao demasiado. Sabía que mantiña con absoluta certeza un espírito encadeado ó pasado. Que era como os protagonistas daquelas películas da infancia, que ollaban no bar do tío de Chulo. Eran homes sen familia que aparecían cos ombros cargados dunha historia, que anque ninguén coñecía todos daban por sentado que debía ser digna do máis prezado silenzo. Tomás, sen preve-los acontecementos, toparíase un día so no mundo a causa da pronta desaparición do pai, viúvo dende que el era pequeno. Ó ano da morte de súa nai, mentres aprendía a carga-lo Ioni Iuma de argazo, chegaría Lili arrostrando o verán de Solomba no seu Mercedes con ferradura na defensa. A partir de entón, camiñaría polos canellóns da vila co xeito dun cowboy solitario, que só sentía ledicia ó lembrar que Lili volvería un día e quedaría para sempre. Sen embargo, non contaba coa intromisión de Cochise e dende o setenta e cinco as ilusións foran soterradas a presadas de amargura. Frustración que o pechara naquela disidencia moribunda dos que xa viven soamente nos soños.

     Calisai e todos aqueles que lle tíñan aprezo facían o imposible por tiralo deica a realidade. Chuzaban nel a base de insultos ou de imprecacións que fixeran chimparlle os resortes da dignidade e algunhas veces acadábano. Niso tiña razón o Birtas. Había que usar con el a mesma técnica que cos burros para que arreasen. A fin e ó cabo e armados de moita pacencia eles camiñaban para diante, anque o peso fora excesivo incluso para a natureza dun burro. Estaba claro que esa táctica con Tomás funcionaba e ademais, Lili estaba en Suiza e Calisai sabía que Lili seguía a ser Lili a pesar de Cochise. Por iso, con decisión e co seu natural nerviosismo, volveu subir ata o Concello seguro de que Luísa tería algo que dicir.

—¿Que, hai algunha novedade?.— Preguntaba Calisai subíndo os banzos de dous en dous, mentres Luísa pechaba a porta do despacho da alcaldía.

—¡Pois non!.— Contestaba Luísa camiño do seu.—

—¡Que me dis!.— Dicía Calisai a modo de reproche.

—¡O que oes!.— Luísa sentaba detrás da mesa e alcendía o ordenador.— Non fun capaz de contactar con el en toda a mañá.—

—¡Esqueceríase encende-lo móbil ó baixar do avión!.—

—Pode ser. ¡Xa sabes como é!.—

—¿Levou o enchufe para carga-la batería?. ¡De seguro que non!. ¡Cando volva, se volve, vaime oir!.— Calisai entraba e saía do despacho con aire de enfado.

—¡Xesús!, pero ¿ti sabes o que dis?.—

—¿Que dixen?. Non me lembro.— Repetía Calisai ollando o chan.

—¿Por que non vai volver?.— Luísa ría.— Unha cousa é que lle teña medo ó avión e outra que non volva. Non sei se será por terra, mar ou aire, pero virá.—

—Tomás acaba de aterrar en Suiza.— Dicía Xurxo, mentres pasaba para o seu despacho, contiguo ó de Luísa.

—¿Como o sabes?.— Preguntaba Calisai índo detrás del. Luísa tamén se apurara a seguilo.—

—Porque lle mandei uha mensaxe fai uns minutos.— Xurxo comezou a rir sen vir ó caso. Feito que puxo moi inquedo a Calisai.

—¡Se nos dis de que te ris, podemos rir todos!.— Falou Luísa moi seria.

—Pensou que dende Suiza non podía falar con nós polo móbil.— Xurxo paraba de falar para botar unha gargallada.— ¡E como tampouco sabía onde estaba a mesa de Información, púxose a chamar por un fixo!.— Outra parada para rírse.— ¿Imaxínalo?. ¡Cando me contestou estaba estresado de verdade!.

—¿E por que non me contestou ás chamadas?.— Preguntou Luísa.

—¡Que iba contestar se o tiña apagado!.—

—¡Ves!. Non me equivocaba eu.— Dixo Calisai con seguridade.

—Cando se viu apurado foi cando se decidiu a encendelo por si de casualidade funcionaba.— Explicaba Xurxo.— ¡A miña mensaxe chegaba nese momento!.—

—Ben, ¿e que máis sabes?.— Insistía Luísa.
—¡Que te chama de noite!.- Contestou Xurxo mirando a Luísa.   

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega